• GALEGO
  • ESPAÑOL
  • ENGLISH
     
  noticias  

RUXE RUXE: «FACER E ARMAR ESTE DISCO FOI UN DOS PRACERES MÁIS GRANDES NA HISTORIA DO GRUPO»

RUXE RUXE: «FACER E ARMAR ESTE DISCO FOI UN DOS PRACERES MÁIS GRANDES NA HISTORIA DO GRUPO»
6 ABRIL 2020

A banda referente do rock galego, unha das bandas galegas máis lendarias, unha banda de culto. RUXE RUXE, con 24 anos enriba dos escenarios, 11 LPs no mercado e máis de duascentas cancións orixinais, volve ruxir coa publicación do seu novo traballo, O Estraño Falar dun Monstro da Aldea (2020). Composta actualmente por Vituco Neira (voz, guitarra), Xan Rico (saxofón, pandeiretas, coros), Xulia Neira (baixo), David Barbas (guitarra eléctrica, acústica, coros), Iago Jorge (batería) e Xaco Barona (gaita), a banda mestura como poucas o rock’n’roll e a música tradicional cunha sobordante actitude punk; unha potente proposta de instrumentos eléctricos e elementos rockeiros, xunto a outros máis tradicionais como a gaita ou a pandeireta.

 

 

 

Os instrumentos básicos por «excelencia» do punk son a guitarra, baixo eléctricos e a batería, pero RUXE RUXE é, ademais de voz, saxofón, pandeiretas, guitarras (acústicas e eléctricas), baixo, batería e gaita. Como foi ese primeiro contacto coa fusión entre punk-rock e música tradicional galega?

Xan: «Para min foi sorprendente pois nunca pensei que todo poidera empastar tan ben; sempre pensei que nos sería máis complicado do que realmente foi».
Xaco: «Para min todo o contrario, foime moi difícil no seu momento, pero o resto do grupo musicalmente tiña a idea moito máis clara e tiñan moitas ganas de meter melodías de gaita nas cancións, tiven moita axuda dos compañeiros, eu viña do tradicional e eles viñan do punk-rock e era un choque de mundos total».
Vituco: «Fixemos o cesto cos vimbios que tiñamos sen tampouco darlle moitas pensadas e igual o que realmente é raro é que non teñamos máis grupos neste país empregando uns instrumentos tan propios e tan molóns».

 

 

Desde 1996, os de Aríns cantan en galego, cantan ao cotián da realidade que os rodea, sempre desde o prisma do realismo máxico, mesturando contenido social con poesía. RUXE RUXE nace en pleno desenvolvemento do recoñecido rock bravú, o rock rural da Galicia profunda que xorde como forma de expresión dos fillos dos campesiños e pescadores co obxectivo de narrar as súas vivencias, tinguidas sempre dun aire cómico e irónico. RUXE RUXE vai máis alá co seu punk-rock e, ademais de amosar a súa ampla cultura musical, deixan de lado vellos complexos e canalizan unha rebeldía inherente ao sector máis creativo da mocidade da época.

 

Leriando, atopamos a RUXE RUXE encadrado dentro xénero do rock bravú, ese movemento musical xurdido en Galicia a principios dos 90 a través de grupos que tiñan en común un orgullo pola cultura popular galega. Que tan certa é esta afirmación?

Barbas: «Eu diría que RUXE RUXE está un pouco por riba das etiquetas e que despois de tantos anos, e falo como seguidor do grupo antes que membro, o grupo xa está por riba de calquera etiqueta que lle queiramos poñer; xa demostrou que ten un son propio e moi recoñecible cunha historia que camiña por si soa».
Vituco: «A realidade é que o bravú e os grupos daquela época que facían rock en galego o que fixeron foi abrirnos os ollos e o camiño. Foron unha grande inspiración e apoio e aínda hoxe o son. Son os nosos cómplices e amigos no camiño e na batalla».

 

Co espíritu de loita por bandeira, do rock do país, libre e de combate, do realismo máxico e do corpo a corpo sinceiro e emocional, celebrabades dúas décadas de traxectoria con 20” (Lobicán Records, 2016), un LP aniversario que recolle as vosas experiencias durante todo este tempo. Que vos empurra a seguir coa loita? En quen, ou en onde, atopa RUXE RUXE inspiración? 

Vituco: «A nosa única inspiración é a vida, as vivencias, as experiencias e todo o que pasa ao noso redor, no noso país e na nosa aldea. Todo o bo e todo o malo. Somos deste lugar e deste tempo e queremos que iso sempre quede ben claro en todo canto facemos dende aquel primeiro concerto, que demos hai xa 24 anos. Despois o de continuar é polo moito que nos enche e o ben que nos fai, por iso non temos pensado deixalo nunca. Imos ser eternos».

 

 

 

Escoitamos as súas cancións como parte da banda sonora de películas, anuncios de televisión e programas deportivos, acadando ser parte da memoria colectiva dunha parroquia de galegos e galegas que sempre lles agasalla o seu cariño, admiración e respecto. RUXE RUXE leva máis de dúas décadas enriba dos escenarios, onde compartiron «palco» con bandas como Molotov, Gwendal, Wolfstone, Status Quo, Reincidentes ou Def Con Dos, entre outros, ademáis de colaborar con grupos do talle de Boikot ou Siniestro Total.

 

Con máis de 20 anos de loita enriba das táboas, tocastes en incontables festivais, fixestes xiras ininterrumpidas percorrendo os mellores escenarios, mesmo alén das nosas fronteiras, sempre con moi boa acollida por parte da audiencia e da crítica. Notades algún tipo de relevo xeracional no público dos vosos directos? 

Xan: «Si que o notamos, e moito. Queda xente da vella tropa que aínda veñen vernos de cando en vez, pero plantamos unha semente que agora medra en xente máis nova que conecta co grupo e respecta o noso traballo».
Vituco: «Nós facemos música e a música non entende de idades, se tal de gustos. Desfrutamos moitísimo cando vemos a xente moi nova escoitándonos e tamén cando vemos a xente moi vella escoitándonos. É unha conexión humana e de intercambio de enerxías que necesitamos sen importarnos nada máis. Lembrades aquilo de ‘os Clash góstanlle a miña avoa’ para desacreditalos como banda punk? Pois iso, ogallá lle gostemos nós tamén e moito».

 

RUXE RUXE celebraba esas dúas décadas de traxectoria con 20” (2016), un LP aniversario que recolle unha colección de 17 cancións de rock sincero e directo que amosan a intensidade emocional que lles acredita como banda comprometida co espírito de loita que lles boutou andar desde os seus inicios. O longo regalábanos temas como ‘Dodge Charger’, single-clip onde os de Aríns marchaban, futuro incerto e guitarra no maleteiro, manexando o volante dun Dodge con seguridade, deixando atrás a cidade para buscar un lugar onde os soños non tiñan final. Dirixido por Alberto Lora para Galunk Producións, o vídeo reflicte as dúas paixóns do protagonista (Titi Gramola), a música e os coches, con fragmentos dunha viaxe a bordo dun Dodge Charger dos 70 no que soa punk-rock patrio no radiocasete. A viaxe vese interrumpida por unha potente actuación dos RUXE RUXE que desprende moito rock’n’roll e aínda máis gasolina.

 

 

«Afouteza [subs.]: Disposición do espírito que leva a actuar ou a acometer calquera empresa sen temor aos perigos ou dificultades. Seguridade que alguén ten en si mesmo, carácter firme». Baixo este concepto tan galego, RUXE RUXE lanzaba hai case un ano (xusto o 10 de abril de 2019!) un adianto en formato single-clip do que sería o seu vindeiro traballo. Un par de meses máis tarde, volvían á carga con ‘Alfaia Punk’, unha xoia punkarra de case tres minutos, producida por Lobicán Records, que seguía o ronsel do seu rock-folk-punk, abrindo camiño ao que estaba por chegar. O trallazo, «moi Ruxe», viña acompañado dun videoclip «caralludo», ilustrado e animado por Diego Pérez sobre a idea orixinal de Ramón Díaz; un lenzo audiovisual en marfil e vermellón onde o sexteto compostelán comparte espello con personaxes tan dispares como Donald Trump, Capitán Spock, Betty Boop, Wally, Rosalía de Castro, Freddy Krueger, Carmen de Maierena, Amy Winehouse, Tyrion Lannister ou Vilma Picapedra.

 

 

E, por fin! o pasado 10 de febreiro, O Estraño Falar dun Monstro da Aldea (2020) vía a luz. Composto por 13 temas inéditos do puño e letra de Vituco, o LP —gravado en Garate Studios (Guipúscoa) con Kaki Arkarazo aos mandos— é unha nova entrega de  punk-rock en galego que presenta un son aínda máis pulido e eléctrico, potente e loitador como resultado do gran traballo de Arkarazo, quen fixo «que o novo disco soe a punk da vella escola».

 

Vides de lanzar o voso novo traballo discográfico, O Estraño Falar dun Monstro de Aldea (2020), un álbum onde queda patente o a esencia do ADN dos RUXE RUXE; guitarras contundentes e unha percusión acompañada de ventos (gaita, harmónica, saxo) musican un discurso de amor polo país, reflexións de perspectiva vital e un trallazo de mensaxes de punk combativo. Como describiriades o proceso creativo? Para os Ruxe que vai antes, a música ou as letras?

Vituco: «O habitual para min é facer todo ao mesmo tempo, letra e música, aínda que ás veces se poida dar doutra maneira. Neste disco tivemos unha conexión entre todas francamente extraordinaria e o proceso verdadeiramente importante é o que se fixo no local de ensaio todos xuntos, arranxando, poñendo, quitando e aportándolle a cada canción exactamente o que precisaba. É o momento máis bonito da vida dun grupo, cando entras no local sen nada e saes cunha canción que dúas horas antes non existía dese xeito. Facer e armar este disco foi un dos praceres máis grandes na historia do grupo».
Barbas: «Foi moi rápido, pero con moito convecemento e moita sintonía do que estabamos a facer. Igual con máis tempo fariamos máis temas, pero o que se fixo foi o que queriamos facer, e ademais foi moi divertido».
Iago: «Decidimos gravar o disco na furgoneta de volta do último concerto de verán e, aos dous meses, estabamos entrando pola porta dos Garate con 13 pezas. Prestou moitísimo todo o proceso no local de ensaio,e tamén despois na de Kaki».

 

O Estraño Falar dun Monstro de Aldea foi gravado en Garate Studios (Guipúscoa) xunto a Kaki Arkarazo, quen fixo que o disco soe a punk da vella escola. Era esta volta ás orixes o son que estabades a procurar? Como foi a experiencia?

Xulia: «A experiencia foi alucinante. Aliñáronse todos os astros para que puidésemos ir e estar alí 15 días todos xuntos, todos tirando cara o mesmo sitio e, ademais, cun produtor do nivel de Kaki. Para min foi coma un soño e un tempo de moita aprendizaxe».
Xan: «Si, aí creo que cadramos todos, o mellor de todo foi a experiencia de estar todos xuntos as 24 horas, convivindo e facendo o disco».
Vituco: «O son que nos achegou Kaki claro que tirou para aí. Buscabamos un pouco iso, volver ao lugar onde xermolou todo, aos Kortatu, aos Negu, a Banda Bassotti, aos Clash, aos Rancid, aos Diplomáticos, aos Pogues... non podiamos ter un mellor produtor para facelo e préstanos que nos digades que soa a iso».

 

Na portada de O Estraño Falar dun Monstro de Aldea acadamos verlle a cara a Frankenstein, unhas letras chinesas, un gaiteiro, mesmo unha caveira; quen é, ou que representa, o monstro da aldea? Deberiámoslle ter medo ou podemos escoitalo con tranquilidade? 

Barbas: «O monstro, ao final, coido que somos nós como sociedade e como individuos, que queremos escoitar pouco á natureza e imos tirando pedras contra o noso tellado nun mundo de desmedida e capitalismo que só nos vai traer problemas a non moi longo prazo».
Vituco: «Pois non se pode explicar mellor. Nós intentamos darlle un carácter conceptual […] desde a nosa visión desde a aldea de Aríns. Pensamos que quedou moi ben, un disco comprometido coa vida, co mundo e coa natureza. Tamén temos que poñer en valor o traballo de deseño das Arinspunk, cargando de simbolismo todo o que queriamos transmitir no traballo».

 

 

Ante o actual estado de emerxencia sanitaria provocada polo COVID-19, sen compromiso e con todo o noso agarimo, como estades a afrontar a situación? Que vos parece a iniciativa de trasladar os concertos ás redes sociais?

Barbas: «Fixen un concerto polo Instagram tocando e cantando as cancións dos Ruxe e foi a media hora máis rápida da miña vida. Foi liberador nestes días de encerro e paréceme unha experiencia caralluda tanto para os músicos para poder seguir conectando coa xente, como para os espectadores para conectar co que fan os músicos».
Vituco: «Eu teletraballando e tentando aproveitar o tempo o mellor posible. En canto aos concertos pola rede e todas as iniciativas que se están a dar, paréceme que, unha vez máis, o talento deste país deixa claro o sobresaínte que é tanto en cantidade como en calidade humana e artística».
Xaco: «Aproveitando para facer chapuzas na casa».
Iago: «Pois levando o encerro o mellor posible e desexando que pase pronto todo isto».
Xan: «Sobre todo tendo a tele apagada para que non entren moitas mentiras».
Xulia: «Véxoo como unha oportunidade para facer esas cousas que nunca tes tempo de facer. Descansar moito, tocar moito e agardando que, a nivel social, sexa unha oportunidade para que o mundo pare e que cando arranque sexa para mellor e coa lección aprendida. A lástima é que haxa xente sufrindo e pasándoo mal».

 

 

 

Despedímonos, como non podía ser doutro xeito, coas recomendacións dos artistas e grupos galegos favoritos de RUXE RUXE e as súas escoitas en Spotify.

 

Na actualidade, que artista o grupo galego nos recomendariades? Algún favorito que deberiamos coñecer?

Xulia: «O disco dos Labregos do Tempo dos Sputniks, un traballo que me colleu nun momento especial e que sempre me enche de enerxía positiva. Tamén Medomedá, Rastreros…».
Xaco: «A mín mólame moito Zënzar, Papaqueixos, Cempés, por decir algúns».
Iago: «Meu, que son veciños de Lalín e fan un punk-rock que me encanta».
Barbas: «Sé(mente de Vencer) o último que sacou o Leo i Arremecághona e, por suposto, Desequilibrio Mental, que para algo toco a guitarra con eles».
Xan: «Un repaso aos Ultraqans nunca sobra nestes tempos de ‘cartujo’»
Vituco: «Tampouco ven nada mal un pouco de R&R doente cos The Brosas para que nos levanten a moral».

 

Se abrísemos as vosas contas de Spotify, que escoitariamos? 100 % Sinceridade – 0 % Vergoña.

Xaco: «Eu agora mesmo estou escoitando Artic Monkeys e Imagine Dragons, despois tamén estiven vendo estes días un directo de Springsteen de 2009. Sempre ando de flor en flor, buscando máis que nada, para ir coñecendo cousas diferentes. Vou mudando rápido pero aos que sempre volvo é a Joe Bonamassa, Fogerty, The Clash ….».
Xan: «Pois hoxe mesmo estiven escoitando a Rod Stewart, mira ti».
Iago: «Eu ultimamente moito metal instrumental progresivo, moito jazz, cousas coas que ir abrindo a cabeza para ir aprendendo e estudando batería».
Barbas: «Interrupters, Mastodon e, para relaxar polas noites, un guitarrista cubano que se chama Leo Brouwer».
Xulia: «Eu Chavela Vargas e moito rollo mariachi e sobre todo punk, La Polla, The Clash ...».
Vituco: «Eu o de sempre: The Clash, Rancid, Pogues, Social Distortion e tamén moito Waterboys, Talking Heads e, por saírnos un pouco do itinerario habitual nestes días, tamén lle andei aí con cousas do Charly García».

 

  noticias