• GALEGO
  • ESPAÑOL
  • ENGLISH
     
  noticias  

NOVOS LANZAMENTOS. FEBREIRO 2019

Novos lanzamentos. Febreiro 2019
3 MARZO 2019

 

 

UltraligeroNovedades Carminha

Novedades Carminha publica o que xa é considerado o seu mellor traballo ata a data, Ultraligero (Ernie Records, 2019). Hai case dous anos que os de Compostela comezaron a experimentar con aquel “Te Quiero Igual” ft. Alba Galocha, deixando atrás o seu punk crú e garage dos seus inicios nos seguintes “El Vivo al Baile”, “Verbena”, “A Santiago Voy” ft. Esteban & Manuel e o seu recente “Ya No Te Veo” ft. DELLAFUENTE. Carlangas, Jarri, Anxo e Xavi seguen a explorar novas sonoridades e coquetean descaradamente co trap, o funk-soul, a cumbia ou o hip-hop en 11 cortes que reinventan ese macarrismo romántico e sensible como resultado do pop vacilón e músicas urbanas. A través de guitarras funkys e sinxelas liñas de baixo, groove quentiño, posos verbeneiros, mixtape e autotune, Novedades Carminha presenta a súa visión do mundo do baile nun álbum que «busca pinchar á xente a que baile con diferentes estilos». Bailar? Eles? Pois si, outra vez, conseguírono.

 

 

 

 

They LiveCarlos Arcay

«The King is back», reza unha das súas últimas publicacións en Facebook. Efectivamente, case tres anos despois da súa ópera prima, Genesis (Holographic Records, 2016), Carlos Arcay presenta They Live (Holographic Records, 2019), o seu segundo EP como solista. Gravado, mesturado e masterizado polo propio Arcay en Arcay Sound, They Live está composto por catro cortes instrumentais, enérxicos, emocionantes e cargados de actitude. Vinte e catro minutos polos que o compositor e produtor nos convida a unha «viaxe polo cosmos» que reside nas sete cordas da súa guitarra, «un universo cheo de matices onde o mestre desprega a súa técnica para atraparche no seu persoal mundo».

 

 

 

 

Mr. RiverMR. RIVER

A fusión de estilos tan dispares como o jazz, flamenco, folk, funk e rock (entre outros!) ten nome propio... e título de cortesía. MR. RIVER, trío pontevedrés composto por Miguel del Río (guitarra, composición), Santi Mar San (baixo eléctrico) e Marcos Corbacho (batería), estreaba febreiro co seu primeiro traballo discográfico, Mr. River (2019), EP composto de catro temas orixinais que viran ao redor dos sentimentos e experiencias vividas por del Río. Gravado, mesturado e masterizado en Litium Records (Pontevedra), Mr. River tamén dá a coñecer o denominado «River Style», son americano Made in Galicia, presentado xa en tres single-clips; o último deles, “Octopussy In The Galician Style”, está inspirado en como estaba traducido o noso polbo á feira nun restaurante en Mallorca, prato que, neste caso, sabe a folk americano e música tradicional galega.

 

 

 

Todo isto e moito máis na nosa lista de Singles 2019 que podes seguir en Spotify e que se actualiza constantemente para manterte ao día de todas as novidades dos artistas e grupos da plataforma.

 

  noticias