• GALEGO
  • ESPAÑOL
  • ENGLISH
     

SonRías Baixas

SonRías Baixas

O SonRías Baixas é un festival “de festivaleiros para festivaleiros”. A música, como non, é a súa gran protagonista e por iso o festival ofrece unha programación fresca e orixinal que combina artistas consagrados do panorama nacional e internacional con formacións nas que a organización detecta capacidade de progresar e que quere poñer en contacto con todo o seu público.

Pero o SonRías non é só un festival de música, trátase dunha verdadeira experiencia que combina música, praia, lecer e gastronomía nun ámbito urbano, cómodo e accesible. A Experiencia SonRías fórmaa un ecosistema no que se unifica unha localización urbana e natural cunha programación que abrangue o musical, o gastronómico e o audiovisual onde todo se combina de forma idónea para crear unha experiencia única para todos os asistentes ao SonRías Baixas.

O festival está feito por xente que sinte paixón pola música, pero tamén pola gastronomía, dende os fogóns ata a mesa; por iso uniron estes dous imprescindibles nas súas vidas dando lugar á Casa SonRías. Ao menú variado de propostas musicais que ofrece o festival e aproveitando a ampla tradición culinaria da terra e maila excelencia do porto de mar da zona, o SonRías Baixas conta con cun espazo gastronómico no que interveñen cociñeiros de excepción: varios artistas destacados que cada ano cociñan os seus pratos favoritos para o seu público. Entre os RockChefs do festival atópanse Juankar de Boikot, Quique Otero de Banda Crebinsky, Juaki de Dakidarría ou Tonhito de Poi de Heredeiros da Crus. A Casa SonRías estará aberta ao público xeral para que todas as persoas que o desexen poidan vivir esta experiencia única na que os pratos dos RockChef se despachan en formato de tapas, a prezos moi axustados e en número limitado.

Ademais, dende a súa XIV, edición o SonRías Baixas incorpora tamén outras disciplinas como a audiovisual, froito dunha colaboración co FICBUEU ofrecendo así unha proposta diferente ás súas actividades habituais utilizando diversas proxeccións.

O recinto do festival atópase moi preto da praia e ten acondicionada zona de acampada, duchas e aseos, servizo de restauración e alimentos de primeira necesidade e zona de carga de teléfonos móbiles.

Promotores: PlayPlan

Ano de creación: 2003

Periocidade: Anual

Duración: Tres días

Lugar de celebración: Bueu, Galicia, Spain

Datas aproximadas de celebración: 3-5 de agosto 2023

Tal vez tamén che gusten