LAW: «O ABURRIMENTO É A GASOLINA DA CREATIVIDADE»
Hai artistas que constrúen cancións e hai artistas que constrúen universos. No caso de LAW, música, interpretación, escrita e imaxe forman parte dunha mesma procura. Dende os seus primeiros lanzamentos ata este novo Prometeo na cidade, a viguesa foi perfilando unha proposta cada vez máis persoal, na que conviven o urbano e o ancestral, a reflexión e o baile, a tradición e a electrónica.
Despois de publicar Lo esencial en 2024, LAW regresa agora cun traballo que toma como punto de partida a figura mitolóxica de Prometeo para reflexionar sobre a comunidade, a transformación, a capacidade da arte para iluminar e a necesidade de volver conectar con aquilo que realmente importa. Un disco que nace, segundo ela mesma, tras meses preguntándose que quería contar e como facelo.
Falamos con ela sobre a evolución do proxecto, a importancia de Coia na súa identidade artística, o papel da natureza no seu imaxinario, a incorporación de elementos da tradición galega, os seus directos como espazos de encontro e ese camiño que vai de La Extremaunción a Prometeo na cidade.

Foto: Candela Lora
Cantante, compositora, actriz, dobradora, modelo, profesora de canto, guionista de manga… A sensación é que a música non aparece illada, senón como unha parte máis dun universo creativo bastante amplo. Cando empezaches a crear, tiñas claro que todas esas disciplinas ían convivir dalgunha maneira?
LAW: A miña vida sempre estivo marcada pola arte. Probei distintas disciplinas e todas coexisten en min. Pero, de ser algo, son música. Nunca pensei en se quería facer un proxecto total como é LAW, simplemente, chegou. Constrúo mirando ao futuro, pero sempre cos pés no presente.
Que atopamos en común entre a LAW que escribe unha canción, a que actúa ou a que crea unha historia?
LAW: A LAW compositora é máis vulnerable e analítica. Doulle moitas voltas a case todo o que fago e tiven que renunciar ao ideal de perfección, porque pon moitos freos para a creación artística . A que actúa é unha versión amplificada da miña verdadeira esencia. É a LAW máis real porque me permito expresar e performar quen son, sen necesidade de reprimirme para encaixar. A LAW que escribe é a mesma rapaciña que no seu piso de Coia creaba historias e poemas na madrugada.

Foto: Candela Lora
Os nomes artísticos adoitan ser unha carta de presentación. Que hai detrás de LAW e por que sentiches que ese era o nome baixo o que querías crear?
LAW: Isto crea moito rebumbio. “LAW vén de lei?”, pregúntame. Non pensei moito no nome. Só quería que se parecese ao meu, a “Lau” –que é como me chama case todo o mundo fóra do círculo artístico-. Estéticamente gustábame e, ademais, é o nome da miña personaxe do manga One Piece, Trafalgar Law. Sei que non o parece, pero teño unha vea moi otaku.
Nunha entrevista para La Voz de Galicia definíaste como “un mono solto na cidade”. Hai unha tensión moi presente na túa obra entre o urbano e o natural, entre o barrio e a tribo. Segues recoñecéndote nesa imaxe?
LAW: Si. Foi posiblemente a mellor definición que din de min mesma. Teño unha gran necesidade de conectar coa esencia, coa colectividade, coa pertenza humana e coa natureza. Pero ao final vivo nunha cidade e non na selva. Hai problemas do día a día que me afectan e que afectan aos demais. Non podo alonxar iso de min. Quen se ensimisma tanto no “eu” non ve os problemas do mundo. Para min non ten sentido vivir mirando exclusivamente cara dentro.
A túa primeira canción publicada en Spotify chega en 2020, pero imaxinamos que LAW como proxecto xa viña de antes. En que momento sentiches que podía converterse nun proxecto artístico propio?
LAW: Cando cantei por primeira vez temas propios nun concerto e vin que á xente lle conectaban. Non tiven máis pretensións previas que crear e compartir.
Se algo chama a atención ao mirar a túa traxectoria, é que o primeiro tema que publicas se chama “La Extremaunción”, en 2020. Como se inicia un camiño artístico falando precisamente do final das cousas?
LAW: “La Extremaunción” é unha canción da que estou orgullosa. Segue gustándome a día de hoxe e lembro que, ao rematala, chorara, porque pensaba que non estaba á altura. Agora véxoa con moita dignidade e cariño. Para min, é necesario deixar atrás para avanzar. Na destrución hai novos comezos. Así que, esta primeira canción, tal vez foi o final de “Laura, a cantante” e o comezo de “LAW, a compositora”.
En 2023 publicas “Diablo”, un tema que chegou acompañado do teu primeiro videoclip, cun guión escrito por ti mesma e unha proposta moi cinematográfica dirixida por Álex Mufasa. Foi nese momento cando entendiches que a dimensión visual ía ser tan importante no proxecto como a musical?
LAW: Sempre me gustou a imaxe. A fotografía, o cine, a pintura… Pero tal vez foi neste videoclip cando pensei en que podía integrar unha proposta cinematográfica na miña carreira como cantante. Encantaríame poder poñerlle tantas horas, empeño e mimo a todas as miñas producións visuais como lle puxen a “Diablo” (onde, ademais, contei cun equipo de traballo excepcional). Pero, ao final, os medios son limitados, porque eu financio e dirixo o meu propio proxecto. Se me mandan cartiños eu monto un pedazo peliculón para a próxima. Prometido.
Xa daquela definías a túa música como un lugar onde convivían o R&B, o hiphop, o soul, o reggae ou mesmo referencias xaponesas. As influencias cambiaron moito desde aquel momento?
LAW: Cambiaron. Porque eu mesma cambiei. Tiven un proceso persoal moi intenso alá por 2022. O meu xeito de ver o mundo mudou en moitos aspectos, e así o fixo a miña música. Diría que hai moito da LAW do pasado no presente, pero agora con moitísima máis claridade no que quero facer. Atopei a mensaxe, o que realmente quería contar. O das referencias xaponesas… simplemente otaku.

Foto: Candela Lora
Sen etiquetas, como definirías a música que fas?
LAW: Música para monos soltos na cidade que desexan volver congregarse arredor das fogueiras.

En 2024 chega Lo esencial, o teu primeiro EP. Que representou aquel traballo dentro da evolución de LAW?
LAW: Creo que nunca falara en profundidade disto, pero supuxo unha ruptura co anterior e un momento de resistencia e reafirmación persoal. Moita xente crera que se me fora un pouco a pinza. Viña de facer música máis urbana para pasar a cantarlle ao lume e meter psytrance a morte. Foi un proceso duro, no sentido de que recibín… non diría que críticas, pero si desconcerto. Porén, tamén validación. A xente describira o disco como “de madurez artística”. O meu son e o meu discurso deixaban de ser xenéricos para comezar a converterse en algo diferente, xenuíno. Entendín quen quería ser realmente. Tocou resistir un pouco a tormenta, pero eu sabía que tiña que ser quen era. E que, co tempo, me entenderían. E así foi.
O propio título parecía unha declaración de intencións. Que era “o esencial” para ti nese momento? E que cousas deixaron de selo despois?
LAW: O esencial é que todos os humanos precisamos amor e comunidade e tememos o sufrimento. Neste sistema enfermo, as persoas estamos apartadas da nosa natureza, e é urxente volver a ela: ao coidado conxunto, ao desfrute da existencia, á conexión coa natureza. E a base diso son uns dereitos humanos fundamentais garantidos e globais. O esencial segue sendo o mesmo para min.

Agora, en 2026, presentas Prometeo na cidade, un EP no que aparecen ideas como a rebeldía ou a transformación. Como nace este novo traballo?
LAW: As ideas das cancións chegaron a min, e despois pensei en que tiñan en común todas elas. Atopei a resposta neste titán que aceptou o sacrificio persoal a cambio de levar o bo –a verdade, a rebelión contra os que nos oprimen, a sabedoría– ao mundo.
O primeiro que chama a atención é o nome: Prometeo é, na mitoloxía grega, a figura que roubou o lume dos deuses para entregarllo á humanidade. Que atopaches nesa historia para situala aquí e agora?
LAW: É case unha comparación irónica. Pensei en como sería a chegada de Prometeo co seu facho no presente, nunha sociedade individualista, sen capacidade de deterse a observar. Parece que o que digo é moi tremendista, e que son moi dura coas persoas. Nada máis lonxe da realidade: penso que a humanidade é asombrosa, e que ten unha gran capacidade de transformación. Hai moita xente infeliz nesta sociedade e sinalar o problema é o comezo do cambio.

Foto: Candela Lora
Na presentación do traballo, nas túas redes, dedicábalo ás “Prometeas e aos Prometeos que se rebelan para levar a luz ao mundo”. Nun momento no que parece máis fácil resignarse ca intentar cambiar as cousas, cres que a arte segue tendo esa capacidade de iluminar?
LAW: Estou completamente convencida diso, e no momento no que deixe de crelo, deixarei de ser artista.
No mesmo post comentas que foi un proceso de moitos meses preguntándote que querías contar realmente e como facelo. Agora que o disco está fóra, como fuches respondendo a esas dúbidas durante o proceso de creación?
LAW: Paseando e observando. Escribindo moito, que é como mellor me comunico comigo mesma. Tamén partillando as ideas coa xente do meu contorno e escoitando as súas opinións.

Foto: Candela Lora
Ao longo do disco aparece con frecuencia a idea de que formamos parte de algo máis grande ca nós mesmos. É unha visión que nace da espiritualidade, da experiencia persoal ou dunha forma concreta de entender o mundo?
LAW: Sempre o pensei pero agora póñolle palabras. É unha crenza interna e tamén é ciencia. En parte tamén é pola socialización que recibín e por experiencias vitais persoais e colectivas.
“Mañá de domingo” funciona tamén como unha celebración da pausa, da calma e da beleza do cotián. Cres que estamos perdendo a capacidade de aburrirnos, de parar ou simplemente de estar?
LAW: Si. E espero que poidamos gañar a batalla á hiperestimulación. O aburrimento é a gasolina da creatividade. É moi difícil saír desta roda de hámster na que nos meteron… Pero como dixen, creo na capacidade de cambio da humanidade.
“Lévame a ese lugar” destaca tamén pola incorporación de elementos máis próximos á tradición, como a pandeireta. A presenza destes elementos responde a unha exploración puntual ou sentes que cada vez hai máis espazo na túa música para dialogar coa tradición?
LAW: Déixome guiar pola intuición. Simplemente sentín que quería facelo, non lle dei demasiadas voltas. Eu estou ao servizo da música e da mensaxe e sentín que esa forza da tradición galega me axudaba a transmitir mellor isto. A tradición ten moita conexión co esencial.

Foto: Candela Lora
Este tema tamén é o que conta con videoclip propio, dirixido por Izan Mínguez, a partir dunha idea creativa túa. Nel, vemos unha oposición moi clara entre as cadeas e a natureza, entre a contención e a liberdade. Que atopastes no tema para convertelo na peza visual que representa o disco?
LAW: Quería destacalo porque me parecía o tema máis representativo do disco, o que defendía mellor o concepto xeral. Ademais me toca especialmente a fibra, e se me emociona a min, creo que pode conectar cos demais.
Agás ese videoclip, o resto dos temas están acompañados por visualizers. En todos eles hai unha presenza constante da natureza. Que papel xoga ese imaxinario dentro do universo de Prometeo na cidade?
LAW: A natureza vaise desvirtuando conforme os temas se escurecen. Pasa de prantas moi coidadiñas e vivas a un deserto.
Tanto Lo esencial como Prometeo na cidade chegan da man de Galunk Producións. Nun momento no que moitos artistas apostan pola autoedición, que che achega traballar cun selo?
LAW: Paz mental e acompañamento. Axúdanme con todos os trámites burocráticos, que son un rollo, e bríndanme moito acompañamento no camiño. Tamén se encargan do booking, das subidas e xestión dos temas nas plataformas… Están moi involucrados no proxecto e fanme a vida máis fácil. Estoulles moi agradecida por ter fe en min.
Nos teus directos conviven a electrónica, a instrumentación en vivo e unha relación moi próxima co público. Como se constrúe a experiencia de LAW sobre o escenario? Que hai nela que probablemente non se perciba escoitando só as cancións na casa?
LAW: Eu descríboa como fogueiras nas covas no mundo contemporáneo. Creo que os meus concertos xeran un sentimento de pertenza, de comunidade, que na casa non se consegue. Ademais de pasalo moi ben e bailar, tamén hai espazo para a introspección e para pensar nas realidades inxustas que existen no mundo. É un exercicio de renovación persoal.

Foto: Candela Lora
“Pasamos tanto tempo na procura do sentido desta vida e o seu fin, que non nos chega o tempo para vivila”, cantas en “Mañá de domingo”. Mirando o camiño que vai de “La Extremaunción” a Prometeo na cidade, cres que hoxe buscas respostas distintas ou aprendiches a formular mellor as preguntas?
LAW: Formulei novas preguntas e atopei novas respostas.
Que artista ou grupo galego nos recomendarías? Algún favorito que deberamos coñecer?
LAW: Wöyza sempre será un must. Unha voz incrible, unha proposta feminina e feminista que persiste no tempo. E tamén xente como Lidia India, hydn, e outras moitas mulleres que están mudando o mundo.
E se abrísemos a túa conta persoal de Spotify, que escoitariamos? 100% sinceridade, 0% vergoña.
LAW: Desde Lauryn Hill ata De Ninghures pasando por Incubus, Cultura Profética, Silvana Estrada, Astrix, Estopa ou Chopin. Escoito de todo e todo me nutre.

