DO 4 AO 7 DE DECEMBRO NO PALEXCO DA CORUÑA
A música galega achega diferentes propostas á programación do Cultur.gal
[05/12/08] A través das súas asociacións, AGAPHONO e AGEM, e en colaboración coa AGADIC, a Consellaría de Cultura e a Dirección Xeral de Xuventude a música galega e a súa industria estarán presentes na programación do Cultur.gal coas II Xornadas da Industria Musical Galega e o espectáculo Music.gal, así como cunha serie de concertos exclusivos para os programadores.
A música galega vai estar presente nesta nova edición da Feira Galega das Industrias Culturais a través de formatos e propostas moi diversas.
Nas II Xornadas da Industria Musical Galega programadores/as, xestores/as, produtores/as, discográficas, empresas e entidades relacionadas coa música e persoas interesadas van ter a posibilidade de coñecer a música feita en Galicia ao tempo que analizarán, entre outras cuestións, os dereitos de autor na era internet, a vertebración do sector musical ou os proxectos de colaboración entre asociacións de empresas musicais. No marco destas xornadas a Asociación Galega de Empresas Musicais presentará tamén os primeiros resultados dun proxecto para a implantación de procesos de calidade nas empresas asociadas.
A programación do Cultur.gal inclúe tamén unha serie de "showcases", concertos breves en exclusiva para que os/as profesionais da programación musical teñan a posibilidade de coñecer de primeira man a creación máis actual da música galega. Escoitar, Faino Ti, Pai da Cana, Lizgairo e Vaamonde, Lamas & Romero, Vi-Gop Quartet, Telémaco, Duplo Son, Aphonnic, Capitán Furilo e Maryland serán algúns dos grupos que participarán nestes espectáculos.
Espectáculo interdisciplicar
Na xornada do sábado día 6 o Music.gal, un espectáculo centrado na música pero pensado desde un punto de vista interdisciplicar, servirá como escaparate da creación máis vangardista e innovadora en diferentes ámbitos e estilos; as últimas tendencias creativas que xurden en Galicia; a calidade da música, das artes escénicas, da danza, da poesía...
Conducido or Chévere e presentado por Belén Regueira o Music.gal contará coas actuacións de Dios ke te Crew, Marful, O Sonoro Maxín, Projecto Mourente, The Homens, Proxecto Zocas, a poesía de Yolanda Castaño e Estíbaliz Espinosa e a creación gráfica de Pancho Lapeña (Pánchez) e Federico Martínez.
Con motivo do Cultur.gal 08 editouse tamén un CD recompilatorio dos grupos emerxentes do panorama musical galego que, baixo o título "A música que facemos", recolle unha mostra representativa das últimas tendencias e estilos na música do país.