• GALEGO
  • ESPAÑOL
  • ENGLISH
     
  noticias  

ABRIL: «SEMPRE BUSCAMOS QUE AS CANCIÓNS REPOUSEN»

13 MAIO 2016

A Real Academia Galega define medrar como «facerse máis grande», pero tamén como «facerse máis intenso» ou «coller máis volume». E iso é precisamente o que parece facer ABRIL: expandir un universo construído desde a música tradicional cara a novos lugares sen perder nunca o vínculo coas orixes.

Formado por Claudia Abril e Marina Carpente, o dúo leva anos desenvolvendo unha maneira propia de entender a música de raíz, na que o violín, a voz, a percusión e a electrónica conviven cunha idea moi viva do colectivo, da experimentación e do coidado. En Medrar (2026), o seu primeiro álbum de estudio, ese proceso toma forma ao longo de nove pezas que parten da tradición oral para transformarse desde o presente.

Falamos con elas sobre a ETRAD e a transmisión da música tradicional, sobre o momento actual do violín dentro da escena galega, sobre a importancia das redes afectivas e sobre unha forma de crear que insiste en deixar repousar as cancións antes de compartilas.

 

Foto: Miguel Méndez (fotomatong)

 

Antes de todo o demais, hai un encontro entre vós as dúas. Como vos coñecedes e en que momento decidides que podedes soster un proxecto conxunto?

Claudia: Coñecímonos hai uns quince anos no San Simón Fiddle Camp, un campamento infantil-xuvenil que ten lugar na marabillosa illa da ría de Vigo. Ese primeiro encontro foi rodeado de música, alí aprendemos a gozar coas amigas, tocando, e a nosa relación dende entón foi a través da música tradicional.

Marina: De feito, xa compartimos unha banda hai uns anos con María Jorge e Hugo Franco que se chamaba DADGA e coa que comezamos a profesionalizarnos e sacamos un álbum. Hai uns 4 anos, cando ningunha das dúas estaba con proxectos entre mans decidimos xuntarnos para poder tocar e pasalo ben, e así ata o de hoxe, no que xa temos, por fin, o noso primeiro disco como ABRIL.

 

Ambas viñades dunha formación máis ligada ao clásico antes de mergullarvos na música tradicional. Como se produce ese desprazamento? Que foi o que vos chamou a atención para que quixerades investigar máis?

Claudia: Ao descubrir a música tradicional tanto no campamento como na E-Trad de Vigo, na que estudamos ambas, ábrese un mundo de posibilidades, xa que se traballa sen partitura, aprendendo as pezas de oído tal e como se fixo sempre con estas músicas e, o máis importante, é que se comparte a música.

Marina: Atopámonos desfrutando da música por primeira vez, rodeadas de xente da nosa idade e con gustos en común, e non tocando soas nunha habitación. Parécenos moi importante isto, xa que se conecta coa música dun xeito moi especial, a aprendizaxe é horizontal e trátase a música como un xogo, non como algo que meter na cabeza á forza.

 

Foto: Miguel Méndez (fotomatong)

 

A ETRAD de Vigo aparece como un punto clave nas vosas traxectorias. Máis alá da formación técnica, que papel xogou na maneira na que entendedes hoxe a música de raíz?

Marina: A E-Trad é un lugar incrible para aprender. Non só aprendes das mellores mestras (algunhas son Begoña Riobó, Xaquín Xesteira, Anaïs Barbier, Alfonso Franco ou Anxo Pintos), senón que te rodeas dun alumnado moi diverso, aprendes moito del e motívaste a facer música. De alí saímos con moi boas amigas e con moitas horas de foliada. Nos últimos cursos incluso aprendes como funciona unha banda, a facer arranxos e tocar por aí.

 

A propia existencia dun espazo como este tamén abre un debate interesante: a música tradicional, historicamente ligada ao tecido asociativo, pasa a ocupar un lugar institucional e profesionalizado. Que pensades que pode implicar para a transmisión e para o futuro da tradición?

Claudia: Ten que haber de todo. As asociacións fixeron unha labor importantísima de preservar e divulgar a música e baile tradicional. Nós mesmas traballamos en asociacións como Trépia ou Traspés e valoramos moito todo o que teñen feito. Tamén pensamos que sería xenial levar este coñecemento a escolas nas que se puidese afondar na teoría musical e no estudo das músicas tradicionais de maneira oficial como un grao ou unha titulación oficial para quen teña interese de formarse como músico profesional neste ámbito, como pasa nalgúns lugares coa música jazz.

 

A primeira peza que publicades como ABRIL é a «Xota de Parada de Achas», en 2022, que parte do canto de Concha de Luneda, e da «Jota del Guijar», unha melodía castelá, e está gravada nun contexto moi íntimo: o faiado da vosa casa. Nese momento, xa intuiades no que se acabou convertendo o dúo?

Claudia e Marina: Para nada. Nós comezamos con intención de experimentar e expresar o noso xeito de ver a música tradicional. De como comezamos a como estamos agora mudaron algunhas cousas, fomos evolucionando coma músicas e persoas, e aprendemos moitas cousas. Seguimos facendo música na casa e traballando con amigas e intentamos buscar algo co que sentirnos identificadas e que nos represente musicalmente.

 

 

Recoñecedes nela o ADN do proxecto ou sentides que ABRIL se definiu máis adiante?

Claudia: Si, poderiamos dicir que esa canción é o xerme de todo o que viría despois. Neste caso, descubrimos a Concha de Luneda no seu programa do «Alalá» da TVG e a partir dunha melodía comezamos a traballar sobre o arranxo ata o que hoxe é a canción. Esta forma de construír unha canción ou un arranxo é unha das que máis empregamos. O ADN foi modificándose pouco a pouco a medida que iamos medrando e descubrindo un pouco mellor os nosos gustos e as cousas que nos representan musicalmente.

 

Nesa primeira gravación xa aparece Zalo Rodríguez como produtor, a quen definides como «artesán». Presentistes xa que o vínculo ía perdurar no tempo?

Marina: Non tiñamos esa intención. Eramos moi bos amigos xa daquelas e falamos con el para que nos axudara a arrancar con esa peza. Seguimos traballando con el porque facemos moi boa equipa e para nós é moi natural traballar con Zalo. Coñécenos ben e sabe sacar o mellor son da nosa música.

 

 

 

Neste 2026 publicades Medrar, o voso primeiro álbum. Aínda así, non soa a un punto de partida, senón a algo xa moi construído. Como foi o proceso ata chegar a el?

Claudia: Levamos tocando moitos dos temas deste disco xa uns anos e tiñámoslles moito cariño así que queriamos facer unha compilación na que aparecesen. Moitos deles foron evolucionando a medida que os tocabamos nos escenarios ata chegar ao que son hoxe.

Outros, decidimos re-arranxalos para gravar. Tamén hai tres temas inéditos que arranxamos para o disco, incluíndo unhas pinceladas de novidade para intercalar co anterior. Estamos moi contentas co resultado.

 

Mencionabades para Atlántico Diario que vos gusta cociñar a lume lento: como se sostén esa calma nun contexto que nos empurra á inmediatez?

Marina: Para nós é bastante antinatural traballar rápido, xa que sempre buscamos que as cancións repousen. Sempre piden pequenos cambios e collelas en diferentes momentos para que o resultado final sexa do noso agrado. Non poderiamos arranxar un tema e gravalo ao día seguinte.

Ademais, gravar instrumentos acústicos ten o seu aquel e atoparlle o son que merecen os temas leva o seu tempo.

Claudia: É algo agoniante ver como traballa a escena e sentir que todo vai tan rápido, sacar un tema e ás dúas semanas xa se esqueceu. Intentamos adecuarnos a isto á nosa maneira e tratar de levar o noso ritmo.

 

Comentabades para ZigZag que o proceso de composición partía case sempre dunha peza tradicional. Como se produce ese paso desde o material de partida ata a canción final? Que sucede polo camiño?

Marina e Claudia: É un proceso lento e non sempre saen ideas á primeira. Cando temos algunha idea da harmonía que vai levar o tema ou sae algún motivo traballamos sobre iso e tocamos moito ata que funciona. É un proceso que se vai dando en varias sesións de traballo, no que intentamos repousar as ideas e no que sempre hai moitos cambios ata chegar ao resultado final.

 

 

No disco aparecen melodías de lugares moi diferentes: Cotobade, Toutón, A Fonsagrada, Malpica… Ata que punto condiciona o lugar a escolla das cancións? Cal adoita ser o punto de partida: a melodía, a informante, a letra…?

Marina e Claudia: Quizais non é tan importante para nós o lugar de recollida das cancións. Gústanos explorar repertorio de todo o país, estamos máis en contacto con pezas, arquivos e compiladoras da provincia de Pontevedra, coma Leni Pérez, Xandre Outeiro ou Xisco Feijóo. Adoitamos partir dunha melodía e a raíz diso comezamos o traballo. Sempre que podemos escoitamos a melodía cantada pola informante, sempre é máis especial e logo está presente ao tocar a canción.

 

Claudia Abril. Foto: Miguel Méndez (fotomatong)

 

Dentro dese proceso, hai tamén temas que nacen de cero. Que hai de diferente aí con respecto a cando partides dunha peza tradicional? Como traballades a escrita nese caso, tamén nas letras que compartides con Petra Iglesias (Petra Porter), amiga vosa e cómplice na súa creación xunto con Claudia?

Claudia: Sempre partimos dunha peza tradicional. O que faciamos antes era cantar a mesma letra que se cantaba nas recollida e, ás veces, incluír outras coplas tradicionais. Houbo un momento no que decidimos meterlle man a estas letras e modificalas para intentar que se parecesen máis ao que queriamos expresar. Para este disco, e tendo a Petra de man, decidimos pedirlle axuda para construír as nosas propias letras de cero, mais partindo dunha investigación das coplas tradicionais para intentar replicar estrutura, fórmulas e figuras máis utilizadas. Levou moito traballo pero complementámonos de marabilla.

 

 

Ademais da tradición oral e da música de raíz, a quen tedes como referente? Algún artista ou grupo que sintades que pode chegar a infiltrarse nas vosas cancións?

Marina e Claudia: Non pensabamos en ninguén en concreto á hora de compoñer e gravar, mais case seguro que hai moitas influencias por aí que veñen de artistas ás que admiramos. A primeira que nos ven sempre á cabeza é Silvia Pérez Cruz, que nos abriu moito á experimentación co folklore cando eramos máis novas. Tamén todos eses grupos galegos de música folk e tradicional cos que medramos escoitando como Riobó, Berrogüetto, Treixadura, Mercedes Peón ou Sondeseu, e grupos doutros países coma Katie McNally Trio, Laura Cortese (USA), Trío Guardianes de la Huasteca (México)… E xa doutros xéneros escoitábamos moito pop, jazz, rock, r&b, artistas coma Julieta Venegas, Amy Winhouse, Lily Allen, Mac Demarco, etc.

 

Marina Carpente. Foto: Miguel Méndez (fotomatong)

 

Medrar ten unha sonoridade moi coidada, na que conviven elementos moi orgánicos coa electrónica. Como traballastes ese equilibrio sen que unha cousa anulase á outra?

Marina: Os elementos electrónicos veñen dos sintetizadores de Zalo, o que realmente é un traballo bastante artesanal a pesar de que a sonoridade sexa electrónica, xa que coida moito os detalles e investiga bastante para atopar eses sons. Penso que intentamos sempre que estean equilibrados, que os sons dos instrumentos acústicos non perdan o protagonismo e que os sintes aparezan como elemento de conexión; porén, en temas como «Marañas» queriamos que os sons sintetizados xerasen un ambiente cargado e agoniante co que si que teñen máis presencia. Zalo ten moita da responsabilidade de conseguir ese equilibrio tan sofisticado.

 

 

A produción de Zalo Rodríguez e a mestura de Hevi teñen un peso importante no resultado final. En que momento entran no proceso e que achega a mirada de cada un deles ao disco?

Marina: Levamos moitos anos traballando con Zalo nas producións, co que tiñamos claro dende o principio que sería igual para este disco. O xeito de traballar foi similar a como o levabamos facendo: nós traémoslle os temas arranxados, tal e como os facemos no directo, e xuntos facemos as transformacións precisas para que ao levalo ao estudio eses temas soen o mellor posible.

Claudia: Cando estabamos formando o equipo decidimos contar cunha persoa externa que non estivese acostumada aos temas para a mestura. Xa admirabamos o traballo de Hevi dende hai tempo e decidimos contar con el para esta. Foi un pracer traballar con el, deixámoslle bastante cancha para que fixese o que lle apetecese e soubo entender bastante ben o que queriamos. Quedamos moi contentas co resultado.

 

Hai moitos detalles nos arranxos que son os que acaban de conferirlle a vosa personalidade ao proxecto. As vosas voces, as harmonías, o violín… Que pensades que é o que define a identidade de ABRIL?

Claudia: Non temos moi claro que é exactamente o que define a identidade do grupo. Probablemente sexa unha mestura entre a nosa propia personalidade, a nosa sensibilidade, de como nos expresamos cando tocamos un instrumento e o empaste entre eles.

Marina: O que si nos gusta facer (e quizais nos defina) é xogar coas emocións, facer cancións intimistas e outras máis bailables, intentar expresar todo o espectro de emocións e que o resultado sexan cancións de cores moi diferentes.

 

Foto: Miguel Méndez (fotomatong)

 

«Arredor da mesa» (tamén no disco, pero estreada en 2024) é unha canción adicada ás amigas, pero tamén construída con elas, coa participación de artistas como Anaïs Barbier, María Jorge, Pedro Fariñas (que xuntos conforman Caldo), Antón Veloso (Treba), propio Zalo Rodríguez (Lontras) ou Fergi Huins (Fergi). Todas forman parte dunha escena moi activa e con proxectos propios. Como foi compartir este proceso creativo? Que pasa cando esa rede de afectos coincide tamén cunha rede de referentes?

Marina: Foi unha marabilla. É xente moi achegada á que coñecemos dende hai moito e coa que levamos todo ese tempo compartindo música, co cal foi moi fácil montar o tema con elas. Tamén foi moi divertido o día que viñeron ao estudio. Foi moi emocionante velas alí a todas gravando con nós. Encántannos eses momentos nos que podes desfrutar tanto dun traballo e estamos moi orgullosas delas polo talentosísimas que son e pola nosa amizade.

 

 

Ese espírito colectivo trasládase tamén ao videoclip, no que participa un equipo formado igualmente por persoas moi próximas a vós. Como se constrúe ese universo compartido máis alá da música?

Claudia: Ese universo construíuse moi fácil rodeada de amigas. Entre todas vaise facendo e sempre estivo aí. O videoclip foi dirixido por Miguel Méndez (@fotomatong), Petra Iglesias e Marta Ferrer, e elas son as responsables de que todo saíse tan ben. Coñécennos ben e conseguen expresar esa fantasía e ese colorido que nos representa. «Arredor da mesa» foi o punto de partida para a expresión de todo iso e a partir de aí foi máis fácil atopar o noso estilo audiovisual coa banda.

 

«Nas horas avelaíñas» parte dunha peza recollida a Elena de Toutón e mantén esa carga de tenrura e intimidade das coplas orixinais, pero no videoclip lévase cara a un espazo compartido entre amigas, máis próximo ao coidado e ao sentirse arroupadas. Que implica resignificar ese imaxinario tradicionalmente ligado ao amor romántico desde esoutro lugar?

Marina e Claudia: Sempre sentimos que o amor romántico ten un papel protagonista na maioría de cancións que escoitabamos ao longo da nosa vida; mais, nas nosas, non é en absoluto protagonista, co cal é fácil para nós diversificar as temáticas das que falar nas nosas cancións. Ao final compartimos moito tempo entre amigas e entre nós mesmas, que traballamos xuntas, mais tamén o somos dende hai moito tempo, e queriamos expresar a importancia que ten para nós esta rede afectiva. «Nas horas avelaíñas» tamén é unha canción adicada ás que non están, que tamén nos acompañan e tamén ocupan un lugar nos nosos corazóns.

 

 

«(outro) tempo», con Zalo Rodríguez e Sunil López, é unha peza especialmente íntima. Como é levar ese espazo delicado a un directo e compartilo co público? Que pode esperar unha persoa que aínda non vos viu enriba dun escenario?

Claudia: Cantar este tipo de cancións implica un estado de concentración e de conexión coas emocións que non sempre é fácil acadar nun directo, no que ademais a intercalamos con outras cancións máis festeiras. Sempre quixemos expresar esta parte de nós máis brandiña e intimista, e hai moita parte diso nos directos. Non sempre pasa en todos os escenarios, mais cando conectas co público neses momentos desfrútase moitísimo. Nos nosos concertos podes esperar de todo, temas para bailar, para chorar, para rir e desafogarte, para cantar…

 


 

E falando de directos, algunha data que debamos apuntar na axenda?

Marina e Claudia: O día 16 de maio estivemos presentando o disco en Muxía, 23 de maio farémolo no Ourensound, 6 de xuño no festival Polas Bravas (Chantada). No mes de xuño estaremos uns días xirando por Escocia e participando no North Athlantic Fiddle Convention, e logo o 6 de xullo participaremos no noso querido Encordass Fest presentando o disco.

 

Claudia Abril. Foto: Miguel Méndez (fotomatong)

 

O violín nunca deixou de formar parte da música tradicional galega, pero nos últimos anos semella que volveu ocupar un lugar especialmente visible con proxectos como Caldo, Caamaño & Ameixeiras ou De Ninghures, que están a volver poñelo no centro. Como ledes este momento?

Marina: Parécenos marabilloso atopar tantas compañeiras tocando violín tradicional en grupos con tanta expansión, sobre todo saíndo do San Simón Fiddle Camp no que aprendemos a versatilidade e potencialidade que ten este instrumento. Dentro duns anos notarase (xa se nota agora) a influencia deste campamento na escena folk e tradicional, xa que a paixón que se transmite alí contáxiase facilmente, e de aí saímos e sairán moitas músicas entusiastas.

 

Marina Carpente. Foto: Miguel Méndez (fotomatong)

 

No voso caso, ademais, hai unha conexión directa co traballo arredor da violinista fonsagradina Modesta Fernández, coñecida como «A Cega de Noceda» no libro-disco O violín que trae o vento, de Adrián Méndez, e onde tamén participan PÄRBO, As Cegas de Ouselle, Caldo, Caamaño&Ameixeiras, Carmen&Marcos e Xulia Feixoo. Que cambia cando se aborda o instrumento desde ese tipo de investigación máis concreta?

Marina: O estilo de Florencio dos Vilares, mestre de Modesta, sempre estivo moi arraigado no noso xeito de tocar, no noso caso en parte polo aprendido de Alfonso Franco, que o ten moi presente nas súas aulas de violín na E-Trad de Vigo, tanto na técnica e xeito de tocar melodías instrumentais como auto-acompañando temas cantados. É moi gratificante que saian este tipo de investigacións para afondar sobre o violín tradicional da Galiza, xa que se coñecen máis personaxes deste estilo, mais non hai tanta información sobre elas como a hai sobre outras figuras de instrumentistas, sobre todo gaiteiros. Así que coñecer máis sobre figuras musicais femininas é inspirador e moi importante para continuar dándolle a importancia que teñen as mulleres no papel transmisor da música tradicional.

 

Tamén se percibe un cambio na maneira na que a xente nova se achega á música tradicional, tanto desde a escoita como desde espazos como as foliadas, que están vivindo un momento moi activo. Como o estades vendo vós? Que mudou nesa forma de relacionarse coa tradición?

Claudia: É algo que se viña botando en falta hai uns anos, cando nós xa traballabamos nos escenarios e, sendo máis novas, non atopabamos apenas afinidades con xente da nosa idade para tocar, e o noso público obxectivo era xente maior. Así que apreciamos moito o que se está a dar neste momento, no que público dos concertos de música tradicional e folk é moi xuvenil e fresco, e os torreiros de baile son enormes. Ademais de que hoxe en día é moito máis sinxelo mover un proxecto deste estilo en practicamente calquera festival, ciclo, sala, etc. en comparación con hai uns anos.

 

Foto: Miguel Méndez (fotomatong)

 

Se medrar tamén implica transformarse e deixar cousas atrás, que sentides que cambiou en vós ao longo deste proceso?

Claudia: Penso que cambiaron algunhas cousas: a nosa propia percepción no escenario e o xeito de facernos valer sendo só dúas mozas facendo unha música para escoitar, apartar á xente que non nos facía ben das nosas vidas, aprender a re-escoller a xente coa que traballamos e a establecer vínculos, liberarnos de medos e inseguridades grazas ao apoio da xente que temos ao redor e compartir e crear comunidade sempre.

 

Que artista ou grupo galego nos recomendariades? Algún favorito que deberamos coñecer?

Claudia: Pois temos moitos favoritos: Caldo, Lontras, Diego Alonso Quintet ou High Paw, por exemplo.

 

E se abrísemos a vosa conta persoal de Spotify, que escoitariamos? 100% sinceridade, 0% vergoña.

Marina e Claudia: En xeral, a música que escoitamos é algo variada, por unha parte atopariades jazz cantado, de Amy Winhouse, Ella Fitzgerald ou Billie Holiday; tamén outros estilos máis alternativos como Mac de Marco, Jimena Amarillo ou Hiatus Kaiyote; ou outras músicas máis mainstream como Amaia, Maro ou Bad Gyal, ademais de música tradi e folk do mundo, Pine Tree Flyers, Tatiana Hargreaves&Alison DeGroot ou Darach.

 

  noticias