• GALEGO
  • ESPAÑOL
  • ENGLISH
     
  noticias  

VIDEOCLIP CLUB. EDICIÓN DE NOVEMBRO

Videoclip Club. Edición de novembro
23 NOVEMBRO 2018

Este mes, os editores engadiron os seguintes vídeos ao Videoclip Club, a cinemateca de GalicianTunes en YouTube.

 

Experiencia ExtrasensorialFei

Con nocturnidade e aleivosía, entre realidade e ficción, Fei presentaba o videoclip oficial do seu último single, Experiencia Extrasensorial (2018). Dirixido e producido por Ivana Pardal e editado xunto con Andrés Hermelo Bermúdez, o clip amosa ao artista vigués acompañado polos seus «drugos» introducíndose nunha aventura nocturna na que os impulsos alteran a realidade, o presente se dilata e a paixón e a luxuria se apoderan dos nosos corpos. Atrapados, os acordes rockeiros entremesturados con melodías power-pop retumban entre as catro paredes, convidándonos a entrar e deixarnos levar polos instintos máis primarios. E, como «andamos sobrados de ganas, fagamos unha homenaxe por todo o xardín», desas que terminan espertando todos e cada un dos nosos sentidos.

 

 

 

AnywayEscuchando Elefantes

Unha das funcións dun (bo) videoclip é ilustrar a dimensión do inefable cunha mensaxe significativo que vaia máis alá da pura sucesión de fotogramas baleiros. O vídeo que acompaña a “Anyway”, tema co que Escuchando Elefantes abre o seu último traballo, Hope (2017), reforza esta característica cunha música que lembra á dos norirlandeses The Cranberries. Clip e canción tratan un conflito no que, segundo o dramaturgo noruego Henrik Ibsen, as minorías raramente están acertadas, pero a maioría sempre está equivocada. Contra isto, o dúo convídanos a loitar unha e outra vez a favor do individualismo que nos fai únicos, sexan cal sexan as consecuencias dos nosos actos. E como eles, «if you give me one more life I’d gladly do what I have done... anyway».

 

 

 

LodoXoel López

Un xersei vermello, catro camisas brancas, catro americanas negras e metros infinitos de fío vermello. Poucos días despois do comezo da xira na que está inmerso, e en exclusiva para El País, Xoel López estreaba o videoclip de “Lodo”, corte pertencente a Sueños y Pan (Altafonte baixo licenza exclusiva de Esmerarte, 2017), onde Xoel canta á procura de respostas e ao momento de descubrilas, momento no que nos mostramos tal como somos. Dirixido por Gigi Romero e realizado por Federico Tonizzo Fazio Producciones Audiovisuales para Esmerarte, o vídeo destaca pola presenza dun fío-guía de cor vermella que simboliza o enfrontamento entre persoas e situacións complicadas, os nós, que se van desfacendo pouco a pouco. Unha obra audiovisual que convida á reflexión sobre a superación de obstáculos, xa que, como di a canción, «do lodo crecen as flores máis altas».

 

 

 

Breaking BonesVörtex

Logo dunha exitosa campaña de crowdfunding en Verkami, Vörtex publicaba o seu segundo longo, Architects of Misfortune (2017), álbum que eles mesmos definiron como o mellor da súa carreira. Dos doce temas que o compoñen, “Breaking Bones” foi o escollido como single presentación; un corte no que, entre os potentes riffs de guitarra e baixo, destaca a letra, versos que alentan a romperche os ósos (metaforicamente!) ata acadar os teus obxectivos. O videoclip non decepciona, rodado a 360º, e pasado por filtros varios, no Pazo da Cultura de Pontevedra por Bermudas Land, dentro do marco do encontro de tecnoloxía e patrimonio, Tek-Fest 2017, é outro «rollo», e «rollo» do bó!

 

 

 

Eclipse TotalAries

Como preludio do seu inminente novo disco, hai un par de anos que Aries adianta ese Adieu or Die (La Castanya, 2016) co videoclip de “Eclipse Total”. Estreado en exclusiva polo portal especializado jenesaispop.com, o clip é unha obra de fantasía caleiodoscópica chea de cor e formas dixitais surrealistas, dirixida por Biocom e producida por Grabaciones Pastora. Catro minutos de electro-pop colorido conforman a banda sonora desta viaxe interior única: pop cargado de harmonías, ritmos trepidantes e sons relucentes mentres nos desintegramos... á vez que o universo pulverízase ao noso arredor.

 

 

 

 E aquí o Videoclip Club completo.

 

  noticias