• GALEGO
  • ESPAÑOL
  • ENGLISH
     
  noticias  

GUME: «O PASO Á IDADE ADULTA É UN PERÍODO MOI CREATIVO E MOI INSPIRADOR»

GUME: «O PASO Á IDADE ADULTA É UN PERÍODO MOI CREATIVO E MOI INSPIRADOR»
27 NOVEMBRO 2023

Gume é pop burbullante, retrofuturista, cinemático e nostálxico. Antonio «Toni» Casal é o artista detrás deste proxecto, que xoga con diferentes estilos musicais nunha fusión de pop clásico e bases electrónicas; unha mestura que verte con graza sobre cancións nas que fala sobre o salto á vida adulta e a incerteza que, a maioría das veces, vén da súa man.

Esas sensacións e vulnerabilidades recólleas no seu primeiro disco, Aislamiento (2023), un traballo conceptual que materializa eses pensamentos intrusivos, propios dun mozo camiño da adultez en cancións etéreas e suxestivas.

 

 

Foto: Carlos Menéndez. Estilismo: Elisa Sanz. Produción: Javi Nuño. Edición: Álvaro Abril

 

Detrás de Gume está Antonio «Toni» Casal. Como, e cando, comezas a dar vida a Gume?

Gume: «Comezo co proxecto de Gume en 2022 cando publico a miña versión de “Es por ti”. Sentía que necesitaba empezar un novo proxecto e lanzar algo con máis cohesión que só singles soltos, entón comecei a pensar no concepto do EP e, a partir de aí, fun creando todo o universo que o rodea».

 

Cal foi, e como lembras, o teu primeiro contacto coa música? Porque temos entendido que antes de Gume facíaste chamar LORES...

Gume: «A verdade é que desde moi pequeno facía melodías, que é probablemente a parte que máis me gusta de compoñer. Lémbrome de gravar algunhas na Nintendo DSi que tiña e, aínda que era un pasatempo, xa sabía que me quería dedicar a algo relacionado coa música».

 

Para a RAG, «gume» é o «bordo máis afiado dun instrumento cortante», e para ti? Por que escollelo para nomear o proxecto?

Gume: «Vin esa definición na RAG cando decidín o nome [risos], pero non foi tanto polo significado como pola sonoridade. Lémbrame ao contrario, a gum, a unha goma de mascar, por iso os logos tamén son de texturas semellantes».

 

Gume xoga con infinidade de estilos, o que resulta nunha fusión de melodías pop con bases de electrónica. Deixando a un lado as etiquetas, como describirías a túa música?

Gume: «Eu definiríaa coma pop sen pretensións, penso que é un proxecto de pop accesible que todo o mundo pode escoitar e identificarse dalgún xeito. O fundamental na miña música é intentar buscar a mellor melodía posible e que sexa memorable».

 

E, pasando de xéneros a influencias, quen dirías que ten, ou tivo, un particular impacto no teu xeito de facer música?

Gume: «Gústame moito descubrir novos e novas artistas e bandas. Sempre intento actualizarme porque me aburre rápido escoitar sempre o mesmo, aínda que ás veces é inevitable. Para este EP en concreto estiven influenciado por artistas como Björk, Kacey Musgraves, Weyes Blood, Scott Walker, Perfume Genius, Dusty Springfield, entre outros moitos».

 

 

A primeira vez que escoitamos a Gume foi en (2020), un single que xiraba arredor do concepto de amor e que saía xusto un día antes do estado de alarma; e houbo que agardar dous anos ata poder escoitarte de novo. Musicalmente, de que xeito afectou a pandemia (e todo o que ela supuxo) a Gume? Foi un tempo de incubación?

Gume: «Realmente formaba parte do meu outro proxecto musical, LORES, e paseina ao perfil de Gume cando publiquei Es por ti para ter algunha canción máis no momento do lanzamento.

Si que considero a pandemia como un tempo de incubación, porque fun publicando singles soltos baixo o nome de LORES e aí decateime de que prefería comezar de cero e preparar algo máis conceptual desde o principio».

 

Ese regreso que comentabamos facíalo con Es por ti (2022), orixinal de Juanes, pero levada completamente ao teu terreo. Por que volver cunha versión e con esta en concreto?

Gume: «Era unha canción que escoitaba de pequeno e que me pegaba bastante actualizar cun son novo. Como aínda non tiña preparadas as cancións orixinais, pensei que sería boa idea comezar cunha canción que á xente lle fose familiar, pero adiantando o estilo que quería proxectar co EP que ía lanzar proximamente».

 

 

 

Estás a presentar o teu primeiro traballo discográfico, Aislamiento (2023), cuxo título provén dun dos estadios psicosociais de Erikson, o sexto: intimidade e illamento. Por que este concepto como fío condutor do disco?

Gume: «Foi todo por casualidade! Eu tiña xa algunhas melodías e letras listas e sempre lle daba algunha volta pensando: “Mmm, aquí hai un tema común que non logro unificar”. Un día estaba traballando no meu TFG e atopei un artigo sobre a teoría e pensei: “isto é perfecto”. A partir de aí, foi todo súper sinxelo e logrei que todo tivese un sentido».

 

Cada un dos seis temas do EP alude a unha fase das etapas do dó (negación, negociación, ira, ansiedade, illamento e aceptación) dun xeito progresivo. Como se relaciona cada canción con cada fase?

Gume: «“Graduación” representa o momento no que intentas obviar a realidade, neste caso facerse maior, mentres que “La raíz” fai alusión a intentar facer todo o posible para que nada cambie, como volver ás túas orixes, aínda que no fondo sabes que é imposible.

Sueño adolescente” e “Dos sin tres” representan máis ben emocións e sensacións como ira ou ansiedade. “Atlántida” é a fase de illamento como tal, e finalmente, con “Nuevo año” remata o EP nunha nota positiva, fai referencia a aceptar o que sucede e pensar que todo vai mellorar».

 

 

Canto ten o álbum de autobiográfico? E de catártico?

Gume: «É un compendio. O paso á idade adulta é un período moi creativo porque non só supón un cambio para ti, senón para a xente do teu arredor; iso, sobre todo a nivel lírico, é moi inspirador».

 

Como foi o proceso creativo? Como construíches os temas?

Gume: «Foi un proceso relativamente lento porque tampouco tiña présa ningunha. Aprendín moito porque aínda non estaba moi acostumado a escribir en español, xa que antes compoñía en inglés. Ademais, normalmente comezo polas melodías e logo escribo as letras, pero ao ter un concepto lírico intentei que fose un 50/50.

Rescatei algunhas letras e melodías antigas, pero case todo o fixen entre 2021 e 2022».

 

Foto: Carlos Menéndez. Estilismo: Elisa Sanz. Produción: Javi Nuño. Edición: Álvaro Abril

 

Adiantábalo con “La raíz”, un tema no que cantas ao paso do tempo e o desarraigamento con pingas de nostalxia... “Y yo sé de dónde vengo, nunca me van a limpiar la raíz que yo llevo dentro”. Es un galego en Madrid. O de pechar o tema cun sample de gaitas tocando o “Pasodobre de Mallou” foi un acto de reafirmación? Morriña, talvez?

Gume: «Pois foi algo que se nos ocorreu durante o proceso de produción. Era unha canción sobre as raíces, así que quería deixar claras as miñas. Nun primeiro momento, pensamos en incluílas durante a canción como tal, pero non pegaban co resto de elementos, así que deixamos esa chiscadela nese especie de outro».

 

 

Notamos como, en xeral, os temas enlazan automaticamente coa seguinte pista. Por que estruturalos así? É un xeito de enfatizar o proceso que describe o disco?

Gume: «Antes de comezar coa produción das cancións como tal foi algo que lle comentei a Alex, que me gustaría que todas as cancións enlazasen coas outras como se fose unha película ou unha playlist; era un xeito de reafirmar a cohesión de proxecto.

Así que ao longo do proceso tivemos en conta iso e, unha vez acabadas todas, pensamos as formas de unilas definitivamente, aínda que xa había un traballo previo».

 

O derradeiro sinxelo adianto foi “Atlántida” que, efectivamente, fai referencia ao continente mítico, perdido e mergullado baixo o océano. Semella que esta canción é a representación «sonora» do concepto que dá nome ao disco, ao illamento; é así?

Gume: «Si, considero “Atlántida” como o centro do EP tanto a nivel sonoro como lírico; é a canción que máis representa ao EP en todos os aspectos, por iso corresponde coa etapa de illamento como tal».

 

 

Para a produción do EP contaches con TURIAN BOY, recoñecido produtor valenciano na escena do pop español emerxente. Como foi, e segue a ser, traballar con el?

Gume: «Con Alex xa traballara nunha canción de meu anterior proxecto que se chamaba “Replay”, aínda que de forma online. Co EP foi a primeira vez que traballamos de xeito presencial e, a verdade, é que foi todo bastante sinxelo porque compartimos referencias e gustos musicais, o que axuda moito á hora de entenderse».

 

Na túa opinión, como debería funcionar unha boa relación artista-produtor, sobre todo no teu caso, onde xogan tantas capas e texturas?

Gume: «Eu penso que simplemente hai que ter a mente aberta e probar cousas novas; é un traballo colaborativo. Se compartes referencias, xenial, pero se non as compartes e ambas partes están polo labor, enriquécese o proxecto aínda máis porque se xuntan as que ti coñeces coas da outra persoa».

 

 

   

 

Cada un dos temas que compoñen o álbum veñen acompañados de visualizers que seguen a paleta cromática das portadas dos sinxelos. Quen se encargou do deseño gráfico e audiovisual? Por que as lambetadas como base destes deseños?

Gume: «O deseño gráfico é obra de Álvaro Abril (@alvarokechulo). Vin o seu traballo por Instagram e gustoume moito, así que contactei con el e desde Es por ti ata agora foi o encargado de facer as portadas e os Canvas do proxecto.

A idea era seguir unha estética naíf que fose en consonancia co significado das cancións, xa que moitas aluden a facerse maior; así que decidimos tirar por este tipo de texturas porque dan bastante xogo. É como se fose unha gran festa de aniversario, de feito, o EP saíu o día do meu aniversario!».

 

A portada de Aislamiento é unha ilustración dun retrato derreténdose. Que significado agocha?

Gume: «A portada do álbum pasou por moitas etapas: ao principio ía ser unha fotografía, despois a imaxe que se usou para “Nuevo año”... Penso que a definitiva define ben o proxecto no seu conxunto e, ao ser un ser humano, supón unha contraposición coas portadas dos singles que son figuras, aínda que todas comparten texturas semellantes.

A idea era que non tivese expresión para transmitir ese sentimento de estar perdido e non atoparse».

 

Foto: Carlos Menéndez. Estilismo: Elisa Sanz. Produción: Javi Nuño. Edición: Álvaro Abril

 

Ademais do deseño, en conxunto, o proxecto vén envolto nunha estética singular e colorida a partes iguais. Deseño gráfico, vestiario, fotografía están especialmente coidados. Que importancia lle das a todos estes aspectos? Que cres que achegan á túa música ou como a complementan?

Gume: «Penso que hoxe en día todo conta, sobre todo o aspecto visual que acompaña ás cancións, así que desde que comecei a compoñer tamén fun pensando no universo creativo que quería que rodease ao proxecto e nas persoas coas que quería traballar para que se entendese ao 100%».

 

 

 

O teu lanzamento máis recente é un remix que o produtor canadense O.J.C fixo de “Nuevo año”, corte que pecha Aislamiento e que agora escoitamos cun ritmo inspirado no UK garage. Como xurdiu esta colaboración transatlántica?

Gume: «Tiña desde hai algún tempo a idea de facer un remix das cancións do EP, sobre todo das máis lentas porque quería darlles unha segunda vida. Descubrín os seus remixes por TikTok e gustáronme moito, así que contactei con el e dixo que lle gustaba “Nuevo año”; a partir de aí comezou o proceso».

 

 

Teremos a oportunidade de poder desfrutar de Gume ao vivo? Como tes pensado trasladar Aislamiento aos escenarios?

Gume: «Moi boa pregunta! Por agora non teño ningún concerto planeado porque me gustaría ter máis cancións publicadas, pero espero que pronto poida ocorrer».

 

Na actualidade, que artista ou grupo galego nos recomendarías? Algún favorito que deberiamos coñecer?

Gume: «Recomendaría a Antía Muíño, ELBA e Iker!».

 

Se abrísemos a túa conta persoal de Spotify, que escoitariamos? 100% Sinceridade, 0% Vergoña

Gume: «Pois mentres estou respondendo a estas preguntas estou escoitando a Mitski [risos], pero nos meus últimos escoitados están tamén Sufjan Stevens, María Arnal, Jockstrap, Avalon Emerson, Blood Orange e Sky Ferreira».

 

  noticias