SEVILLA, DO 29 DE OUTUBRO AO 2 DE NOVEMBRO
Womex 2008
Galicia participará por segundo ano consecutivo en Womex, pero desta vez faino dunha maneira especial. GalicianTunes viaxa a Sevilla baixo o distintivo de 'Special Focus', o que converte Galicia no único país que colocará tres dos seus artistas sobre os escenarios do evento: Narf, Budiño e Mutenrohi. Do 29 de outubro ao 2 de novembro, a nosa música de raíz é protagonista mundial.
A feira de World Music máis importante do mundo ten a Galicia como marca cultural distinguida. Por iso a expedición galega en Womex ten de corresponder a estas credenciais. A Consellería de Cultura e Deporte, a través da Dirección Xeral de Creación e Difusión Cultural e mais da Axencia Galega das Industrias Culturais, comparece na feira cun stand que acolle un total de 15 empresas e dúas asociacións do sector musical galego.
Nordesía, Abada, La Fábrica de Chocolate, Ouvirmos, Zouma, Berrogüetto, Edicións do Cumio, Muxicas, Falcatruada, Sul Producciones, Cávea Producciones, Pai Música, Mare, Nalgures, Lonxa Cultural, Batea e Articket. Velaquí a longa lista de empresas galegas da música que estarán en Womex. Tamén acoden á feira a Asociación Galega de Empresas Musicais (AGEM) e mais a Asociación Galega de Fonografistas (AGAPHONO).
O stand de GalicianTunes será, xa que logo, o centro de operacións dunha abondosa representación galega. Situado nun lugar preferente do Pavillón 2 de Womex, o stand presentarase cunha recepción oficial ás 12 do serán do venres 31 de outubro.
O día seguinte, o sábado 1 de novembro, é o día da 'Galician Focus Night', durante a que Mutenrohi, Xosé Manuel Budiño e Narf ofrecerán as súas actuacións en directo nos escenarios máis destacados da feira. De entre todos os países participantes, só Galicia conta con tres representantes en directo. Mutenrohi e Budiño actuarán na carpa do Pavillón 2 (Praza de España) ás 21.30 e ás 23 horas, respectivamente; Narf, pola súa banda, tocará ás 00.45 no Teatro Lope de Vega.
Os propios artistas ofrecerán unha rolda de prensa esa mesma mañá, a do 1 de novembro, na que tamén intervirá a Conselleira de Cultura e Deporte, Ánxela Bugallo. O acto terá lugar ás 12 horas na sala VIP do FIBES.
Logo de Womex 2008
Últimas noticias relacionadas
» Narf, Mutenrohi e Budiño en Womex
» Galicia regresa a Womex