GERMÁN PRIETO: «O ‘DESTINO’ DE CADA UN É VARIABLE E IMPREDECIBLE, ASÍ RESULTA O CARACTÉR DESTE DISCO»

Germán Prieto é un veterano das cordas. Os seus inicios remóntanse aos primeiros anos da década dos noventa e, cunha traxectoria impecable tanto como músico de sesión como parte doutras formacións (Los Hermanos Zapruder, Lonnegan), Prieto decide reinventarse e presentar o seu proxecto en solitario. Cancións nacidas durante o confinamento, vivencias e experiencias persoais danse a man a ritmo de pop, rock, blues ou indie nunha proposta fresca e persoal que, polo de agora, enche xa dous álbums.
Tres anos despois da publicación seu disco debut como solista, Germán Prieto lanza Destino (Xonix Records, 2025), un segundo traballo que «representa unha viaxe que, dalgún xeito, me consolida como artista en solitario».
Foto © Berto Medrano
Namorado da música desde a túa infancia, os teus inicios nesta disciplina remóntanse a principios dos anos 90. Cal foi, e como lembras, o teu primeiro contacto coa música? Que fixo que, logo de tantos anos, sigas a apostar por esta disciplina artística?
Germán Prieto: «O primeiro contacto que lembro coa música foi con un teclado Casio a finais dos 80, pero a verdade non era moito o meu rollo. Pouco despois probei a guitarra, que me gustou moitísimo máis, e aos 15 ou 16 anos xa estaba tocando en un par de grupos con amigos do instituto.
Nese momento nunca imaxinei que ía ser unha das paixóns que ía guiar a miña vida, motivo polo cal a día de hoxe sigo enfrascado no mundo da música».
Ademais de ser músico de sesión ou formar parte de proxectos como Lou Reyes & Rockin’ Corsarios o Snatch, coñecemos a Germán Prieto por estar detrás da guitarra de Los Hermanos Zapruder e Lonnegan. De que xeito dirías que estas experiencias grupais afectan, ou moldean, a túa carreira como artista en solitario?
Germán: «Afectan porque na experiencia dun músico coma min, que toca unha amálgama de estilos diferentes, me permite experimentar con cancións de texturas e sons moi diversos. Aínda que no fondo a miña carreira en solitario ten un enfoque “pop”, xa se trate de un tema cañero ou de corte suave e lento».
Por certo, sempre foi a guitarra o teu instrumento de referencia? Porque en redes vemos como tamén lle das ás teclas!
Germán: «A guitarra é, sen dúbida, o meu instrumento principal. No último ano estiven a darlle tamén aos sintetizadores, secuenciadores e caixas de ritmos, pero realmente non son “teclista” nin pianista no sentido tradicional e, de feito, algúns deses apartados nin sequera teñen teclas (o que sucede cos sintes modulares, secuenciadores ou samplers por exemplo)».
Ao fío, con cantas guitarras adoitas traballar? Se tiveras que escoller unha, cal sería e por que?
Germán: «Como toco de forma habitual en varios proxectos preciso de guitarras adecuadas para determinados sons ou estilos no seu caso. Creo que teño unhas 16 ou 17.
Para o meu proxecto en solitario, e de quedarme só con unha, elixiría unha Fender Lead II de 1979, un modelo raro que Fender fabricou de 1979 a 1982, guitarra coa que gravei a maior parte do último disco, Destino. O certo é que para a miña propia música prefiro unha guitarra que non teña un son tradicional ou convencional, como é o caso desta en concreto».
Foto © Berto Medrano
Como comentabamos, en 2020 presentas Germán Prieto, o teu proxecto en solitario; un onde te reinventas como cantante e compositor. Que propicia esta nova aventura... e canto tivo que ver a pandemia e o confinamento nesta decisión?
Germán: «A finais de 2017 xa empezara a elucubrar coa idea deste proxecto en solitario, sobre todo porque desta vez quería cantar eu mesmo as miñas cancións e non ter que depender de un cantante.
En xaneiro de 2020 decidinme por fin a escribir varias cancións e a practicar a miña voz como solista, posto que ata ese momento soamente fixera coros para outros. Pouco despois, durante o confinamento, aproveitei para escribir bastantes cancións coa axuda de Beti Piñeiro, que compuxo algunhas das letras; de aí xurdiron, entre outras, “Camiñar” e “Fábulas”, que se incluíron despois no primeiro disco, Salto al vacío.
Escribín 42 temas en total ese ano, dos cales cheguei a gravar dez no citado disco».
Ao longo da túa traxectoria, xa sexa grupal como individual, dialogas cunha variedade de xéneros (rock, pop, americana, indie, blues...) e formas de expresión, pero como describirías o teu estilo sen utilizar etiquetas? A que soa Germán Prieto?
Germán: «Gústame dicir que o meu estilo soa “elegante”, pero loxicamente queda todo ao criterio subxectivo do oínte».
Canto ás influencias, que artistas dirías que son, ou foron, claves no teu desenvolvemento artístico?
Germán: «Por non citar unha inmensidade de artistas vou destacar soamente un par de eles. Na parte guitarrística citaría a Eric Johnson, co seu estilo tan sofisticado e elegante. Polo que respecta á parte compositiva de cancións pop/rock destacaría a Ángel Stanich, que fai unhas cancións brutais con letras moi logradas».
Salto al vacío (Xonix Records, 2022) é o teu primeiro disco como Germán Prieto. O título suxire un momento de risco ou transformación... é así como o vías ti? Que representa este «salto» en termos artísticos?
Germán: «O “salto”, en efecto, representa sobre todo cantar por primeira vez as miñas propias cancións. No pasado compoñía cancións que eran cantadas por outras persoas».
Foto © Sue Rainbow
Aínda que a maioría das cancións están en castelán, escoitámoste tamén cantar en galego (“Camiñar”, “Se chove, que chova” e “A mirada azul”). Como é a escolla do idioma? Por que xustamente estas pezas son cantadas na nosa lingua?
Germán: «Esa é moi boa pregunta! O certo é que nunca penso a priori no idioma no que vou escribir a letra dunha canción. Partindo da premisa que —cando menos no meu caso— o habitual é compoñer primeiro a música e logo a letra, resulta que é a propia melodía da canción a que me suxire que idioma utilizar. En esencia, escollo o idioma que me parece que vai a soar mellor para cada tema».
Cortes como “Tu recuerdo”, “La noche llegará” ou “Fue un error” sobresaen polas súas letras melancólicas e nostálxicas, que convidan o oínte a mergullarse nun universo introspectivo. Que papel xogaron estas emocións na súa composición? Dirías que esta perspectiva máis, digamos, vulnerable é un xeito de conectar co público?
Germán: «Ao igual que pasa coa elección do idioma, o contido das letras para mi ten que ir acorde coa harmonía e melodía de cada canción; cuestión que, loxicamente, é bastante subxectiva, pero que eu procuro que non exista unha discordancia entre a melodía e a letra.
Dito o anterior, a letra resulta introspectiva porque a música, desde un punto de vista abstracto, soa para min de esa maneira. Non sabería dicir se esa é unha forma máis especial ou idónea para conectar co público».
Pola súa banda, “Fábulas” destaca pola parte instrumental final, unha brillante mestura de guitarra e sutil percusión. Como naceu esta sección? Que importancia lle das ti ao poder narrativo da música cando non hai letra que acompañe?
Germán: «Esa canción en concreto é das poucas onde se compuxo a letra antes que a música. De feito, a letra ao principio fíxose para outra canción diferente pero non encaixaba ben coa música.
Por iso compuxen unha harmonía cunha sonoridade que fixera lembrar emocións como a nostalxia, ou visualizar pasaxes idílicos e personaxes de fantasía, que é do que trata realmente a letra da canción. Isto último tentei que tamén se mostrase na parte instrumental final da canción cun son de guitarra especialmente etéreo, propiciado por un longo eco e unha densa reverb. En certo modo, a miña idea era que soara similar á banda sonora dunha película de fantasía».
Estás a presentar o teu novo traballo discográfico, Destino (Xonix Records, 2025), un longo definido como «unha viaxe musical de innovación, paixón e versatilidade». Como describirías ti esa viaxe? A que «destino» queres que chegue o oínte cando escoite o disco?
Germán: «Penso que se trata dunha viaxe que che leva desde unha experiencia sonora agradable e suave ata temas que incitan a máxima enerxía. Desde logo, o “destino” de cada persoa é variable e impredicible e así resulta o carácter deste disco».
O primeiro que escoitabamos deste álbum era “Roto por dentro”, a finais do ano pasado. Que fixo que fose este tema o escollido como sinxelo adianto?
Germán: «Ben, ese tema gravouse á parte nos estudios de Xonix Records por Lolo Arincón, o contrario que o resto do disco, que foi gravado e producido por Manu Rey. Por iso consideramos que era conveniente presentalo como primeiro sinxelo».
Como foi o proceso creativo de Destino? Foi metódico, intuitivo, deixácheste levar pola emoción...?
Germán: «Son unha persoa bastante ordenada e metódica e vou gravando, aínda que sexa co teléfono, as ideas que me van xurdindo e anotando cada canción. Pero, por outra banda (ao igual penso que a maioría da xente que fai cancións) non me poño un día e digo “vou facer unha canción desta onda” ou o que sexa. Así que vas tocando, ou cantando, e se sae unha boa idea grávoa e traballo logo nela».
Foto © Beti Piñeiro
Desde “Cenizas” a “Como el agua entre los pies” ou “Bágoas de sal”, neste traballo cargas as pezas de matices e texturas ricas e coidadosamente traballadas. De que xeito constrúes estes pequenos universos sonoros onde conflúen a sutileza melódica da música coa forza expresiva da letra?
Germán: «Como xa dixen antes, o meu obxectivo é sempre que a letra se axuste á harmonía e melodía, que nos transmite a música desde un punto de vista abstracto e instrumental. Non sei se sempre o consigo, pero cando menos tento que o “universo sonoro” sexa coherente».
Musicalmente, escoitamos unha fusión entre o acústico e o electrónico e, ultimamente, somos testemuñas de como «xogas» con diferentes sintes, pedais, loops... como chega esta exploración electrónica a ser parte das cancións?
Germán: «Neste disco hai sintes e algún artefacto raro como o famoso Stylophone, que podes escoitar no tema “Cenizas” e semella un son de sirena ou alarma nuclear. O certo é que a miña experiencia coa música electrónica é bastante recente, polo que eu non gravei persoalmente sintes en “Destino”.
Con todo, é miña intención gravar algún sinte —ou calquera máquina electrónica— nos vindeiros traballos».
Foto © Sue Rainbow
Tes pensado seguir a cruzar fronteiras sonoras? Algunha que non cruzarías?
Germán: «Gustaríame gravar no futuro cancións que teñan algún tipo de base electrónica e un son de voz máis procesado. Por outra parte, quizais grave un disco completo ou EP de blues (cousa que me piden a miúdo algúns achegados). Ao mellor, mesmo mesturo todo iso na mesma cocteleira!
Non se me ocorre ningunha fronteira sonora que non cruzaría».
Ten o “Ángel guardián” deste disco algo que ver cos “Ángeles caídos” do anterior? Non é a primeira vez que nos atopamos con algo así, así que non podemos deixar de preguntar se hai algún fío invisible que conecte ambos traballos?
Germán: «Realmente non hai conexión na letra de ambas cancións, pero bueno, quizais ao menos de forma inconsciente, saíron anxos en cada disco dun xeito ou doutro».
Volvendo á viaxe da que falabamos antes... que tipo de viaxe representa este disco para ti?
Germán: «Para min representa unha viaxe que, dalgún xeito, me consolida como artista en solitario, porque co primeiro disco sentía que non tiña repertorio “suficiente”».
Destino está producido por Manu Rey (Heredeiros da Crus, Luz Casal), ao que tamén escoitamos, por exemplo, nas baterías de “Roto por dentro”. Como foi o traballar con el neste álbum? Canto de «culpa» ten el no son do disco?
Germán: «Querería aclarar que Manu Rey gravou todas as baterías e percusión dos once temas do disco. Ademais, fixo o labor de gravar e mesturar o disco persoalmente (agás “Roto por dentro”, que foi gravado e mesturado por Lolo Arincón de Xonix Records) e tamén se ocupou da preprodución e produción polo que, evidentemente, ten bastante influencia ou “culpa” no resultado final sonoro do disco».
Foto © Berto Medrano
Ambos traballos están distribuídos por Xonix Records, selo discográfico galego independente con máis dunha década de traxectoria. Como está ser a túa experiencia xunto a eles?
Germán: «Como xa coñecía a persoalmente a Lolo Arincón de Xonix Records desde antes do primeiro disco, e o trato con el sempre foi fluído e agradable, non tiven ningún problema en “repetir” discográfica para Destino».
Polo de agora, Destino xa foi presentado ao vivo o mesmo día do seu lanzamento a principios de xuño, pero cando, e onde, poderemos volver desfrutar del en directo?
Germán: «Agora mesmo estou a preparar o que serían os bolos de salas de concertos, que normalmente se fan en inverno. Teño pechados en outubro na Sala The Trooper (Cangas) e en decembro na Sala Rebullón (Mos), pero han de confirmarse máis en breve.
Para o verán teño previsto tocar para o Concello de Sanxenxo a comezos de setembro, aínda que non está fixada a fecha exacta».
Na actualidade, que artista ou grupo galego nos recomendarías? Algún favorito que deberiamos coñecer?
Germán: «Do último que escoitei destacaría sen dúbida algunha a Zavala, que fan unha especie de pop con mestura de instrumentos orgánicos e electrónicos moi interesante».
Se abrísemos a túa conta persoal de Spotify, que escoitariamos? 100% Sinceridade, 0% Vergoña
Germán: «Nas miñas cancións favoritas gardadas en Spotify podes atopar Alizz, John Scofield, Cupido, Ángel Stanich, Veintiuno, Xoel López, Mäbu... por citar algúns».