• GALEGO
  • ESPAÑOL
  • ENGLISH
     

Músicas ao Vivo

Músicas ao Vivo

Local 23. Galerías Gran Vía. Avda. Gran Vía, 176 - 36211 Vigo - Pontevedra


Contacto:
Manuel Alonso
(+34) 886 11 36 75
(+34) 622 894 525

info@musicosaovivo.com

Músicas ao Vivo nace no ano 2008 co obxectivo de agrupar e unificar as inquietudes dos músicos/as de directo, e como plataforma de intercambio de información e opinión. Pretende ser un lugar onde todos os músicos/as teñan cabida e así posuír unha voz común deste colectivo. A filosofía desta asociación baséase en dignificar a música en directo e o traballo dos músicos/as que a levan a cabo.

Músicas ao Vivo está xa asentada como asociación de músicos/as en Galicia e como entidade de referencia na defensa dos dereitos do colectivo.

Como obxectivos principais podemos apuntar:
—Representar ao colectivo de músicos/as
—Dignificar a profesión de músico/a
—Fomentar a conciencia social dos músicos/as galegos
—Defender os intereses dos asociados e do colectivo
—Visualizar e dar a coñecer a música galega

O punto de inflexión da asociación prodúcese en xuño do 2010, cando Músicas ao Vivo presenta o seu Plan de Desenvolvemento co apoio de AIE. Este plan baseábase en tres alicerces fundamentais:
—Impulsar o Plan de Regularización Laboral en Galicia
—Desenvolvemento propio dun portal web, punto de encontro e oficina virtual da asociación
—Dotación dun traballador a media xornada para a atención de servizos e consultas

Tras o éxito destas iniciativas, auméntanse paulatinamente as actividades e servizos da asociación en función da demanda directa de socios/as e músicos/as.

Deste xeito nacen as charlas formativas, as publicacións didácticas, convenios con asesores xurídicos, presenza en feiras, creación de seccións locais, etc.

Cabe destacar que a partir de 2018, por acordo refrendado en asemblea xeral, a asociación modifica o seu nome polo de «Músicas ao Vivo». A proposta de cambio de nome é unha proposta da nova xunta directiva xustificada na necesidade de mostrar unha visión feminista dende a asociación ademais de facer referencia tamén ás propias músicas como tales, que son as que nos unen a todos/as os/as músicos/as.

No 2018 créase tamén, como entidade independente, Músicos ao Vivo S. Coop. Galega, que é unha sociedade cooperativa de traballo asociado sen ánimo de lucro, de ámbito galego, creada para ofrecer un servizo aos músicos galegos.

A cooperativa nace como continuación lóxica do traballo realizado dende xullo de 2010 por Músicos ao Vivo en virtude do convenio asinado coas cooperativas de Musicat para facilitar o proceso de facturación dos músicos galegos. A nova cooperativa créase para dar mellor resposta á operativa propia que requiren os nosos socios (envío máis áxil e rápido de facturas, facturas proforma, sinatura de contratos, simplificación e diminución nos prazos de envío de documentación, trato coas institucións públicas galegas e adecuación ás súas esixencias, pagamentos individualizados aos músicos das formacións, etc.).

As cooperativas de músicos existen dende mediados dos anos 90. Creáronse por iniciativa propia dos músicos coa intención de regularizar a súa situación laboral ante o reiterado incumprimento —ben por ignorancia, ben pola complexidade do sistema ou ben por mala fe contractual— da normativa vixente, por parte de organizadores de espectáculos públicos.

A eficacia destas iniciativas queda patente ante o considerable aumento das altas de músicos na Seguridade Social alí onde as cooperativas prestan os seus servizos, coa conseguinte saída á luz de bases de cotización e ingreso de cotas na Seguridade Social. Tamén é evidente o crecemento das achegas fiscais dos músicos e artistas a través do IRPF e a través do IVE facturado polas cooperativas aos organizadores dos espectáculos.

Obxectivos
—A posta en valor do traballo das persoas dedicadas ao sector musical coa finalidade de promover a profesionalización da actividade de músico.
—Promover a difusión dá cultura musical de Galicia.
—Defender os intereses dos asociados e do colectivo.