• GALEGO
  • ESPAÑOL
  • ENGLISH
     
  noticias  

NOVOS LANZAMENTOS. XUÑO 2017

Novos lanzamentos. Xuño 2017
2 XULLO 2017

 

Mind Pattern Explorer – Alex Silva

Gravado entre A Coruña (La Cortina Roja) e Boston (Converse Rubber Track), Mind Pattern Explorer (Canadian Duck Tapes, 2017) é o EP debut de Alex Silva co seu proxecto homónimo. Oito cortes donde o artista coruñés deixa patente a súa ampla experiencia musical a través dunha combinación de instrumentos xunto con sons dixitais e analóxicos, deixando atrás o estilo club que o caracterizaba. Mind Pattern Explorer é un traballo fresco, optimista e algo minimalista que amosa a un Silva renovador... aínda que a publicación sexa en casete!

 


 

 

 

Flores, tambores e ilusiónsEspiño

Espiño non quería deixar nada no tinteiro, así que menos dun meis despois da publicación de su EP debut, I (2017), o cantautor sorprende co single Flores, tambores e ilusións (2017). Gravado entre o 14 e 19 de xuño por Martín Esturao en Bungalow Studios (Santiago de Compostela) e novamente producido por el mesmo, o tema parte dunha sucesión de acordes propios de calquera canción ska, onde sobresae a combinación da harmonía vocal a tres voces xunto cos diversos efectos sonoros. Coas colaboracións de Alexandro González (voz, teclados), Brais Sánchez (voz, guitarra) e L.A.R. Legido (batería), Flores son case tres minutos de canción sobre os movementos sociais actuais cunha cadencia rítmica digna de estar nas listaxes de Canción do Verán.

 

 

 

 

GalaxiaSubmarino

Un cóctel inspirado no cosmos. A refrescante composición de estrelas e materia interestelar que deja Submarino despois do seu primeiro traballo, Viaxe (2017), é Galaxia (2017), un EP no que inclúe cinco pezas dedicadas a cinco planetas do sistema solar, “Terra”, “Venus”, “Marte”, despegando nunha viaxe interplanetaria na que fusiona a música de sintetizador dos 70, o pop dos 80 e o dance da década do 2010. A banda galega liderada polo artista británico Gavin Matthews fainos flotar polo espazo a través desta explosión de electrónica.

 

 

 

 

Hoxe de tranquisAula 11

As clases xa remataron, pero por aquí máis dun pasará o verán no instituto—concretamente na aula 11— e non porque suspendese. Anticipábano a finais de maio semanas co single “La cosa buena”, que chegou a soar en Radio 3, e o 12 de xuño os carballeses Aula 11 estreaban a época estival co seu novo EP, Hoxe de tranquis (2017). Gravado e mesturado por Iago Pico en Pousada Son, os catro cortes soan a garage, punk-rock e surf na súa máxima expresión, letras fresh e a golpe de guitarra que saciarán a túa sede igual que ese primeiro sorbo da caña, ese ao que lle segue o mítico «hoxe de tranquis....». Con portada de Xulia Queijeiro, rompéndoo ao estilo Bel-Air, Aula 11 deixa a banda sonora para todos aqueles que, de xeito inocente e reiterado, caen nesta «mentira».

 

 

 

 

Seres abisalesSelvática

Desde o máis profundo do río Amazonas, albiscamos os Seres abisales (Discos de Kirlian/Orphan Records, 2017) que dan título ao novo disco de Selvática. Gravado a finais de 2016 nos Estudio Terraforma e Estudio Orphan, este LP destaca por un son máis crú e potente que nos seus traballos anteriores, nos que predominaba o pop con matices tropicais e ritmos acelerados, mentres que os 12 temas que compoñen Seres abisales soan a puro post-punk con sutís chiscos ao pop. Seguindo á serpe que os envolve, obra de Alessander Argazki, desfrutade de “No sé qué pasó” tema que xa soou en The Natives Are Restless, programa musical de radio de Glasgow (Escocia).

 

 

 

 

Diablito BailaAlejandro Vargas Trío

O trío liderado por Alejandro Vargas (piano), xunto a José Manuel Díaz (contrabaixo) e L.A.R. Legido (batería) foi o galardoado na categoría jazz do II certame Galicia Creativa. Composto por nove pezas, Diablito baila (2017) é o LP debut do trío, que xa leva seis anos de creación colectiva ás súas costas abarcando melodías contemporáneas, jazz ou música afrocubana. Aínda que a improvisación é unha das características propias do trío, Diablito baila é un traballo cunha sólida base de jazz contemporáneo, onde acordes afrocubanos mistúranse coa perspectiva máis onírica da súa música. Alejandro Vargas Trío presentará o seu «diablito» no Festival Imaxinasons (Vigo) o vindeiro 6 de xullo.

 

 

 

 

IEspiño

Como galardoado da categoría pop-rock do II certame Galicia Creativa, Alfonso Espiño (A Nice Pair,Los Fabulosos Weekend, Mega Purple Sex Toy Kit, Los Chavales) tivo a oportunidade de gravar o seu primeiro traballo de estudio. Producido polo mesmo Espiño xunto con Gerardo Amigo, I (2017) está composto por seis temas de psicodelia-pop, con letras creativas nas que destaca a lírica, e colaboracións como as de Álvaro Crego (trompeta, trompa) e Quim Farinha (violín). O EP representa un novo comezo, desde cero, que soa a pop de corte psicodélico, con toques de rock progresivo e chiscos ao folk-rock, pura psicodelia galega.

 

  noticias