• GALEGO
  • ESPAÑOL
  • ENGLISH
     
izq noticias  

FERNANDO TATO: «A MIÑA RELACIÓN COA MÚSICA É UNHA RELACIÓN TÓXICA DE MANUAL: EU ÁMOA E ELA MALTRÁTAME»

FERNANDO TATO: «A MIÑA RELACIÓN COA MÚSICA É UNHA RELACIÓN TÓXICA DE MANUAL: EU ÁMOA E ELA MALTRÁTAME»
20 ABRIL 2026

Entre a música, o audiovisual e a interpretación, Fernando Tato leva anos construíndo unha traxectoria que non responde a unha única forma de estar na cultura. Actor en series de longa duración, director de pezas como Adeus, Berta e músico cun universo propio, o seu percorrido está marcado por etapas, pausas e regresos, sempre atravesados pola necesidade de contar.

Despois de nove anos sen publicar material novo, Tato regresa este 2026 con El propio funcionamiento de las cosas, un EP breve e directo no que volve ás emocións que sempre estiveron no centro das súas cancións. Falamos con el sobre ese regreso, o proceso creativo, a convivencia entre disciplinas e unha relación coa música que define, sen rodeos, como “tóxica de manual”.

 

Foto: Sandra Brea

 

Actor, director, guionista, ilustrador… Se de pequeno lle dixeses á túa familia que querías ser artista, quedáronse curtos con todo o que viña. Nunha familia na que ninguén se dedicaba a isto, como se constrúe unha traxectoria tan plural desde cero? Como conviven todas esas necesidades de expresión nunha mesma persoa?

Fernando Tato: Pois cometendo todos os erros posibles e por intuición. De neno, o único que me interesaba era a música, as películas, os cómics, os libros… Pasaba o día debuxando e lendo e, en canto caeu nas miñas mans unha guitarra xa non pensei pensei noutra opción máis que na de ser estrela de rock. Unha inconsciencia absoluta, visto desde hoxe. Non o conseguín, pero si seguir facendo a música que quero e como quero, que xa é bastante.

 

Antes de publicar discos xa había unha necesidade de escribir e contar. Que forma tiña ese impulso ao principio, cando aínda non había público nin estudios nin ningunha expectativa?

Fernando Tato: Pois debuxando e escribindo cancións polo propio facer de facelo. Eu era o neno que pintaba absolutamente todos os libros de texto e as mesas do colexio.

 

Foto: Sandra Brea

 

Pasaches por grupos como Azul Caimán ou Comediante antes de lanzarte en solitario. Que deixaron esas etapas no teu xeito de entender a música?

Fernando Tato: Amigos para toda a vida e a conciencia de que organizar a catro ou cinco persoas nunha única dirección vital e profesional é moi difícil.

 

Nun momento determinado a música non era suficiente para vivir dela como ti querías. Muda o xeito de escribir cando aparece esa realidade?

Fernando Tato: Non creo que o xeito de escribir cambiara. O que cambiou foi que entraron na miña vida outros elementos importantes como a interpretación e despois a dirección, etc... e a música tivo que convivir con elas con todo o que iso significou.

 

 

 

No teu primeiro traballo publicado, El animal en mí (2015) aparecen relacións intensas, ás veces fráxiles ou rotas, como en “Si muero esta noche”. Ata que punto é máis doado (se o é) escribir desde ese tipo de emocións que desde lugares máis luminosos?

Fernando Tato: Non teño nin idea. O que din é que as cancións de amor son en realidade cancións de desamor. Tamén se di que “a xente feliz non escribe cancións de amor”. Non o dixen eu, pero... :)

 

 

 

 

Aún más animal en mí (2016) revisita ese primeiro traballo desde outro lugar, con directos, demos e material adicional. Cambia a túa relación coas cancións cando volves visitalas con máis distancia?

Fernando Tato: Totalmente. Non es a mesma persoa que as escribiu, non sentes o mesmo, cambias o ton dalgunhas, o tempo doutras, os arranxos... Gústame máis a miña relación con elas agora.

 

Nas túas cancións partes de experiencias moi concretas, pero acaban sendo recoñecibles para moita xente. Como se converte algo tan persoal en algo universal?

Fernando Tato: Porque todos namoramos, todos botamos de menos a alguén, todos nos sentimos sós, quentes, furiosos, festeiros, felices ás veces. Son cousas que todo o mundo pode recoñecer como propias, aquí e na China. Unha vez chegoume unha mensaxe dunha rapaza de Brasil que me dicía que “Manos de pianista” falaba dela e da súa relación coa súa moza.

 

 

 

 

En Flores Raras (2017) aparece un son máis directo, máis físico. Que estaba pasando para que as cancións pedisen esa forma? Que papel xogaron Los Animales neste proceso?

Fernando Tato: Un papel fundamental. Eu estaba nun momento vital moito máis feliz e enérxico. A produción e os músicos foron decisivos no son, como é lóxico.

 

 

Despois deste último traballo, de 2017, hai un silencio discográfico ata agora, mentres a túa carreira profesional seguía noutros ámbitos. Como se reorganiza a túa relación coa música neste período?

Fernando Tato: A miña relación coa música é unha relación tóxica de manual: eu ámoa e ela maltrátame. Compoño, gravo, entusiásmome, creo que fixen o mellor disco do mundo, saio a tocar para catro persoas, arruínome, non pasa nada, deprímome, deixo a guitarra nunha esquina, estou un tempo sen ela, bótoa de menos, cólloa de novo, volta a empezar. Levo así dende que empecei a gravar con 15 anos. Esas ausencias poden durar unha semana ou 9 anos.

 

 

 

Volves neste 2026 con El propio funcionamiento de las cosas, un EP de tres temas que recolle distintas formas de abordar o amor e as emocións. Por que agora, despois de 9 anos?

Fernando Tato: Porque botaba de menos o estudio e o directo. Xa non aguantaba máis.

 

Hai algo case irónico no título El propio funcionamiento de las cosas: soa case a manual de instrucións, pero o que contas son emocións que non seguen ningún protocolo. Necesitabas entender ou ordenar todo iso a través da música?

Fernando Tato: Entendín que ata no caos emocional hai unha progresión lóxica de acontecementos.

 

Foto: Sandra Brea

 

Neste último traballo Manuel Cabezalí encárgase da produción e Dany Richter da masterización. Que ocorre coas cancións cando hai outros ollos que as revisan?

Fernando Tato: Que é un soño. Manuel e a súa xente: Juanma, Dany, Nieves... Son brutais e fixeron desta gravación a mellor da miña vida con diferencia. Ademais, Manuel entendeu como traballo, as miñas cancións, o meu xeito de escribir e cantar, perfectamente. Con el todo medrou e chegou a sitios que son, para min, perfectos.

 

Hai unha mestura moi clara entre imaxes moi concretas —o metro, a cidade— e algo máis emocional. Como dialogan esas dúas capas cando escribes?

Fernando Tato: Eu cando escribo, podo poñerme máis metafórico ou menos metafórico. Neste EP falo de situacións moi concretas e o que hai nas letras é o que había nesas vivencias literalmente: Venecia, Santiago, ansiedade, o apagón…

 

Foto: Marc Álvarez

 

Hai artistas que deixan pegada e outros que só pasan. Que influencias seguen activas no que fas hoxe?

Fernando Tato: As de sempre: Tom Waits, Nick Cave, Motley Crüe, Frank Sinatra, Ángelo Badalamentti, Los Enemigos, Extremoduro, Herdeiros da Crus, The National, Metallica... Teño o superpoder de combinar estilos de todo tipo.

 

“Se llevó mi corazón en la maleta”, de “Alba” (2026): hai algo moi físico nesa imaxe, como se a perda ocupase un espazo real. Que pasa cando a emoción deixa de ser abstracta e se volve palpable?

Fernando Tato: Que escribes unha canción na que o contas todo :)

 

 

Nos videoclips de “Aquella ropa tan extraña” e “Alba” asinas tanto a música como a dirección. Cando un mesmo está nos dous lados, como é o proceso de construír a peza audiovisual?

Fernando Tato: Foi unha festa. Encántame dirixir, son guionista, é a miña música e toda a xente que participou nos videos son amigos. Máis divertido imposible.

 

 

A portada do EP é unha ilustración túa, feita a man, en papel cuadriculado. Que querías que contase mesmo antes de escoitar as cancións?

Fernando Tato: Eu son moi fan do traballo feito a man. Esas ilustracións axúdanme xa non só a divertirme, senón que tamén falo de cousas que me emocionan, me preocupan... Había moito tempo que non sacaba música e quería que fose o máis persoal posible. Cando escoito un disco de Daniel Johnston, quero ver unha portada cunha das súas ilustracións. Cando escoito un dos Dogs Damour, quero ver na portada unha ilustración de Tyla…

 

Levas anos traballando como actor en televisión, en formatos moi esixentes, e nos últimos tempos tamén estás a dirixir pezas como Adeus, Berta, cuxo guión foi recoñecido co Premio SGAE Julio Alejandro e que chegou a ser finalista nos Mestre Mateo. Como conviven todas estas facetas coa música que fas?

Fernando Tato: Para min todo é o mesmo: unha maneira de expresarme, de contar historias que me interesan, me emocionan... A interpretación, a escritura, a música, en realidade son o mesmo.

 

Foto: Marc Álvarez

 

Co paso dos traballos houbo cambios, pero tamén algo que se mantén recoñecible. Que sostén a túa identidade como artista?

Fernando Tato: Supoño que a miña neurose e a miña sensibilidade.

 

Noutros momentos comentaches que che interesaba ir transformando o formato dos teus directos. Segues mantendo esa idea? Como é hoxe esa proposta en vivo?

Fernando Tato: Interésame moito. Agora mesmo os directos son en formato acústico. Eu cunha acústica e a miña voz e Marcos Castro, que me acompaña á guitarra. Encántame o formato pero tamén me gustaría moito ter unha banda, intentar cousas con instrumentos distintos... O formato acústico é a única opción cando, como é o meu caso, a música e os directos non dan diñeiro.

 


 

Que artista ou grupo galego nos recomendarías agora mesmo? Algún favorito que deberíamos coñecer.

Fernando Tato: Javi Maneiro acaba de lanzarse en solitario e paréceme marabilloso. Hai moita xente nova que está saíndo e están facendo cousas tremendas. Cando escoitei a Mondra por primeira vez, flipei.

 

E se abrísemos a túa conta persoal de Spotify, que escoitariamos? 100% sinceridade, 0% vergoña.

Fernando Tato: Desde o heavy metal de Iron Maiden ao “Kind of blue” de Miles Davis pasando por bandas sonoras de Hans Zimmer e o punk de Buzzcocks, con Aphex Twin e The Pogues con Sabina e Leiva.

 

izq noticias