• GALEGO
  • ESPAÑOL
  • ENGLISH
     
  noticias  

REMORA: «É MÚSICA AVENTUREIRA, QUE SE RETORCE E QUE XOGA CONSIGO MESMA»

REMORA: «É MÚSICA AVENTUREIRA, QUE SE RETORCE E QUE XOGA CONSIGO MESMA»
15 SETEMBRO 2025

Remora, proxecto do produtor galego Arón Arias, preséntase cunha electrónica persoal e arriscada, «aventureira, que se retorce consigo mesma». Logo de lanzar o seu debut, {{Citation needed}} (Redux) (2024), unha carta de presentación marcada por sons que van desde o drum and bass ao dubstep, o seu novo traballo, Cupio Dissolvi (2025), afonda nunha electrónica emocional, densa e reflexiva, onde conviven texturas melancólicas con capas frescas e viscerais vistas desde un enfoque máis introspectivo.

 

Foto © Mario Fernández Filloy

 

Arón, hai só un par de anos que Remora irrompe na escena electrónica galega, como xorde o proxecto? Con experiencia previa como produtor e DJ, que che fixo lanzar a túa carreira musical en solitario?

Remora: «Pois xa levaba un tempo producindo pola miña conta, probando, experimentando e tomando decisións sobre a dirección na cal quería levar a miña música. Se marcamos o inicio do proxecto en 2023 co lanzamento do meu primeiro EP, diría que polo menos... 5 anos.

A motivación a dar este paso de facer público o meu traballo veu de ver como a escena electrónica galega comezaba a despuntar a finais de 2022. As esperanzas que creou este período non se chegaron a cumprir, por diversos motivos, pero no meu caso foron suficientes para querer participar e formar parte do que estaba a pasar».

 

A rémora é un peixe que adoita «pegarse» a outros peixes para desprazarse; deste xeito, outra das acepcións, en sentido figurado, é «aquilo ou aquel que frea ou dificulta a realización ou o desenvolvemento dunha cousa». Por que elixir este termo para nomear o proxecto?

Remora: «A verdade é que non teño unha explicación demasiado profunda que xustifique esta elección. Estaba moi desesperado intentando buscar un nome artístico que me convencera, e decidín acudir a El libro de los seres imaginarios de Jorge Luis Borges. Nesta obra atopei á Remora (escrita sen til) que, malia non ser un animal fantástico como tal, adoita ter certos poderes especiais vinculados ao seu comportamento natural, como a capacidade de frear barcos.

E nada, basicamente entre que me parecía un nome curioso e que o animal tiña unha historia e lendas asociadas bastante particulares, acabei por escoller ese nome».

 

Es graduado en Comunicación Audiovisual, pensas que inflúe dalgún xeito a túa formación académica na túa maneira de compoñer e producir a túa propia música? Ten algo de cinemática?

Remora: «Pois si, definitivamente. Penso que existe unha forte vinculación entre a miña forma de producir e a miña, non demasiado profunda, experiencia dentro do eido do son para audiovisual. Todos os meus temas contan con son ambiente, efectos foleys e, nalgunhas ocasións, mesmo samples doutros filmes que, en conxunto, axudan a contextualizar os elementos máis puramente musicais nun entorno ou arredor dun concepto concreto».

 

Foto © Mario Fernández Filloy

 

Navegando pola rede atopamos o teu TFG, centrado no uso do sintetizador na composición musical para cine. Data de 2022, antes da creación de Remora... Serviuche, dalgunha maneira, esta investigación á hora de dar forma ao teu proxecto musical?

Remora: «Eu diría que case que ao revés. Como que o meu interese na música electrónica, en xeral, foi o que motivou e informou gran parte do proceso de elaboración dese traballo».

 

Entre as conclusións dese TFG apuntas: «o importante non é continuar esa competición de ver quen é o máis radical ou máis innovador, que xa sabemos ao que conduce, senón como podemos incorporar, aprender e deixarnos influenciar para poder crear algo que sexa propio e auténtico». É iso o que procuras con Remora?

Remora: «Pois non. Sinceramente, se a día de hoxe reflexiono máis de dous segundos sobre esa frase, non sei ata que punto estou de acordo co que se propón ou implica nela. Pero vaia, que todos evolucionamos, supoño.

O que procuro con Remora é simplemente expresar as miñas inquedanzas musicais sen ningún tipo de pretensión, obxectivo ou limitación».

 

Ao fío, como foi a túa introdución na música electrónica e que fixo que apostases por ela e o sigas a facer a día de hoxe?

Remora: «Pois probablemente foron artistas de synth pop como Depeche Mode ou OMD, que escoitaba o meu tío. Despois fun explorando aos poucos e descubrín o trip-hop, IDM, ambient e, finalmente, a través de artistas como Burial, fun comezando a comprender as particularidades da música de baile e dos seus diferentes xéneros.

A segunda parte da pregunta é algo máis complicada. Antes xa anticipei que unha das miñas principais motivacións á hora de facer o meu proxecto musical público foi externa, pero tamén sería necesario identificar o motivo que me levou a aprender a producir inicialmente. E aquí diría que foi a posibilidade de ver as miñas composicións realizadas independentemente da miña capacidade interpretativa, xa que eu son “guitarrista” (non moi bo) e ese o instrumento no que compoño.

Pero claro, moitas veces atopábame con dificultades a nivel de habilidade ou de medios para poder executar o que estaba visualizando mentalmente, de aí que en canto souben que podía transcribir as miñas composicións a MIDI e que as interpretara un ordenador con calquera son, non volvín a mirar atrás».

 

 

Canto ás túas influencias, mencionas a compañeiros de escena como Russ, Juait ou Parautas/3SX3S0. Quen máis dirías que tivo especial impacto na túa forma de entender a música?

Remora: «Primeiro de todo, teño que recoñecer que a pregunta está bastante ben dirixida. Xa que con eses exemplos que citei eu anteriormente non me estaba centrando tanto nunha inspiración sonora directa, senón nunha máis baseada en servir como referentes e exemplos a nivel de como presentarse sendo artistas electrónicos galegos.

É dicir, influencias a nivel de actitude e visión artística de forma máis xeral. Vinculado con isto e, intentando así responder á pregunta, eu diría que outra das miñas principais influencias á hora de como ver e navegar o mundo da música sería o mundo do hardcore e o underground americano dos 80/90 e, mesmo, parte dos 00. Toda a cultura DIY, así como bandas como Fugazi, Unwound, Hoover, etc.

Existe unha frase de Jacob Bannon, vocalista do grupo de hardcore Converge, que define moi ben este tipo de actitude que tanto me influíu: “We started a hardcore/punk rock band and we’ll end as hardcore band/punk rock band. There’s no ‘get ups’, no nonsense, no posing, no playing a character; it’s just four guys writing songs that are challenging. That’s it”. (Comezamos unha banda de hardcore/punk e terminaremos como unha banda de hardcore/punk rock. Non hai ‘postas en escena’, nin tonterías, nin poses, nin personaxes; só somos catro tipos que compoñen cancións desafiantes”)».

 

Na túa bio lemos como, a través da túa música, procuras «a intersección de xéneros e emocións». Como entendes ti esa intersección, como un punto de partida conceptual, algo máis enfocado ao concepto creativo...?

Remora: «Eu diría que esa intersección consiste na mestura de xéneros entre si mesmos ou con emocións que non son as habituais dentro destes. Por exemplo, no caso dun tema como “Torso”, existen distintas referencias a nivel sonoro que nos poderían levar cara ao footwork, o UK bass ou o hip-hop, pero sen chegar a encadrarnos completamente en ningún destes estilos; en parte tamén pola emoción e atmosfera creada que busca distanciarse das convencións destes xéneros».

 

 

Xa que mencionamos os xéneros, as túas composicións caerían dentro da electrónica experimental, pero, sen etiquetas, como describirías ti a túa música?

Remora: Aiiiiiiiiii a eterna pregunta. Pois non sei, diría que é música aventureira, que se retorce e que xoga consigo mesma, que experimenta pero dentro dunhas bases e que busca comunicar os meus intereses musicais da forma máis honesta posible».

 

 

 

{{Citation needed}} (Redux) (2024), reedición que parte dun traballo anterior, preséntase como «unha cápsula atemporal da intención orixinal do proxecto». Cal era esa intención e por que encadrala nesa referencia (a)temporal?

Remora: «Pois, basicamente, é unha forma de dicir que son cancións que se remontan aos inicios do proxecto e que non teñen por que representar exactamente as direccións futuras da miña música. Simplemente, que se trata dun traballo que busca capturar o meu mindset en relación a produción musical nunha etapa vital concreta».

 

A colección de cinco pezas procura os sons máis experimentais do hardcore continuum, concepto acuñado polo crítico musical Simon Reynolds, que describe a continuidade e evolución dos xéneros de música de baile xurdidos no Reino Unido dos 90. Que che chamou a atención deste concepto como para exploralo no teu primeiro disco?

Remora:«Hmmm... non é que escollera este concepto como obxecto de estudio ou algo así, senón que os estilos que compoñen o hardcore continuum son todos grandes influencias no meu traballo. De aí que en lugar de dicir drum and bass, garage, dubstep, grime, etc. decidira apelar directamente a ese termo que os engloba.

Pero vaia, que é algo máis xeral e común a todo o que fago musicalmente máis que unha cousa específica dese EP».

 

Foto © Mario Fernández Filloy 

 

Algúns deses estilos van desde o trip-hop ata o dubstep, e, malia que a túa música semella composta para a pista de baile, tamén pode desfrutarse dun xeito máis introspectivo, íntimo, non? Buscabas realmente esa complementariedade?

Remora: «Si, xusto. De feito, penso que está a funcionar mellor como música de escoita “doméstica” que propiamente como música de “clube” (cousa que tamén me gustaría cambiar, pero ese é outro tema). Pero vaia, que para min o ideal sería acadar un punto intermedio no cal poida conxugar calquera tipo de emoción ou sentimento sen ter que comprometer a funcionalidade (na pista de baile) do tema en cuestión».

 

En francés, “jeu d’esprit” vén sendo algo así como «xogo da mente», é dicir, un xogo de enxeño, unha adiviña. Escoitando o teu “Jeu d’esprit”, que elementos utilizaches para que o oínte entrase nese xogo, neste caso, musical?

Remora:«Vale, creo que eu non estaba pensando nesa acepción cando decidín utilizar ese nome.

Basicamente porque eu vira a expresión “jeu d’esprit” para referirse a cando realizas un proxecto creativo/obra moi rápido, como se fora un golpe de inspiración. Entón, utilicei esa expresión para nomear a ese tema porque o propio proceso de composición e produción foi, tamén, moi rápido».

 

 

Este EP tivo unha moi boa acollida en Bandcamp, apoiado por unha morea de perfís estatais e internacionais. Sendo o teu primeiro traballo, agardábalo?

Remora:«A ver claro, aquí habería que mencionar que iso foi, sobre todo, resultado do traballo de distribución de promos realizado polo selo discográfico que publicaba o EP, Noise Pollution Recordings. Entón, a pesar de que non tiña ningunha expectativa concreta si que sabía que ía a chegar máis xente que antes».

 

 

 

Estás a presentar o teu novo disco, Cupio Dissolvi (2025), que afonda, aínda máis, no teu territorio máis emocional e experimental. Non hai límite sonoro para Remora? Como definirías a exploración que caracteriza este álbum?

Remora:«Respecto ao do tema dos límites sonoros, xa avanzo que non [risos]. Porén, na miña opinión Cupio Dissolvi non é tan diferente do EP anterior, ao tratarse do mesmo tipo de proposta, pero explorada a través doutras perspectivas».

 

“Cupio dissolvi” provén do latín e evoca un «desexo de disiparse» ou «disolverse». Que significado persoal ou emocional querías transmitir coa elección deste título?

Remora:«Realmente o que interesaba de empregar “cupio dissolvi” era o concepto en si, en abstracto. É dicir, que non é que estivera conectado cun sentimento persoal concreto, senón que foi máis un xeito de imprimir sobre o EP un sentimento melancólico/existencialista pero de forma máis xeral».

 

O sinxelo adianto, “Ignis Fatiis” (lume fatuo), equilibra unhas partes de enerxía implacable con outras onde semellan aflorar as emocións. Aínda que o título fai referencia o fenómeno de luces pálidas que aparecen reflectidas en pantanos, tamén se consideran «almas errantes» no imaxinario popular. Como dialoga este elemento simbólico con eses contrastes de enerxía e emocións no desenvolvemento do tema?

Remora:Pois nin idea [risos]. É que simplemente escollín ese nome porque me gustaba como soaba e porque quería seguir a liña de ter todos os títulos do EP en latín, así que creo que non podo engadir moito máis respecto a este tema».

 

 

Lemos que Cupio Dissolvi é o resultado dun ano de traballo. Como foi o seu proceso creativo? Partías de ritmos experimentais, texturas sonoras, sensacións...?

Remora:«A ver, realmente esa frase foi escrita por un dos responsables da discográfica que lanzaba o EP, Noise Pollution Recordings, e ao que se refire é que o proceso de preparación do lanzamento durou un ano.

É dicir, eu enviei eses tracks en... 2024? —igual segunda metade de 2023, xa non me lembro— pero todo o proceso de planificación se estendeu ao longo dun ano».

 

Foto © Mario Fernández Filloy

 

Con “I Want to Dissolve” como primeira pista... sentes que o contido emocional do álbum resoa co contexto actual? É dicir, pode o oínte vincular esa tensión que escoitamos na peza, que mesmo semella rachar, ao momento social que estamos a vivir?

Remora: «Entendo que estaríamos a falar de Cupio Dissolvi, non? O primeiro track do EP, vaia.

Pois no caso da primeira pregunta, pode ser. Resulta bastante difícil non verse afectado polo que estea pasando no mundo, especialmente se resulta tan disruptivo como é actualmente. Porén, non creo que exista unha vinculación tan directa coa realidade no caso deste tema, porque a influencia foi algo máis ficticia (?). Quero dicir, que a idea inicial era a de facer un tema de breakbeat pero cun ton dramático, gótico e algo inquietante, co filme Hellraiser como principal inspiración, polo que igual esa tensión vén de aí».

 

 

Que técnicas ou ferramentas foron cruciais na creación das capas e texturas do álbum? Por exemplo, recorriches á síntese modular, sampling... partiches dun enfoque híbrido analóxicodixital?

Remora:«Todo dixital; traballo exclusivamente con ordenador. No relativo ás texturas xa non me lembro especificamente, pero diría que foron maioritariamente samples ou field recordings feitos por min».

 

E, xa que estamos: cal é o teu set-up? Cambia de estudio a escenario?

Remora: «Moi simple, un ordenador e xa está. Non utilizo ningún tipo de hardware, como xa expliquei antes, basicamente porque non teño diñeiro [risos]. Tampouco fago lives, así que a nivel de directos só podería falar de pinchar e, nese caso, o material depende do evento ou local que organice».

 

 

Este ano escoitámoste tamén en ARDĒN (FOLĪA REMIX) de Mondra e Club A Noite (REMIX) de Carabela. Como xurdiron estas colaboracións? Se tiveras a oportunidade, a que outro artista ou grupo galego che gustaría remesturar?

Remora: «Pois no caso de Carabela foi algo bastante orgánico, xurdiu a partir de coincidir con eles en diferentes sitios e de conversas máis ou menos informais que acabaron por cristalizarse nese remix. No caso de Mondra, entrei no proxecto gracias a unha recomendación de Russ, que tamén participou facendo dous remixes.

E se puidera escoller un artista/grupo galego ao cal facerlle un remix, pois, sen dúbida ningunha, escollería Mel. Basicamente porque me encantaría poder traballar con todos eses sons de marimbas/vibráfonos/etc. que constrúen o corpo dos seus temas».

 

Como artista e produtor galego, como ves a escena electrónica local en medio do momento creativo que vive Galicia actualmente?

Remora:«Na miña opinión, a escena electrónica local en Galicia, como xa anticipaba anteriormente e como xa comentaron outros artistas noutras ocasións, non se atopa nun bo momento, basicamente pola falta de espazos e facilidades para poder levar a cabo unha programación máis ou menos regular deste tipo de propostas. É dicir, que existe unha enorme cantidade de talento, pero non hai onde amosalo ao público.

É unha problemática bastante complexa e tampouco existe unha solución inmediata, pero, xusto por iso, seguimos necesitando chamar a atención cara a esta problemática se realmente queremos que cambie».

 

Foto © Mario Fernández Filloy

 

Como son os concertos de Remora? Cando, e onde, poderemos desfrutar da túa música ao vivo?

Remora:«Pois como dicía antes, non existen concertos de Remora, actualmente. Polo de agora, a miña proposta en directo limítase a pinchar e, agora mesmo, non teño ningunha data confirmada para un futuro próximo así que, moi ao meu pesar, non podo achegar moita máis información neste ámbito».

 

Na actualidade, que artista ou grupo galego nos recomendarías? Algún favorito que deberiamos coñecer?

Remora:«Hmmm... hai bastantes, pero por intentar centrarme nun exemplo concreto, diría definitivamente Subkut, que na miña opinión é dos produtores máis interesantes, e menos recoñecidos, de Galicia actualmente».

 

Se abrísemos a túa conta persoal de Spotify, que escoitariamos? 100% Sinceridade, 0% Vergoña

Remora:«Pois nada demasiado sorprendente, creo. Bastante variedade de estilos e artistas, pero tampouco extraordinariamente afastados do que son as miñas producións.

Por exemplo, ultimamente estiven revisitando algúns dos discos máis drone de Boris, a banda xaponesa de sludge/stoner metal, que, malia pertencer a outro xénero completamente distinto, tamén se trata de música especialmente centrada no traballo de texturas e ambientes».

 

  noticias