GalicianTunes

Galicia hoxe

Galicia, situada no noroeste da Península Ibérica, posúe unha superficie de 29.574 quilómetros cadrados e está habitada por 2.794.796 persoas, polo que ten unha densidade de poboación de 94,5 persoas por quilómetro cadrado. As cifras demográficas viven, nos últimos anos, unha evolución estábel (entre 1998 e 2006 cuadriplicouse a poboación estranxeira residente en Galicia) manténdose decrecente nas provincias interiores (Lugo e Ourense) e gañando poboación nas provincias costeiras occidentais (A Coruña e Pontevedra).

A paisaxe galega píntase de infinitas tonalidades de verdes y azules. Precisamente esta última cor supón un dos principais atractivos do país, os seus 1.500 quilómetros de costa dan lugar a máis de 700 calas e praias (a de meirande extensión está en Carnota e mide un total de 8 quilómetros). No litoral galego fórmanse tamén as rías, vales deprimidos labrados pola erosión fluvial durante o cuaternario e que hoxe son grandes espazos de riqueza natural. As rías divídense en altas, ao norte, máis abruptas e cun mar máis axitado, e baixas, máis abertas, tranquilas e temperadas.

Pero Galicia no es tan só un país de praias, tamén o é de ríos. O máis importante e 'pai' de todos os demais é o río Miño, con 350 quilómetros de percorrido e o seu principal afluente, o Sil, é o río de maior caudal do territorio galego. Amais do Miño, outros ríos importantes son o Ulla (con 130 quilómetros de percorrido) ou o Tambre (con 84 quilómetros).

As tonalidades verdes da nosa paisaxe achégaas o bosque galego, que converte Galicia nunha das zonas máis verdes de España e de Europa. Nas últimas décadas fóronse incorporando especies perennes coma o eucalipto e o piñeiro, pero as especies autóctonas son maioritariamente caducifolias. Debido a que Galicia constitúe a terra de transición entre as rexións bioclimáticas eurosiberiá e mediterránea podemos atopar nos nosos bosques carballos, teixos, aciñeiras, salgueiros, sobreiras... que conviven en perfecta harmonía. Esta riqueza e beleza naturais favorecen a existencia dunha morea de espazos de interese como a Serra da Capelada, as Covas do Rei Cintolo, a illa de Cortegada ou as serras de Ancares e O Courel. Ademais, conta con media ducia de parques naturais: o Monte Aloia, as illas Cíes, Corrubedo, a zona Baixa Limia-Serra do Xurés, as Fragas do Eume e a Serra do Invernadoiro.

Canto á economía, que medra a un ritmo do 4,1% anual, o PIB per cápita era, en 2006, de 18.708 euros. O sector primario aínda ten en Galicia moita importancia, se ben, desde hai tempo, o comercio e a construción son as actividades predominantes, xunto ao sector inmobiliario e de servizos a empresas e a hostalería. En todos os casos hai un grande predominio de pequenas empresas dentro do tecido empresarial, o 90,6%, e a forma xurídica máis habitual é a sociedade limitada.

A industria en Galicia céntrase arredor de tres áreas básicas: a enerxía (hidráulica e eólica maioritariamente), o sector do automóbil e a alimentación (especialmente a industria conserveira). É preciso mencionar que Galicia é unha gran potencia pesqueira. Cunha flota de máis de 5.000 barcos (segundo datos de 2006), a pesca emprega de forma directa a case 42.000 persoas e, de forma indirecta, xera preto de 120.000 empregos. Da pesca que chega a España, a metade procede dos portos galegos, que ocuparían o cuarto posto se falamos da pesca que desembarca en Europa.

As principais relacións económicas de Galicia estabelécense, de forma recíproca no tocante ás importacións e exportacións, con Portugal, Francia e Italia.
Galicia sitúase ao noroeste da Península Ibérica

Galicia sitúase ao noroeste da Península Ibérica

Galicia ten 1.500 quilómetros de costa

Galicia ten 1.500 quilómetros de costa

O carballo é unha das especies autóctonas en Galicia

O carballo é unha das especies autóctonas en Galicia


Consellería de Cultura e Deporte
Agadic
Agadic