• GALEGO
  • ESPAÑOL
  • ENGLISH
     
  noticias  

THE SOUL JACKET: «GÚSTANOS VARIAR DE ESTILO DENTRO DUN MESMO DISCO, SEN COMPLEXOS»

THE SOUL JACKET: «GÚSTANOS VARIAR DE ESTILO DENTRO DUN MESMO DISCO, SEN COMPLEXOS»
14 XUÑO 2021

O seu rock ‘n’ roll clásico con cadencia soul racha os nosos oídos, como un trago de bourbon faríao en calquera bar do Sur de Estados Unidos a principios dos 70; o seu soul crea unha atmosfera envolvente, como o fume do tabaco o faría entre aquelas catro paredes de madeira dos locais sureños. Nin estamos en 1972, nin isto é Memphis, pero eles, en 2021 e a medio camiño entre Vigo e Nigrán, fan que nolo creamos.

Hai case 20 anos que The Soul Jacket naceu nun soto case de casualidade e, logo dalgúns cambios na formación, o sexteto está actualmente composto por: Mauro Comesaña (batería, percusión, voces); Jann Zerega (baixo Fender); Jorge Mizer (guitarras, voces), Guillermo Gagliardi (guitarras, voces), Xabier Vieitez (teclas) e Toño López (voz, percusión). Do son heteroxéneo e estilo misceláneo dos seus inicios, a banda é agora un referente na escena do rock e R& B estatal, grazas á potencia dos seus directos e a calidade brutal que escoitamos en cada un dos seus traballos discográficos. Ata a data, dous EPs e cinco álbums —o último deles, Let Me Stand (2021) saíu ao mercado o pasado 23 de abril— conforman a discografía da banda.

O LP, gravado en Radar Estudios (Vigo) con mestura e master de Pablo Iglesias, presenta un denso e coidado traballo de teclas, solos de guitarra espaciais, sintes e multitude de cacharros fantásticos, que fan de Let Me Stand o seu mellor disco ata a data. Nove cortes que demostran, unha vez máis, o compromiso da banda en constante evolución, «conservando os seus vellos criterios, emprendendo novos camiños».

 

 

 

Verán de 2004, un soto a medio camiño entre Vigo e Nigrán, versións e medleys de grupos clásicos dos 70, 80 e 90. Como lembrades eses «inicios casuais», xermolo de The Soul Jacket?

Mauro Comesaña: «Lembro subir os dous quilómetros que separaban a casa dos pais de Jann da dos meus pais, onde tiñamos o local de ensaio, cargando un amplificador de baixo de 35 quilos algunhas tardes de xullo...».

 

Ao pouco de comezar, coas primeiras maquetas entre as mans, fostes finalistas e gañadores en varios concursos, non só aquí en Galicia, senón no resto da Península. Que significaron para vós estes recoñecementos nesta primeira etapa? Afectaron dalgún xeito na forma de traballar?

Mauro: «Imaxínate! Cando comezas cun grupo sempre tes a dúbida de se vas ben encamiñado e cando, como no noso caso, o teu traballo é recoñecido e apreciado tan pronto resulta máis sinxelo continuar e seguir traballando e mellorando».

 

Non é ata oito anos máis tarde da vosa creación «oficial» cando debutades con Wood Mama (2012) –logo de 20 meses sen pisar escenario algún--, por que esperar tanto tempo e cal foi o detonante que vos lanzou ao mercado discográfico?

Mauro: «Non sabería dicir... A realidade é que os inicios foron unha evolución constante, con cambios de formación, etc. Non foi ata a entrada de Alberto Gregorio que acadamos reunir o suficiente número de composicións como para propormos gravar un long play».

 

 

Seica a espera pagou a pena porque, a partir dese momento case sacastes un disco por ano! Por que ese cambio de ritmo?

Mauro: «A partir dese momento, e malia a saída tan de súpeto de Alberto xusto ao rematar de gravar o disco, estaba claro que non sería xusto parar a maquinaria, agora que o disco estaba a colleitar tantas boas críticas e a ser descuberto por tanta xente».

 

E, lendo as críticas, cada un que saía era mellor que o anterior, como afrontabades a creación de novo material o tendo en conta as expectativas xeradas?

Mauro: «Foi Jorge Mizer quen tomou a substitución nas tarefas de composición practicamente ao 90%; estas novas cancións exploraban a faceta máis soul e rhythm & blues da banda. De novo, supoño que estabamos nun momento de gracia, porque desas sesións conseguimos recoller material para o disco dobre Black Cotton Limited».

 

 

Música negra de raíz, R&B sureño, rock ‘n’ roll, psicodelia californiana... a vosa mestura de estilos é máis propia de calquera club de Luisiana, Misisipi, ou Tennessee na década dos 60-70 que das Rías Baixas do século XXI. Por que este estilo, pouco común nesta beira do Atlántico?

Mauro: «Non penso que sexan estilos alleos a esta parte do mundo, leva moito tempo habendo bandas que miran á outra beira do Atlántico para expresarse musicalmente. Simplemente, supoño que ver e escoitar esa música interpretada con seguridade e sen prexuízos é o que lle chama a atención á xente».

 

 

En Gunpowder Valley (2013) comezades introducir temas e momentos máis experimentais. Por que, que buscades?

Mauro: «Gunpowder Valley presentábase como a oportunidade para plasmar en disco esas pasaxes que levabamos probando sobre o escenario durante a xira de Black Cotton.

Acordamos que íamos romper coas barreiras dun disco “tradicional” en canto a duración, formato, etc., e puidémolo gravar nós mesmos, con Óscar Liboreiro de enxeñeiro de son na comodidade do noso antigo local de ensaio, que tiña unha acústica especial. É un disco do que gardamos moi boa lembranza; nesta xira do novo disco mesmo recuperamos un par de temas del».

 

 

Aínda que dun disco a outro escoitemos algunha que outra variación estilística, mantedes un son característico e claramente definido. Como foi a evolución ata acadalo? Como o describiriades vós?

Mauro: «Unha evolución natural e pausada».

 

O voso terceiro traballo, Black Cotton Limited (2014), está bañado por un son máis puro e afroamericano, e inclúe “Pictures on the Wall”, un dos vosos clásicos, que credes que ten este tema de especial para ter máis de medio millón de reproducións en Spotify?

Mauro: «Non teño nin idea, sinceramente. Ten unha sonoridade e un ritmo especial, é un dos meus favoritos dese álbum pero, por estraño que pareza, creo que só o tocamos un par de veces en directo... Quizais sexa momento de recuperalo?».

 

 

O voso anterior traballo, Plastic Jail (2018) soou en Late Motiv, un «asalto» ao programa de Buenafuente! Como lembrades esa experiencia televisiva?

Mauro: «As producións de TV sempre ten o seu propio ritmo e ese día foi longo, pero tratáronnos estupendamente. Andreu Buenafuente sabe rodearse da mellor xente e os mellores profesionais, e ese cariño notouse.

Para nós foi un luxazo estar aí. El persoalmente abordounos nun dos descansos do programa para felicitarnos e confesarnos, así polo baixo, que oxalá puidesen contar con máis bandas do noso estilo no seu programa... toda unha sorpresa».

 

Estades a presentar Let Me Stand (2021), o voso último traballo, un LP que xa definen (de novo) como «o voso mellor disco ata a data». Como foi o proceso creativo? Tivo algunha vantaxe a situación atípica na que se xestou?

Mauro: «Os temas que compoñen Let Me Stand xurdiron da cabeza de Jorge [Mizer] durante o período de reclusión ao que nos vimos obrigados todos. Tan pronto a situación se calmou e puidemos xuntarnos de novo para ensaiar, traballamos sen descanso en darlles forma a eses (e outros tantos que xa gravamos, pero que formarán parte de outro disco aínda sen data de publicación)».

 

 

Ao fío, afectou a pandemia, e todo o que esta implicou, á selección dos temas do disco? “What Should We Change”, “No Regrets”, “Count on Me”... morriña de calquera tempo pasado (que non sempre mellor)?

Mauro: «Non creo que especialmente... Quizais algunha letra deixa asomar algo das escenas tan surrealistas que se vían pola fiestra ou na TV, ou do camiño que está a tomar a política, pero nós sempre tivemos un pé na Norte América de 1972 e outro no tempo e lugar presentes; iso témolo claro».

 

Outra vez cabe destacar as harmonías vocais e diferentes tesituras de Toño López, que evocan a un Joe Cocker de finais dos 60. Como encaixan entre os desenvolvementos máis complexos e expansivos deste LP?

Mauro: «É unha gozada contar co cariz soul e a potencia da voz de Toño; sabe facer seus os temas, meterse moi dentro da interpretación e achegarlle ese matiz que xa é selo do son de The Soul Jacket».

 

 

Malia ao son ecléctico que conseguides, a música negra impregna todo o álbum. Cal é a mensaxe do disco e que relación garda con este estilo?

Mauro: «Moito se vén falando do son tan “negro” deste álbum, pero creemos que iso sempre estivo presente en practicamente tódolos nosos discos. Neste hai algún flash máis funk e bailable, pero eses territorios non nos son alleos».

 

No single adianto, “Declaration of Intentions”, estades acompañados da harmónica do estadounidense John Németh. Por que seleccionades este tema como anticipo do álbum? Como resultou a colaboración con Németh?

Mauro: «John é un ARTISTA con maiúsculas, esa canción xa apuntaba a ser un single como tal e pedía a berros un son ou instrumento máis cálido e evocador para a parte central; esa harmónica tan de Stevie Wonder é a guinda do pastel.

E John mesmo tivo o detalle de enviarnos un vídeo da súa interpretación sen que nós llo pedísemos e que, como non, foi de cabeza ao videoclip».

 

 

Desta volta incluídes unha sección de vento, a que destaca no tema “Writers”. Como xorde a idea de engadila ao traballo e como credes que saíu o resultado final?

Mauro: «Diego Alonso é xa un colaborador habitual da nosa banda e, de novo, había temas que pedían o seu saxo exuberante.

Easter egg para os máis rayados: ese solo tan tolo de wah-wah que pecha o tema “Don’t Tell” non é unha guitarra, é o saxo tenor de Diego... con algo de maxia polo medio».

 

Outro corte que sobresae neste longo é “Zeit Im Tiefen Wald”, non só polo título en alemán, senón polos case dous minutos de tinturas electrónicas e o discurso murmurado de Marieke Strzeletz.  Como se xestou esta peza?

Mauro: «Toda esa fantasía kraut saíu da cabeza de Jorge Mizer...».

 

Let Me Stand transita os camiños de diversos estilos, en” What Shoul We Change” atopamos uns ritmos rock clásicos e, de súpeto, “Let Me Stand” nos transporta a un mundo disco funky. A que se debe esta variabilidade?

Mauro: «Gústanos variar de estilo dentro dun mesmo disco, sen complexos. Ao fin e o cabo é o que facían as bandas que nos gustan neses discos marabillosos do século pasado e, no fondo, toda esa música sae da mesma nai. Cada vez cústanos [máis] entendelas como algo separado, a verdade, para nós é algo natural».

 

 

O disco foi gravado entre agosto de 2020 e xaneiro de 2021 en Radar Estudios (Vigo), con mestura e master de Pablo Iglesias; mesmo sitio, mesma persoa que o anterior, Plastic Jail (2018). Din que si algo funciona, non o toques, é así como é a vosa experiencia xunto a Pablo en Radar?

Mauro: «Os estudos Radar son unha gozada, Pablo os manexa á perfección; a sala soa moi ben e sempre estivemos moi cómodos tocando nela. Ademais, está situada en Churruca e fronte ao bar A Casa de Arriba... vainos costar cambiar nun futuro [risos]».

 

Jann encargouse da fotografía que loce a portada de Let Me Stand e que, xunto contigo [Mauro], maquetastes e creastes o deseño final. A idea foi previa ou posterior á creación do LP?

Mauro: «Jann levaba tempo experimentando coas texturas, as tramas de impresión e as imaxes ocultas dos chamados “ollos máxicos” (para quen non o saiba, a textura da galleta do CD contén unha imaxe oculta con este método). Xuntos argallamos algo que se saíse das nosas portadas anteriores; foi darlle forma ás ideas e acadar unha portada potente, pero sen perder o misterio que sempre nos caracterizou».

 

 

No voso Bandcamp podemos ver unha morea de seguidores que vos apoian, non só escoitando, senón mercando a vosa música. A edición física dos vosos discos está especialmente coidada, nun contexto de consumo dixital, por que seguir a apostar tan forte polos discos como obxectos?

Mauro: «A xente consume música dixitalmente, pero tamén en vinilo e —si, aínda— en cedé; as nosas ventas así o reflicten e as fábricas non dan abasto para fabricar vinilos. Ben o saben as bandas independentes, como nós, ás que nos toca poñernos á cola fronte aos selos e multinacionais, unha vez máis e como sempre».

 

Na vosa opinión, como vedes a escena musical de Vigo, en xeral e en concreto nestes tempos, digamos, complicados para o sector?

Mauro: «O outro día vin a un rapaz de non máis de dez anos entrando a todo correr nunha escola cunha funda de guitarra eléctrica ao lombo. Mentres siga pasando isto na nosa cidade, eu quedo tranquilo :)».

 

Maxestosidade e potencia definen os vosos directos, diriamos que é outro dos vosos sinais de identidade. Cal é a canción coa que máis desfrutades nos directos? E cal a que máis desfruta o público?

Mauro: «Pois non é unha pregunta sinxela de responder... Varía de xira en xira, pero desta estame a gustar especialmente o peche de set, “Declaration of Intentions”. Despois de toda a meticulosidade do repertorio, con cambios de dinámica vertixinosos, ese momento final co single do disco creo que o estamos a desfrutar público e músicos por igual».

 

 

A volta aos escenarios de xeito regular está a ser complexa aínda con restricións de aforo, máscara, protocolos... pero xa estades a percorrer asfalto (Biscaia, Navarra, Soria, Madrid, Valladolid, Vigo), como levastes o mono de concertos? Como está a ser a acollida do novo disco na nova normalidade?

Mauro: «Segue a ser raro tocar para un público obrigado a estar sentado e sen poder menearse come é debido, iso non é natural para este tipo de música... Pero sentimos que a xente desfruta moitísimo igualmente, e así o testemuñan os que son incapaces de quedarse sentados todo o concerto (que os hai!) e no momento de vender discos, merchandising, etc. Está claro que a xente ten ganas de música ao vivo máis que nunca!».

 

Na actualidade, que artista ou grupo galego nos recomendariades? Algún favorito que deberiamos coñecer?

Mauro: «Claro! Tedes que escoitar a Moura, High Paw, Cró!, Zalomon Grass, Kings of the Beach, Karma Animal... e Zalomon Grass, que aí toco eu, eh!».

 

Se abrísemos a túa conta persoal de Spotify, que escoitariamos? 100% Sinceridade, 0% Vergoña.

Mauro: «100% sinceridade? Non escoito Spotify!».

 

  noticias