• GALEGO
  • ESPAÑOL
  • ENGLISH
     
  noticias  

NOVOS LANZAMENTOS. NOVEMBRO 2018

Novos lanzamentos. Novembro 2018
2 DECEMBRO 2018

 

 

Kilómetro a KilómetroTregua

Había tempo que o viñan adiantando, de feito, o seu último single A Largo Plazo (2018) foi en colaboración con Rulo y la Contrabanda. Tregua celebra o seu décimo aniversario con Kilómetro a Kilómetro (2018), o seu cuarto traballo discográfico, un recompilatorio composto polos seus temas máis destacados. Para este novo álbum, a banda coruñesa contou con numerosos artistas do panorama nacional, como Miguel Costas (Siniestro Total), Javi Maneiro (Heredeiros da Crus), Carlos Goñi (Revolver), Fernando Madina (Reincidentes), Pedro (La Fuga) ou Paco Ventura (Medina Azahara). Aínda que o proceso de gravación foi longo, Tregua confesa que a experiencia foi aínda máis emocionante e xa están «desexando saír e presentar as cancións en directo». Pouco lles falta! A xira presentación de Kilómetro a Kilómetro inaugúrase o 18 de xaneiro en Madrid e, varios kilómetros e concertos despois, Tregua deixará o seu rock na Coruña o 16 de marzo, onde aproveitará para gravar un DVD en directo con algún convidados especiais.

 

 

 

Melbits World BSOAries

Aries, ademais de gravar cancións para libros, para nenos ou para adultos, compuxo a banda sonora dun videoxogo! Melbits World (2018, Melbot Studios), desenvolto pola española Melbot, saía onte á venta para a PS4, un xogo «quebracabezas-plataformeiro colaborativo monísimo» de estética kawaii ao que Aries aporta unha BSO inspirada na propia idiosincrasia dos Melbits e os diferentes mundos polos que viaxan, melodías que proporcionan identidade e consistencia entre pantalla e pantalla, mentres mantén ao xogador emocionado e con certa tensión. É ela quen está detrás de todos os temas do videoxogo, de todos os seus efectos sonoros, «se rin, se choran, se morren [...] se saltan ou se caen»; ela é a artífice de case unha vintena de risas e, esa voz que se escoita cando «che lanzan mocos», tamén é a súa! Creativa e divertida, Aries comenta que compoñer para Melbits World foi desafiante e satisfactorio á vez e, como resultado, escoitamos producións e xéneros musicais moi diferentes, como o reggae-dub do “Chilly Bay” ou os 8bits do “Arcade”, sempre desde a electrónica-pop que a caracteriza.

 

 

 

 

EP-Ranza CeroThe Riggos

En febreiro lanzaban o seu primeiro longo, homónimo, e o 9 de novembro The Riggos presentaban o seu novo traballo discográfico. EP-ranza Cero (Lemuria Music, 2018) é, como o seu propio nome indica... un EP? Composto por dous cancións, algúns podrían denominalo como dobre single, pero ao cuarteto vigués «iso dos fomatos dálles un pouco igual» e, partindo do título dun dos temas que inclué, The Riggos «quixo facer unha broma». Así, escoitamos “Esperanza Cero”, unha das súas primeiras cancións que tiñan pensado sacar como bonus track, e “33”, segundo corte inédito onde todos fan coros «menos Arturo, que desafina» e, ademais, vén acomapañado dun lyric-video. De novo, Pedro Feijoo encargouse da edición, da mestura e da masterización.

 

 

 

 

Nuevo Orden CósmicoLos Marcianos

Seica despois da tormenta chega a calma, pero no seu caso... viño unha reorganización do cosmos! Dous anos despois de Una tormenta de canciones de amor a quemarropa (Clifford Records, 2016), Los Marcianos presentan o seu novo traballo discográfico, Nuevo Orden Cósmico (Clifford Records, 2018); un mini-LP dispoñible en formato 10” e dixital. Gravado por Carlos Hérnandez (Triángulo de Amor Bizarro, Los Planetas, Viva Suecia) en Estereoarte Estudios (Vigo), Nuevo Orden Cósmico está composto por cinco temas pop con melodías enérxicas, distorcidas e cheas de efectos musican letras coidadas ao detalle. O cuarteto vigués afirma que neste álbum atoparemos diferenzas algo mais maduras, «pasaxes máis escuros» que nos seus anteriores traballos, aínda que manteñen os retrousos pegadizos e desenfadados. No single presentación, “No soporto el amor”, escoitamos guitarra, potencia e contundencia nun corte de desamor, en branco e negro, e de posguerra.

 

 

 

 

Cancións ClínicasChicharrón

Cun par de singles e outro de LPs publicados, Chicharrón lanzaba o 9 de novembro o seu último longa duración baixo o título de Cancións Clínicas (Prenom, 2018), nunha edición limitada a 200 copias en CD e presentado nun cartafol de tamaño semellante ao dun vinilo 7”. Gravado por Ibán Pérez en Estudio Terraforma (O Hío, Pontevedra), Cancións Clínicas é un disco «enorme» de once cortes tan intensos que, por momentos, chegan a doer; cancións cargadas de intimismo e experimentación convídannos a recrearnos na súa renovada atmosfera musical, máis escura e agresiva. Escoitamos máis electrónica que nos seus anteriores traballos; Alberto, Mara e Rubén dan un xiro ao son de Chicharrón, que evoluciona cara ao post-punk e un pop escuro e esgazado. Os sintetizadores gañan protagonistmo e crean espazos claustrofóbicos e tensos que ispen as voces de Alberto e Mara. As letras evocan imaxes turbias, preguntas retóricas, viaxes internas, medos e perigos. O disco péchase con “O dó”, adaptación do poema de Gonzalo Hermo e final dun «tríptico de escuros, claros e escuros» formado polos tres longos da banda.

 

 

 

 

A White SpherePálida

Non nos deixou recuperarnos! Nin un ano pasou desde que estreou o seu último LP, Shönen Kingdom (2018), e Pálida publicaba a principios de novembro A White Sphere, o seu novo traballo discográfico. O EP está composto por catro cortes, que el mesmo define como «un conto de Lovecraft, un arrolo, unha danza tribal, Chinatown e unha fase de Mega Man X», un conxunto de temas directos e accesibles, por un lado, e experimentais, polo outro. Con esta «esfera pálida e cancións concéntricas [...], de trucos de maxia e prestidixitación», o artista vigués volve conquistar con sintetizadores e samplers, volve co seu «techno orgánico e visceral» levantando ao público de clubs e festivais.

 

 

 

 

Shakuhachi: The Zen Flute (The Distant Call of the Deer)Rodrigo Rodríguez ft. Kohachiro Miyata

A shakuhachi de Rodrigo Rodríguez xúntase coa do mestre Kohachiro Miyata para interpretar unha obra tradicional composta, orixinalmente, por un monxe Komuso e tocada por Kurosawa Kinko, fundado da Escola de Shakuhachi Kinko, no século XVIII. Con arranxos de Miyata, The Distant Call of the Deer (BM Records, 2018) é unha das pezas para frauta shakuhachi máis famosa e notable da liñaxe musical Mu-Ryu e destaca polo tipo de respiración audible que manteñe una particular liña melódica.

 

 

 

E se queres estar ao día dos últimos lanzamentos dos artistas e grupos da plataforma, sigue as nosas listas de novidades en Spotify e, agora, tamén en PlaymossCoñeces Plymoss? É unha web que permite facer listas de reprodución mesturando cancións de Bandcamp, YouTube e Vimeo. Para reproducir calquera lista de Playmoss non fai falla que esteas rexistrado, ainda que si (é de valde), para facer as túas propias listas:

 

  noticias