• GALEGO
  • ESPAÑOL
  • ENGLISH
     
  noticias  

VIDEOCLIP CLUB. EDICIÓN DE DECEMBRO

Videoclip Club. Edición de decembro
28 DECEMBRO 2018

Este mes, os editores engadiron os seguintes vídeos ao Videoclip Club, a cinemateca de GalicianTunes en YouTube.

 

Carlota Se FueEladio y Los Seres Queridos

A autoprodución marcou un antes e un despois en Eladio y Los Seres Queridos, un cambio que supuxo un crecemento; nun par de anos, a banda viguesa publicou dous señores discos: Cantares (2016) e Historias de caza (2017). Estas últimas «historias» son máis melódicas que as anteriores, máis afastadas do indie-rock ao que nos teñen acostumados, achegándose ao pop tradicional e eléctrico. Os dous primeiros vídeos do disco, “Algún iluminado” e “Ella” xunto con Pablo Lesuit, foron gravados na mítica La Fábrica de Chocolate (Vigo), pero para “Carlota se fue”, canción nostálxica con aires dos oitenta, EYLSQ escolleu o Salón Rexio da Sede RC Celta. Gravado en directo por Pablo Álvarez (audio) e Pablo Vázquez (vídeo), o videoclip foi o primeiro dunha serie de tres pezas que a banda realizou no Salón, unha obra de case catro minutos onde Eladio, Óscar, Marcos e David comparten escenario con Ari Magritte e poñen en evidencia que son todos uns mestres da artesanía musical.

 

 

 

Consulta la prensa mañanaLos Marcianos

Por vez primeira, e sen que sirva de precedente, Los Marcianos aterrizaron en Vigo e polo que se pode oír... parece que non veñen en son de paz. Escoitamos “Consulta la prensa mañana”, do seu terceiro álbum Una tormenta de canciones de amor a quemarropa (Clifford Records, 2016), un tema dedicado á noite viguesa en xeral e á Iguana Club en particular. Baixo a dirección de Daniel Graña, con guión de Ibán Marciano e producido por La Nube Producciones, o vídeo relata unha historia de sexo, violencia e drogas que empeza cun crime pasional e remata en masacre. Ou era ao revés? Indies de palo, revólveres, exes, fans de Kings Of Leon

 

 

 

Les llevaré mi cruz - Triángulo de Amor Bizarro

Cunha curtametraxe en branco e negro de máis de catro minutos, Triángulo de Amor Bizarro pon imaxe a “Les llevaré mi cruz”, segunda pista do seu último EP, El Gatopardo (Mushroom Pillow, 2018). Dirixido por Luis Cerveró e estreado en exclusiva en Fuego y Chinchetas (Cadena SER), o vídeo protagonízao Isa Cea como Isabel A Católica, que a cabalo e espada en man sae en defensa dun grupo de escolares (alumnos do Teatro Airiños de Asados, Rianxo e do ANPA Cabo de Cruz), cando son asaltados por policías antidisturbios mentres xogan ao aire libre; tres figuras que amosan como pasado, presente e futuro conflúen co fin de concienciar ao espectador sobre a situación actual que atravesa España. Unha intensa obra audiovisual á altura do tema, clara referencia ás cantigas de escarnio e maldicir galaico-portuguesas propias do medievo, que versan sobre política, represión social, inxustizas e desigualdade entre clases sociais.

 

 

 

Nocturno - Cuchillo de Fuego

Co seu hardcore-sludge, punk-rock tralleiro e letras que alimentan as nosas paranoias persoais, Cuchillo de Fuego presentaba o seu último LP, Megravedra (Humo, 2017). Nove pezas gravadas en La Cortina Roja (A Coruña) por J. Gutiérrez e Mejuto García que sacan a relucir, por exemplo, o orgullo local en temas como “Fiestas de la Peregrina”, mesturando humor agridoce xunto con autocrítica social e persoal. “Nocturno” foi o single adianto, acompañado por un videoclip rodado en Uganda por Ramon Film Productions baixo a dirección de Isaac Nabwana, «con cariño e violencia, pero sobre todo arte»... e teletransportación directa e sen escalas Uganda-Pontevedra, coa Peregina incluída!

 

 

 

Balloon Flower Fantasy - Rodrigo Rodríguez

En 2017, máis de 200 lumes tinguiron de negro os verdes bosques nunha fin de semana na que a comunidade galega volveu dar unha lección de humildade e amor pola súa terra. No medio dun deses bosques asolado por completo, sobre as cinzas, Rodrigo Rodríguez interpreta “Balloon Flower Fantasy”, orixinal do compositor xaponés Fukuda Rando, unha peza que o mestre do shakuhachi dedica aos bombeiros e a todos os homes e mulleres que, desesperadamente, loitaron contra o lume. Baixo a produción de McLarty Films, o son desta frauta xaponesa chora, ferido, sobre as cinzas, nun clip cheo de luces frías e sombras fugaces.

 

 

 

E aquí o Videoclip Club completo:

 

 

  noticias