• GALEGO
  • ESPAÑOL
  • ENGLISH
     
  noticias  

MAGICAL COLORS: «O QUE FACEMOS É MÚSICA ROCK SEN POÑERNOS FRONTEIRAS NIN LÍMITES»

MAGICAL COLORS: «O QUE FACEMOS É MÚSICA ROCK SEN POÑERNOS FRONTEIRAS NIN LÍMITES»
3 OUTUBRO 2022

En 2015 nacía como cuarteto e, logo de tres anos, un single, un EP e a saída da baixista, Magical Colors conformábase como trío. Agora, logo da recente salida de Alberto Guntín (voz, batería), quedan á fronte os excompoñentes de Moondogs Blues Party Marcos Maoxu (teclados, coros) e Javi Campello (voz, guitarra). A banda lucense compón indistintamente en galego, castelán e inglés, sen corsés estilísticose cunha liberdade creativa inspirada na música dos sesenta e setenta.

Despois de telo gardado nun caixón durante case dous anos, Magical Colors liberaba A procesión das bestas (2022) a finais do pasado agosto; un álbum de seis cortes de rock progresivo salpicado por psicodelia que sobe un importante chanzo na súa discografía.

 

Foto © Brais G. Rouco

 

Magical Colors nace en 2015 como cuarteto, conformándose como trío anos despois: Marcos Maoxu (teclados, coros), Javi Campello (voz, guitarra) e Alberto Guntín (voz, batería). Cal foi o xermolo do grupo?

Javi Campello: «Pois foi durante un parón de Moondogs Blues Party que Marcos, Iria e máis eu decidimos seguir quedando para tocar e non oxidarnos; e comezamos a facer versións de bandas que nos gustaban. Non tardamos en darnos conta de que nos viría moi ben engadir un batera e comentámosllo a Alberto, que aceptou sen pensar e que ademais encaixou ao instante».

 

Marcos e Javi, como dicides, viñades de Moondogs Blues Party, grupo de blues e soul, tamén con tinguiduras psicodélicas. Que achegou esta experiencia previa ao conformar este novo proxecto?

Javi Campello e Marcos Maxou: «Aínda que xa nos coñecíamos de antes e sabiamos das nosas afinidades musicais, en Moondogs puidemos constatar que nos entendiamos perfectamente cos instrumentos nas mans e que nos encantaba tocar xuntos. E, como comentabamos, foi ademais a raíz dun parón da banda que comezou a xermolar este proxecto».

 

 

Moondogs Blues Party. Foto © Brais G. Rouco 

 

Tirando aínda máis do fío musical das vosas vidas, cales foron os vosos comezos nesta disciplina artística? Como lembrades o voso primeiro contacto coa música? E cun instrumento?

Javi: «No meu caso, sempre escoitei moita música, desde moi pequeno; de cativo calquera cousa que soara na radio, discos que me regalaban polo meu aniversario, cintas que me gravaba algún compañeiro de clase... non sabería dicir de onde vén a afección, xa que na miña casa ninguén tocaba ningún instrumento nin había moitas casetes.

En canto ao meu primeiro contacto cun instrumento, foi cun tecladiño Casio deses de xoguete, aínda que hoxe en día hai bandas que o usan en directo. Sacaba melodías de ouvido e, vendo a facilidade que tiña, meus pais apuntáronme ao conservatorio con 8 anos. Alí ensináronme a odiar o piano e case diría que a música [risos]. Tempo  despois, comecei a tocar a guitarra española de maneira autodidacta aos 16 ou 17 anos, cando a miña irmá se apuntou a clases e entrou a primeira guitarra na casa. Xa nesa época era un apaixonado do rock, e, un par de anos máis tarde, puiden facerme coa miña primeira guitarra eléctrica; e en 2002 montei a miña primeira banda, Meskalina».

Marcos: «Dende pequeno houbo músicos na miña familia e sempre toquei e tiven acceso a instrumentos musicais. A partir da adolescencia empecei a interesarme polo blues, jazz, folk, rock e a tocar nas miñas primeiras formacións. E así ata hoxe».

 

 

Foto © Brais G. Rouco 

 

Se tiverades que definir a vosa música sen utilizar a palabra «psicodelia» (ou derivados!), como a describiriades?

Javi e Marcos: «Liberdade, exploración... Está claro que se algo facemos, é música rock no sentido máis amplo do termo e sen poñernos fronteiras nin límites. O que facemos é canalizar todas as músicas que nos gustan, así que dentro dese concepto rockeiro cabe tamén o folk, o blues, o jazz... que normalmente arroupamos con atmosferas envolventes e espaciais».

 

E o nome? Por que Magical Colors? («Psicodelia» desbloqueada! Xa podedes volver utilizala).

Javi e Marcos: «Pois aquí non sería moi necesario usar o termo de psicodelia! Magical Colors é o título dunha canción da Jon Spencer Blues Explosion. Cando chegou o momento de poñerlle nome á banda, a Alberto ocorréuselle que podía ser boa opción e gustounos a todos. Pensar na música como en cores máxicas que tinguen o ar é algo que penso pode definir perfectamente a Magical Colors».

 

Tedes algún referente que vos inflúa especialmente á hora de crear a vosa música?

Javi e Marcos: «Todo o que levamos escoitado na vida forma xa parte da nosa linguaxe e reflíctese dalgunha maneira nas nosas composicións. Quizais non teñamos ningunha referencia moi concreta e, ademais, ao compoñer os tres cunha certa liberdade estilística, aparecen moitas influencias diferentes convivindo na mesma canción».

 

Un par de anos despois da vosa creación, e de estar a tocar versións, publicades All I Can Need (2017), sinxelo de dúas cancións orixinais. Que vos empurrou a lanzar temas de composición propia?

Javi e Marcos: «Pois para nós crear é case unha necesidade vital. Cando vimos que máis que catro amigos que se xuntaban para tocar, isto empezaba a ser xa algo serio, non tivemos ningunha dúbida de que había que empezar a facer temas propios».

 

 

 

 

Logo chega o primeiro EP, Trippin’ (2018), gravado e producido por Javi; tres cancións onde as melodías semellan teletransportarnos a outro mundo. Era esa a intención? Musicalmente, como definiriades esta «viaxe»?

Javi e Marcos: «Trippin’, a canción, veu a ser a mellor representación do son da banda e o EP en si, unha mostra da nosa liberdade á hora de compoñer e a nosa falta de interese en centrarnos nun estilo ou nunha fórmula; Trippin’ é unha viaxe psicodélica; O Xan, un tema máis achegado ao folk rock americano-sureño, que conta a historia dun rapaz; e In&Out un instrumental con onda de rock latino. Dalgunha maneira si que pretendemos que as nosas cancións transporten ao ouvinte a diferentes lugares».

 

 

Estades a presentar A procesión das bestas (2022), o voso último —e agardadísimo— álbum; dicimos agardadísmo porque comezou gravarse en verán de 2020! Como vivistes ese tempo de pandémica incerteza?

Javi e Marcos: «Pois o certo é que tiñamos unha pequena xira de primavera cando comezou todo isto, que tivo que ser cancelada. Chegou o confinamento e, practicamente segundo rematou, aínda con moitas restricións, o Concello de Vilalba propúxonos facer un directo en streaming dende o auditorio e, como puidemos, en catro ou cinco ensaios preparamos o concerto. Neses ensaios decidimos que quizais era o momento de preparar a gravación dun disco, tendo en conta que ía ser moi complicado tocar en directo nos meses seguintes. Rematamos a gravación xusto cando comezaron os peches perimetrais, polo que ata a primavera de 2021 non puidemos volver ao estudio para darlle os últimos retoques ás mesturas e facer a masterización. Durante o tempo que duraron as restricións e demais, fixemos catro concertos: a actuación en streaming, un no Clavi de Lugo, e, xa no verán de 2021, aínda en pandemia pero xa con normas máis relaxadas, no FIV e na Filomatic da Coruña.

Pero foi despois deses concertos de setembro de 2021 cando se nos comezou a complicar a cousa. Pouco despois, un pequeno accidente laboral de Alberto tívoo de baixa varios meses durante os que só puidemos ir ultimando detalles da edición do disco con Requesound Records; e, despois de fixar a finais de primavera a data do concerto de agosto con Radio Zapa! no Clavi, case non nos foi posible quedar con Alberto durante o verán para ensaiar por diferentes motivos.

Así pois, agora atopámonos no momento máis incerto, xa que Alberto deixou a banda tras ese concerto. Foi unha decisión tomada por temas persoais e laborais que, ademais, impediu que editaramos A Procesión das Bestas en vinilo con Requesound Records; tendo en conta que o groso dos discos que editamos bandas como a nosa véndense nos directos, e coa incerteza de canto tempo poderemos tardar en atopar substituto e volver aos escenarios, non tiña sentido que fixeran o importante desembolso que supón unha edición así para despois non movela».

 

 

 

Tanto o título como a ilustración que o envolve representan un ambiente algo apocalíptico, de invasión zombie, que dista bastante do psicodélico Trippin’. Foi este cambio efecto secundario dun traballo xestado en tempos de coronavirus? Afectou doutro xeito a pandemia ao desenvolvemento do álbum?

Javi e Marcos: «A letra de A Procesión das Bestas está completamente ligada á pandemia. A música e a melodía xa estaban compostas, pero a letra aparece cando, en pleno confinamento, saltou a nova nos medios de que a xente máis privilexiada deste país saíra á rúa para reclamar cousas tan solidarias como que lles abriran as tendas de luxo e deixaran aos seus criados, cociñeiros e demais ir traballar ás súas mansións. As manis foron bastante patéticas porque a esa xente dánselles mellor as procesións, e de aí a canción e o título. A parte gráfica foi obra do artista José Luis Carrasco e está inspirada nas pinturas negras de Goya. En certa maneira a temática da canción que dá título e a súa ambientación un pouco máis escura marcan a diferencia principal con Trippin’ porque os outros temas xa levaban tempo no repertorio, así que a pandemia non influíu nesas outras composicións».

 

 

Volvemos escoitar cancións en tres idiomas: galego, castelán e inglés. De que depende a escolla dun ou doutro?

Javi: «Das letras ocupábame só eu ata este disco onde dúas son de Alberto. Normalmente traballamos cunha melodía xa definitiva e tratamos de respectala ao máximo. Os tres idiomas teñen formas, musicalidade e timbres diferentes que inflúen incluso na maneira de cantar. O inglés é o que máis fácil resulta para encaixar e o máis efectivo para certos estilos; por exemplo, un tema como Take it as it Comes resultaríame moi complicado facer que funcione igual de ben en galego ou castelán. Pero a idea é que as letras se entendan e teñan un valor e, por moito que controlemos un pouco de inglés, non é a nosa lingua nativa e, polo tanto, as letras que temos nese idioma son máis básicas e simples, así que, ante a dúbida preferimos probar coas nosas linguas natais. Ultimamente estou bastante cómodo usando o galego. Primeiro porque é a nosa lingua e creo un deber darlle visibilidade en todos os ámbitos, máis aínda nos culturais, e ademais porque me din conta de que é máis fácil encaixar esas melodías que co castelán, entre outras cousas, pola maior cantidade de monosílabos e contraccións que utilizamos».

 

De “Red Bullet” diciades que é «unha especie de oda dedicada a un vello Seat Ibiza». Que ten de especial ese coche?

Javi e Marcos: «Pois é o coche de Alberto, un Ibiza vermello que ten uns 30 anos xa e ao que lle ten moito aprecio».

 

E as demais? Que, ou quen, as inspirou?

Javi e Marcos: «Sempre Máis reflicte o egoísmo humano á hora de querer máis e máis incluso a costa de acabar cos recursos do planeta; podería ser considerada unha canción ecoloxista, aínda que, sobre todo, fala da nosa insaciable voracidade como especie. Somos unha praga.

Take it as it Comes, fala de encaixar os golpes que dá a vida, mirar cara a adiante e aferrarse ao amor como bálsamo para superalo.

E Esquizofrenia Cromática é como un delirio, unha viaxe lisérxica ou unha fantasía, con algunha referencia a obras fantásticas como Alicia no País das Marabillas ou O mago de Oz... pero basicamente xa o di o título, é flipar en cores».

 

 

Como foi o seu proceso compositivo? Que foi primeiro, os acordes ou as letras?

Javi e Marcos: «Pois sempre traballamos primeiro música e melodía. Alguén leva unha idea máis ou menos desenvolvida ao ensaio e, se funciona, imos traballándolle arranxos, melodías... ás veces engadimos partes... A letra vén ao final. Algunha vez temos rematado algunha letra a semana antes de estrear unha canción en directo.

Despois moitas das cancións seguen mutando ao longo do tempo; por exemplo, neste caso, Sempre Máis comezou sendo unha canción totalmente acústica a tres guitarras e acabou sendo adaptada á formación eléctrica e gravada desa maneira».

 

Foto © Brais G. Rouco

 

Tan só unhas horas despois de ser «liberado» en Bandcamp, “Sempre máis” soaba no programa At the Edge of Prog, da emisora inglesa CSR FM. Esperabades resposta internacional e, sobre todo, tan rápido?

Javi e Marcos: «Pois non, a verdade. Cousas da vida moderna! Fainos moita ilusión pero foi unha cousa totalmente inesperada e, ademais, que elixiran un tema en galego é unha lección para quen di que co galego non se vai a ningures. En cambio no podcast La Zona Eléctrica, onde tamén nos pincharon dous días despois e que se fai en España, escolleron un tema en inglés. Ao final creo que a grande ensinanza que levamos é que a música é universal independentemente do idioma en que estea cantada».

 

 

Recomendades escoitar os cortes 4, 5 e 6 (“Take It As It Comes”, “Wek Ohne Opuszahl” e “Esquizofrenia Cromática”) xuntos, como se fose un só. Por que?

Javi e Marcos: «Porque así as facemos nos nosos directos. Un día nun ensaio, de maneira improvisada enlazamos Take it con Esquizofrenia e gustounos como quedaban. A parte de enlace era completamente libre ata que Marcos veu coa idea do que agora se chama Werk Ohne Opuszahl e para sempre quedaron unidas. Así foron gravadas e así recomendamos escoitalas».

 

A diferenza dos vosos anteriores traballos, este álbum foi gravado, mesturado e masterizado por Jahel Piñeiro en estudio, concretamente en 8 Estudios (Lugo). Como describiriades a experiencia? Ademais das vantaxes obvias, que destacariades de traballar en estudio fronte a facelo na casa?

Javi e Marcos: «Gravar nun estudio significa preocuparte só de ser músico. Nada máis e nada menos. Cando gravas de maneira caseira entre a inexperiencia, falta de coñecemento e, por suposto, carencia de equipo de alta calidade significa moitas horas e darlle moitas voltas, sabendo ademais que o resultado final só vai ser un bosquexo, máis ou menos acaído, do potencial da banda, pero bosquexo ao fin e ao cabo. A única vantaxe que ten é que podes regravar calquera cousa coa que non esteas conforme en calquera momento do proceso... aínda que tamén hai que saber parar con iso ou entras nun bucle infinito.

Á parte de todo, traballar cun profesional de calidade como Jahel, que ademais é un tipo estupendo, é unha marabilla».

 

Catro anos, e unha pandemia, separan ambos traballos. Musicalmente, que semellanzas ou diferenzas atopades entre eles? Botando a vista atrás, cambiariades algo daquel primeiro EP?

Javi e Marcos: «O que cambiariamos sería o son. Oxalá o EP soase a metade de ben que este disco!! Polo demais, témoslles o mesmo cariño a aquelas cancións que a estas e creo que todas en conxunto amosan o que somos Magical Colors».

 

Foto © Brais G. Rouco 

 

A vosa liberdade creativa pódese escoitar ao longo dos vosos traballos, pero onde máis destaca é enriba dos escenarios. Compoñedes xa pensando no directo? Canto diriades que hai de improvisación e canto de preparación nas vosas creacións?

Javi e Marcos: «Cremos que tódalas bandas compoñemos pensando en representar esas cancións en directo. Como a nosa filosofía está comprometida coa improvisación, dende o principio estamos atentos para ver onde poden estar os espazos de jam en cada tema, se é que os teñen. Non se pode cuantificar realmente canto hai de cada, pero para que unha canción funcione, hai que tela ben clara, hai que traballala e coñecela perfectamente. A partir de aí, podemos empezar a liberarnos e improvisar, así que seguro que máis preparación que improvisación».

 

Xa metidos en directo, que podemos agardar dun concerto de Magical Colors? Tedes algunha data pechada que poidades compartir?

Javi e Marcos: «Pois nun concerto noso podedes atopar unha experiencia diferente cada vez, con gran variedade estilística e o noso compromiso coa liberdade e a fluidez do momento. Por desgraza, polo de agora non podemos adiantar ningunha data, xa que, como comentabamos antes, Alberto deixou a banda e imos comezar agora a busca de substituto».

 

Na actualidade, que artista ou grupo galego nos recomendariades? Algún favorito que deberiamos coñecer?

Javi e Marcos: «Pois destacariamos sobre todo a Moura. Ademais, The Soul Jacket, O Cadelo Lunático, Sandford Music Factory, Radio Zapa!, Zålomon Grass, Los Eternos... hai moita música moi interesante na nosa terra».

 

Se abrísemos as vosas contas persoais de Spotify, que escoitariamos? 100% Sinceridade, 0% Vergoña

Marcos: «Sobre todo jazz e tamén Silvio Rodríguez, El Gran Combo de Puerto Rico... e música clásica».

Javi: «Eu case non uso Spotify. O que máis escoito alí e o podcast de Radio con Botas e algunhas cancións soltas de bandas que vou descubrindo, sobre todo da escena jam norteamericana como The Runaway Grooms ou algo de rock arxentino como Divididos, pero pouco máis».

  noticias