• GALEGO
  • ESPAÑOL
  • ENGLISH
     
  noticias  

11+11 GRANDES VÍDEOS DE 2018 VOL. I

11+11 GRANDES VÍDEOS DE 2018 vol. I
14 DECEMBRO 2018

A unhas tres semanas das badaladas que darán a benvida ao 2019, xa empezaron a publicarse as listaxes top de 2018; si, esas famosas listaxes que recollen o mellor do ano: «Os 96 mellores tuits de 2018», «As mellores series de Netflix»... algúna adelántanse e xa che preparan para o ano que vén con las «21 cidades que debes visitar en 2019».

Como non podía ser doutro xeito, nós centrámonos na música e, logo dunhas longas e intensas xornadas de deliberación, os nosos editories decidiron manter a fórmula dunha listaxe 11+11 que inagurabamos o pasado ano por estas datas. Así que, seguindo a «tradición», esta primeira entrega está composta por unha selección de 11 grandes vídeos publicados entre xaneiro e xuño de 2018.

 

HoyDisco Las Palmeras!

A banda lucense de rock escuro e combativo decidiu incorporar novas sonoridades á súa combinación infalible de rock potente, post-punk e shoegaze ao seu último álbum, Cálida (Sonido Muchacho, 2018), como o pop que inunda o seu primeiro single, “Hoy”. O videoclip que acompaña ao temazo diríxeo Javi Camino con ilustracións animadas autoría de Wences Lamas.

 

 

 

My DarlingThe Lákazans

The Lákazans confirman a súa madurez con Sandwina (dotbeat!, 2018), un traballo de calidade cargado desa riqueza rítmica que os caracteriza, desde “300 Pounds of Legend”, inquietante peza de máis de 6 minutos que abre o disco, ata “My Darling”, balada que pecha Sandwina e que os boirenses elixiron para o seu primeiro videoclip. Dirixido e editado por A Fiestra Fotografía, quen tamén o produciu xunto con Patricia Hermida, o vídeo conta a través de planos medio e detalle con elegantes filtros cálidos, a historia que vira ao redor do amor sen xénero, seguindo ese fío narrativo dun álbum inspirado na confrontación de sentimentos.

 

 

 

DevaloA Veces Ciclón

Ademais de formar parte de Cumbayá (Acuarela, 2018), segunda referencia de A Veces Ciclón, “Devalo” foi definido como o olliño dereito de Óscar Vilariño (voz, guitarra). Cunha letra que canta ao desexo, «así, en xeral», o videoclip parece unha radiografía do mesmo, unha obra hipnótica multicolor e psicodélica firmada por Rubén Domínguez (Pantis) que acadou facerse un oco na Sección Oficial de Videoclips do Festival de Cans 2018.

 

 

 

MarPantis

Cunha fusión de liberdade artística, pero mantendo os pés na terra, Pantis lanzaba “Mar”. Amante da natureza, do pop e do kraut, o vídeo que o acompaña céganos cunha carga enerxética e psicodélica cun bosque de fondo, xa que, como el di, desfruta máis entre as árbores que entre as persoas. Para iso, o artista multidisciplinar utiliza o loop como ferramenta expresiva, capturando a maxestosidade paralizada e o nervio que o caracteriza. Realizado e creado polo propio Rubén Domínguez, producido por Prenom coa axuda de Mar Catarina (Esposa) na dirección de fotografía, “Mar” convértese en «todos os caminhos posíbeis» para Pantis, diferente, alternativo, en galego e cun toque tenebrista, este artista atrévese con todo.

 

 

 

LodoXoel López

Un xersei vermello, catro camisas brancas, catro americanas negras e metros infinitos de fío vermello. Poucos días despois do comezo da xira na que está inmerso, e en exclusiva para El País, Xoel López estreaba o videoclip de “Lodo”, corte pertencente a Sueños y Pan (Altafonte baixo licenza exclusiva de Esmerarte, 2017), onde Xoel canta á procura de respostas e ao momento de descubrilas, momento no que nos mostramos tal como somos. Dirixido por Gigi Romero e realizado por Federico Tonizzo Fazio Producciones Audiovisuales para Esmerarte, o vídeo destaca pola presenza dun fío-guía de cor vermella que simboliza o enfrontamento entre persoas e situacións complicadas, os nós, que se van desfacendo pouco a pouco. Unha obra audiovisual que convida á reflexión sobre a superación de obstáculos, xa que, como di a canción, «do lodo crecen as flores máis altas».

 

 

 

DeixaasMercedes Peón

Para “Deixaas”, Mercedes Peón decidiu converter a industria nun espacio sonoro de inspiración e interacción. Así, sobre unha base rítmica de pandeiretas e percusión metálica, distinguimos acordes electrónicos provenientes de samplers e sons de maquinaria pesada rexistrados nos estaleiros navais Navantia (Ferrol). Xunto con Mónica de Nut e Ana Fernández, Peón compón un concepto onde conflúen punk colérico, rock industrial e tradición, xunto coas faíscas da rebarbadora harmonizadas co son dun ventilador, como resposta ao ambiente sociopolítico e inquietudes actuais referentes á identidade, xénero, linguaxe, etc. Con "Deixaas", experimentamos artesanía musical e vangarda creativa mediante sons que interactúan entre eles de xeito inimaxinable, que nos envolven en vibracións sonoras capaces de facernos tocar a catarse.

 

 

 

Nunca lo veremosLa Casa de Los Ingleses

La Casa de Los Ingleses presentaba “Nunca lo veremos” como single adianto do seu último traballo discográfico, La Tierra es Plana (2018); un corte que reflicte a liña do LP, cunha estética máis definida plasmada en letras sinxelas e directas tinguidas por melodías cargadas de detalles. Durante os case catro minutos do videoclip animado acompañamos ás caricaturas dos músicos, ilustradas por Ana Seoane ás que José Aragunde deu vida, nunha viaxe espacial por un mundo que non sabemos si é chan ou redondo, no que soñan a súa realidade e voan tan alto como a lúa.

 

 

 

Os Tafenos da GaurraLuar na Lubre

“Os Tafenos da Gaurra” foi primeiro videoclip de Ribeira Sacra (Warner Music Spain, 2018), o disco máis recente de Luar na Lubre. O título do tema significa «Os Diaños da Noite» en barallete, lingua que usaban os afiadores e paraugueiros ambulantes de Ourense para que ningúen máis puidese entender o que dicían. “Os Tafenos da Gaurra” está composta sobre dúas melodías principais: “Non é gran cousa”, cantiga 26 de Santa María escrita por Alfonso X «O Sabio», e unha letra en barallete para a que Luar na Lubre contou coas voces de SES e a Coral de Ruada. O vídeo que acompaña os alegres acordes combina espectaculares imaxes da Ribeira Sacra, obra de Gael Carballo, e unha serie de animacións ilustradas por Manuel Calderón. Sobre a frondosa paisaxe galega bailan animais animados para que os máis cativos aprendan xogando algunas verbas desta xerga; tamén bailan os diaños da noite ao son dunha gaita galega que, lonxe de transmitir medo, convidan a perderse polas máxicas terras da Ribeira Sacra.

 

 

 

MagmaMordem

“Magma”, segundo single do álbum debut de Mordem, Fragments to Dominate the Silence (The Winter Hunters, 2017), é unha peza progresivamente intensa que vén acompaña dun videoclip realizado e bailado pola propia Elba Fernández, quen danza sinuosa por toda a pantalla. As superposicións e movementos sutís en branco e negro evocan un estado de relaxación que, ao par de minutos, entra en erupción, asolagándonos cun vermello ígneo... como o mesmo magma.

 

 

 

DesdibuxarGuadi Galego

Guadi Galego, a compositora galega de voz privilexiada, publicaba en maio o seu último EP, Bóla de Cristal (Altafonte, 2018), producido por Pachi García e composto por cinco pezas positivas onde a artista cedeirense canta «ao mundo que lle gustaría ver nun futuro, ese sen fronteiras mentais, sociais nin de clase». Adiantábaa con “Fronteiras”, presentábaa con “Recoñecéndome” e a bóla seguiu a xirar con este “Desdibuxar”, un emotivo e poético videoclip animado por Carlos Lago (O Terser Home) que apela a loitar por un mundo mellor, a recompilar vivencias e aprender de cada unha delas.

 

 

 

O +11? 11+11 grandes vídeos de 2018 vol. II (xuño-decembro)

ETIQUETAS

  noticias