• GALEGO
  • ESPAÑOL
  • ENGLISH
     
  noticias  

XIANPAIS: «EU INTENTO ESTAR COS DE SEMPRE E CANTAR COS DE SEMPRE»

XianPais: «EU INTENTO ESTAR COS DE SEMPRE E CANTAR COS DE SEMPRE»
10 AGOSTO 2026

O mapa da música galega non sempre coincide co dos grandes centros. Louro, un pequeno lugar de Muros, converteuse nos últimos anos nun dos focos máis fértiles da nova escena, e XianPais forma parte dunha xeración que aprendeu a facer música sen separar a creación do lugar, da lingua nin da xente coa que medrou.

Comezou publicando en castelán, pero en Hourglass (2023) apareceu xa o galego que acabaría definindo o seu proxecto: non unha lingua neutralizada, senón a fala concreta de Louro. En O vento da ría (2025), a paisaxe serviu para pensar a perda, a pertenza e a imposibilidade de marchar por completo; en Apóstoles (2026), producido por Yuly, aquelas feridas regresan convertidas en costras e o foco desprázase cara á comunidade construída arredor das cancións. Falamos con XianPais sobre medrar sen afastarse, compartir a autoría e facer rap desde o lugar ao que un pertence.

 

Antes das cancións e dos escenarios estaba Xián Saborido Pais, un rapaz ao que lle gustaba o rap. Que tivo que pasar para que deixases de estar só do lado de quen escoita e XianPais comezase a tomar forma?

XianPais: O punto de inflexión deuse cando estudaba na Coruña e un amigo que vivía comigo gravaba cancións de trap. El influencioume bastante a escoitar moito ese estilo de música e indagar nese son. A min sempre me gustou escribir, polo que foi un medio para transmitir as miñas vivencias.

 

No 2022 publicabas «14», o teu primeiro tema, escrito en castelán. Como chegaches a aquela primeira gravación e aos beats cando aínda non traballabas cun produtor de maneira habitual?

XianPais: Os beats eran de YouTube, eu escribía sobre a base e rapeabamos moito en quedadas polas tardes. Simplemente foi pasar os rapeos a un micro e experimentar desa forma.

 

 

 

Ese mesmo ano chegou «Rita Hayworth» e, en 2023, publicaches Hourglass, o teu primeiro EP, formado por catro cancións. Que evolución recoñeces entre aquela primeira gravación e o momento no que xa te propuxeches construír un traballo máis amplo?

XianPais: Persoalmente considero que evolucionei tanto na forma dos rapeos como no contido dos mesmos. Intento ter un produto máis coidado. E a nivel musical a aparición de Yuly nos meus traballos fixo mellorar o son amplamente. Ter beats propios e crear unha canción de cero cun produtor mellora o resultado.

 

Hourglass remata con «Os nenos cresen», xunto a 9Louro, o teu primeiro tema en galego. Nunha entrevista con Ulises Ollero comentabas que atopar referentes como Willow GHZ ou The Rapants foi importante para dar ese paso. Que atopaches nesas voces para que o galego, ademais da lingua na que vivías, pasase a ser tamén a lingua na que facer rap?

XianPais: Cando empecei en castelán, as miñas influencias eran de Madrid, Valencia... Escoitaba pouca música en galego, e a partir desa xente que nomeas empecei a darme conta que debía utilizar a miña lingua, e que todo soaba moito máis natural e coherente.

 

 

Nos teus temas, non neutralizas a túa maneira de falar, senón que incorporas os trazos dialectais de Muros. Que arriscas cando a túa lingua non é só o galego, senón o galego de Louro?

XianPais: Non considero que arrisque nada, simplemente intento ser eu. O que son e de onde son durante todo o tempo. Se falo así, canto así. Sempre hai críticas e xente que pensa que hai que cantar en galego estándar, pero os trazos dialectais son riqueza cultural.

 

 

 

En 2025 publicaches O vento da ría, o teu primeiro álbum, nacido nun momento marcado por unha perda familiar. Na canción que lle dá título escoitamos: «o vento da ría é un sopro de aire fresco. Será por iso que cando nos sentimos abaixo é o único que nos fai voiar ». Que pode saber un lugar de nós que non saiban as persoas?

XianPais: Cando non extrapolas o que sintes a outras persoas, o lugar no que estás sábeo todo de ti. Foi por aí onde me inspirei.

 

 

O disco abre con «Non pido máis» e péchase con «Nunca tivemos de todo pero tampouco nos faltou». Entre ambas as frases hai unha vontade constante de avanzar, pero non de escapar. Que significa medrar sen afastarse do lugar do que un vén?

XianPais: Medrar nun contexto propio rodeado da xente coa que estivecehs no punto cero resulta clave para non perder a túa esencia. Eu intento estar cos de sempre e cantar cos de sempre.

 

Foto: @carmelaschz 

 

Este traballo está construído en plural: aparecen 9Louro, Rapante, xmaseda65 e Fabiovz. Esta circulación de voces converteuse nun dos trazos característicos da escena galega actual. Que está a xerar esa rede de colaboracións máis alá das propias cancións?

XianPais: Somos un grupo de persoas, amigos e apaixoados do mesmo, polo que todo acaba nunha xuntanza de persoas que se valoran facendo música, e dende fóra pode notarse esa enerxía claramente.

 

 

En poucos anos, Louro pasou de ser un pequeno lugar de Muros a xerar proxectos moi recoñecidos. Que condicións se deron nun lugar pequeno para que facer música pasase a formar parte da vida cotiá de tanta xente da vosa xeración?

XianPais: Cando empezas a facer música é máis fácil avanzar e pasalo ben se a fas cos teus amigos. E se te levas ben, máis aínda. Penso que ese bo rollo levounos a todos para arriba.

 

Entre todos eses nomes urbanos aparece tamén Ximiela, unha agrupación de música tradicional. Que diálogo querías abrir entre as súas voces e o teu rap?

XianPais: O principal motivo foi a sonoridade que podían aportar elas á canción. O segundo foi demostrar que todos os xéneros musicais son compatibles. Ademais, é un tema con alta carga emotiva de Louro, polo que elas tiñan que cantar si ou si.

 

 

 

Neste 2026 publicas Apóstoles, un EP que comeza con «Costras». Nela conviven a conciencia de que «a veces cumples soños que un día tes» e a sensación de ter «o cora que nin contrae». Desde que lugar emocional nace un traballo no que alcanzar o que buscabas non parece resolver necesariamente o que levas dentro?

XianPais: Na música, as pequenas cousas do principio facíanme máis ilusión que calquera cousa que poida conseguir actualmente. Quizais é polo hobby que se converteu en traballo e intentas pensar sempre no próximo paso. Intentei describir esa sensación.

 

 

Nunha entrevista coa revista ACERO resumías o paso dun traballo ao outro dicindo que «as feridas se converteron en costras». Que puideches escribir desde a costra que aínda non podías contar desde a ferida?

XianPais: Puiden afianzarme, falar de superar obstáculos e rapear máis pensando na forma e na estrutura que no contido, que é algo que quería facer despois do primeiro traballo.

 

Foto: @carmelaschz 

 

En «Apóstoles», o tema que lle dá nome ao EP, sitúaste «nun vórtise de ghrises», reivindicas o respecto gañado «alí onde pisei» e afirmas: «non teño oíntes, solo apóstoles». Que historia da túa relación co público queda condensada nesa palabra?

XianPais: «Apóstoles» intenta describir a forte relación co meu público, e que aínda non sendo unha gran masa de xente, son os oíntes que se sinten identificados coa miña movida, como se fose unha relixión. Obviamente, é unha esaxeración [risos].

 

Baixo a dirección de Antón Vidal, o videoclip recrea unha especie de Última Cea, sentando á mesa caras que xa forman parte da túa traxectoria, como 9Louro ou Fabiovz. Como construístes a estética da peza para que unha referencia relixiosa servise tamén para retratar ese círculo?

XianPais: Foi idea de Antón. Cando lle expliquei o que quería transmitir, ocorréuselle esa escena para representar o concepto do EP. Paréceme brillante.

 

 

Na portada do disco, deseñada por Abraham Moreno, a cruz de Santiago ocupa o centro dunha composición circular rodeada de anxos. Como traballastes esa iconografía e que achegou a mirada de Abraham Moreno ao universo visual do proxecto?

XianPais: Aportou coherencia na estética global do proxecto. Penso que é bastante uniforme o deseño gráfico cos vídeos e cos temas e iso é gracias a el. Utilizou diferentes símbolos que relacionaban a miña persoa cos apóstoles.

 

Yuly asina a produción de todo o disco e converteuse nun nome recorrente para boa parte da nova escena urbana galega. Que ten a súa maneira de traballar para que artistas con identidades distintas esteades atopando nel un produtor de referencia?

XianPais: Yuly é capaz de adaptarse a calquera artista como se o coñecese de toda a vida. É superprofesional e dá gusto producir con el.

 

En Spotify, Yuly non queda relegado aos créditos de produción, senón que aparece como artista principal nos temas, unha decisión que tamén se repite nos traballos doutros nomes da escena. Que revela esa sinatura compartida sobre o lugar que lle dades ao produtor?

XianPais: O produtor é, mínimo, o 50 por cento do traballo dun tema, polo que penso que adoita ser xusto que apareza como artista principal. Nós traballamos así.

 


 

Como se constrúe un directo de XianPais: que formación te acompaña e como adaptades ao escenario temas tan marcados pola voz e pola produción?

XianPais: Acompáñame un DJ e unha persoa de produción para todos os outros asuntos relativos a chegar, montar, merch... Intento que o bolo sexa dinámico, pasando por todo tipo de emocións e variando en intensidade.

 

Cales son as vindeiras datas nas que poderemos verte en directo?

XianPais: O 1 de agosto temos o festival Electrofauna en Santiago e o Festilires en Cee, e o 7 de agosto o Castelo Rock en Muros e as Noites no Ulla en Touro.

 

Dise que vivimos o mellor momento da música urbana feita en galego. Desde dentro, que sinais che permiten medir a saúde real da escena máis alá do número de lanzamentos e da atención que recibe nas redes?

XianPais: Hai moita saúde na escena, marcada por proxectos que se cruzan entre si. Só hai que ver que artistas aparecen nos bolos dos outros e todas as colaboracións que se dan entre eles.

 

Foto: @carmelaschz 

 

En España, o freestyle medrou apoiado por competicións como Red Bull e FMS, mentres que en Galicia, CeibaRimas continúa sendo das únicas organizacións estables de rap improvisado en galego. Que posibilidades de crecemento ten unha disciplina cando a comunidade avanza moito máis rápido que a estrutura que debería sostela?

XianPais: CeibaRimas é unha iniciativa moi importante que fixo que moita xente que improvisaba en castelán se pasase ao galego. Penso que faltan iniciativas, falta público e faltan freestylers. Pouco a pouco.

 

«Teño xente á que lla suda o rap e collíu un ticket», cantas en «Os nenos creseron». Que cambia cando o teu primeiro público non comparte necesariamente o xénero, pero si o lugar e a historia desde os que cantas?

XianPais: Hai xente que non escoita rap, pero que si que escoita as miñas cancións, o que me xera gran satisfacción. Quizais é polo que empatizan co que rapeo.

 

Hourglass (2023) pechábase con «Os nenos cresen»; tres anos despois, Apóstoles (2026) remata con «Os nenos creseron». Na nova canción afirmas: «chegharon nenos de Louro para a revolusionar a escena, pasaron de alevíns a senior». Poderían aqueles nenos imaxinar todo o que viña? Que vos dirían se vos visen chegar «a Primeira»?

XianPais: É unha loucura. Penso que moitas veces non somos conscientes do que está pasando. Espero que dentro duns anos o saibamos valorar. Nunca foi o noso obxectivo crear isto, foi algo orgánico.

 

 

Na actualidade, que artista ou grupo galego nos recomendarías? Algún favorito que deberiamos coñecer?

XianPais: Fabiovz. Vai sacar un EP en breves e tiven o gusto de escoitalo xa.

 

Se abrísemos a túa conta persoal de Spotify, que escoitariamos? 100 % sinceridade, 0 % vergoña.

XianPais: O último disco de Elio Toffana, Barry B, Cruz Cafuné, Dano...

 

  noticias