ALIJOSS: «A MIÑA MÚSICA SOA A ESPERANZA, PERO CON MOITO DRAMA»

ALIJOSS é o proxecto musical de Alicia Arrieta, artista galega de raíces cubanas e vascas que leva rodeada de música desde nena. A súa paixón por xéneros como o jazz, o R&B e o gospel levouna a pasar polo Seminario de Jazz de Pontevedra, unha experiencia que, sen querelo, iniciaba a súa traxectoria. Agora, un par de anos despois do seu debut discográfico, ALIJOSS publica RESACÓN EMOCIONAL (2025), álbum que afonda na súa procura dunha sonoridade única, fusionando as súas influencias cunha exploración emocional que dá lugar a un traballo introspectivo e experimental, cargado de matices.
Detrás de ALIJOSS está Alicia Arrieta, artista galega de pai cubano e nai galega-vasca, mergullada desde hai anos na procura do seu propio son. Como xorde o proxecto?
ALIJOSS: «Este proxecto xorde de sempre estar envolta e mergullada no mundo de YouTube non? E de atopar artistas e cantantes, dos que sempre buscaba a súa historia, líame a biografía enteira, a data, a descendencia... é dicir a Wikipedia líama enteira. E dixen, guau, gustaríame ter un nome artístico. Alicia Arrieta é precioso, Alicia Josebe Arrieta Lino é o meu nome completo. Pero quería que fose algo especial. E despois de darlle moitas voltas e buscar moitos nomes, apareceu ALIJOSS, que xorde dos meus dous primeiros nomes».
Afirmas que a túa atracción pola arte e a música vén desde pequena, cal foi, e como lembras, o teu primeiro contacto coa música?
ALIJOSS: «Recordo toda a miña infancia chea de música a verdade. A miña nai sempre conta que cando o meu pai chegou de Cuba se encargou el de coidarme e que volvendo do traballo sempre escoitaba de lonxe algo de salsa, boleros, música americana, hip-hop, música disco do momento, tipo Earth, Wind & Fire.
Pouco despois xa teño o recordo de estar na escola de música en “música e movemento”. Penso que os meus primeiros recordos son eses, porque desde sempre amei a música, o bailar e todo o que me fai sentir».
Durante a túa adolescencia tiveches a oportunidade de asistir ao Seminario de Jazz de Pontevedra, con clases impartidas por Paco Charlín e Abe Rábade. Como lembras a experiencia e que supuxo para a túa carreira musical?
ALIJOSS: «O recordo que teño desa experiencia é enriquecedora, tiven a oportunidade de cantar e aprender con dous grandes do mundo do jazz en Galicia e penso que foi un gran privilexio. Comecei no seminario con tan só 15 anos sendo a máis nova e foi un xeito de ir madurando aos poucos no escenario e ir deixando os medos e inseguridades atrás e atreverme con todo.
Para a miña carreira supuxo darlle máis valor á música porque é o que che fai sentir todo o tempo, esteas no estado de ánimo que esteas, e iso faime sentirme viva».
Como artista galega con raíces cubanas e vascas, e tendo en conta o folclore tan rico das culturas de Galicia, Cuba e Euskadi, inflúen estas, dalgún modo, na música de ALIJOSS?
ALIJOSS: «Sendo honesta, non sei se realmente me inflúen ou non me inflúen, pero si me definen realmente porque escoito todo tipo de música. E a verdade é que, despois de viaxar a Cuba e ao País Vasco, non vou dicir que quedo con as miñas raíces cubanas, pero a raíz cubana é algo moi interesante de ver e de investigar porque é preciosa, igual que a galega.
Pero como digo, a música guíame a nivel do meu estado de ánimo; entón, depende de como estea, podo chegar a facer unha salsa, unha bachata, de súpeto un soul, un blues, un R&B, ou o que sexa».
As túas composicións caerían dentro do jazz, R&B e gospel, estilos que, aínda con adeptos na nosa terra, non son tan habituais. Que che fixo apostar por eles?
ALIJOSS: «Cando era pequena, unha das cousas nas que me fixei sempre (obviamente) e nas que destacaba era que todo o mundo do meu arredor era branco e eu era negra. Entón, cando miraba películas na tele que vía de casualidade, dentro das casualidades, os protagonistas eran negros, como en Sister Act 1 e 2 ou A muller do predicador, O gardacostas etc. eran as miñas películas favoritas porque as miraba e sentíame identificada con esa música, ese estilo, esa maneira de cantar, como se expresaban, a paixón que tiñan ao cantar... É algo que me custa explicar porque é unha conexión que sentín desde sempre cara ao gospel, jazz, R&B, blues, soul...».
Ao fío, e sen etiqueta ningunha, como describirías ti a túa música? A que soa ALIJOSS?
ALIJOSS: «Penso que esta pregunta é unha das que máis me está custando responder, porque ás veces creo que nin eu se como describiría a miña música, pero para min é un espazo seguro.
Describiría a miña música como un espazo seguro onde sinto que hai amor, hai agarimo, medo, inseguridade, tristeza, desamor, medo a querer, medo a que che queiran, querer ben, sen prexuízos, sen xulgar pero abrigo todo con amor. ALIJOSS soa a esperanza pero con moito drama».
Que artistas ou grupos consideras que influíron, ou inflúen, na túa maneira de compoñer?
ALIJOSS: «Inflúeme moito o estado de ánimo e como estea eu á hora de escribir ou compoñer.
A nivel de artista, custaríame máis definir ou ter que dicir a alguén porque escoito moita variedade e, ao final, o estar a escoitar moitas cancións de moitos tipos de música exprésase totalmente diferente e vou collendo de diferentes lados. Pero podería dicir que me influíron moito Roy Borland, H.E.R., Amy Winehouse... pero hai moitos moitos máis artistas».
Unha das primeiras cancións que escoitabamos de ti foi “volver empezar”, composta, segundo lemos, «no momento máis escuro da miña vida» durante e despois do confinamento. Daquela, consideraches a música como o teu «espazo seguro», un lugar ao que acudir para coller a forza suficiente para seguir adiante?
ALIJOSS: «A verdade é que si. O momento no que escribín e terminei “volver empezar” foi un momento no que fun consciente de que tiña moita ansiedade; estaba nun pico moi grave e estaba a entrar nunha parte moi escura dentro de min que non me gustaba nada.
Grazas a “volver empezar” puiden conectar co meu eu máis escuro, falar con el e dicir: que é o que che fai virche arriba, tía, e que che fai feliz neste momento? E para min eran as postas de sol, as cores e as nubes. Agarreime a iso, a que era e é o meu espazo seguro e cada vez que estou triste é o que fago: dar un paseo en bicicleta e deixarme levar».
Esta canción é unha das catro que recolles no teu primeiro EP, NUBE (2023), un traballo que, xa mesmo no título, ofrece ao oínte a posibilidade de «flotar» ao escoitalo. Era esta a intención? Como plasmaches no tema esa atmosfera de ingravidez?
ALIJOSS: «Realmente NUBE é un inicio e un primeiro plano de que sentimentos/emociones son capaz de analizar para poder expresarme á hora de cantar ou á hora de querer escribir para poder sacar algún tema. NUBE para min é estar en tal caos de emocións que non sabes por onde collelas, para darte de conta de que tes que sentir e expresar para poder comunicarte, para que a xente poida sentirte e saber que che pasa.
A verdade é que non se se me estou a expresar ben, pero o querer escoitar esas emocións para poder sentarte, aclaralas e seguir adiante; é como flotar nunha nube e deixarche fluír».
“intro·sabía” canta ao desamor en primeira persoa, mentres “my love” parece facelo desde unha perspectiva allea... cun final agridoce. Respecto á inspiración á hora de compoñer, canto teñen as túas cancións de autobiográfico?
ALIJOSS: «Todo. Describiríame como unha persoa que sente moito e que sente moi intensamente as cousas e, ás veces, creo que iso me prexudica á hora despois de querer expresarme porque me levo tantos chascos e tantos “nons” ou tantos rexeitamentos, que iso o único que me fai querer facer é expresalo á hora de escribilo.
Todas as miñas cancións son autobiográficas. Non só falo de amor a nivel relaciones, senón tamén de amor de amizade».
En “mírame” o tema do (des)amor segue a estar presente, dirías que é este, o amor en todas as súas versións e perspectivas, o fío que enlaza as catro cancións do álbum?
ALIJOSS: «“Mírame” podería dicir que si que é como unha ponte que enlaza ao que pode chegar a ir despois. Porque ao final, o amor, o desamor ou o que che guste alguén ten que ver coas miradas ou en como mires á persoa, non? De verdade.
Penso que os ollos din moito. E isto quere dicir que, aínda que me mires e me poñas olliños, (ou haxa intencións varias) non vou pasar polo feito de ter que estar a agadar sempre un feedback. E obviamente, pois, como di a canción, vai sobre ti. Quérote, pero non me importa».
Hai cousa dun ano volvías á carga con “tú y yo”, unha oda á amizade, que nacía en xullo de 2024 e vía a luz en setembro dese mesmo ano. Ti mesma dicías que era a primeira vez «que gravo algo tan rápido e o saco; son moi indecisa e lle dou moitas voltas a todo». Es moi perfeccionista? Que fixo que con esta peza sentises a necesidade de compartila tan pronto?
ALIJOSS: «Cando escribo algo tan rápido é porque o sinto totalmente de verdade, e quizais sexa algo que xa puiden superar. Por iso escribín tan rápido este tema e o saquei, porque tiña a necesidade de sentirme libre á hora de escribir e sacar “tú y yo”, porque ao final é un tema que poderías dedicar a esa persoa coa que che gustaría bailar toda a túa vida, aínda que non estivésedes destinadas a bailar, pero si a pasar tempo xuntos».
“la roca de siempre” puña a primeira pedra, nunca mellor dito, do que sería o teu próximo disco, do que falaremos agora; «a primeira de moitas», dicías. Pero, por que escoller esta en concreto para comezar a «construír» o teu novo universo sonoro?
ALIJOSS: «Hai algo mellor que estar na túa roca de sempre? Eu creo que non, a verdade. Para min, esa roca é onde vou sempre de paseo, onde me sinto en calma. É un sitio especial; un lugar onde che guste sentarte, pasar tempo contigo mesma (ou con quen sexa), pero que che traia recordos, que che traia momentos.
A roca de sempre é un lugar onde dá igual o que pase que, cando vaias a ese sitio, sempre vai estar todo igual, vas sentir esa calma e esa tranquilidade. Penso que todo o mundo debería ter a súa “roca”, o seu espazo seguro».
RESACÓN EMOCIONAL (2025) é ese novo álbum que comentabamos e unha das primeiras liñas que utilizaches para describilo foi: «para min, o máis especial de todos». Por que? Que fai que este traballo sexa o máis especial para ti?
ALIJOSS: «Para min este traballo é o máis especial realmente porque RESACÓN EMOCIONAL capta moitos sentimentos meus de aquí a catro ou cinco anos atrás, os cales nunca fun capaz de expresar, comentar ou dicir en alto.
Entón, o poder expresar realmente o que quería expresar e soltar o que quería soltar con sinceridade e con honestidade cara á miña persoa é o que fai que sexa especial».
O título suxire, digamos, un desaxuste emocional; trataches de replicar esa inestabilidade dalgún xeito ao longo do disco? De ser así, como?
ALIJOSS: «Como comentei anteriormente, cústame moito expresar e plasmar un sentimento se non son consciente totalmente diso ou non o superei. Entón, o nome realmente de RESACÓN EMOCIONAL vén de que ao escoitar todas estas cancións che removan emocións que che leven a lembranzas de persoas que xa non están na túa vida; isto fai que realmente sexa unha resaca emocional moi dura, porque lembras que esas persoas xa non están contigo e iso doe».
“Alone”, xunto con “se acabó” ou “y qué pasó”, transmiten un aire nostálxico, mentres que “no me escondo” e “un futuro contigo” amosan unha cara máis optimista. Esta montaña rusa de sentimentos é froito desa resaca do fala o título?
ALIJOSS: «Totalmente. “alone”, “se acabó” e “y qué pasó” son para min os temas máis duros do disco e iso fai que sexa a parte máis dramática e nostálxica. Con todo, “non me escondo” e “un futuro contigo” amosan a parte de esperanza de querer volver sentir, amar sen rodeos e sen prexuízos... Tamén mostran o sentir por alguén que non sente o mesmo que ti, pero que non pasa nada, é un simple tren».
Abres con “alone”, un tema composto integramente en inglés, moi próximo ao blues e cunha forte presenza de piano. Agás un par de versos en “my love”, do teu anterior disco, non cantaras antes neste idioma. Por que este cambio e por que agora?
ALIJOSS: «Realmente, se comezamos desde un principio, eu sempre cantei jazz, gospel, blues, e toda esa música está en inglés, entón sempre me expresei en inglés ata que un día lle din valor a querer expresarme en castelán, xa que era o meu idioma principal, e atreverme a cantar en castelán. Custoume dar o paso porque sentía que as letras eran máis directas e a min dábame medo expresarme.
Este tema tíñao escrito desde 2020, que foi cando quedamos encerrados en casa pola COVID-19; unha corentena soa fixo que saíse “alone”».
Os sete cortes do disco conforman «un conxunto de lembranzas, momentos, persoas, amizades e corazóns rotos». Como foi o proceso creativo do álbum? Consideráchelo unha maneira de poñer «en orde» esas vivencias?
ALIJOSS: «Considero que ter a oportunidade de poder expresar e plasmar os teus sentimentos é un xeito de superar e poñer en orde as vivencias vividas e poder seguir cara a adiante».
A túa voz funciona como un instrumento máis no álbum, integrándose coas capas sonoras. Dáslle moitas voltas á hora de definir como interpretarás cada un dos temas?
ALIJOSS: «Sempre que comezo a compoñer unha canción e escribo as primeiras estrofas, tento darlle a vibra, o son ou a interpretación que me gustaría. E, a medida que pasa o tempo e vou compoñendo, vou perfeccionando de moitas maneiras. Entón, si podería dicir que son perfeccionista nese sentido, pero tamén ás veces déixome levar pola emoción».
A produción de RESACÓN EMOCIONAL estivo a cargo de Santervás; que dirías que achegou ao son do disco? Como foi a traballar con el?
ALIJOSS: «O traballar con Miguel, (Santervás), foi unha experiencia moi bonita e moi enriquecedora, porque somos da mesma vila e nos coñeciamos de vista, pero ao final sempre xulgas ás persoas polo que ves. O traballar con el en todo o disco requiriu que me abrise a nivel persoal para poder expresarme de tal xeito que el tamén sentise, e así plasmalo na composición da mellor maneira. Así que diría que foi fácil, bonito, divertido, foron unhas sesións de estudo moi honestas, moi sinceras que volvería repetir encantada».
Desde aquela primeira “la roca de siempre”, o disco vén apoiado por uns visuais centrados... en cadeiras; de feito, a portada mesmo es ti sentada no medio dun círculo feito por cadeiras (coa praia de Nerga como fondo). Por que as cadeiras? Que significado teñen e como se relacionan co contido de RESACÓN EMOCIONAL?
ALIJOSS: «Todo comeza en NUBE, onde hai catro escaleiras que se apoian nunha nube e enriba desa nube hai unha cadeira. Esas catro escaleiras son esas catro emociones principais, as cales identifico e non se como expresar.
Unha vez escribo todo iso e paso todo o proceso, comezo a subir as escaleiras e me apoio na nube e decido sentarme na cadeira. Iso quere dicir que quero ser máis clara cos meus sentimentos e co que quero expresar; analizo o que me pasa para poder ir mellorando aos poucos.
Unha vez séntome, analizo a miña vida e decido escribir sete temas para poder soltar e sentirme menos pesada. Eses sete temas son sete cadeiras, que son diferentes persoas, diferentes vivencias e diferentes recordos que teño. E como cada cadeira é diferente, é porque cada sentimento e cada emoción é diferente e se sente cunha comodidade ou con outra comodidade, ou cunha cor, ou cunha estética. E iso é o que quixen expresar coas cadeiras. Sete emociones, sete recordos, sete diferencias. As cales observo desde o chan porque realmente non necesito ter esa cadeira para poder sentirme e aclararme, senón só observala e lembrar».
A principios de agosto compartías escenario con silee, Planeta Marte e Läcón Sin Jrelos no Informal Fest de Bueu. Cando, e onde, poderemos volver desfrutar da túa música ao vivo?
ALIJOSS: «Pois agardo que podamos gozar dun concerto prontopronto; agora mesmo estou a buscar músicos para poder facer un concerto coa posibilidade de gozar da música en directo».
Na actualidade, que artista ou grupo galego nos recomendarías? Algún favorito que deberiamos coñecer?
ALIJOSS: «Sendo totalmente sincera e honesta, escoito moi pouca música en galego —gustaríame consumir moitísimo máis— pero se tivese que dicir a alguén, recomendaría aos meus artistas locais Sara Gimeno, Läcón, Santervás, silee...».
Se abrísemos a túa conta persoal de Spotify, que escoitariamos? 100% Sinceridade, 0% Vergoña
ALIJOSS: «De todo! Desde Raie a Bad Bunny, poderiamos pasar tamén por unha Amy Winehouse, H.E.R., Olivia Dean, Billie Eilish, Ela Fitzgerald, Aretha Franklin, Menos é Máis, Mariña Reche, Rosana, Debbie, Mac Miller... pero agora mesmo estou obsesionada con The Runarounds».