• GALEGO
  • ESPAÑOL
  • ENGLISH
     
  noticias  

NOVOS LANZAMENTOS. MARZO 2016

Novos lanzamentos. Marzo 2016
1 ABRIL 2016

Ecuacións. Xoán Curiel

Xoán Curiel preséntanos o seu novo disco, Ecuacións, expondo unha nova fórmula matemática. A nivel musical, a liña é a mesma a todos os seus traballos anteriores, pero neste último, o cantante busca unha forma máis tradicional á hora de gravar. Ademais, o toque acústico que ten cada un dos seis temas que compoñen o álbum dálle un ambiente moito máis suave e sinxelo. Xunto con esta nova proposta na súa música, a voz de Curiel convértese nun dos elementos máis importantes de cada canción.

 

Red Hot Fire. Grace Rodson

Red Hot Fire é o terceiro álbum de estudio da artista Grace Rodson, que foi producido por ela mesma e algúns coñecidos productores como Andy Withmore, Oscar Lo Brutto, Charlie Atom e Niall Kearney. Neste traballo, a cantante mostranos o seu lado máis fogoso que liga perfectamente coa forte influencia dance e electrónica coa que conta o disco. Esto contrasta plenamente co seu anterior traballo, dunha natureza moito máis orgánica. Ademais conta coa presencia destacada de Roberto Pla e Roger Blackman á parte dos seus acompañantes habituais. Ela mesma afirma que isto significa un punto de inflexión na súa vida persoal, onde a música está feita para que a xente baile.

 

Quarteirón 2. Quempallou

Este novo traballo de Quempallou forma parte do seu proxecto Quarteirón, que se edita exclusivamente en formato dixital mediante catro lanzamentos de tres temas cada un. Despois do primeiro lanzamento en 2014, Quarteirón 1, esta segunda entrega, Quarteirón 2, conta coas cancións E ti que tes, Muiñeira do gaiteiro e Pateado da Paínza e do Verdexo, que seguen a liña típica e tradicional do grupo, deixando claro que son unha das bandas máis representativas do folk en Galicia. O tema principal deste álbum é E ti que tes, no que se recolle un ritmo de pasodobre mesturado cunha parte cantada de composición propia que conta con algunhas coplas tradicionais, onde se fai unha crítica a aquelas persoas que van pola vida presumindo do que teñen.

 

Vol. 2. Cintaadhesiva

Este é o segundo volume da súa singular proposta, continuación do primeiro editado en 2014, que mestura poesía, música e imaxes. Esta combinación somerxe ao espectador nun universo propio, onde a imaxinación de cada un é o principal protagonista da viaxe á que nos invitan os compoñentes de cintaadhesiva. As cinco cancións que compoñen este arriscado pero marabilloso proxecto, crean un ambiente ideal para a reflexión. Cada integrante do grupo, desenvolve un papel: a música corre a cargo de Pablo Muñiz e Jesús Andrés Tejada, o vídeo por Area Erina e a voz e os textos son de Silvia Penas.

  noticias