• GALEGO
  • ESPAÑOL
  • ENGLISH
     
  noticias  

GRAVESEN: «NON QUEREMOS POÑER LÍMITES Á NOSA MÚSICA»

GRAVESEN: «NON QUEREMOS POÑER LÍMITES Á NOSA MÚSICA»
6 DECEMBRO 2021

O que comezou sendo un grupo de versións en 2015, rematou por converterse nunha de composicións propias, son definido e potentes directos. Composta por Javi Amandi (voz), Jacobo Castro (guitarra), Moisés Araujo (batería), Raúl Lage (baixo) e Miguel Miguélez (guitarra), Gravesen é unha banda que, desde a súa Ponteareas natal, amosa unha destreza brutal tanto a nivel musical como compositivo; os seus temas convidan a escoitalos, a prestarlles atención, a desfrutalos. 

Debutan un par de anos despois da súa creación con Gravesen (2018), e agora volven á carga con Volume 2 (2021), un EP que recolle os tres sinxelos que foron lanzando durante este ano; tres trallazos en galego, de descargas tronantes conectadas a xéneros pesados, «próximos ao metal con algún matiz stoner».

 

Foto © Amandi Fotografía 

 

Gravesen é, ademais de voz, guitarras, baixo e batería. Cal é o xermolo do grupo, como xorde a xuntanza?

Miguel Miguélez: «A semente do grupo naceu sobre o ano 2015. Jacobo e máis eu (Miguel) tiñamos un grupo basicamente de versións que se chamaba Black Box, e a idea era introducir aos poucos cancións compostas por nós. Despois de varios cambios de membros, a cousa empezou acoller xeito enmarzo de 2016, cando Javi (voz) entrou no grupo».

 

Levades «rompendo cordas» desde 2016... e antes? Lembrades cal foi o voso primeiro contacto coa música? E cun instrumento?

Miguel: «Eu particularmente lembro [xa] desde pequeno escoitar moita música nas viaxes que facía cos meus pais no 127 que tiñamos daquela. O máis roqueiro da súa colección era Europe [risos], pero é aquí onde realmente comezo a interesarme pola música.

En canto ao nstrumento, cando tiña 16 anos quedaba cun amigo que coñecía bastantes acordes na guitarra e iamos practicando; de aí a montar un grupo houbo dous pasos [risos]!».

 

 

 Foto © Amandi Fotografía 

 

«Grav» é «tumba» e «sen», «fillo» en danés e noruegués. Cal é a orixe do nome? Porque o de «fillo da tumba» é moi gótico... Ou é polo exxogador do Real Madrid, Thomas Gravesen?

Jacobo Castro: «Pois a verdade que descoñeciamos por completo o significado etimolóxico do nome [risos]. Tiñamos varias opciónsa máis delirante era “Ricardo”, pero soaba bastante indie para o que queríamos facer e acabamos elixindo Gravesen en referencia a tan rudo xogador. Ademais, os mellores nomes xa estaban escollidos [risos]!».

 

Musicalmente falando, cales diriades que son as vosas principais influencias? Algunha que nos poida sorprender?

Moisés Araujo: «Dentro do grupo os gustos son bastante variados, pero intentamos que as cancións teñan certa coherencia “estilística”. A verdade é que escoitamos de todo, desde metal ata a cousa máis popeira que te poidas imaxinar.

Xa nos dixeron un pouco de todo; isto soa a Red Fang, aquilo a Mastodon... nin tan mal [risos]!».

 

 

E, se falamos de xéneros... onde caería voso? Como describiriades estilo de Gravesen?

Raúl Lage: «Non somos moi de etiquetárnonos nun estilo concreto, pero se ben as primeiras cancións podían tirar un pouco máis cara ao rock ou o grunge, quizais agora teñamos un son un pouco máis próximo ametal con algún matiz stoner».

 

 

 Foto © Amandi Fotografía 

 

Dous anos despois da vosa creación debutades con Gravesen (2018), unha colección de catro cortes en inglés que mesturan pesados ritmos stoner coa rabia do grunge. Que vos lanzou publicar o voso primeiro álbum?

Javi Amandi: «O primeiro motivo sería conseguir concertos; ter unha carta de presentación para que a xente dos locais poida facerse unha idea de como soa o grupo. Non sempre é doado conseguir concertos se es un grupo que compón as súas propias cancións. E, o segundo, por mero afán recordatorio e coleccionista; ter o sinal de quen eramos por aquel entón.

 

 

Algo curioso deste traballo é a duración das pistas: dúas delas pasan dos tres minutos, duración máis axustada aos estándares dos medios de comunicación, pero as outras dúas,dos seis. Por que ese contraste? Paga a pena facer temas longos tendo en conta o xeito no que se escoita a música hoxe en día (atención dividida, etc.)?

Miguel: «Boa observación [risos]. É certo que o índice de atención nestes tempos que corren é cada vez menor, e facer un tema de seis minutos non parece a mellor idea. Á hora de compoñer, tampouco pensamos moito nun público obxectivo, e pode ser que ás veces nos deixemos levar [risos].

Tamén é certo que non queremos poñer límites á nosa música, se o corpo pide algomáis prog por que non!».

 

Tres anos, e unha pandemia, despois do voso debut, lanzades Cova (2021), sinxelo para o que contades con Bea e Rosa, de Donicelas. Como xurdiu a colaboración?

Moisés: «Donicelas son un grupo folk co que estou vencellado e non dubidamos á hora de contar con elas».

 

 

Ao longo da canción, as dúas voces femininas fúndense coas vosas, máis guturais. Que procurabades con este contraste?

Javi: «Pois malia que este tipo de fusións son tendencia hoxe en día, a verdade é que xurdiu do xeito máis espontáneo; probámolo un día no estudio e encantounos. Tamén é unha bonita forma de homenaxear a nosa cultura e a nosa terra, engadindo esas voces do folclore galego».

 

O de mesturar estilos como o metal, grunge, stoner ou electrónica con folk ou música tradicional galega semella ser unha tendencia hoxe en día. Como vedes vós esta fusión?

Raúl: «Pois cremos que é algo bastante orixinal. Seica no mundo da música está todo feito e inventado, pero gústanos ver como segue a haber inquedanzas musicais na xente».

 

A A Cova, seguíronlle Lobishome (2021) e Redención (2021), outros dous sinxelos publicados o 19 de marzo e o 23 de abril, respectivamente... por que lanzar os tres sinxelos soltos para despois recollelos nun EP, Volume 2 (2021)? 2021)? Foi unha cuestión loxística, pandémica ou algo máis conceptual?

Jacobo: «Pensamos que ir sacando as cancións en formato single ía captar máis a atención da xente, e a verdade que funcionou ben. Nun futuro, a idea é seguir sacando dúas ou tres cancións e máis adiante facer unha recompilación física de todo o material, cunhas dez ou doce».

 

 

E, xa que a mencionamos, de que xeito afectou a crise sanitaria ao desenvolvemento destas novas pezas? Por exemplo... as letras serían as mesmas?

Miguel: «A verdade é que nese sentido a pandemia non nos influíu moito, porque as cancións e as letras xa estaban feitas de antes, pero calquera pode pensar que A Cova xurdiu desa etapa na que todos estabamos confinados nas nosas casas [risos]».

 

Foto © Amandi Fotografía 

 

Ademais das descargas aínda máis tronantes, outra característica que teñen en común ostres cortes, e a principal diferenza co voso álbum debut, é a lingua: pasades de cantar en inglés a facelo en galego. Por que este cambio de idioma e por que agora? É definitivo?

Jacobo: «Pois tamén foi algo totalmente natural e moito máis cómodo para Javi, porque pode expresarse mellor. Temos unha lingua moi bonita, por que non utilizala. Neste sentido non hai volta atrás».

 

       

 

Firmadas por David Fernández Bueno, as tres portadas seguen unha clara liña estética, cambiando as cores (vermella, verde, azul) e os espazos (un deserto, a lúa, un cemiterio). Agochan algunha simboloxía? Seguiu David algunha directriz ou traballou con total liberdade?

Javi: «A verdade é que non podemos estar máis contentos co traballo de David (guitarra de Stormseeds, por certo). O deseño garda bastante relación coas letras das cancións; démoslle un par de pautas, pero el despois encargouse de todo e fíxoo xenial. Seguro que no futuro volveremos contar coa súa colaboración».

 

 

Como adoita ser o proceso creativo? Á hora de compoñer, que ou quen inspira a Gravesen? Nestes ámbitos, cambiou algo entre Gravesen eVolume 2?

Jacobo: «Por sorte temos bastante facilidade á hora de compoñer. Temos na cola bastantes cancións, o problema é que nos falta tempo [risos]. Ao final, cada un ten o seu traballo e ás veces faise difícil dedicarlle todo o tempo que nos gustaría á hora de ir montando as cancións.

En canto á inspiración, pois un pouco o típico; algo que liches, algún suceso de actualidade, vivencias... de calquera cousa pode xurdir unha boa historia para reflectir nunha canción».

 

Actualmente, como vedes escena metal galega?

Miguel: «Pensamos que a escena é moi boa; en xeral, non só na escena metal, hai moitos grupos dgran calidade, pero se poñemos unha balanza non saberíamos dicir se está equilibrada a oferta coa demanda, sobre todo á hora de facer concertos.

A isto hai que sumarlle que, coa pandemia, moitos locais pecharon e agora é máis difícil atopar sitios onde poder tocar. Para un grupo como nós é difícil facerse un oco, ao contar con moi poucos medios e tendo que autofinanciar calquera tipo de proxecto ou idea, pero a ilusión é o que nos fai seguir adiante».

 

Foto © Amandi Fotografía 

 

En agosto xogastes na casa, actuando na sala multiusos do Auditorio de Ponteareas xunto a Suevia, despois celebrastes o Samaín no Auriense (Ourense) e hai un par de semanas que compartistes  as táboas do Transylvania (Vigo) con Broa. Como está a ser a volta aos escenarios logo de tanto tempo sen pisalos?

Raúl: «Tiñamos moitísimas ganas, pois ao final o escenario é o que nos alimenta e nos fai desfrutar máis disto. Pensamos que nos iamos sentir algo raros ao principio, pero os nervios fóronse cos primeiros riffs. Poder presentar as túas cancións en directo é unha forma de expresión moi liberadora».

 

Ao fío, a música ao vivo xa está a rozar a normalidade —así, a secas, sen «nova»— sen restricións de capacidade e de horario. Que poderemos esperar dun directo de Gravesen?Algunha vindeira data que podades anunciar?

Moisés: «Dun concerto de Gravesen podes agardar moita enerxía. Gústanos facer concertos un pouco máis cortos pero intensos, algo así como unha puñada na cara [risos]. En canto ás vindeiras datas, temos un par delas axendadas para 2022, pero aínda non están anunciadas».

 

Na actualidade, que artista ou grupo galego nos recomendariades? Algún favorito que deberiamos coñecer?

Javi: «Pois hai moitos grupos da escena galega como poden ser Broa, cos que tocamos hai pouco, ou Moura. Dos nosos favoritos, sen dúbida, vos diriamos que escoitásedes a Mano de Piedra».

 

Se abrísemos as vosas contas persoais de Spotify, que escoitariamos? 100% Sinceridade, 0% Vergoña.

Jacobo: «Pois aquí poderiades atopar moito guilty pleasure, desde reguetón, hip-hop, ata o metal máis rabioso».

 

  noticias