• GALEGO
  • ESPAÑOL
  • ENGLISH
     
  noticias  

CANTOS NA MARÉ CELEBRARÁ UNHA NOVA EDICIÓN O 16 DE XANEIRO EN PONTEVEDRA

CANTOS NA MARÉ CELEBRARÁ UNHA NOVA EDICIÓN o 16 de xaneiro EN PONTEVEDRA
9 DECEMBRO 2015

O festival Cantos na Maré celebrará a súa duodécima edición o vindeiro 16 de xaneiro cun concerto que xuntará sobre o escenario do Pazo da Cultura de Pontevedra catro destacadas voces das músicas en lingua galega e portuguesa: a guineana Karyna Gomes, a brasileira Thaïs Morell e os galegos Uxía e Narf.

 

Os detalles da nova entrega deste Festival Internacional da Lusofonía –iniciativa da produtora Nordesía baixo a dirección artística de Uxía e a musical de Paulo Borges– foron adiantados en Culturgal no transcurso dunha presentación conducida pola xornalista Teresa Cuíñas e na que, ademais de Uxía, interviñeron o director da Agadic, Jacobo Sutil, e a concelleira de Cultura de Pontevedra, Anxos Riveiro.

 

“Cantos na Maré é máxico polo que pasa enriba do seu escenario, que comparten por pirmeira vez artistas moi diversos e diversas, e polo coñecemento que teñen uns de outros”, destacou Anxos Riveiro, que lembrou tamén que “a iniciativa naceu en Pontevedra hai tempo grazas á vontade de persoas que queren achegarnos a outras culturas e tender pontes”. Pola súa parte, Jacobo Sutil falou do festival como “precursor entre os eventos culturais cuxo formato fomenta a convivencia”. Subliñou tamén a súa importancia pola súa capacidade de exportación de creadores galegos e por mirar ao mercado lusófono como estratéxico para Galicia.

 

 “Para esta edición quixemos volver á lingua como eixo central, posto que no 2016 se lle dedica o día das Letras Galegas a Manuel María, que dixo esta frase: o idioma é a chave coa que abrimos o mundo”, explicou Uxía. Neste senso sinalou que a súa función é facer de fío condutor para que os artistas sintan que veñen á súa casa, onde nace a lingua e logo se espalla polo mundo.

 

Como en anteriores edicións, o concerto do 16 de xaneiro virá precedido de varios días de ensaios para que os convidados se coñezan e traballen xuntos no repertorio orixinal que converte cada Cantos na Maré nun espectáculo único, a través do que se busca afondar nos vínculos musicais e culturais entre Galicia e os países da lusofonía.

 

Os artistas

Desde Guinea Bissau chegará Karyna Gomes, a máis recente revelación musical da África lusófona, que acadou un gran éxito de público co seu disco de debut, producido precisamente polo director musical de Cantos na Maré, Paulo Borges.

Pola súa banda, a brasileira Thaïs Morell achegaralle ao público galego un repertorio afastado de clixés, que a converte nunha creadora orixinal e única, ademais de nunha moi destacada guitarrista e frautista.

A representación galega correrá a cargo de Uxía e Fran Pérez 'Narf' e as súas Baladas da Galiza imaxinaria, título do seu primeiro disco conxunto. Nesta colaboración, que xorde a raíz dunha xira suramericana que compartiron na primavera de 2014, estes dous grandes da música de Galicia funden os seus respectivos repertorios e presentan varios temas para ofrecerlles aos espectadores un espectáculo intimista, no que todas as cancións teñen detrás unha historia relacionada cunha viaxe, cun encontro ou cunha experiencia vivida a través da música.

ETIQUETAS

  noticias