• GALEGO
  • ESPAÑOL
  • ENGLISH
     
  noticias  

JAVIER MIRANDA: «‘STRANGE IMPERFECTION’ É UN DISCO MENOS COMPOSITIVO, MÁIS CENTRADO NO DESENVOLVEMENTO DO SON»

JAVIER MIRANDA: «‘STRANGE IMPERFECTION’ É UN DISCO MENOS COMPOSITIVO, MÁIS CENTRADO NO DESENVOLVEMENTO DO SON»
9 AGOSTO 2021

En Lugo, Javier Miranda xa era coñecido —e recoñecido— por formar parte de bandas locais como Bristol, Crazy Breed ou Kalte Sonne, pero agora, o compositor e multinstrumentista lucense preséntase cun proxecto en solitario. Acordes de progresivo, experimental e electrónica protagonizan as súas composicións que, polo de agora, recolle en dúas referencias e un par de sinxelos.

Pouco máis dun ano despois do seu debut discográfico, Miranda volvía á carga a principios de xuño con Strange Imperfection (2021), álbum de sete cortes, sinceros e libres, que bailan entre electrónica e rock progresivos, ambient e drone.

 

 

 

Como lembras os teus comezos? Tiveches sempre interese no mundo na música ou houbo algo en especial, unha especie de epifanía, que espertara o teu interese?

Javier Miranda: «Sempre me interesou moito a música, desde que escoitei os primeiros discos que me agasallaron. Nun primeiro momento escoitaba o que me chegaba pero, cos anos, fíxenme máis consciente diso e intereseime por diversos xéneros».

 

Poida que, polo de agora, a traxectoria de Javier Miranda en solitario sexa curta, pero xa es un veterano da escena local lucense, sendo parte de bandas como Bristol, Crazy Breed ou Dead Flag. Que che empurrou a tomar este novo camiño agora sen ser parte dunha formación?

Javier: «Son unha persoa que divaga moito en termos musicais, cousa que non encaixa coa rigorosidade musical dun grupo estándar. Esta semana podo escoitar rock progresivo todo o tempo, na seguinte hip hop americano e, xa na seguinte, black metal. É máis sinxelo propoñer (ou non propoñer) este tipo de influencias tan diversas no meu discurso musical en solitario».

 

Ademais, fuches un dos membros fundadores de Kalte Sonne, trío instrumental de post rock metal. Comoinfluíu esta experiencia no posterior desenvolvemento da túa carreira?

Javier: «Foi importante como acontece con calquera experiencia musical anterior. Dar concertos, gravar nun estudio e relacionarme con outros músicos foi esencial para evolucionar».

 

 

Compositor e multinstrumentista, neste proxecto estás detrás dos teclados, samples e «electrónica diversa»; como se pasa do analóxico, das cordas, ao dixital? Como un metaleiro acaba mergullándose na música electrónica?.

Javier: «Nunca me considerei moi metaleiro, salvo na adolescencia. Como dixen antes, nisto da música vou moito por épocas. Ao final a música é iso, música, os xéneros e as etiquetas que poñemos serven para un mesmo e para comunicarse cos demais, o que non é malo sempre que non nos limite».

 

Electrónica, experimental, ambient, psicodelia... como definirías o teu estilo e como foi a evolución ata acadalo?

Javier: «Imaxino que a música que fago sitúase nun punto intermedio entre o rock progresivo propio dos anos setenta e a música electrónica, sobre todo a un nivel estético-musical. Poderíamos definila como electrónica progresiva, por iso de poñerlle unha etiqueta, pero está influenciada por cousas moi diversas (ambient, drone, música experimental, etc).

No relativo á evolución está claro que Strange Imperfection é diferente a Mirror Games, sobre todo no son, aínda que en esencia segue a ser un disco meu. Quizais no seguinte exista un compoñente metal ou un compoñente jazz... nunca se pode saber. Seguirei a ser eu pase o que pase!».

 

 

Ao fío, cales dirías que son ás túas influencias musicais?

Javier: «Gústame diferenciar entre influencias musicais e a música que escoito. Supoño que me influenciaron todo o rock e o heavy metal que escoitei na adolescencia, o rock progresivo escoitado xa na maioría de idade, igual que sucede co pop, o hip hop, a electrónica ou a música experimental que escoitei máis adiante. En canto a grupos que, desde logo, cambiaron a miña visión da música están Genesis, King Crimson ou Eluvium».

 

Hai pouco máis dun ano que debutabas cun primeiro sinxelo como Javier Miranda, Season of Good Rain (2020), un tema gravado en, 2012! Por que esperar oito anos en publicalo? De compoñelo e gravalo na actualidade, cres que cambiarías algo?

Javier: «Ese tema, como ben dis, graveino no ano 2012. Pertence a uns splits non publicados —pero si compartidos de maneira dixital con amigos e coñecidos— xunto ao meu gran amigo Iago Suazo aka Yellow Flesh. Fixémolos por diversión, aínda que tamén serviron (desde logo!) como aprendizaxe. Ao abrir recentemente o meu perfil de Bandcamp, e propoñerme facer música (e distribuila) de xeito máis habitual, considerei publicalo “oficialmente”, xa que é un tema que sempre me gustou».

 

 

 

 

Uns meses despois debutabas con Mirror Games (2020), un álbum que primeiro lanzaches en dixital e logo en formato físico nunha edición limitada e numerada de 33 copias. Co consumo dixital de música en aumento, por que seguir a apostar polo formato físico e, neste caso, tan exclusivo, da túa música?

Javier: «Sempre me gustou o formato físico. Entendo que pode ser algo caprichoso, pero tanto a xente que coñezo como os ambientes nos que me movo son moi partidarios do formato físico. Gústame publícalo así, por min e por eles».

 

As 33 copias, que viñan cun bonus track que meses máis tarde publicarías como sinxelo,están esgotadas xa... por que 33 e por que elixir “Until The Light Takes Us” como «agasallo» sonoro para os nostálxicos do formato físico?

Javier: «Trinta e tres... pode parecer que foi pretendido, pero nada diso. Sabía que desexaba unha tirada pequena, nunca se sabe como pode ser recibido un disco dun artista descoñecido, sinxelamente non quería arriscarme. O número parecíame asumible e soaba ben, nada máis.

No tocante ao bonus track, é un tema que fixen despois de publicar o disco en formato dixital (o CD saiu un chisco máis tarde) e gustoume moito; é un tema que me gusta e quería que a xente puidese escoitalo. Ademais, quería ofrecer un incentivo na versión física».

 

 

Este disco foi gravado entre xaneiro e maio de 2020, antes e durante a pandemia, como afectou a crise sanitaria ao desenvolvemento do mesmo, por exemplo, na composición ou selección dos temas?

Javier: «Teño que recoñecer que non me afectou excesivamente... No meu traballo os horarios seguiron a ser os mesmos e a miña vida diaria [era] bastante similar, aínda que cun estrés superior, obviamente. Quizais toda a situación influíu, pero non fun consciente diso».

 

Destacariamos dous cortes de arredor de dez minutos cada un, “Travels Pt. 1”, que abre o disco, e “Travels Pt.2”, que o pecha. Xurdiron como un mesmo tema que acabou dividido en dúas pistas ou os títulos só responden á idea do inicio e fin dunha viaxe imaxinaria que é o propio álbum?

Javier: «Penso que o definiches ben, é o inicio e a fin desa “viaxe musical” tan ecléctica que é Mirror Games. Ademais é así, porque son dous temas que teñen melodías en común, aínda que pode costar aprecialo debido á diferencia estilística entre ambos».

 

 

Este primeiro álbum foi abrazado pola crítica, recibindo excelentes recensións. Agardabas tal recepción ou colleute por sorpresa?

Javier: «Para nada! Non agardaba tan bos comentarios, sobre todo debido á difícil clasificación do disco nun xénero concreto. Quedei moi contento, desde logo».

 

 

 

Vés de publicar Strange Imperfection (2021), novo disco que recolle sete cortes, moi libres, que bailan entre electrónica e rock progresivo, ambient e drone. Como foi o proceso creativo?

Javier: «O proceso foi similar ao do meu anterior disco, Mirror Games. Xeralmente compoño a partir da guitarra e do baixo, con todo, nesta ocasión empregueinos menos e baseeime máis no que xeraban en min os sons que atopaba. É un disco menos compositivo, máis centrado no desenvolvemento do son. E máis homoxéneo, desde logo».

 

 

O álbum foi descrito como un traballo de alguén que «quere poñer algo no mundo simplemente polo feito de que o considera fermoso, unha imperfección estraña nestes días». Estás de acordo, efectivamente foi así?

Javier: «Quizais sexa unha apreciación un pouco esaxerada pero, en parte, estou de acordo. Con estes lanzamentos baixo o meu nome soamente pretendo sacar adiante a música que me sae de xeito natural, sen impedimentos, pero intentando conceptuar, ou polo menos acadar, un acabado estético-musical medianamente homoxéneo.

Non pretendo facer discos suxeitos de xeito rigoroso a xéneros concretos. Con que eu estea convencido da “macedonia” é suficiente. Confío en que a xente sexa capaz de aprecialos e entendelos».

 

Neste disco afondas na túa faceta máis electrónica. Queda algo analóxico nel? Que hai detrás deste volta de torca no teu son? Podémola tomar como declaración de intencións para futuras composicións...?

Javier: «No disco non hai case nada analóxico, tampouco no anterior, Mirror Games. Non diría que sexa unha declaración de intencións respecto ao futuro, o seguinte será diferente!».

 

Agora, con ambos discos na man e tan só un ano (e unha pandemia) de diferencia entre eles, que diferenzas ou similitudes atopas entre eles?

Javier: «Mirror Games é un traballo máis compositivo, máis rock, máis heteroxéneo respecto ao son. En Strange Imperfection doulle máis importancia ao son, á produción, hai unha procura dunha maior homoxeneidade, aínda que sexa igual de variado que o anterior; tamén é un disco menos ambient».

 

 

O de volver aos escenarios de xeito regular segue a estar algo complicado, aínda con restricións de aforamento, protocolo, máscaras... Tes mono de escenario? Que poderemos atopar nun dos teus, esperemos, vindeiros concertos?

Javier: «A posibilidade de actuacións en directo está descartada, polo menos nun futuro próximo. Tiven proposicións interesantes, pero preparar un directo é complicado; son minucioso e, de saír adiante, desexaría facelo ben, modificando os temas, adaptándoos para poder ofrecer un espectáculo interesante. Non o descarto nun futuro!».

 

Por certo, como é o teu live set. De que aparellos te rodeas en directo?

Javier: «Como comentaba anteriormente, polo de agora facer directos non é unha prioridade. De poder, desde logo, gustaríame actuar con varios músicos e con variedade instrumental».

 

Na actualidade, que artista ou grupo galego nos recomendarías? Algún favorito que deberiamos coñecer?

Javier: «Hai moitos artistas interesantísimos por aquí. Direi dous: gustoume unha barbaridade Ultratumba (2021) do dúo vigués trajedesaliva, quen levaban lustros sen publicar novo material; é unha preciosidade. Varrendo para casa está o artista lucense Cielo Drive, é fantástico! O seu primeiro disco homónimo é moi interesante, e os temas extra que publicou en Bandcamp son xeniais.

 

Se abrísemos a túa conta persoal de Spotify, que escoitariamos? 100% Sinceridade, 0% Vergoña.

Javier: «Sempre apunto que o que escoito me resulta sinxelo de responder (vergoña ningunha, para que?!): Rufus T. Firefly, Bathoy, Iron Maiden, Kanye West, Pat Mastelotto & Markus Reuter, Porcupine Tree, Emerson Lake & Palmer, Storm Corrosion, Juaninacka, Unidad y Armonía, Fatamorgana, Akkajee, El Chojin, Avelino Saavedra, Elphomega, III Puñales, Black Country New Road, Erik Urano, La Zowi, etc.».

  noticias