• GALEGO
  • ESPAÑOL
  • ENGLISH
     
izq noticias  

OSO: «UN VERDADEIRO FAN É O QUE GAÑAS NUN CONCERTO»

OSO: «UN VERDADEIRO FAN É O QUE GAÑAS NUN CONCERTO»
12 OUTUBRO 2026

Un disco a medio facer acabou converténdose nun punto de inflexión. Roberto Espinosa tiña xa preparado boa parte do que ía ser o terceiro traballo de ECO cando decidiu parar e asumir que aquelas cancións xa non representaban o lugar no que estaba. Daquela renuncia naceu Oso:un proxecto novo non só no nome, senón tamén na forma de escribir, cantar e relacionarse coa música. E as cancións volveron fluír ata desembocar en La Vida Salvaje.

O disco abre unha etapa na que Espinosa busca outros músicos, outros espazos de traballo e unha maneira máis natural de contar o presente sen borrar o pasado. Gravado en BlackBetty Studios con Jose Nortes á produción, La Vida Salvaje continúa agora sobre os escenarios coa Gira Salvaje, nun formato no que Roberto se atreve tamén por primeira vez coa guitarra en directo. Máis que recuperar unha carreira, Oso parece propoñer outra maneira de habitala: con menos expectativas sobre o resultado e coa vontade de seguir gañando cada oínte canción a canción e concerto a concerto.

 

 

A primeira vez que subiches a un escenario eras aínda un neno, nun festival de canción infantil no que cantabas sen playback nin acompañamento. Que recordas daquela relación coa música, antes de que chegasen os teus grupos, discos ou a idea de facer disto unha carreira?

OSO: Estraño especialmente aquela época pola pureza do momento no que te subías ao escenario. Só pensaba en cantar e en desfrutar do momento. Oxalá puidese volver sentilo aínda que só fose unha vez máis.

 

Aos dezaseis anos chega Tundra, o teu primeiro grupo: unha banda de thrash metal coa que empezas a ensaiar e gravar nos anos oitenta. Que parte daquel xeito de facer música en grupo acabou quedando contigo nos proxectos que viñeron despois?

OSO: Sobre todo, a parte da entrega, iso non cambiou nunca; é máis, creo que o día que non poida facelo así, deixarei de facelo.

 

Con esta formación chegaches a gravar unha maqueta e despois un disco que finalmente non chegou a publicarse. Que ten que pasar entre entrar nun estudio e conseguir que un disco chegue realmente á xente? Que aprendizaxe quedou daquel proceso?

OSO: Eran outros tempos moi distintos ao que vivimos hoxe en día. Creo que aquel disco non se chegou a publicar naquel momento debido á nosa inexperiencia e, sobre todo, ao feito de vivir en Ponferrada. Estabamos moi lonxe do miolo, non tiñamos contactos. Direiche que, finalmente, o disco publicouse hai tres anos. Unha discográfica andaluza que se dedica a editar discos desa época mostrou interese niso e fíxoo.

 

 

Despois de Tundra chega Proyecto de Ley, un grupo ao que te incorporas como vocalista e que chegou a ter presenza nos 40 Principales. Que mudou na túa maneira de ocupar ese lugar como intérprete dentro dun proxecto alleo?

OSO: Neste caso era a primeira vez na que eu non era o autor dos temas, sendo ademais un estilo máis lixeiro do que eu viña. Aínda así, foi unha experiencia moi enriquecedora na que estou moi feliz de ter participado.

 

Foi ao deixar esta banda cando decidiches virte vivir a Galicia e, xa aquí, acabaches poñendo en marcha ECO, o proxecto ao que dedicarías boa parte das dúas décadas seguintes. Que fixo que deixase de ser simplemente outro grupo e se convertese nun proxecto máis persoal?

OSO: Seguramente foi o máis profesional e o máis maduro ata aquel momento. Puidemos saír de xira por todo o país acompañando a grandes bandas do momento como Los Suaves, Barón Rojo, Saratoga ou Sôber. Sinceramente, creo que puidemos conseguilo, pero, coma sempre, as circunstancias, os intereses duns e outros non deixaron que lograramos culminar.

 

 

O terceiro disco de ECO chegou a estar moi avanzado: tiñas sobre doce temas preparados e incluso volveras ao estudio de Manuel Ramil, produtor do álbum anterior, para empezar a traballar neles. Cando decidiches parar, tamén renunciaches a reutilizar esas cancións. Por que era importante empezar realmente de cero e non intentar reconducir parte dese material?

OSO: Necesitaba un xiro radical. A temática das letras, o estilo… Todo. Cando me vin no estudio traballando na preprodución vin que xa non conectaba con aquilo. Necesitaba un reinicio completo e empezar de cero. Asimilar aquilo foi duro, darme conta de que xa non pertencía a un mundo ao que me entregara e que marcara non só a miña música, senón a miña forma de vida foi complicado, pero ao pouco tempo empezaron a brotar temas novos cos que me identificaba plenamente. Foi como se quitase un tapón e xa todo fluía dun xeito que facía anos que non me pasaba. A música volvía facerme feliz e ocupaba de novo todos os meus anhelos.

 

Parar aquel disco significou tamén poñer fin a un proxecto ao que dedicaches case vinte anos. Que pasou entre ese “ata aquí” con ECO e o momento no que empezaches a entender que as novas cancións xa pedían outro nome e outra forma de continuar?

OSO: Pois que xa era outra persoa. ECO fora a miña vida e nas cancións envorcara moita parte das miñas vivencias, convertérase unha vía de escape a todas esas vivencias. Pero agora xa non era aquel, como diría Raphael. Por iso, necesitaba un cambio de paradigma que me permitise mostrar o que son agora.

 

 

Ese novo camiño acabou tomando o nome de Oso. Que che permitía contar este animal sobre a música que estabas empezando a facer?

OSO: O oso, do mesmo xeito que outros como, por exemplo, o koala e outros son animais que temos mitificados desde nenos crendo que son doces e amigables, pero en realidade son salvaxes e primitivos. Viven seguindo o seu instinto. Aos humanos viríanos moi ben un pouco desa naturalidade. Ademais, Oso é un nome curto e moi doado de lembrar.

 

Chegaches a dicir que este novo proxecto te salvou de deixar a música. Segundo contas, o bloqueo desapareceu e empezaron a saír cancións unha detrás doutra. Que cambiou na túa maneira de escribir para que algo que ata pouco antes se convertera nunha fonte de frustración volvese ser unha necesidade?

OSO: Principalmente, a miña vida privada e a necesidade de escribir sobre outros temas moito máis positivos e amables, contar as cousas dun xeito moito menos dramático a como o estivera facendo. Como intérprete tamén necesitaba abordar as cancións doutro xeito, expresar distinto e deixar aflorar outras influencias que ata o momento non me permitira.

 

 

 

Ese caudal de temas acabou tomando forma en La Vida Salvaje (2026), o primeiro disco de Oso. Que necesitabas que tivese este disco para representar de verdade o momento no que estás?

OSO: Necesitaba, sobre todo, ir un paso máis aló, saír da zona de confort, conectar con outro tipo de músicos, traballar en ambientes novos, ser o máis auténtico posible e acabar de desprenderme da pel que me envolvía ata aquel momento.

 

 

Na canción que lle dá título ao disco cantas “me duele marcharme, pero no voy a quedarme” e, pouco despois, “lo puse todo y disfruté cada momento”. Que hai detrás desa decisión de marchar sen renegar do vivido?

OSO: Deixar atrás cousas coas que conviviches longo tempo pode facerse de xeito positivo se es capaz de velo e ser honesto coa túa nova realidade. Non todo o que deixamos atrás ha de ser necesariamente malo. Simplemente, como humanos, imos cambiando e deixamos de conectar con algúns temas, só has de aceptalo e avanzar cara o que te enche aquí e agora.

 

Ademais, tamén é o título escollido para levar á pantalla. Para o videoclip deste tema escribiches ti mesmo o guión, con Gabi Cronauer na realización e Denis Gómez e Estíbaliz Veiga diante da cámara. Que querías contar en imaxes que axudase a vertebrar a canción?

OSO: O videoclip describe o cambio de ciclo de dúas persoas e está magnificamente interpretado por eses dous actorazos que son Denis Gómez e Estíbaliz Veiga, aos que nunca estarei suficientemente agradecido polo compromiso e a paixón que puxeron neste traballo. Rodámolo no Barqueiro, nun lugar paradisiaco chamado O Recuncho Do Sor, rodeados de mar, monte, animais e vida natural que contrasta perfectamente coa vida salvaxe que acaban de abandonar os protagonistas. Realmente, quedamos encantados co resultado, que leva xa case 45.000 reproducións en YouTube.

 

 

“Cero cuatrocuatro venticinco” cóntanos o ritual de agardar por un disco, mercalo, abrilo e desfrutalo sen distraccións. Nun momento no que a música chega de forma inmediata e case sen espera, que parte daquela maneira de escoitar intentas conservar aínda hoxe?

OSO: O outro día lin que Spotify está tendo serios problemas para conseguir novos subscriptores porque a xente nova cre que a música é algo como a auga, o aire ou o sol. Cren que está aí desde o principio e non entenden que haxa que pagar por iso. O mesmo está pasando coa música en vivo, con esta moda infame do despacho de billetes inverso. Todo aquela actividade que é gratuíta para o público perde valor. A xente non é consciente do custoso que é facer un disco, un concerto, unha película, un libro… Calquera deles se pode conseguir gratis, e por iso se despreza. A canción da que falas trata de rememorar a emoción de descubrir un disco na intimidade do teu cuarto como se descobre un obxecto máxico que, con sorte, vai encher a túa mente de cancións que probablemente te acompañarán toda unha vida. Tristemente, ese acto perdeuse.

 

 

Nunha entrevista da túa canle de YouTube revelabas que o título é a data de saída dun disco que esperabas especialmente. As pistas levan a Gigante, de Leiva. Imos ben? Se é así, que atopaches nese traballo para que a súa data de lanzamento acabase entrando tamén na túa propia obra?

OSO: Prefiro que cada un faga as súas quinielas e non desvelar de que disco se trata. Leiva é un tipo ao que admiro desde que iniciou a súa carreira en solitario. O seu xeito de escribir e achegarse ás historias é singular e en moi pouco tempo conseguiu crear o seu propio selo e ser un dos grandes da música hispanofalante. Hai quen cre que apareceu onte de xeito espontáneo e xa está, pero se te mergullas un pouco na súa historia verás que o leva currando desde hai moitísimos anos e que é un gran músico.

 

Que artistas ou discos consideras tamén fundamentais para entender as influencias de La Vida Salvaje?

OSO: Quique González, Gregory Alan Isakov, Cris Stapleton, Ray Lamontagne etc.

 

En “Ciudad de Cristal” compartes voces con Txetxu Altube, a quen convidaches porque sentías que a canción encaixaba especialmente coa súa maneira de facer. Que buscabas na súa voz? Que vos une aos dous coa Coruña?

OSO: A Txetxu descubrino coa súa banda Os Madison. Sempre me pareceu uns dos cantantes que mellor expresaba as letras dos temas que escribía e iso é o que máis me chega como intérprete. “Ciudad de Cristal” ten moito que ver co seu estilo. Imaxineino cantándoo e encaixou á primeira. Casualmente, tamén gravara en BlackBetty Studios, así que me puxen en contacto con el e rapidamente aceptou. O resultado non puido ser mellor, pero tamén foi unha forma de agradecer á Coruña o seu cariño cada vez que veu cantar aquí.

 

 

A elección para a produción foi Jose Nortes, estreito colaborador de Miguel Ríos, que participou nos primeiros discos de Quique González e traballou tamén con Coque Malla, con quen foi recoñecido como Produtor do Ano pola Academia da Música. Que había na súa maneira de traballar que che facía pensar que era a persoa axeitada para este disco?

OSO: Por primeira vez quería a opinión de alguén externo. Necesitaba soltar unha parte da carga e delegar en alguén con criterio que desde a distancia vise cousas que eu non vise, tanto no positivo como no negativo, así que me puxen a buscar e apareceu Jose Nortés, un dos produtores que máis tiveron que ver na música deste país, traballando, alén dos artistas que antes mencionaches, con xente tan notable como Ariel Roth, Burning, Morgan, Quique González, etc. Nortes sempre ten o son adecuado para calquera canción, sabe cando algo é excesivo ou queda curto. É moderado, pero moi intenso á vez. É o produtor perfecto para este proxecto, porque me entende e déixame fluír, e iso é clave para un autor.

 

 

Nortes foi tamén quen reuniu boa parte dos músicos do disco: Dani Griffin (Fito & Fitipaldis) na batería, Sergio Valdehita (Amaral, Sidecars) e Luis Prado (M Clan, Miguel Ríos) nos teclados, Dani Herrero (Loquillo) no saxo, ou o propio Jose nas guitarras e baixo. Como é traballar con xente tan recoñecida no sector? Impón entrar no estudio con eles?

OSO: Ao contrario. A proximidade e a sinxeleza coa que traballan fan que te relaxes ao minuto de estar alí, pero si que notas que a interacción é outra: entenden á perfección o que han de facer e execútano con determinación e entrega, sen dubidar. Aínda que despois se cambien partes ou se fagan novas tomas, sempre estás vendo a xente profesional entregada ao que fan. É un luxo e unha aprendizaxe impagable.

 

 

Unha vez reunida esa formación para a gravación, que foi aparecendo nas cancións que non estaba nas versións coas que chegaches ao estudio?

OSO: Non creo demasiado na improvisación cando entro no estudio. Gústame chegar coas cousas moi definidas e non deixar demasiado á sorte, así que as demos que gravara na miña casa eran case definitivas en canto a estruturas e melodías. Evidentemente, a mestría destes músicos e a dirección de Nortes levaron os temas a un status moi superior a esas humildes demos. Espero que poidamos reunirnos de novo con todos eles para volver traballar xuntos e seguir aprendendo.

 

 

Ao comezar a “Gira Salvaje” escribías nas túas redes que querías gañar o favor do público “un a un”, convencendo en cada concerto, por pequeno que fose. Que che están ensinando estes primeiros directos sobre as cancións? Como está sendo a resposta do público?

OSO: Pois mira, creo que un verdadeiro fan é o que gañas nun concerto, porque aí é onde a xente é capaz de percibir se o que está a ver é ou non de verdade, e iso é algo que non poderán cambiar as redes sociais, por iso creo que tocar é o único xeito de crear verdadeira comunidade arredor do grupo. De momento, e debido ás dificultades que supón hoxe en día saír coa banda ao completo, estamos a presentalo de xeito acústico: Nano Combo á guitarra, steel guitar e voces e eu cantando e tocando tamén guitarra acústica, e aínda que conseguir actuar nunhas condicións minimamente dignas, todo o que estamos a facer está resultando estupendo, tanto na resposta do público como para nós que o desfrutamos ao máximo.

 

 

Nesta etapa tamén empezaches a tocar a guitarra en directo por primeira vez. Despois de tantos anos ocupando o escenario fundamentalmente como vocalista, cambia a maneira de interpretar as cancións cando tamén tes que sostelas cun instrumento?

OSO: Pois si, para min, moitísimo. Sempre tiven o complexo de ser un guitarrista nefasto, a pesar de que teño guitarra case da puberdade, nunca me dediquei a ela o suficiente como para atreverme a tocar en directo, así que a usei para compoñer e gravar as miñas demos, pero non para os shows en vivo, así que quería tamén sacarme esa espiña e atreverme, por fin, a amosarme en público tocando e cantando. Hei de dicir que esta vez si que lle dediquei moitísimas horas ao ensaio e digamos que conseguín un resultado aceptable que me permite acompañar a ese besta que é Nano Combo, sen molestar demasiado [risos].

 

Contas que en BlackBetty atopaches a gravadora de bobina na que se rexistrara a maqueta de Tundra. Estaba á venda e ninguén parecía interesado en mercala. É case unha metáfora do que ten mudado todo o que rodea a música nestas décadas: gravación, distribución, promoción, recepción... Que botas de menos doutros tempos e que che parece especialmente interesante (ou detestable) destes?

OSO: Especialmente o valor da música. Creo que o perdeu case todo. Hoxe é máis un xoguete para aparentar certas cousas que un valor de vida. Falo, por suposto, do público. En canto aos músicos, seguramente nos atopamos coa xeración máis preparada, con máis medios ao seu alcance tanto para facer música como para difundila, e iso é moi bo. Mágoa que á hora de chegar ao público final, este non a valora do xeito adecuado, pero os tempos cambian e hai que aceptalo e convivir con iso, aínda que non che guste.

 

 

Despois de case toda unha vida subindo a escenarios, Oso chegou precisamente nun momento no que chegaches a pensar en deixar a música. Que che gustaría que este novo comezo che permitise vivir por primeira vez?

OSO: Creo que todos os que facemos arte ou cultura desexamos respecto e recoñecemento. Xa non soño cun éxito masivo porque iso require de moito tempo e que se dean moitas casualidades, cousa que non vai suceder, ou si… quen sabe? Pero se hai algo que realmente me enchería sería poder vivir exclusivamente da miña música. Non pido encher estadios nin nada diso, pero poder sacar os meus discos e facer as miñas xiras en salas pequenas ou de mediana capacidade e poder vivir como un traballador calquera, chegando a fin de mes e pagar facturas a través da miña música. Iso sería o éxito máis absoluto ao que aspiro agora mesmo.

 

Na actualidade, que artista ou grupo galego nos recomendarías? Algún favorito que deberiamos coñecer?

OSO: Como músico galego creo que o que máis me sorprendeu en todos os aspectos é Carlos Ares. Teno todo para chegar ao máis alto e creo que o vai conseguir a nada que as cousas lle sigan indo como ata o de agora. Tamén está Luis Fercán, que vén desde moi abaixo picando pedra e que me ten moi enganchado coa súa Cerezos en Flor. O seu xeito de expresar conmóveme. Ambos teñen, ademais, a particularidade do singulares que son as súas voces: podes distinguilos entre un millón. Galicia é unha das rexións cun dos viveiros máis importantes da música deste país.

 

Se abrísemos a túa conta persoal de Spotify, que escoitariamos? 100% Sinceridade, 0% Vergoña.

OSO: A nivel internacional estou moi pillado con Ray Lamontagne e o seu disco con The Pariah Dogs. Se che gusta a música en acústico con moita raíz americana, suxíroche que lle deas un tento.

 

izq noticias