• GALEGO
  • ESPAÑOL
  • ENGLISH
     

Festival Internacional do Mundo Celta de Ortigueira

Festival Internacional do Mundo Celta de Ortigueira

Música celta en ebulición, asistentes de toda Europa, ambiente de tolerancia e liberdade. O Festival Ortigueira ascendeu na última década ao nivel de cita ineludible no panorama festivaleiro do verán, non só dentro da música de raíz, senón en xeral.

Miles de mozos e mozas toman destino ao Ortegal para vivir os seus catro días de música e diversión, unha ocasión única de entrar en contacto cun estilo musical afastado dos circuítos máis comerciais e para convivir en plena natureza, xunto á paraxe protexida que é a ría de Ortigueira, nun ambiente de liberdade difícil de encontrar.

A proposta artística do evento ciméntase nunha vintena de concertos gratuítos das bandas máis recoñecidas da música celta internacional, a presenza das figuras máis importantes do folk galego e os grupos emerxentes máis prometedores, ademais de desfiles de bandas de gaitas das "nacións celtas" (Escocia, Irlanda, Bretaña, Asturias, Galicia...).

En paralelo, un amplo abano de actividades paralelas que van dende o tradicional zoco de artesanía a exposicións de fotografía, talleres de danza, artistas de rúa... Aínda que o histórico e multitudinario festival transcende o plano artístico e musical.

Xurdido en plena Transición da man da Escola de Gaitas de Ortigueira, o certame folk, organizado dende hai anos polo Concello de Ortigueira, é un auténtico encontro multicultural. A súa marcada personalidade e o seu tirón popular valéronlle en 2005 a declaración de Festa de interese turístico internacional.

Promotores: Concello de Ortigueira

Ano de creación: 1974

Periocidade: Anual

Duración: Catro días

Lugar de celebración: Ortigueira (A Coruña)

Datas aproximadas de celebración: 10-17 de xullo 2022

Tal vez tamén che gusten