Obxectivos
GalicianTunes é a marca da promoción internacional da música galega. Creada como plataforma conxunta das institucións, empresas e asociacións do sector musical en Galicia, con
GalicianTunes a música galega viaxa e está presente nas principais feiras e mercados musicais (MIDEM, POPKOMM, WOMEX...), en festivais musicais internacionais e nas xiras e concertos dos nosos artistas fóra de Galicia.
A marca
GalicianTunes foi promovida pola Consellería de Cultura da Xunta de Galicia, con plenas competencias no ámbito cultural. O Goberno Galego é consciente da realidade complexa que vive o sector musical polas fortes mudanzas que padeceron, nos últimos anos, as súas formas de creación, produción e relación co público. Por iso impulsou toda unha serie de medidas de apoio ao sector musical galego con tres obxectivos fundamentais: lograr unha maior visibilización das nosas músicas, favorecer a súa proxección internacional e contribuír á vertebración e fortalecemento da nosa industria musical.
Para logralo, a política musical da Consellería de Cultura e Turismo articúlase sobre catro orientacións estratéxicas xerais:
- Consideración da música como un sector fundamental da cultura galega, nunha dobre dimensión: económica, como sector cultural que xera riqueza e recursos económicos; e social e cultural, como factor cultural que nos axuda a conformar a nosa identidade como pobo.
- Ordenación das políticas públicas de fomento da música, para favorecer o dinamismo do sector nos seus diversos elementos: artistas e creadores, tecido asociativo, tecido empresarial, públicos e cidadanía.
- Atención ás necesidades de visibilización social e de distribución da música galega ao vivo (concertos) e da música gravada (edición fonográfica e novos formatos).
- Potenciación da presenza internacional da música galega cunha marca de calidade e identidade propia, facendo da música un elemento especialmente importante dentro da estratexia de internacionalización da cultura galega.