ORZÁN: «AS NOSAS CANCIÓNS ABRÁZANTE E, Á VEZ, FÉRENTE»

El BÚHØ alzou o voo alén do escenario para volver... con cambios. Héctor Martínez (voz, guitarra, teclados), Rubén Abel (guitarra), Ale Cambón (baixo) e Bruno Couceiro (batería), os catro músicos detrás daquel proxecto de pop alternativo, regresaban a escena a finais do ano pasado como ORZÁN, banda de pop rock con influencias de indie e electrónica. O cuarteto convida o seu público a vivir en primeira persoa unha viaxe sonora, alternando entre a intimidade acústica e a enerxía vibrante do pop; un equilibrio perfecto que entregan en Cenizas de invierno (2025), o seu novo traballo discográfico.
Foto © Leo López
Hai cousa dunha década que EL BÚHØ emprendía o voo, impulsado por Héctor Martínez (voz, guitarra, teclados) e o letrista estradense Xosé Lueiro, ao que algo despois se uniu Rubén Abel (guitarra). Como lembrades estes comezos? Con que intención naceu, daquela, EL BÚHØ?
Héctor Martínez: «Teño na mente o primeiro instante de sentarme fronte ao piano do salón e comezar a compoñer ‘En tu galaxia’. Na miña cabeza é o momento cero de todo isto, sen máis pretensións que dar vida a aquelas letras de Lu...
Foron momentos moi bonitos, pasabamos horas no estudio, compoñendo e escoitando as primeiras tomas das cancións con Fer, o miña compi de curro (que tamén formou e forma parte disto acompañándonos como técnico a algúns bolos).
Apenas arrincaba ese proceso coñecín a Ru, que foi a guinda do pastel. Coincidimos tocando por casualidade nun festival de rock do noso pobo natal, A Estrada. Lembro velo tocando a guitarra e flipar en cores. En canto terminamos nos tomamos unha cerve e lle dixen, “tío, teño isto entre mans...”. Foi un si directo que nos trouxo ata o día de hoxe. Aí cobrou vida El Búhø».
Rubén Abel: «Foi unha etapa moi especial e intensa. Compartimos momentos moi bonitos e, malia os quilómetros que nos separaban, porque eu vivía en Oviedo, viámonos case todas as semanas e refuxiabámonos en Edisco buscando sonoridades e esas notas de guitarra que arroupasen ás melodías e empastasen cos acordes que Héctor creara».
O día que Héctor e Rubén se coñeceron tocando nun festival de rock (2016)
Logo da gravación da vosa primeira maqueta con este proxecto, Héctor e Rubén viaxan aos Ánxeles co obxectivo de enriquecer o voso son da man de Juan de Dios Martín. Alí traballastes xunto a músicos como Aaron Sterling ou Sean Hurley, profesionais que tocaron con recoñecidos artistas internacionais. Como xurdiu esta oportunidade e como a recordades?
Héctor: «Bueno, aquilo foi unha tirada á piscina ben guapa, [risos], pero necesaria. Non terminabamos de definir o noso son, penso que somos tan eclécticos que podiamos levar calquera canción dun lado a outro soando totalmente diferente en cada versión, o que nos fixo estancarnos un pouco e poñernos a buscar intensamente ese son que debía ser a nosa “marca”, a nosa propia “identidade”.
Juande estivera no noso estudio había anos, cando o meu pai o montou, así que foi fácil retomar o contacto e botarnos unhas risas. El xa estaba a vivir nos Ánxeles desde había un tempo e, tras varias chamadas e intercambios de mails, xurdiu a idea de ir gravar as bases alí e logo terminar o resto aquí no estudoi. Sabendo as nosas referencias musicais, a Juande ocorréuselle dicir: “oe, e se contactamos con Aaron e Sean —os que gravaron Born and Raised de John Mayer e moitísimos outros discazos— para que completen a banda?”. Nese momento aínda non eramos un grupo, só estabamos Ru e eu, e ambos os (tras flipar un anaco) dixemos: “de cabeza!”.
Sacamos os billetes e fomos a gozar daquela aventura que foi unha aposta na que puxemos moitísimo corazón, moito esforzo e moita transparencia. En canto volvemos, xa tiñamos esa sensación de atopar o camiño».
Rubén: «Foi realmente emocionante. Héctor xestionárao todo alí con Juande e decidimos vivir esa oportunidade xuntos. Unha cuestión de honestidade e de xenerosidade mutua que non era máis que o reflexo do que estabamos a vivir. Definitivamente un antes e un despois, todo un máster en produción musical que marcaría un camiño para seguir».
Rubén e Héctor o día que mercaron o billete aos Ánxeles
Rubén e Héctor con Juan de Dios Martín, Aaron Sterling e Sean Hurley nos Ánxeles
En 2019, e xa coas cancións resultantes das sesións de gravación nos Ánxeles que comentabamos, EL BÚHØ medra coa incorporación de Ale Cambón (baixo) e Bruno Couceiro (batería). Como chegan a ser parte da banda?
Héctor: «Foi o momento de poñer as patas que lle faltaban á mesa. Estabamos a buscar formar a banda para empezar a mover o que crearamos. Un bo colega, Guille, de Rockbox, díxome: ¡Maaan! Bruno é a quen estás buscando”. Así que me fixo chegar o seu contacto e puxemos data para poñernos cara. Ale e Bruno xa eran colegas, así que viñeron xuntos. A primeira impresión foi como se fósemos amigos de toda a vida e, en canto empezamos a tocar, a todos brillábannos os ollos. Non formaramos unha banda: emprenderamos unha amizade, e iso reflíctese en todo: na nosa música, no escenario e na vida».
Rubén: «Despois de volver de Os Ánxeles tiñamos moi claro o concepto de banda que buscabamos e Héctor contactou con eles. Quedamos no estudio, escoitamos os temas, falamos do proxecto e por fin todo empezaba a encaixar».
Ale Cambón: «Lembro que Bruno me comentou o proxecto e me transmitiu o seu entusiasmo. Con el xa levabamos participando xuntos en varios proxectos encargándonos da base rítmica, así que mo tomei como un novo desafío e me fiei das súas boas impresións. Fomos ao estudio que tiñan na Estrada; eu non escoitara nada aínda e a verdade é que quedei impresionado polo material que nos ensinaron; superou as miñas expectativas sen dúbida».
Bruno Couceiro: «Foi un momento de ilusión e ganas por entrar a formar parte dun proxecto con boas cancións e moi bo xorne».
Foto © Leo López
A maioría de vós tedes formación clásica, mesmo algúns en jazz e música moderna. Como credes que ese tipo de formación influíu no son do grupo?
Héctor: «Penso que axudou en moitos aspectos, non só tecnicamente, tamén en nutrir as cancións de distintos mundos».
Rubén: «Malia parecer un reto, as vivencias que temos cada un en diferentes estilos fan que o resultado sexa moito máis completo e interesante. Sen dúbida, un son no que todos nos vemos reflectidos».
Ale: «Con moita naturalidade. Creo que ORZÁN é unha síntese onde todos podemos mostrar o noso lado máis roqueiro, máis clásico ou o que sexa. O importante é que cada nota ou idea parta desde o noso interior con honestidade, sen perder de vista o obxectivo final: a persoa que escoita unha canción de ORZÁN por primeira vez e as sensacións que lle podemos transmitir».
Bruno: «Desde o meu punto de vista, penso que isto axuda a ter un son propio e enriquece as cancións, sobre todo no directo».
Durante o ano pasado participastes na Aceleradora Mans da Fundación Paideia. Que ensinanzas levastes no peto? Que supuxo esta experiencia para o desenvolvemento da banda?
Héctor: «Creo que nos axudou a “profesionalizar” algúns aspectos; somos músicos, non xestores de redes, deseñadores, managers, fotógrafos, contables, administradores, selo discográfico, produtores, técnicos... aínda que ao final, si, non nos queda outra que “exercer” [risos]. Pero ver o labor desde fóra de cada unha das pezas necesarias para sacar unha banda adiante che fai analizar todo o traballo que hai detrás e ver a realidade, que si, que é imposible para un grupo abarcalo todo.
Así optamos por quedarnos co esencial para mellorar o que xa temos e podemos xestionar. Somos un grupo que, tecnicamente, levamos todo de corrida; os directos son impecables, e o mellor que sabemos facer é tocar.
Quizais botabamos en falta esas pinceladas de deixar documentos un pouquiño máis pro e todo “o que non se ve” máis redondiño e pechado, e para iso nos veu xenial. Así que... hei! Se hai algún manager na zona, o peor xa está feito! [Risos]».
Rubén: «Foi unha reafirmación da nosa identidade».
Bruno: «Para min foi unha axuda para comprender mellor o funcionamento da industria musical e tamén achegou moita información e aprendizaxe en certos ámbitos».
Ao vivo en Estudios Mans
Nun xiro de guión bastante impredicible —para nós— o verán pasado deixades de ser EL BÚHØ para rexurdir como ORZÁN. Que propiciou o cambio de nome?
Héctor: «Tiñamos en mente o cambio porque El Búhø nos daba moitos problemas con plataformas como Spotify e Instagram. Anda que non hai bufos...! Así que decidimos reformulalo (xa que faciamos un restyling de todo cando comezamos o de Paideia)».
Rubén: «Unha nova etapa marcada pola evolución persoal e a madurez».
Ale: «Parece que había xa algún proxecto chamado así. Sinceramente, a min cústame; gustábame moito ese nome... pero ás veces hai que soltar lastre para medrar. Ás veces chanceamos que ORZÁN é un grupo de versións do Búhø, e se nos dá bastante ben [Risos]».
Ao fío, este cambio de nome foi iso, só un cambio de nome (que non é pouco…), ou supuxo algo máis para a banda?
Rubén: «Decidir desfrutar e saborear o proceso, celebrar cada ensaio, cada concerto. Centrarnos no que realmente depende de nós e non en devires da industria».
E por que precisamente ese nome, «ORZÁN»?
Héctor: «Un libro que analizaba a orixe do nome dalgúns lugares mencionaba que o nome de Orzán podía provir de dúas vertentes: dúas palabras que significan “nube” e “ruído” ou, tamén, “o lugar onde orzan os barcos”. A acción de “orzar” é o cambio do rumbo dunha embarcación, levando a proa cara ao vento. Así que, que mellor nome para un cambio de rumbo?».
Rubén: «Reflicte á perfección a nosa evolución e identidade: o equilibrio entre a forza e a calma».
ORZÁN en concerto
ORZÁN preséntase como unha «revolución musical», que diriades que é o que vos diferencia dentro da escena galega actual?
Héctor: «Nun mundo onde todo semella cada vez máis pose e fórmulas rápidas, nós apostamos polo que non se pode fabricar: a autenticidade, a amizade real e unhas cancións que saen de verdade do que somos. Non tentamos soar como ninguén nin seguir ningunha moda. O noso camiño é facer música que sentimos de verdade, con alma, con carácter, e que cando a tocamos en directo... pasa algo. Iso non se pode explicar, só sentir».
Rubén: «Quizais o feito de como integramos os recursos e sonoridades actuais coa pureza e a forza que supón tocar os nosos instrumentos».
Bruno: «Pois quizais por centrarnos moito nun directo potente e de calidade onde as boas cancións son o primordial».
Poderiamos nomear unha presa de xéneros onde caería a música de ORZÁN, pero vós, sen encadrala en ningún estilo, como a definiriades? A que soa ORZÁN?
Héctor: «ORZÁN soa a verdade. Como o veludo: suave, cálido e elegante nunha caricia, pero áspero, rugoso e con carácter se o rozas ao revés. As nosas cancións abrázante e, á vez, férente».
Rubén: «Soa a equilibrio; enerxía ás veces contida, murmurada e outras que se abre camiño con forza».
Canto as vosas influencias, a quen sinalariades? Quen ten, ou tivo, especial impacto no voso xeito de entender música?
Héctor: «Particularmente, Jamie Cullum cambioume moitísimo a forma de ver a música (especialmente o piano). Twentysomething pilloume nun momento de querer deixar de tocar, por unha serie de factores como un conservatorio casposo, un profesor con cero amor polo ensino, clásicos interminables e fastío por non actualizar aquel repertorio nonaxenario (Mozart, tío, respéctoche moito pero raiáchesme mil...).
Salvoume o meu profesor particular de piano, Gonzalo, que tamén o deixo como artista que me fixo cambiar a miña forma de ver a música e quitarme o medo para empezar a improvisar sobre os temas de Cullum, Norah Jones, Ray Charles... Fíxome ver un mundo novo de posibilidades onde empecei a gozar da música de verdade».
Rubén: «John Mayer, Red Hot Chili Peppers, Kings of Leon, Chickenfoot, Rival Sons...».
Ale: «Desde Art Tatum ata City and Colour; son tantos que sería inxusto puntualizar a algúns».
Bruno: «Sería imposible nomear a todos, desde John Mayer ata Dave Weckl, unha infinidade de grupos e solistas de xéneros moi dispares».
O voso primeiro EP, En tu galaxia (2024), é unha coidada colección de tres cancións con letras intimistas e melodías que tocan a alma. Dúas delas xa foran publicadas antes (en 2017 e 2023) en YouTube... por que recompilalas agora?
Héctor: «Parte tivo que ver o tema do nome, que nos obrigou un pouco a atrasar todo, e á súa vez queriamos que tivese coherencia co que somos agora. Penso que o que hai rulando antigo son versións de directo do Búhø».
Rubén: «Compartilas desde o noso momento actual».
Da produción deste EP encargouse Juan de Dios Martín (Xoel López, De Ninghures, Carolina Rubirosa, Helena Egea...). Como foi traballar con el? Que pensades que achegou ao son do disco?
Héctor: «Juande axudounos a delimitar o camiño. Tiñamos tantas sonoridades abertas (folk, electrónica, pop...) que necesitabamos que nos botase un cable a man de Dios [risos]. Traballar con el foi xenial: con Juande non te aburres e sabe sacar o mellor de ti en todo momento, aínda que as forzas fraqueen. É un tío cunha experiencia brutal e sabe dar coa tecla (nunca mellor dito) e colocar todo no lugar correcto. Aínda a día de hoxe seguimos a lembrar momentazos xuntos cada vez que nos vemos... INVICTUS!».
Rubén: «Penso que o vivimos como un punto de inflexión na nosa sonoridade e concepto. Axudounos a atopar a receita».
Foto © Leo López
“Flotas” presentábase cun videoclip, realizado por Héctor, no que, literalmente, mergullades ao espectador (e a vós mesmos) na historia de desesperación da protagonista. Como lembrades a súa gravación?
Héctor: «Eu sempre dando ideíñas [risos]. Teño bastante paixón pola auga, a diferenza dalgúns dos meus compis ([Risos] Quérovos tíos!).
Queriamos un videoclip un pouco conceptual, que “flotase entre mareas misteriosas”, protagonizado por unha muller: a coreógrafa Alba Fernández Cotelo, que foi un auténtico luxazo. A rodaxe durou tres días e foi moi bonito, porque ver bailar a Alba é realmente máxico, pero tamén foi bastante duro. Fixemos unhas tomas en interior e outras baixo a auga nunha piscina e era inverno! Facía unha rasca importante e todas as tomas de auga tivémolas que gravar moi rápido, pero Alba fíxoo súper sinxelo e ultra profesional. Todos os planos eran perfectos. De súpeto sacábase un ás da manga e facía unha coreografía coas mans totalmente improvisada e que quedaba de cine.
O derradeiro día foi cos rapaces e os instrumentos (que aínda funcionan! [risas]).
Ao final, o videoclip transmite xusto o que queriamos; á xente gústalle moito e non hai nin trampa nin cartón».
Rubén: «Foi moi divertido e toda unha declaración de intencións: se hai que mollarse, nos mollamos!».
Ale: «Moi refrescante».
Bruno: «Baixo a auga! Para min persoalmente foi un reto, xa que lle teño moito respecto á auga e mergullarme dese modo custoume o seu a nivel mental... pero o resultado pagou a pena sen ningunha dúbida».
O álbum viña envolto nunha marabillosa ilustración, que semella feita a boli, asinada por Liliana Valverde. Désteslle algunha indicación á hora de facer o deseño ou creou con total liberdade?
Héctor: «Cero indicacións e total liberdade, como sae a arte de verdade.
Temos unha sorte infinita de rodearnos de mulleres artistas que brillan só coa súa presenza. Lily coñece as cancións, coñécenos a nós... non había dúbida de que ía facer algo espectacular. A ilustración está feita sobre papel, a bolígrafo Bic azul. É acojonante».
Rubén: «Non se debe condicionar ás artistas. Lily sabe como ninguén todo o que nos move, así que o resultado das súas creacións artísticas é un agasallo para nós».
Pouco despois do lanzamento de En tu galaxia, publicades Cenizas de invierno (2025), o voso novo EP dispoñible desde mediados do pasado marzo. Que vos fixo editar dous EP case seguidos en vez de xuntar os oito temas nun longo?
Héctor: «Evolucionamos moito desde o primeiro traballo ao segundo e queriamos deixalo reflectido».
Rubén: «Facer unha síntese desde os inicios, reflectindo e consentindo os diferentes momentos que se foron dando nos nosos camiños».
Pecha este novo EP, antes do bonus track, “Sobre nuestras cabezas”, un tema no que hai chiscadelas tanto á primeira pista do anterior, “En tu galaxia”, como á deste “Manzanas”. Buscabades darlle certa unidade aos dous traballos?
Rubén: «Buscamos reafirmar a nosa personalidade, a nosa identidade, e isto fai que todo o anterior encaixe».
Os catro cortes e un bonus track que recolle este traballo están asinados por Héctor e Xosé Lueiro, quen segue a colaborar nas composicións coas súas letras. Logo de tantos anos traballando man a man, que significa Lueiro para ORZÁN?
Héctor: «Para min, Lu é un máis de ORZÁN, aínda que non se lle vexa connosco, sempre está aí. Traballar coas súas letras é un privilexio e unha responsabilidade. Esas letras brillan por si soas; musicalas e facer que non perdan a súa esencia e sigan a brillar é un reto.
Coñezo a Lu desde que teño uso de razón; de pequeno apaixonábame o seu grupo (La Señal). É un escritor e letrista incrible, ademais dun musicazo e amigo. Cando escoitou os temas novos por primeira vez emocionouse, e eu creo que con iso xa podemos darnos por satisfeitos».
Rubén: «É moi interesante poder musicar historias e ter o seu feedback; ver como se ve identificado co resultado sonoro. Tratamos de que a música potencie o sentido dos textos, malia que cada un podamos darlle en momentos a nosa interpretación máis subxectiva».
Gravación do videoclip de "Manzanas"
Que fixo que “Manzanas” fose escollido como sinxelo presentación de Cenizas de invierno? Porque tamén é o único, polo de agora, con videoclip...
Héctor: «“Manzanas” é o tema con máis “garra contida” que temos.
É un tema que está a explotar desde o primeiro retrouso, con ese medio tempo que che mantén cos pés na terra e unha letra desgarradora. Encántanos tocalo en directo: está cheo de matices e de expresión, que é o que nos enche. Levamos todo iso á canción. Por iso tiña que ser o single».
Rubén: «Determinación, os catro sentímolo así. É un tema que transita pola forza do íntimo, polos recordos presentes».
Ale: «“Manzanas” foi como un clic. Desde o primeiro momento sabiamos que debía ser o primeiro tema en saír».
As cancións do EP teñen certo aire nostálxico, con metáforas recorrentes que remiten á natureza, que ou quen as inspirou?
Ale: «Neste aspecto moito ten que ver Lu, as súas letras evocan lugares e situacións que nos permiten debuxar paisaxes sonoras».
Seguindo co proceso creativo, como traballades os temas? Partides dunha idea, dun acorde... vén primeiro a música ou a letra?
Héctor: «Normalmente parto da letra, aínda que algunha vez se me ocorreron algúns acordes e de aí tentei adaptar a letra, como foi o caso de “Flotas”.
Teño que ter o día... supoño que como todo o mundo. A app de notas de voz está a full dunha infinidade de ideas, das que ás veces saen cousas e outras quedan no esquecemento ocupando espazo no móbil.
Unha vez teño o tema “máis ou menos” estruturado e ten feeling, o maqueto no estudio e llo ensino aos rapaces. Ru e eu adoitamos traballar previamente a forma harmónica e tentamos achandar o noso terreo para que Bruno e Ale o redondeen completándoo con ritmo e baixo. Adoitamos traballar sempre en estudio, tentando que nos quede o máis perfilado posible, e tamén lle damos rodaxe nos bolos, que nos axuda a ver as sensacións que transmite».
Rubén: «Para min o reto está en atopar esas melodías ou xiros de guitarra que encaixen á primeira coa idea e as sonoridades que crea Héctor. Que pareza que naceron á vez, que estiveron sempre aí».
Merchandising por Liliana Valverde
Desta volta, Liliana Valverde é a encargada do merch da banda, cuns produtos bastante peculiares (por exemplo, cuncas que serven como altofalantes) feitos artesanalmente. Nunha época na que o merch se produce en serie, por que escoller este método de confección manual?
Héctor: «Todo hoxe en día faise como churros e con 0% de alma posta niso... Nós pasamos meses gravando un disco con instrumentos reais, ensaios previos, técnicas de gravación analóxica, analizando cada son e cada detalle para facer un produto fino e fiel ao que somos e ao son que tiñamos na cabeza. Se é así o disco, por que non ía ser así o merchandising?
Lily fai todo de corazón e con auténtica paixón. O proceso do noso merchandising pode levar semanas de traballo... A cerámica é un proceso lento, consentindo os detalles, o secado, os enfornados, os esmaltes... O liñogravado é unha técnica artesanal de estampaxe sobre camisetas con ferros gravados a man. É algo alucinante... e é como a nosa música: de verdade».
Rubén: «Represéntanos moito máis, é unha posta en valor da personalidade».
Bruno: «Porque como na música, cremos na arte feita por persoas e na autenticidade de algo tan real e verdadeiro como o que fai Lily; iso achéganos personalidade e orixinalidade».
Merchandising por Liliana Valverde
Cenizas de invierno foi presentado xusto un día despois do seu lanzamento en La Disfrutona (A Coruña). Como lembrades este día?
Héctor: «Que gusto tocar na Disfrutona! É unha gozada cando che tratan así nunha sala e son tan profesionais. Desde o primeiro contacto: o seu dossier ben especificado, días dispoñibles... e logo unha entrega e unha disposición in situ que che fai sentir como na casa. Así arrincas o concerto ao 100%, e foi o que pasou.
Para nós foi un dos nosos mellores concertos: tiñamos un setlist novo perfiladísimo logo de varios ensaios, algunha sorpresa, May fíxonos o son esa noite e todo estaba perfecto, a xente estaba dentro das cancións, os catro estabamos a gusto... Todo ben, un inicio de xira brutal».
Rubén: «Foi un día moi especial, de celebración».
Ale: «Foi incrible, gran enerxía por parte do público, da sala e de nós».
Bruno: «Con ganas e ilusión, desfrutámolo moito e creo que nos quedará para o recordo como unha boa noite».
Nas vosas redes dicides que o escenario é o voso «medio natural». Que ten o directo que vos transforma? Como son os concertos de ORZÁN?
Héctor: «O directo é onde todo cobra sentido e onde os catro nos conectamos. É o único lugar onde non hai filtros, somos nós, tal cal, reais, e iso encántanos. Non é só facelo ben: é transmitir. Transmitir as innumerables horas de traballo que hai detrás de cada canción, os ensaios, as risas... Cada concerto vívese de maneira diferente porque depende de como estamos nós, como está o público, como vibra a sala, pero sempre dando o 100%. Cando ves que as cancións xa non son só nosas, senón que comezar a ser do público... aí brota a maxia».
Rubén: «A enerxía de expresarnos a través dos nosos instrumentos, de crear algo xuntos».
Bruno: «O escenario é a verdade, o agora, e onde realmente sente e se desfruta da música en contacto co público».
ORZÁN en concerto (2024). Fotos © David Lomba
Na actualidade, que artista ou grupo galego recomendariádesnos? Algún favorito que deberiamos coñecer?
Héctor: «Antifrágil, que tivemos a gran sorte de coñecernos malia as adversidades dun festival nefasto. MALC, moito corazón aquí posto tamén. Leria, indie pop galego ao 100%. E Luis Moro, tremendo bolazo, chaval».
Bruno: «Moitos... desde Carmen Rey a Caamaño&Ameixeiras».
Se abrísemos as vosas contas persoais de Spotify, que escoitariamos? 100% Sinceridade, 0% Vergoña
Héctor: «Comigo ídesvos a atopar de todo, pero por descontado: City and Colour, Lizzy McAlpine, Allan Rayman, Willow, Post Malone, Ry X, The 1975, John Mayer (como non!), Mac Miller... E ultimamente tamén hai un pouco de Tiny Habits, Mini Trees e o NPR de Ca7riel e Paco Amoroso».
Rubén: «Un pouco de todo, pero seguro que atopariades a John Mayer, Red Hot Chili Peppers, Kings of Leon, Rival Sons... Depende do día, pero sempre música con alma e boas guitarras!».
Ale: «Ultimamente bastante Vincent Neil Emerson».
Bruno: «Música moi ecléctica, pero ultimamente sobre todo a Jordan Rakei e Robert Glasper».