NOVOS LANZAMENTOS. MAIO 2025

"Caliente!", French Riviera
Os seus últimos lanzamentos semellaban estar compostos para ser a BSO de Miami Vice, ou mesmo para desfrutar mentres percorres a Costa Azul francesa nun convertible e coa melena ao vento... pero o máis recente leva o oínte directamente á pista de baile. French Riviera presenta Caliente! (Ferror Records, 2025), un novo traballo de dez cancións e dous remixes «cociñados a lume lento entre sintes e fantasías nocturnas». Composto, gravado e producido por el mesmo, o longo é unha vibrante entrega de electrofunk na que o músico e compositor galego leva a súa exploración sonora cara á elegancia atemporal do disco funk. Groove impecable, matices clásicos e un son moderno e sofisticado para bailar sen control... e rematar a noite onde menos o esperas.
"B.S.O. 2005-2025", Eladio y los Seres Queridos
Eladio y los Seres Queridos celebran dúas décadas enriba dos escenarios coa banda sonora dos seus directos. A banda viguesa lanzaba onte mesmo B.S.O. 2055-2025 (Esmerarte Industrias Creativas, 2025), unha antoloxía que reúne as cancións que formaron parte do repertorio dos seus concertos ao longo destes últimos 20 anos. Gravado ao vivo e producido polo propio Eladio Santos, o resultado é un son fresco e orgánico coa forza suficiente de trasladar o oínte a calquera das súas actuacións ao vivo. Para este homenaxe, os vigueses contaron cunhas colaboracións do máis especiais, como xa escoitabamos en ‘Medidas Desesperadas’ xunto a Depedro e ‘El Norte’ con Vega ou, no escollido como sinxelo presentación ‘Non quero perderte’, coas voces de Eva Amaral e Fillas de Cassandra. Este último tema, parte do seu Están ustedes unidos (2011) e composto orixinalmente en castelán, é xa un dos himnos do repertorio cos que máis se identifican os fans da banda.
"Slow Missiles", Nüca
Logo dunha présa de sinxelos, EP e mesmo splits, Nüca vén de lanzar a súa —esperadísima— posta de longo. O ferrolán Pablo Sáenz Carballeira publica Slow Missiles (Ferror Records, 2025), unha colección de sete «canonazos», como el mesmo define, nos que oscila entre o EBM, as polirritmias, o IDM e os breaks. Nos catro anos que pasaron desde a súa derradeira publicación, o produtor colleu impulso e redeseñou o seu proxecto para dar forma a este longo, completamente instrumental, dunha electrónica «con boa carga melódica, ritmos movidos e, sobre todo, positiva e motivacional». Compostos para ser desfrutados en directo, cada uno de los cortes representa unha emoción; desde a seriedade de ‘Must Be an Anthem’ ata os máis bailables como ‘Ging’ ou ‘Quite’. Ademais, no formato físico en vinilo —do que xa podes facer reserva— vén incluído ‘Deep Cumbia’, que forma parte da banda sonora de L'histoire de Souleymane (Boris Lojkine, 2024), filme que está a colleitar importantes premios nos festivais de cine europeos.
"A inevitable caída dos imperios", Ollo, Lóstrego!
Os cinco temas Hábitat (2022) afloraban entre partes instrumentais propias do posrock con partes vocais que se aproximaban mesmo ao metal. Agora, e logo de dous anos de traballo, Ollo, Lóstrego! afonda aínda máis no posrock, o rock progresivo e o rock alternativo en A inevitable caída dos imperios (2025), a súa última referencia. Publicado o pasado venres, o novo do cuarteto vigués presenta sete cortes que combinan o rock con voces melódicas, harmoniosas e letras reflexivas. Con este LP, Ollo, Lóstrego! pretende que o oínte emprenda unha viaxe sonora polo pasado, o presente e o futuro da especie humana a través de sete cortes que exploran erros, tropezos e malas decisións que se toman —e se tomarán— esquecendo as leccións dunha historia non sempre acertada.
"Sereno y aislado (El viaje del pirata)", Luis Mera Lucky
A mediados de maio, Luis Mera Lucky lanzaba o seu segundo traballo de estudio, Sereno y aislado (El viaje del pirata) (2025), un longo que adiantaba xa en abril coa publicación daquel dobre single que recollía “Pirata solitario” e “Única”. O cantautor compostelán entrega unha colección de once cancións que bailan entre o rock e o pop en perfecto equilibrio. Letras que falan de vivencias persoais; homenaxes a outras persoas, animais ou cousas; emocións e pensamentos universais que o intérprete e compositor ordenou de tal xeito que o oínte poida sentirse un pirata «no camiño da vida, emprendendo unha viaxe, sentíndose exactamente tal e como reflicte o título do disco: sereno e illado».
"Atlantic Connections", Mosquera Celtic Band
Hai cinco anos xa desde o seu último lanzamento, Terra (2020), un álbum que seguía a explorar os camiños do folk, pero desde outra perspectiva, que falaba de viaxes, descubrimento e, sobre todo, música. Mosquera Celtic Band volve a embarcar o oínte nunha nova viaxe, desta volta percorrendo os países que bordean o Arco Atlántico (España, Portugal, Francia, Illas Británicas, Bélxica...). A banda liderada polo gaiteiro Fernando Mosquera lanza Atlantic Connections (2025), o seu cuarto traballo de estudio e «o álbum máis celta»; un disco dobre composto de 18 pezas e un par de bonus track nos que colaboraron ata 28 músicos desde California ata Alepo (Siria), pasando por Galicia, País Vasco, Asturias ou Jartum (Sudán). Atlantic Connections conforma unha ponte entre culturas, timbres e instrumentos coa irmandade dos celtas como nexo en común. ‘Galicia eres tú’ foi a escollida como single presentación, unha canción de corte pop, fresca e actual, na que amosan o seu cariño cara á nosa terra.
"Unión das Terras. 15 Aniversario", BellónMaceiras Dúo
Cando BellónMaceiras cumpría 15 anos enriba dos escenarios decidiu publicar unha edición especial do que foi o seu primeiro álbum, Unión das Terras (2006). Para iso, publicaban Unión das Terras. 15 Aniversario, unha reedición novedosa en formato memoria USB na que incluían catro temas novos. Ademais dos 13 cortes orixinais do disco, o dúo engadía tres ao vivo versionados por BellónMaceiras Quinteto, así como unha pista inédita gravada por eles dous en 2006. Daquela, presentábase como un producto exclusivo que contaba con moi poucas unidades en formato físico, pero agora, BellónMaceiras Dúo vén de subir eses catro cortes a maiores a Spotify para desfrute de todos os seus fieis seguidores.
"Navagio", Blue Merrow
A praia de Navagio está nas illas Xónicas (Grecia), coñecida así polo naufraxio do buque mercante MV Panagiotis. Esta localización tan paradisíaca como lendaria serviu para dar título ao novo traballo de Blue Merrow, Navagio (2025), e segunda referencia na súa discografía. Composto por cinco cortes, tres de eles gravados ao vivo y dos en estudio, o EP reflicte as influencias dos grupos de finais dos sesenta e principios dos setenta, como Camel ou Purple. Blues, hard-rock e psicodelia nun disco que, ademais de dar a coñecer o seu novo baixista, David Gándara, abre camiño ao seguinte, un LP que están a rematar e teñen previsto publicar en 2026.
"Bico!!", Bico!!
Bico!! é unha banda de rock galega influenciada polas grandes bandas de rock —no sentido máis amplo do termo— dos anos 70, 80 e 90. En Bico!! Xurxo Esquío, quen está detrás do proxecto, non procura a perfección técnica nin sonora, senón o «facer música rock do século XX coas armas do século XXI». E así o reflicte no seu primeiro traballo discográfico, Bico!! (2025), un EP de seis cancións durante o pasado mes de marzo que fusiona low-fi, blues e pop. ‘Mantenimiento’ é o sinxelo presentación, un tema que trata sobre a capacidade de resistir, de manterse cun criterio propio ante as presións da contorna, de aprender a adaptarse sen perder a esencia.
🎧 Sigue a nosa lista de Singles en Spotify para estar ao día das novidades discográficas dos artistas e grupos de galiciantunes.com!
🎧 E se es dos maximalistas que o queren todo, tamén podes seguir a de Álbums cos discos completos!