• GALEGO
  • ESPAÑOL
  • ENGLISH
     
  noticias  

INSCRICIÓNS ABERTAS PARA OS VII PREMIOS MARTÍN CÓDAX DA MÚSICA

INSCRICIÓNS ABERTAS PARA OS VII PREMIOS MARTÍN CÓDAX DA MÚSICA
3 MARZO 2020

Un ano máis, promovidos pola asociación de Músicas Ao Vivo e co apoio da Agadic, entre outras entidades, os VII Premios Martín Códax da Música xa abriron o prazo de inscrición para todos aqueles proxectos musicais galegos vixentes e en activo durante o ano 2020.

 

Léase como «proxecto musical» aqueles grupos, solistas, espectáculos ou proxectos discográficos realizados en Galicia, ou fóra da comunidade, por músicos de orixe galega. Se o proxecto é de fora de Galicia, a maioría dos seus integrantes, ou polo menos un 50%, deberán ser de procedencia galega —nos casos nos que o proxecto sexa liderado por alguén de Galicia, non será necesario cumprir para o resto de integrantes este mínimo do 50%— estes grupos poderán participar ben por cantar en galego ou por interpretar música de raíz galega. Así mesmo, non será preciso ter editado un disco en 2019, nen sequera ter editar un!

 

A inscrición é libre e gratuíta, pero está limitada a un proxecto por categoría. Os proxectos que resultaron gañadores na pasada edición de 2019, ademais de aqueles que «utilicen nas súas actuacións e/ou espectáculos, playbacks, falsos directos, ou persoas de figuración simulando tocar instrumentos, ou con contidos ou actitudes discriminatorias, violentas ou denigrantes», non poderán participar. O prazo estará aberto ata o vindeiro 15 de marzo en http://premiosmartincodaxdamusica.gal/; lembramos que unha vez inscrito, non será posible retirar o proxecto, e que non fai falta ser socio de Músicas Ao Vivo para presentarse. Podedes ler a convocatoria seguindo esta ligazón e, para máis información, enchede o Formulario de Contacto.

 

Os Martín Códax, recoñecementos á diversidade e calidade das producións musicais galegas, invirten nesta edición a orde de votacións co obxectivo de delegar a primeira selección nun xurado profesional —composto por cinco profesionais do sector (1 representante do ámbito da comunicación, 1 representante do ámbito da formación musical, 1 representante da industria musical e 2 músicas/os)— quen se encargará de escoitar e puntuar todos os proxectos inscritos para ponderar o seu voto nunha sesión conxunta coas demais persoas membros do xurado do 23 de marzo ao 5 de abril. Logo desta primeira rolda de votacións, a selección de finalistas darase a coñecer durante a Festa dos Nomeados nas Bodegas Martín Códax (Cambados) o 15 de abril. As socias e socios de Músicas Ao Vivo votarán nunha segunda rolda, do 20 de abril ao 3 de maio, para escoller que proxectos recibirán o Melómano o 6 de maio, día no que se celebra a gala no Pazo da Cultura de Pontevedra e cando se entregarán as estatuíñas, repartidas en 17 categorías, 3 Premios Organistrum e 1 Premio Honorífico.

 

As 17 categorías musicais son: Pop e Indie • Rock • Blues, Funk e Soul • Metal • Canción de Autor • Músicas Urbanas • Reggae, Ska e Mestizaxe • Electrónica • Música Clásica e Contemporánea • Jazz e Músicas Improvisadas • Música Tradicional • Música Folk • Músicas do Mundo • Música Infantil • Orquestras, Grupos e Música de Verbena • Coros e Grupos Vocais • Bandas de Música Popular. As 3 categorías que compiten polo Premio Organistrum son: Salas • Festivais • Proxectos de Comunicación e Difusión Musical. Por último, Músicas Ao Vivo recoñecerá a traxectoria dun artista galego co Premio Honorífico Músicas Ao Vivo.

  noticias