ZAVALA: «EN ZAVALA TODO TEN UN SENTIDO. NADA É CASUALIDADE»

Zavala é o proxecto de Carla Romalde (voz, frauta travesa), Elena Zas (piano, viola, coros), Víctor Ledo (guitarra, coros) e Carlos «Kos» Castro (programacións, bases, visuais). A banda mestura os aspectos máis orgánicos e melódicos da música con capas e bases electrónicas nunha proposta innovadora, contemporánea e moderna que desafía novas texturas sonoras. As súas letras, intimistas e persoais, evolucionan a cada paso e colorean o amplo abano musical do grupo, que vai desde o máis acústico e sinxelo a pasaxes máis sintéticas.
Logo de debutar con Pequeno manual para grandes cambios I (teoría e práctica) (Ferror Records, 2023), Zavala entrega agora o segundo volume, Pequeno manual para grandes cambios II (teoría e práctica) (Ferror Records, 2025), un longo que chega para completar o universo sonoro do seu predecesor.
Zavala. Foto © Roricharo
Zavala é un «movemento constante», como comezou a moverse este proxecto musical?
Carla Romalde: «Víctor e eu coñecémonos por casualidade e comezamos a gravar material na pandemia. Pouco despois formaríase a banda ao completo e comezamos a darlle forma a todo».
Mergullándonos na rede, os «zavala» que atopamos son, na súa maioría, apelidos. De onde vén o voso Zavala e por que escollelo para designar o proxecto?
Carla: «É unha especie de homenaxe a un artista que nos encanta que é Jairo Zavala (DEPEDRO). Tamén queriamos un nome de lugar, tamén a toponimia é algo vixente nas cancións dos dous primeiros traballos».
Actualmente composto por Carla Romalde (voz, frauta travesa), Elena Zas (piano, viola, coros), Víctor Ledo (guitarra, voz) e Carlos «Kos» Castro (programación, bases, visuais), ao conformar Zavala, os catro tiñades xa experiencia sobre as táboas. Que diriades que achegou esta bagaxe previa ao novo proxecto?
Carla: «Esta bagaxe ou base previa axudou sobre todo na eficacia para preparar os directos e compenetrarnos á perfección toda a banda».
Víctor Ledo: Sobre todo para a forma de traballo serio e para a planificación».
Carla Romalde. Foto © Mark Zlick
Lemos que, ao principio, Zavala quería facer algo «máis tradicional, máis acústico». En que momento, pois, comeza a asomar a electrónica?
Carla: «Considero que a electrónica contemplouse practicamente desde o principio, posto que a idea era ter distintos formatos para cada contexto ou tipo de concerto. Practicamente todos os temas con electrónica quedan ben en acústico e viceversa».
Víctor: «A electrónica entra xa desde moi cedo, mesmo no xeito de compoñer moitos temas nacen por medio de loops ou bases e a partir de aí medran».
«Pop electrónico evocador e intenso» lese na Fonoteca sobre vós... Pero como describiriades vós a vosa música? A que soa Zavala?
Carla: «Non é sinxelo etiquetarnos, bebemos de distintas fontes e escoitamos moita música. Penso que o eclecticismo e a versatilidade poderían ser dous adxectivos que describan o conxunto».
Víctor: «Na última entrevista que fixemos, hai uns días dicíannos que soabamos moi recoñecibles, cun son propio a pesar do eclecticismo musical, é o obxectivo que buscamos».
Pequeno Manual para Grandes Cambios I (Teoría e Práctica) (Ferror Records, 2023) é o voso primeiro traballo discográfico. O título semella sacado da bibliografía de calquera materia universitaria... que agardades que «aprenda» o oínte mentres o escoita?
Carla: «Con estes traballos agardamos que o ouvinte teña a súa propia interpretación das metáforas e referencias dos temas. Temas que ás veces contan e relatan historias do cotián e outras veces reivindican e fan eco do que estamos a vivir no ámbito social.
Que existan preguntas do público sobre algunha referencia ou indirecta dos nosos temas é a idea».
Abre o longo “Todo o que quixen”, un corte que destaca pola súa parte de spoken word, que tamén podemos escoitar, en “Hoxe”, por exemplo. Con que intención incluídes estas performances poéticas nas vosas composicións?
Víctor: «É un recurso que utilizamos a miúdo; non facemos rap (gústame moito, pero temos moito respecto e non é o noso campo) pero si aproveitamos ese vehículo ao noso xeito porque dá marxe a abrirse a outro xeito de versar».
Víctor Ledo. Foto © Mario Martiño
“Hei volver” é unha peza que vén cunha coda de base instrumental cunha liña coral moi sutil. Foron os dous temas concibidos conxuntamente e logo separados ou a coda naceu, digamos, a posteriori para completar a canción?
Víctor: «Foron unidos e separáronse no corte do master, concibíronse conxuntamente, ao igual que na segunda parte temos a coda en Santiago-Coruña, pero esta vez unida ao tema principal».
Un ano —que non dous!— e tres meses despois, chega Pequeno Manual para Grandes Cambios II (Teoría e Práctica) (Ferror Records, 2025), o voso novo longo e segundo volume que vén completar o primeiro... e que, segundo sabemos, xa estaba escrito cando publicastes o voso debut. Por que dilatar, pois, o tempo entre ambos lanzamentos?
Carla: «Preferiamos darlle un sentido e percorrido ao primeiro traballo antes de amosar o segundo. Temos moito material desde hai tempo e que seguimos a facer de forma continuada. Sempre hai material novo, temas, que gravar... mais preferimos ser cautas e cautos e amosar as cousas cando todo teña un sentido, e seleccionar entre discos e directos».
Carlos «Kos» Castro. Foto © Mario Martiño
“Neptuno” foi o primeiro que escoitabamos deste traballo, unha pílula de spoken word cunha letra do máis singular: «dentro de pouco ti e máis eu e Optimus Prime... con bigote». Como naceu esta peza en concreto? E por que escollela como sinxelo adianto?
Carla: «É unha peza das favoritas para nós, tanto melodicamente como polo contido, diferente e cunha letra necesaria e reivindicativa que me achega un rexistro vocal que me gusta moito».
Víctor: «En principio, non estaba pensada para abrir o disco (ía ser “Tora Tora”), pero é unha declaración de intencións en toda regra, con nome e apelidos, deixamos claro que damos un paso adiante e que non imos a negociar con temas que cremos inxustos simplemente por ter un público máis amplo ou unha mensaxe máis suave».
Musicalmente, neste segundo longo seguides a manter esa dualidade entre vangarda e tradición, entre o orgánico e o sintético; fusionades estes elementos, a primeira vista contraditorios, ata acadar un son homoxéneo. De que xeito xorden e medran as vosas composicións? Como foi o seu proceso creativo?
Carla: «A partir das composicións de Víctor, traballamos na instrumentación e proceso melódico, buscamos os matices que máis nos encaixan con como queremos soar, tanto no ámbito vocal como no instrumental, e logo chegan os samples, sintes e bases electrónicas da man de Kos sobre todo. O universo sempre é a canción e todo o que a rodea é importante».
As vosas letras, especialmente coidadas, semellan auténticos poemas. “Santa Marta” (de Ortigueira), “Santa Cruz” ou “Santiago-Coruña” están inspiradas nos topónimos que lle dan título. E o resto? En que, ou quen, están inspiradas?
Víctor: «Pois eu o vexo sempre como un proceso moi cinematográfico, de instantáneas e planos. Ás veces falamos dun so tema ou historia en concreto, pero son as menos; dentro dunha mesma canción podes ver varias capas e varias temáticas».
Seguindo con procesos, afirmades ter moita música aínda sen publicar, froito da época pandémica na que, ao estar encerrados, dedicástesvos a crear. Como xestionades ese equilibrio entre o que xa tedes listo e o que seguides a compoñer? Como decidides que música verá a luz e cal non?
Víctor: «Na súa maior parte os temas que xurdiron na pandemia xa están amortizados nestes dous traballos, pero si é certo que o ritmo de composición é moi alto e temos moitísimas cancións. Ás veces non é doado xestionalo porque sempre queres tocar ou sacar o último que acabas de compoñer, pero temos todo moi organizado para os seguintes traballos e moi claro a onde vai cada canción».
O repertorio de Zavala é íntegro en galego; comentades que «hai que apostar polo teu antes de apostar polo outro». Polo de agora, atopastes algún desafío ao seguir esta filosofía?
Carla: «A verdade é que non. A día de hoxe apóstase moito pola música en galego, á vista está e non atopamos moitos obstáculos respecto a iso á hora de conseguir concertos, polo menos na terriña».
Víctor: «Para nada, tampouco o propuxemos nin sequera, non había outra posibilidade ou dúbida; desde o primeiro momento tiñamos claro que era un proxecto en galego e achegar o noso pequeno gran de area para que os distintos ámbitos de comunicación na lingua sigan medrando culturalmente».
Elena Zas. Foto © Mario Martiño
A simple vista (ou escoita), “Ti” podería estar conectada coa “Eu” do anterior disco... Conceptualmente, como diriades que se relacionan ambos volumes? Existe un fío condutor entre as 28 cancións?
Carla: «En Zavala todo ten un sentido, desde a estética elixida para os dous discos como o que acontece nos directos.
Existe un fío condutor notable entre os dous traballos, mesmo ás veces sen querelo. O número de cancións é o mesmo nos dous discos, a minutaxe tamén, e a dualidade entre temas tamén: temos un “mundo clon”, un “mundo sobrenatural”, un “ti”, un “eu” e unha mesma liña temática e sonora cunha maior evolución a outros rexistros neste último de cara ao que será o terceiro. Nada é casualidade».
Neste longo escoitamos ás cantareiras Atalaias de Caión en catro dos 14 temas. Como xorde esta colaboración e que perseguiades con ela?
Víctor: «Xa estaba previsto para o primeiro traballo (soamente gravou Cris Sánchez Veiga), pero por circunstancias quedou soamente para o segundo; está ben tamén porque así hai un elemento diferenciador.
A colaboración xorde por proximidade e porque se adaptaban moi ben ao concepto que buscabamos».
Nunha entrevista en 2023, Carla dicía: «Queremos seguir crendo no ser humano e que non nos estamos volvendo tolos como sociedade». Anos despois, seguides con ese mesmo pensamento?
Carla: «Gustaríame ser máis optimista, mais inevitablemente son moi realista e teño que dicir que o meu pensamento segue a ser o mesmo. Estamos ante un presente temible e un futuro (se non se fai nada ao respecto) aínda máis. Diso precisamente falan estes dous traballos, da crueza da realidade na que vivimos e dos problemas sociais aos que facer fronte».
Carla afirmaba que en Zavala o uso da voz é moi puro: «Eu non teño autotune en ningunha canción. Na miña voz non se modifica nada. É pureza absoluta». Buscades esa pureza máis aló do canto?
Víctor: «Esa é a nosa aposta, entendemos que outros proxectos si utilicen e está xenial e nos gusta, non é algo negativo para nada, igual que nós usamos bases e outros teñen batería, pero para Zavala non o vemos porque a voz de Carla é quizais o elemento máis diferenciador».
Carla: «Era algo que buscabamos nestes dous traballos, algo puro e orgánico dentro dun ingrediente fundamental como é a electrónica, mais temos claro que a evolución e a diversidade estilística van ser dúas cousas representativas deste proxecto, así que non descartamos que iso cambie en función do tempo e de novas sendas sonoras».
Zavala. Foto © Mark Zlick
Ambos traballos veñen publicados da man de Ferror Records, recoñecida discográfica galega que, na actualidade, atesoura máis dunha centena de referencias de gran variedade de grupos e artistas. Como está a ser a experiencia xunto a eles?
Carla: «Penso que coincidimos toda a banda en que a experiencia con Fer e Sergio de Ferror Records está a ser moi bonita e produtiva. Entendémonos, temos puntos de vista moi parecidos entre nós e sobre todo hai moi boa comunicación. Eles axudan o que poden e máis. Son moi bos profesionais pero sobre todo moi boas persoas, que para nós é o esencial».
Víctor: «A ver, é que somos moi fans; a comunicación é continua e moi fluída, as referencias que publican son xeniais e nunca temos ningún tipo de problema, son fundamentais para Zavala, non sería o mesmo sen eles».
As portadas tanto dos singles como dos longos teñen unha coherencia especial baseadas en fotos en branco e negro de Manuel Alonso (@turkyscross) que evoca o pasado, a memoria. Como xurdiu e se desenvolveu toda esta parte do deseño?
Víctor: «Manu é un xenio, ten unhas fotazas impresionantes que se adaptaban á perfección ao concepto dos discos; tamén usamos as súas imaxes para os encartes e para as portadas dos sinxelos porque son incribles. Despois o deseño, como case todo (gravación, arranxos, primeira mestura...) o facemos nós partindo do concepto previo».
As dúas fotos das portadas dos dous volumes remitan á falta de equilibrio, unha pirueta e un funambulista. Supoñemos que non é casual o das acrobacias en relación cos grandes cambios, non?
Carla: «Está todo pensado. Tiñamos clara a estética desde o principio, xa non só na cor, senón tamén respecto ao que reflectisen as portadas. No terceiro disco haberá un cambio estético notable».
Se só puiderades elixir entre estar no estudio facendo cancións ou no escenario dando concertos, con cal vos quedariades e por que?
Carla: «Dentro de que as dúas cousas me gustan, non teño dúbidas: concertos a tope e vivir eses momentos irrepetibles coa xente».
Víctor: «Dentro de que as dúas me gustan, tamén o teño claro. Complementámonos á perfección, o meu traballo é no estudio facendo cancións e producindo».
Xa xirastes o Pequeno Manual por un par de escenarios, como está a ser a súa acollida ao vivo?
Carla: «Teño que dicir que máis que sorprendente a reacción do público. É como que se está a asentar o traballo do primeiro e esta acollida síntese con máis ganas».
Zavala. Foto © Roricharo
Víctor comenta que desexades ter unha cantidade de cancións que vos permitan «facer un directo hoxe nun lugar e mañá noutro, podendo ofrecer un espectáculo totalmente distinto». Como son os concertos de Zavala? Cando, e onde, poderemos volver a desfrutarvos de novo?
Carla: «Efectivamente, grazas á gran cantidade de cancións que temos imos conseguindo variar bastante dun concerto a outro, así como unas proxecións moi traballadas da man de Kos, que non sempre se poden empregar pero que profesionalizan a posta en escena.
Temos a parte máis intimista e emotiva e a rave máis animada. Nesta xira haberá sorpresas que considero enriquecerán en parte os directos».
Víctor: «Nun futuro ideal sería perfecto variar aínda máis de set list en cada concerto, que non se parezan en nada uns a outros. Precisamos dúas cousas, un número importante de cancións (estamos niso) e tempo de ensaio superior para ensamblar todo».
Na actualidade, que artista ou grupo galego nos recomendariades? Algún favorito que deberiamos coñecer?
Carla: «Entre os meus favs están Mentah».
Víctor: «O outro día compartimos escenario con Planète Sauvage e son unha pasada, dos meus grupos preferidos desde xa, non volos podedes perder!».
Se abrísemos as vosas contas persoais de Spotify, que escoitariamos? 100% Sinceridade, 0% Vergoña
Carla: «Neste momento Zahara, Santero y Los Muchachos, Muse, Amaral, Mon Laferte, Guadi Galego, Silvia Pérez Cruz, Extremoduro e Biznaga, entre outrxs».
Víctor: «Agora mesmo Cala Vento, Guadi sempre, Club del Río, Auberge de Chris Rea, Psychocandy de Jesus and Mary Chain e Malandrómeda».