• GALEGO
  • ESPAÑOL
  • ENGLISH
     
izq noticias  

GRANDÍO: «O TEMPO, COMO UNHA CONSTANTE INELUDIBLE E INMUTABLE, É UN CONCEPTO SOBRECOLLEDOR»

GRANDÍO: «O TEMPO, COMO UNHA CONSTANTE INELUDIBLE E INMUTABLE, É UN CONCEPTO SOBRECOLLEDOR»
13 ABRIL 2026

GRANDÍO é moito máis ca un proxecto musical: é a construción dun universo propio. Detrás está Roi Grandío, músico criado “practicamente nun estudio de gravación”, para quen a música nunca foi unha decisión puntual, senón algo que medrou con el ata converterse nunha necesidade expresiva.

O proxecto viu á luz en setembro de 2024 con “Los Días Felices”, primeiro sinxelo producido por Santos & Fluren (Love of Lesbian, Viva Suecia, Izal, Sidonie...) en Blind Records (Barcelona), seguido de “El Azul del Fuego” en decembro e “Tu Luz” na primavera de 2025. A finais dese ano, con “Las Aventuras de Crystal Boy” e “Las Leyes del Cambio”, Grandío completa este primeiro EP de cinco cancións, H.E.I. (Hacia el Espacio Interior), unha viaxe introspectiva e visceral nun mundo que vai demasiado rápido, onde parar, mirar cara a dentro e intentar entenderse convértese case nun acto de resistencia.

Falamos con el sobre o seu universo creativo e a evolución do proxecto, sobre o paso do tempo —“feroz e despiadado”—, a necesidade de atopar unha voz propia... e tamén sobre Crystal Boy, ese “superheroe do mundano” que reflicte a ansiedade, a incerteza e a dificultade de atopar o propio lugar.

 

 

Como lembras o teu primeiro contacto coa música? O ambiente familiar incidiu dalgún xeito na decisión de facer da música algo máis que unha afección?

Roi Grandío: Eu crieime practicamente nun estudio de gravación, porque meu pai tiña un no xardín da casa. Por alí pasaban moitos artistas e iso fixo que, desde moi pequeno, estivese en contacto con moitísima música de estilos moi distintos. Miña nai tamén é música e unha letrista moi boa, aínda que nunca dese o paso de profesionalizarse. Creo que esa exposición tan temperá foi clave para desenvolver un principio de criterio propio. Máis ca unha decisión consciente, foi algo que foi medrando comigo.

 

Volvendo a vista atrás, o antecedente máis directo do proxecto actual é Atlantic. O grupo chegou a gravar un LP en Casa de Tolos coa produción de Segundo Grandío en 2018 e xirou mesmo fóra de Galicia, incluíndo salas en Madrid, Valencia ou Barcelona. Semellaba que o proxecto estaba a se consolidar, pero... que foi de Atlantic?

Roi Grandío: Atlantic foi o meu primeiro proxecto ‘serio’, e tamén unha etapa moi importante.

Chegamos a gravar un disco, xiramos e vivimos cousas moi bonitas, pero tamén era un proxecto moi marcado por unha etapa vital concreta. Atlantic rematou de forma natural, como rematan moitas cousas: pola distancia, polas formas de ver o proxecto… pero quen sabe se non volveremos coincidir enriba dun escenario nalgún momento. Con Adrián (teclista) e Andrés (saxofonista) xa coincidimos tocando no concerto de presentación de Grandío.

 

 

Queda algo de Atlantic en Grandío? Que diferenzas sinalarías entre o son de ambos os dous proxectos?

Roi Grandío: Si, aínda que non sexa tan evidente. Penso que, grazas a toda a experiencia de Atlantic e a moita busca, GRANDÍO vai encamiñado a atopar unha marca propia, un son, unha identidade.

 

Poderiamos pensar en estilos como indie, pop, pop-rock... Pero máis aló de etiquetas, a que soa GRANDÍO? Como definirías o voso son?

Roi Grandío: É complicado definilo cunha etiqueta. Eu diría que é pop, pero entendido dunha forma moi aberta. Hai moitas influencias: desde cousas máis guitarreiras ata outras máis electrónicas ou mesmo funk. O que une todo é a intención, o coidado da produción e, sobre todo, as letras, que buscan conectar desde un lugar bastante íntimo.

 

 

E que grupos ou artistas tiveron maior pegada na túa música, no teu xeito de compoñer? Nestes anos teñen cambiado moito eses referentes?

Roi Grandío: De pequeno escoitaba moito o que había na casa, como Sheryl Crow ou Tom Petty. Na adolescencia cheguei a Oasis, por exemplo, que foi unha influencia moi grande nesa época. Posteriormente coñecín o indie en español con Vetusta Morla. Penso que os seus tres primeiros discos son xoias a enmarcar. Xa rematei de embarrarme no fenómeno indie español con Sidonie, Love of Lesbian e outros ‘masters’. A día de hoxe, marca do país, escoito moito a Amaia, Barry B, Carlos Ares ou Guitarricadelafuente. Aínda así, intento non estar demasiado influenciado por ningún deles; precisamente os artistas mencionados son tan especiais porque teñen unha identidade propia, e ese é un dos meus obxectivos como artista.

 

O primeiro adianto de H.E.I. (Hacia el Espacio Interior) chámase ‘Los Días Felices’, o mesmo título que tiña o álbum de debut de Atlantic (2018). Por que che acompaña ese título ou esa idea de nostálxica lembranza de días mellores?

Roi Grandío: É un concepto moi ligado á nostalxia, que é algo central para a miña obra a día de hoxe. Era o título do disco de Atlantic e recuperalo aquí tiña sentido como ponte entre etapas.

 

E que tiña “Los Días Felices” para escollelo como carta de presentación xa non só do disco senón do proxecto, de GRANDÍO?

Roi Grandío: Porque resume bastante ben o espírito e a enerxía do proxecto. É unha canción que combina esa parte máis emocional, máis introspectiva, cun punto máis accesible. A letra, a produción… penso que actúa moi ben como carta de presentación e introdución ao universo de Grandío.

 

 

 

 

Tras cinco vídeos e tres sinxelos, ve a luz en decembro de 2025 H.E.I. (Hacia el Espacio Interior). Curiosamente, o primeiro sinxelo é a canción que pecha o álbum, e a orde dos lanzamentos é xusto a inversa á que teñen os temas no disco (aínda que os vídeos de “Las Aventuras de Crystal Boy” e “Las leyes del Cambio” saíron o mesmo día). Sistemático de máis para ser casual, non? Por que facelo así?

Roi Grandío: Falando da publicación dos singles, de como foron saíndo, foi todo un pouco por sensacións. Eu tiña a tese do que quería falar no EP H.E.I. xa desde que compuxen a primeira das cinco cancións, pero os singles foron saíndo un pouco polas sensacións do momento. E si tiña claro que quería abrir o proxecto con “Los Días Felices”, polo que comentaba da ponte entre etapas e porque no momento pensei que sería a canción que mellor recollería a intención do proxecto.

Xa falando da orde do propio EP, non é casual, é a que mellor funciona se pensas na tese de cada canción e na súa intención tanto a nivel compositivo como de produción.

O EP está construído como unha especie de viaxe emocional. “Las Aventuras de Crystal Boy” abre porque é o punto de partida: presenta o conflito, un personaxe, esa crise existencial, cunha enerxía máis crúa e directa. A partir de aí, “Las Leyes del Cambio” afonda nesa angustia, sobre todo co tema do tempo e do cambio, cunha produción máis envolvente e repetitiva que reforza esa sensación de bucle.

“Tu Luz” funciona como un primeiro xiro, un respiro dentro do discurso, tanto a nivel narrativo como musical, abrindo cara a algo máis luminoso. Despois, “El Azul del Fuego” leva todo a un plano moito máis íntimo e emocional, case como o punto máis profundo do disco, tanto pola historia que hai detrás como pola construción musical, máis contida e progresiva.

E “Los Días Felices” pecha o EP porque, dalgunha maneira, recolle todo o anterior: a ansiedade, a contradición, a incapacidade de atoparse a un mesmo… pero cun formato máis aberto, máis “himno”, que serve como síntese e tamén como saída cara fóra.

 

Roi Grandío: “A veces miro dentro, y pongo en pausa el mundo entero y consigo respirar” di a letra de “Los Días Felices”. Ese “dentro” cara ao que miras é o “espazo interior” ao que fai referencia o título do álbum, “H.E.I. (Hacia el Espacio Interior)”? E por que convertelo en siglas, nese “H.E.I.”?

Si, ten moito que ver con iso. É parar, mirar cara a dentro, intentar entenderse nun mundo que vai demasiado rápido. O das siglas, “H.E.I.”, tamén ten un punto estético e conceptual, como de algo máis grande, case como un proxecto ou unha idea máis abstracta. A idea tamén era que soase un pouco como unha interxección, como ‘¡hey!’ ou ‘¡eh!’, unha especie de chamada de atención, de dentro cara a fóra.

 

 

Es tamén realizador audiovisual en Borneo, produtora que está detrás dos videoclips que acompañan o disco. Dialogan ambas facetas? O Roi Grandío director inflúe no Roi Grandío músico ou viceversa?

Roi Grandío: Ao final todo forma parte do mesmo universo creativo. Cando fago música, moitas veces penso en imaxes e, cando fago vídeo, moitas veces penso en música. É un diálogo constante. Dedicarme ao audiovisual tamén me permitiu construír unha estética ao redor do proxecto e rodearme de xente con criterio que me axudou desde o principio a darlle forma a Grandío desde un prisma extramusical.

 

‘Las Aventuras de Crystal Boy’ abre o álbum. O tema é unha descarga de enerxía positiva, de optimismo, sobre todo na parte final: “Yo siempre voy a estar, cuando ya no puedas más”. É esa a idea do tema, dar alento a ese Crystal Boy que todos levamos dentro, por “si ya no quedan fuerzas para salir del agujero”?

Roi Grandío: Crystal Boy representa moitas cousas da nosa xeración: a ansiedade, a depresión ou mesmo a sensación de non entender a vida ou cal é o teu lugar. Pero tamén hai unha parte de esperanza. Iso quero pensar, aínda que moitas veces custa velo. Crystal Boy fala de tender unha man amiga a quen a necesita e de dicir “sei que isto é unha merda, pero non estás só”.

 

No videoclip do tema vemos unha persoa común, convertida nun superheroe fráxil e triste, ao que lle pesa levar unha vida que non quere: “aquí en mi cueva siempre está lloviendo”. No vídeo aparece a iconografía que logo será parte da portada do álbum, cuxo “proceso de construción” se describe tamén nel paralelamente. Como nace este superheroe e como xurdiu a idea de combinar ambas cousas no vídeo?

Roi Grandío: Crystal Boy é o superheroe do mundano, que se rompe cada dous por tres. Unha persoa normal á que, como a moitas outras nalgún momento, superar un día normal da súa vida (levantarse da cama, ducharse, ir a traballar, facer os recados e tarefas) pode supor unha epopea heroica. O vídeo xoga con esa dualidade e tamén coa construción do universo visual do proxecto.

O protagonista do vídeo é Pedro, un moi bo amigo que nin sequera é actor, pero entende perfectamente a Crystal Boy. Foi moi bonito levar a cabo este proxecto con el.

 

 

En ‘Las Leyes del Cambio’ escoitamos: “Y todo está cambiando, y se me escapa el tiempo, tan feroz y despiadado”. O tempo semella ser un elemento recorrente nas túas letras. Ese tempo que foxe, o tempus fugit do que falaban os clásicos, é unha das principais causas desa dor existencial que impregna o álbum?

Roi Grandío: O tempo, como unha constante ineludible e inmutable, é un concepto sobrecolledor por si mesmo. A morte, a fraxilidade humana, esa sensación de que todo vai demasiado rápido... Ao final vivimos nun contexto no que parece que sempre tes que estar producindo, avanzando, aproveitando cada segundo… e iso choca moito cunha realidade de paz interior.

E claro, todo iso conecta directamente coa nostalxia. Porque cando sentes que o presente se che escapa, tes tendencia a idealizar o pasado, a pensar que antes todo era máis sinxelo ou máis feliz. Con este discurso, o tempo convértese inevitablemente nun concepto case obsesivo: aparece moito nas letras porque é unha das grandes fontes de conflito interno que teño a día de hoxe.

 

O vídeo, desta volta, aposta polo “thriller”, con secuestro e interrogatorio incluídos. Como naceu a idea de levar o videoclip do tema a este terreo?

Roi Grandío: O tema xa tiña de por si unha carga bastante angustiosa, moi ligada a esa idea de que o tempo avanza sen que poidas facer nada, e quería levar iso tamén ao plano visual.

Interesábame xogar coa sensación de perda de control, de estar atrapado nunha situación que non dominas, que é un pouco o que conta a canción. O secuestro e o interrogatorio son metáforas levadas ao extremo dese estado mental.

 

 

Como é o teu proceso creativo? Como adoitan xurdir e ir tomando forma as cancións?

Roi Grandío: Non teño unha fórmula fixa nin un método que siga sempre. Ás veces todo comeza cunha frase que me ronda pola cabeza; outras, cunha progresión de acordes; outras, cunha melodía… pero case sempre hai algo emocional detrás que é o que realmente dispara todo.

Para min facer cancións é unha forma de ordenar cousas que teño dentro e que non sei moi ben como xestionar doutro xeito. Entón o proceso é máis ben ir tirando do fío desa emoción ata que vai collendo forma. Hai temas que saen moi rápido e outros que levan máis tempo.

 

 

‘El Azul del Fuego’ describe esa tensión entre o sentirse derrotado ou roto e o non darse por vencido, algo que aparece nas letras pero que tamén se reflicte na propia música ao longo de todo o disco. É esa batalla o eixo principal arredor do que xira este traballo?

Roi Grandío: Non sei se é o eixo principal, pero si que é unha parte importante do discurso do EP.

‘El Azul del Fuego’ é un tema moi especial para min porque o escribín para unha persoa moi querida e nace dunha experiencia moi real. Supuxo tamén un punto de inflexión na miña forma de entender certas cousas, como a saúde mental.

 

 

‘Tu Luz’ é, como di o título, o tema máis luminoso do álbum, o máis optimista: “Como si hubiera dormido media vida, como la señal que me devuelve a casa, veo tu luz encendida”. No disco, nesa batalla entre o abatemento e o non renderse é a luz a que finalmente sae vitoriosa?

Roi Grandío: Penso que ao final sempre hai un gran punto de esperanza en todas as cancións, ou esa é a miña intención ao escribilas. ‘Tu Luz’ é un claro exemplo de enerxía positiva. A súa narrativa funciona como un ‘clic’ que hai en ti, grazas a algo ou a alguén, que che axuda atopar o camiño.

Penso que atopar a nosa luz é atopar o que nos faga estar felices e en calma. Estar sempre ben é unha quimera, pero penso que a busca da luz é o que realmente importa e debe prevalecer.

 

 

Neste vídeo, no que non hai propiamente unha historia como tal, vese a banda ao completo tocando cun movemento de cámara circular no que en cada ciclo cambiades o vestiario para desembocar logo nese caos propio da euforia. Como foi a gravación do vídeo? Canto hai nel de improvisado e canto hai de guión?

Roi Grandío: Foi un proceso guai porque combinaba unha idea bastante clara a nivel visual cunha execución na que deixamos espazo para que pasasen cousas. A parte do plano secuencia circular estaba bastante pensada, co xogo de cambios de vestiario e esa sensación de ciclo, pero logo a enerxía que se vai xerando cara ao final ten moito de espontáneo.

Queriamos que esa explosión final se sentise real, como unha liberación. Entón hai unha mestura entre planificación e deixar que o momento fluíse, que creo que é o que lle dá verdade ao vídeo.

 

 

A gravación foi nos estudios Blind Records de Barcelona coa produción de Santos & Fluren (Love of Lesbian, Viva Suecia, Izal, Sidonie...). Semella unha aposta tan ambiciosa como segura, pero que buscabas neles e que foi o que acabaches atopando?

Roi Grandío: Era unha aposta bastante clara porque buscaba levar o proxecto a ese nivel de produción. Eles teñen moitísima experiencia e unha forma de traballar moi especial. Interesábame moito ese punto.

O bonito foi atopar un equilibrio: que non se perdese a miña identidade, pero ao mesmo tempo aproveitar todo o que eles podían achegar a nivel de enfoque e criterio. Creo que o resultado vai por aí, por conseguir que as cancións medren sen deixar de ser o que son na súa esencia.

 

 

O 23 de xaneiro ofrecestes un concerto de presentación do EP na Sala Supersonic de Vigo con Xoana como artista invitada. Como vivistes esa noite de estrea?

Roi Grandío: Foi unha noite moi especial, desas que levas tempo imaxinando e que, cando chegan, teñen algo de irreal. Había nervios, claro, porque ao final é poñer diante da xente algo moi persoal, pero tamén moitísima ilusión.

Foi a desembocadura de case un ano e medio de traballo. Sentir a resposta do público, ver que as cancións conectan, que a xente as fai súas e as canta, con só cinco temas fóra… iso é o mellor que te pode pasar. Foi como darlle vida de verdade ao proxecto, máis alá do estudio.

 

 

Que pode agardar alguén que vaia a un dos vosos concertos? Como é GRANDÍO ao vivo?

Roi Grandío: A música en directo é a súa máxima expresión e a mellor forma de conectar co público. Ter un bo directo é algo imprescindible para Grandío. Non perdemos o control e o detalle que hai nas gravacións, porque somos perfeccionistas, pero existe outra enerxía, outra forma de transmitir cunha intensidade moi grande. Intentamos que o concerto sexa unha experiencia, non só tocar as cancións tal cal, senón levalas a outro lugar e conectar coa xente desde aí.

 

Cando e onde poderemos escoitarvos proximamente? Tedes xa datas pechadas? Cal é o paso seguinte? Xa traballando nun futuro longo ou é un pouco prematuro pensar niso?

Roi Grandío: A verdade é que agora mesmo o foco está en seguir sacando música e en consolidar o proxecto. Hai ideas para novos temas e para un futuro disco, pero sen precipitarse. Creo que é importante deixar que as cousas evolucionen de forma natural e ir paso a paso, pero con ambición de seguir medrando.

Non podo desvelar moito máis, pero penso que a espera pagará a pena.

 

 

Que artista ou grupo galego nos recomendarías agora mesmo? Algún favorito que deberíamos coñecer.

Roi Grandío: A verdade é que a escena galega está vivindo un momento especialmente doce, cunha diversidade creativa e unha calidade artística que poucas veces se viu con tanta forza e continuidade. Hoxe en día conviven proxectos moi diferentes entre si —desde o pop máis contemporáneo ata o folk revisitado, pasando polo indie, a electrónica ou propostas máis experimentais—, o que fai que sexa unha escena moi rica e estimulante.

Agora mesmo estou escoitando bastante a dani dicostas, Grande Amore e Fillas de Cassandra, son uns cracks.

 

E se abrísemos a túa conta persoal de Spotify, que escoitariamos? 100% Sinceridade, 0% Vergoña.

Roi Grandío: Acabo de abrila para comprobar e o último que teño, ademais dos tres artistas xa mencionados, literalmente é: o novo disco de Cora Yako, o novo disco de Ginebras, o novo disco de Pipiolas, Carlangas e Barry B. 2026 comeza forte.

 

ETIQUETAS

izq noticias