MEU: "A ÉTICA, A CREATIVIDADE, A HONESTIDADE... TODO FOI ENGULIDO POLO CAPITALISMO DO ENTRETEMENTO"
Hai bandas que nunca desaparecen de todo, aínda que pasen anos sen publicar. MEU mantivéronse nese punto intermedio, coas cancións presentes e a posibilidade de volver sempre latente, ata que en 2023 regresan aos escenarios en Noites do Porto.
Formados na Coruña a comezos dos 2000 tras a disolución de Elephant Band —nunha escena pola que tamén pasou Xoel López antes de iniciar Deluxe—, a banda construíu un son propio entre a psicodelia pop, o garaxe e o post-punk. Hoxe, con Nacho Mora á fronte e xunto a Alberto Dopico, Mikelini Martínez, Ricardo Saavedra e Alexandre González, continúan ese percorrido que xa deixara dous discos clave: What’s Up! (2005) e Did You Hear? (2007).
Agora, con Thank You For Holding (Chesapik, 2026), composto por doce temas en inglés, MEU dan forma a ese regreso cun novo disco que continúa o seu camiño sen romper co anterior. Falamos con Nacho Mora, vocalista da banda, sobre este proceso e o lugar que ocupa hoxe o grupo.

Elephant Band foi unha das bandas máis singulares da escena coruñesa dos noventa: psicodelia pop, guitarras e Hammond. Cando en 2001 se disolven, Nacho Mora, Ramón Saleta, Mikelini Martínez e Ricardo Saavedra deciden xuntarse e crear MEU. Como se xestou esa decisión? De onde saíu o impulso de crear algo novo?
Nacho Mora: Para ser sincero, non me lembro moi ben. Fixemos algúns ensaios informais con distintos músicos que viñamos do mesmo ambiente musical da cidade ata ficar os que acabamos gravando o primeiro disco.
Nos primeiros anos tamén se vos etiquetou como “supergrupo”, polas bandas de procedencia de cada un. Ata que punto condicionou iso a forma en que se leu o proxecto dende fóra?
Nacho: Non o sei, e non creo que condicionara moito, esas etiquetas que se poñen por puro marketing hai que collelas con precaución sempre. Nós nunca pensamos que Meu fose un supergrupo.
Cantades en inglés desde o principio, nun contexto onde moitas bandas optaban por outras linguas. Que papel xoga na vosa forma de escribir e entender as cancións? Nalgún momento xurdiu a idea de cantar noutros idiomas?
Nacho: Por unha cuestión xeracional medramos escoitando música en inglés. A min, particularmente, nunca me interesou o pop español e nunca foi un espello no que mirarse, nin unha referencia. A día de hoxe estariamos máis preto de facer algunha canción en galego que en español.

What’s Up! foi unha carta de presentación moi directa, gravada en Bonham, na Coruña. Como lembrades aquel primeiro disco e aquel momento inicial da banda?
Nacho: Aquel momento inicial era de moita creación conxunta, moito traballo no local, cunha motivación moi sá, sen pretensións máis aló de facer a música o que nos pedía o corpo
Ao falar de What’s Up!, J. E. Gómez escribía en IndyRock que a primeira escoita lembraba a Happy Mondays, Madness, The Clash ou á propia Elephant Band… Que referentes estabades manexando nese momento e como se acaban filtrando dentro do que hoxe recoñecemos como son de MEU?
Nacho: Supoño que non ía moi desencamiñado. Aínda que non había referentes á hora de compoñer supoño que si se deixaban ver as influencias. Ese primeiro disco é moi ecléctico e reflicte a variedade dos gustos musicais que tiñamos daquela.
A partir dese disco empezades a xirar e entrades en festivais como Primavera Sound, Purple Weekend ou Festival do Norte, ademais de pasar por Radio 3 ou TVE. En que momento empezades a sentir que o proxecto xa estaba consolidado?
Nacho: Supoño que foi vendo a resposta do público en xeral en todos os concertos que dabamos desde o principio.

Entre o primeiro e o segundo disco hai cambios na formación e tamén unha evolución sonora clara. Que cousas empezaban a pedir cambio dentro do grupo nese momento?
Nacho: Había certas ganas de explorar outros terreos musicais. Aínda que creo que seguimos nadando nas mesmas augas, puido influír que un dos instrumentos de composición máis predominante foi a guitarra acústica.

Did You Hear? grávase en Madrid, coa produción de José María Rosillo, e xa presenta un son máis elaborado, con máis arranxos. En que medida a forma de traballar do produtor condicionou ou empurrou ese cambio de son?
Nacho: Nese disco tiveron moito que ver os avances tecnolóxicos. Eu xa tiña un estudio moi rudimentario na casa e algunhas cancións pedían certos arranxos de piano ou ventos que xa podías plasmar cun ordenador e unha tarxeta de son.
Rosillo encargouse de ordenar ideas, limpar sobrantes e poñerse en contacto con músicos alleos á banda para plasmar eses arranxos. Foi unha boa experiencia, pero creo que Jose Bonham, sexa pola amizade de tantos anos ou por afinidade musical, plasma mellor o son de MEU.
Nese momento no que a banda está medrando, con xira e repercusión, chega a quebra do selo Rock On, quen apostara por vós desde o comezo, e todo queda interrompido cando xa estabades traballando nun terceiro disco. Como se vive desde dentro algo así?
Nacho: A verdade é que viñamos arrastrando unha época de ánimo baixo, moita estrada, moito traballo no local de ensaio, problemas persoais, precisabamos unhas vacacións que non tiñamos pensado pedir e chegaron coa imposibilidade de editar o terceiro disco que xa estaba practicamente preparado para entrar a gravar.
Non hai unha despedida nin un peche claro, queda todo un pouco no aire. Que sensación vos deixou iso co paso do tempo?
Nacho: Como todos seguimos con diferentes proxectos non quedaba moito tempo para nostalxias, sempre estivo aí a posibilidade de retomalo nalgún momento, pero tiña que xurdir a posibilidade real.

Durante estes anos, MEU non desaparece de todo: hai cancións, hai unha identidade construída. Que lugar ocupaba a banda nas vosas vidas mentres todo estaba parado?
Nacho: Digamos que foi o inverno do oso.
O regreso prodúcese en 2023 en Noites do Porto, nun momento no que tamén se están revisitando moitas traxectorias daquela época. Como foi ese primeiro ensaio para volver poñer todo en marcha? Que recuperastes con facilidade e que xa non estaba no mesmo sitio?
Nacho: Pois foi unha sorpresa moi grata comprobar que aínda somos unha máquina moi ben engraxada, todo con moita facilidade.
Durante 2024 pasades por festivais como Surfing de Lérez, Noroeste ou Felicia Pop. Como foi volver situar a MEU no directo actual?
Nacho: Seica hai máis xente que se lembra de nós da que nós mesmos pensamos.

Durante anos houbo cancións, pero non un disco. Que fixo que esta vez si tivera sentido pechalo e publicalo como algo completo baixo o nome Thank You For Holding?
Nacho: É a maneira de formalizar o regreso da banda.

O propio título remite a esa idea de espera prolongada, de chamada en pausa, de tempo suspendido que parece non avanzar pero que, en realidade, vai cargándose de cousas. En todo este proceso, chegastes a sentir que esa espera tamén era compartida, que había alguén ao outro lado agardando por vós?
Nacho: Co paso do tempo, a xente deixou de preguntar pola posibilidade de facer o terceiro disco. Cando nos reunimos para tocar nas Noites do Porto, ver nos ensaios que tiñamos enerxía e ver a resposta do público neses concertos de regreso, afianzouse a idea de facer o disco novo.
“Susan” funciona como un bucle arredor desa chamada que nunca avanza, e no videoclip levades iso a unha escena bastante cotiá e claramente divertida. Como vos sentides nese rexistro máis irónico e humorístico?
Nacho: Perfectamente, non somos de tomarnos moi en serio.
“Having Fun” parte desa rutina de semana sostida pola expectativa do sábado. Hai algo aí de vivir sempre un pouco en diferido, como se o importante estivese sempre por chegar. Recoñecedes esa inercia na vosa propia forma de mirar ou vivir as cousas?
Nacho: Fala máis de que o importante pasa entre o venres e o domingo, lonxe dunha mirada nihilista ou estritamente hedonista, cunha velada crítica ao sistema que te anula como persoa durante a semana porque non podes dedicar o tempo ás cousas que de verdade queres facer ou ás persoas que de verdade che importan, gozar da vida.
“This is not another indie band” (“Not what”) aparece case como unha declaración de intencións desde o primeiro momento. Se sacamos todas as etiquetas de enriba, a que soa agora mesmo MEU?
Nacho: Cando falo de “outra aburrida banda indie” non me refiro ao son, senón máis ben á actitude da maioría do indie de éxito que repiten sempre as mesmas cancións e as mesmas temáticas.
Hai unha crítica bastante directa a certas dinámicas actuais: redes, apariencia, falta de ideas… Que hai máis cabreo, ironía ou observación fría detrás desa mirada?
Nacho: A industria musical xa non pertence á industria cultural, senón á industria do entretemento.
O menos importante son as cancións, todo se mide en “likes”, en “followers”, ou en “Wizink Centers”, a ética, a creatividade, a honestidade... todo foi engulido polo capitalismo do entretemento.
Despois de todo o percorrido, dá a sensación de que MEU sempre tivo claro o seu son, sen buscar encaixar. Que lugar ocupa hoxe esa forma de estar na música?
Nacho: Seguimos sendo os mesmos. Sacamos discos porque nos gusta facer música, somos conscientes de que nadamos a contracorrente.

Co disco xa fóra, queda esa incógnita que sempre sobrevoa os regresos: que vos pide o corpo facer agora con MEU? Confiades nunha continuidade máis regular?
Nacho: A discográfica na que editamos é a mesma que sacou os nosos dous primeiros discos pero con outro nome, se nos quere editar máis discos, pois máis discos haberá...
Na actualidade, que artista ou grupo galego nos recomendariades? Algún favorito que deberiamos coñecer?
Nacho: Eu son moi fan de Grande Amore.
Se abrísemos as vosas contas persoais de Spotify, que escoitariamos? 100% Sinceridade, 0% Vergoña.
Nacho: Getdown Services, Viagra Boys, Bodega, Snapped Ankles, Yard Act, Deadletter, Gorillaz, Big Special, Baxter Dury, Sleaford Mods....

