• GALEGO
  • ESPAÑOL
  • ENGLISH
     
izq noticias  

LUIS ÁLVAREZ: «O PIANO OFRÉCEME UNHA PROXIMIDADE COMPLETA Á MÚSICA»

LUIS ÁLVAREZ: «O PIANO OFRÉCEME UNHA PROXIMIDADE COMPLETA Á MÚSICA»
29 SETEMBRO 2025

Desde Lugo ata A Coruña pasando por Londres, onde realizou un mestrado en Composición para Cinema no Royal College of Music, Luis Álvarez asina obras marcadas pola sensibilidade, a experimentación e unha profunda conexión coa imaxe e a natureza; composicións que transitan con naturalidade entre o minimalismo, a electrónica ambiental e a emoción narrativa. O compositor, produtor musical e pianista lucense deixou pegada en numerosos proxectos audiovisuais, ademais de ter unha ampla discografía composta por varias decenas de sinxelos. Luis constrúe universos sonoros onde cada nota parece falar en susurros; as súas pezas non só acompañan imaxes: expándenas, transfórmanas ata crear a banda sonora perfecta para, como el di, «para ver pasar o tempo de forma presente».

 

 

Lucense afincado na Coruña, comezas a estudar piano desde ben pequeno. Como lembras os teus inicios no mundo da música... e que dirías que che fixo quedar a vivir nela (e dela)?

Luis Álvarez: «Lembro os meus comezos con agarimo porque foi unha etapa na que constantemente aprendía algo novo e na que tamén fixen moitos amigos, algúns dos cales aínda son achegados na actualidade.

Diría que o que me fixo quedarme no mundo da música foi iso mesmo, a sensación de estar sempre en constante aprendizaxe. Descubrir novas linguaxes, novos estilos, novas formas de facela... así como a conexión que estableces con outras persoas cando tes a música como elemento común».

 

Musicalmente como describirías o piano? Sempre tiveches preferencia por este instrumento?

Luis: «Persoalmente, o piano ofréceme unha proximidade completa á música. É un instrumento no que podes facer infinidade de sons e texturas, cun rango amplísimo, e iso para min é unha vantaxe enorme con respecto a outros instrumentos.

E si, sempre tiven preferencia polo piano, aínda que tamén desfruto moito con outros instrumentos como as guitarras ou o baixo».

 

 

Logo de finalizar os teus estudios de composición no Conservatorio Superior de Música da Coruña, marchas a estudar o mestrado de Composición para Cine no Royal College of Music de Londres. Que che fixo centrarte no cinema? Ademais do estritamente musical, que aprendizaxes levas no peto desta época?

Luis: «Desde pequeno gustoume moito o cinema e, especialmente, as bandas sonoras. A capacidade que ten a música nunha película de levantar ou afundir unha escena, de facer spoilers de maneira discreta, de resaltar as emocións... foi algo que sempre me chamou moito a atención. O que me fixo centrarme no cinema foi que, polo xeral, cada película traballa un universo musical propio e iso permite traballar ideas novas, procesos novos, e texturas novas. Toda esa novidade, así como a capacidade de traballar en xéneros e estilos distintos, foi o que máis me fixo centrarme no cinema como medio.

Da miña etapa en Londres lévome a noción de que hai moitísimos tipos de vidas diferentes. Nun mundo no que é moi fácil centrarse no “eu”, o choque cultural e social de Londres fíxome darme de conta de forma profunda de que somos seres individuais, cunha bagaxe propia que moldea o noso ser, pero que aínda así vivimos todos interconectados dun xeito ou doutro. E penso que coidar esa interconexión é moi importante».

 

 

Quen dirías que son os teus artistas, ou compositores, de referencia?

Luis: «Esta é unha pregunta difícil, porque non me gusta cinguirme a ningún xénero ou compositor. Penso que o que mellor me funciona é estar aberto a calquera tipo de música que poida escoitar, porque de todas podo sacar algo que levar ao meu campo e que sirva para facer evolucionar a miña propia música».

 

Marcas como KFC, ONCE, Olistic, Lotería de Navidad, Alvalle ou Cruz Vermella presentáronse en campañas publicitarias coa túa música. Como é trasladar, e manter, a identidade e o espírito dunha marca a, poñamos, vinte segundos de música instrumental?

Luis: «Este é un mundo bastante distinto ao da música para cinema ou ao da música “pura”. É un traballo de equipo por parte de produtoras, axencias, clientes... así que non recae unicamente sobre min trasladar a identidade da marca a un spot de 20 segundos; xeralmente existe un traballo creativo común.

O que cambia moito son as datas de entrega e os timings; é un traballo moitísimo máis frenético que o cinema, pero tamén é divertido porque ás veces te saca do que podes estar acostumado a facer e propón retos moi interesantes».

 

 

Botando unha ollada ao teu perfil en IMDb apareces acreditado nunha presa de curtas e series. Centrándonos na parte compositiva, porque tamén atopamos algún crédito como produtor e arranxista, como abordas a creación dunha banda sonora?

Luis: «Desde a miña experiencia persoal, sempre hai unha conversa co director ou coa directora na que se fala do que require a produción desde o punto de vista do guión, dos ambientes, dos e das personaxes, ou das escenas mesmas. Logo hai, xeralmente, un proceso creativo de conversación no que se envían probas e se traballa unha paleta de cores sonoras e se reciben críticas ao respecto.

Cando se chega ao que o director ou directora buscaba nun primeiro momento, comeza o traballo habitualmente sobre unha montaxe medio cerrada, no que se ve se realmente se ese traballo previo funciona. A partir de aí son horas de traballo buscando musicalmente o que mellor lle funcione á produción».

 

 

Ao fío, canta liberdade de elección dirías que tes á hora de compoñer a música para unha obra audiovisual? Que tipo de indicacións adoitan darche os directores?

Luis: «Depende. Hai obras que requiren un estilo concreto constantemente, o cal limita bastante a liberdade creativa, aínda que se poida traballar libremente dentro dunhas marxes; outras permiten liberdade absoluta. É un traballo que tamén ten a súa complicación, porque non estar delimitado ás veces é un límite en si mesmo.

A maioría das veces os directores e as directoras escriben, dirixen, e montan sobre o que se chama temp tracks, que son músicas preexistentes que eles ou elas senten que encaixan ben. Moitas veces as indicacións veñen dadas en base a esas referencias e tes que manobrar en consecuencia».

 

 

Xa que o comentabamos, ademais de compositor (e pianista) tamén es produtor musical. Como se ve o traballo desde a outra cara da moeda? No teu caso, de que xeito se retroalimentan ambas facetas?

Luis: «Eu non penso que sexan dúas caras da moeda, penso que son ámbitos similares malia ás súas diferencias. No meu caso, a liberdade que teño como compositor me permite saír dos marcos tradicionais do rol de produtor e buscar cousas que xeralmente romperían coa idea orixinal que se ten dunha canción. O que logo pode —ou non— facer que se chegue a territorios musicais novos aos que orixinalmente non se tería chegado».

 

Hai uns anos afirmabas que «o Luis de Spotify non é o Luis do cine», que diferencias, e similitudes, destacarías entre ambos? A día de hoxe, segue a ser así?

Luis: «O “Luis de Spotify” é 100% libre porque non responde ante ninguén máis que ante si mesmo. O “Luis de cine” ten que responder ante unha serie de persoas e de filtros, así que está máis delimitado».

 

As túas composicións destacan por unha equilibrada mestura de ambient, minimal e, ás veces, electrónica, pero, sen cinguirnos a etiquetas, como describirías ti a túa música?

Luis: «É música para ver pasar o tempo de forma presente».

 

 

Que papel lle das á improvisación á hora de compoñer? Neste aspecto, tes (ou che autoimpós) algún límite cando sentas fronte ao teclado?

Luis: «O 99% das miñas obras parten da improvisación, así que o papel é central. Non me autoimpoño nada cando sento no piano, simplemente estou alí».

 

As túas composicións sitúan como figura central o piano, incorporando moitas veces sons da propia interpretación (como os característicos ruídos do seu mecanismo) e efectos para enriquecelo, creando texturas... Con que tipo de piano traballas e como é ese proceso de «transformación» do seu son?

Luis: «A maioría das veces traballo co piano de parede da casa dos meus pais, que foi o piano onde estudei toda a miña vida. É un Petrof fantástico, con moitísimo corpo e contido harmónico no seu son.

Cando traballo facendo música de piano só, adoito referenciar o son da corrente máis “neoclásica” actual. Uso continuo do pedal de sordina, microfonía moi próxima, e interpretación moi suave. Despois, a mestura dese son é un proceso en si mesmo, porque hai que controlar bastantes parámetros e cada tema require o seu propio proceso. Non hai dous temas iguais».

 

 

 

Para The Journey (Sonder House, 2020) contaches cos talentos do compositor canadense Jesse Brown e da pianista e compositora española Marta Cascales Alimbau. Tendo en conta que este EP de tres cancións se publicou en pleno confinamento (abril de 2020)... como xorde este traballo conxunto?

Luis: «Coñecín o traballo de Jesse Brown e de Marta Cascales-Alimbau a través das compilacións de piano que Sonder House sacaba, e sempre me pareceu que tiñan un nivel musical moi alto e unha riqueza propia.

Comezamos a traballar no EP, se lembro correctamente, a finais do 2019, e foi unha conversa que mantivemos durante un par de meses».

 

 

 

 

A peza The Morning Room (2022) está inspirada nos «momentos tranquilos que pasei nunha habitación iluminada polo sol durante a miña estadía en Londres». Como lembras materializar esta experiencia? É dicir, como pasa esa sensación de serenidade a se converter en música?

Luis: «Penso que isto ten que ver co concepto que comentaba antes de que vexo a miña música como música para ver pasar o tempo. Lembro estar naquela habitación e ter unha sensación de estar completamente presente no aquí e no agora. Despois senteime no piano e volvín a aquela habitación e improvisei ata que xurdiron as primeiras ideas que deron forma a ese tema».

 

 

 

 

Mesospheric (Sonder House, 2023) recolle tres cortes inspirados no ambient minimalista da costa este de EE.UU. e do norte de Europa, pero tamén remite ás túas raíces máis clásicas. Como equilibraches esta fusión de estilos tan, digamos, xeograficamente diversos?

Luis: «Mesospheric presenta reworks ou reconstrucións de temas xa existentes. Simplemente collín fragmentos dos temas orixinais e empregueinos como células xeradoras de ideas dentro deses estilos ambientais. Foi como integralos noutro ámbito».

 

 

Describías este EP como «unha carta de amor desde Galicia á música ambient». Maniféstase a nosa terra na sonoridade deste álbum? De ser así, como?

Luis: «Aínda que hai auténticos talentos incribles aquí, non hai tanta xente en Galicia facendo música ambiental como noutros sitios. Desde o meu punto de vista, hai algo da idea idiosincrática da vida tranquila galega na música ambient que fago, e penso que así é como se manifesta».

 

 

“Nube”, “Hikari”, (luz ou chispa en xaponés), “Anemos” (vento en grego)... son os títulos dalgunhas das túas pezas; uns termos que remiten a elementos naturais e, ademais, en linguas diferentes. Que papel xoga a natureza, tamén representada nalgunhas portadas, no teu imaxinario sonoro?

Luis: «Eu crecín nunha cidade, así que a natureza é un sitio de tranquilidade para min. Desa forma, está estritamente interconectada coas sensacións que busco transmitir cando escribo».

 

 

 

 

 

En i blinked, tamén de 2025, colaboras cos estadounidenses The Field Tapes (Kyle McEvoy) e wowflower (Kyle-Torr Brown) en tres temas máis chill out. Como naceu esta colaboración e como se foron desenvolvendo estes temas a tres bandas?

Luis: «Kyle McEvoy leva a discográfica coa que levo moito tempo traballando, Sonder House. Xa tiñamos colaborado en ocasións previas a través doutros proxectos e descubriume a wowflower hai un par de anos a través de temas propios.

Falando con wowflower fascinoume o seu achegamento á música; o seu dogma de “escribir tanta música como sexa posible e sacala toda fóra” chocaba frontalmente co meu perfeccionismo, e animoume moito a deixar de lado ideas preconcibidas e limitacións que me puidese autoimpoñer. A raíz de aí xurdiu a colaboración na que cada un achegou o seu graniño de area ás cancións. Un engadía acordes ou desenvolvementos melódicos, outro texturas ou percusións, outro mesturaba e construía... Foi un proceso moi divertido e penso que se poden apreciar os achegamentos de cada un nas pezas».

 

 

Con case 30 referencias publicadas ao longo de cinco anos... por que publicar temas soltos (ás veces recollidos de tres en tres nun EP) e non ir reuníndoos en discos de longa duración?

Luis: «Penso que facer un disco de longa duración require un tipo de cohesión e coherencia que non consigo atopar, pero que sigo buscando. Antes de facer un traballo longo co que non estea 100% contento, prefiro seguir traballando o formato single».

 

 

Na actualidade, que artista ou grupo galego nos recomendarías? Algún favorito que deberiamos coñecer?

Luis: «Biba Dupont, Margarida Mariño, Daydream Sessions, Mordem, De Ninghures, Fillas de Cassandra, Antía Muíño, Nico Casal, Xabier Díaz... e deixo decenas no tinteiro, hai moitísimo talento aquí».

 

Se abrísemos a túa conta persoal de Spotify, que escoitariamos? 100% Sinceridade, 0% Vergoña

Luis: «Miro os meus artistas máis escoitados este mes e son Max Cooper, Hideyuki Hashimoto, Piero Piccioni, Paul Desmond, Turnstile, Gabriel Fauré, Skrillex, Diana Krall, The Notorious B.I.G., Blink-182, Frank Ocean, Ryuichi Sakamoto, Mac Miller, Bill Evans e Periphery. O meu aleatorio dá uns bandazos curiosos».

 

izq noticias