SCARECRÖW: «SOAMOS COMO TRAER O HEAVY METAL DOS 80 Á ACTUALIDADE»

Creada na Coruña en 2022, Scarecröw é unha banda de heavy rock composta por músicos cunha morea de experiencia previa en formacións como Hongo, Enkord ou Innerself. Carlos Barreiro (voz), Roberto Pazos (batería), Luis Miguel Diz, José Ramón Diz, Ernesto Montero (guitarras) e Diego Freire (baixo) apostan por un son potente e melódico que bebe dos clásicos do xénero, o heavy metal e o power metal. A súa enerxía ao vivo levounos a gañar concursos como a Batalla de Bandas do Flores Rock e a compartir táboas con grupos do talle de Banda Bassotti ou Sínkope.
A mediados do pasado xullo entregaban II (2025), un segundo EP onde a banda coruñesa viaxa «desde o ceo ata o lado máis escuro» en catro cortes que continúan a amosar a súa versatilidade en canto a estilos se refire, demostrando que, polo de agora, a súa ambición e talento semellan non tocar teito.
Hai tres anos desde que Scarecröw se «plantaba» na escena musical galega... pero como chegastes aquí? Cal foi o xermolo da banda?
Scarecröw: «O punto de partida é a amizade que nos une e a paixón que compartimos pola música».
Aínda que Scarecröw é de recente creación, na banda coinciden membros con grandes doses de experiencia en grupos como Hongo, Enkord ou Innerself. Que diriades que achegou esta bagaxe previa á hora de conformar o novo proxecto?
Scarecröw: «A experiencia adquirida durante tantos anos permitiunos comezar ao 100% desde o primeiro minuto».
«Scarecrow» en galego é «espantallo», por que utilizar este termo para designar a banda? E por que ese «o» con diérese?
Scarecröw: «O nome xorde dun disco de Avantasia e a diérese é para diferenciarnos doutros grupos co mesmo nome. Non ten moito misterio! Gustábanos a idea e o fixemos así».
As vosas composicións sitúanse na fronteira entre o hard rock e o heavy metal, pero obviando etiquetas por un momento, como definiriades vós a vosa música? A que soa Scarecröw?
Scarecröw: «Poderiamos dicir que soa a clásico con produción máis moderna, como traer o heavy metal dos 80 á actualidade».
Judas Priest, Iron Maiden, Manowar ou Grave Digger son algúns dos nomes que aparecen se procuramos o voso nome online. Canto ás influencias, a quen sinalariades como o voso principal referente?
Scarecröw: «Somos seis persoas no grupo e cada un ten as súas propias influencias, pero hai un grupo que temos todos en común: Iron Maiden».
O mesmo ano da vosa creación publicades Twenty Years Ago (2022), un longo conformado por nove cortes que, xa daquela, definían un son potente e esgazado, equilibrando a parte instrumental coa vocal. Cal é a idea detrás deste primeiro traballo?
Scarecröw: «Pois o certo é que o único que queriamos facer era gravar temas para nós mesmos e para os colegas, non tiñamos ningunha pretensión máis que tocar e gravar na casa, todo online [risos]».
Resúltanos curioso o título, con esa tinguidura nostálxica que tamén salpica a temas como “I’m Gonna Change It Now” ou “Save Me”. Por que ese «hai vinte anos», ese chisco a hai dúas décadas?
Scarecröw: «O nome xurdiu porque cando fixemos estes temas e nos xuntamos de novo, facía vinte anos que montaramos o noso primeiro grupo en común. Foi como unha reunión de amigos de toda a vida e tamén facendo referencia ao noso estilo, de vinte anos para atrás».
O lanzamento dese LP debut, e os directos que o seguiron, levouvos a gañar a Batalla de Bandas do Festival Flores Rock en 2024 coa súa consecuente actuación na edición dese mesmo ano. Como lembrades este momento tan, supoñemos, significativo para a banda, especialmente coa oportunidade de actuar logo no festival?
Scarecröw: «Pois a verdade tocar nun festival como o Flores Rock foi unha experiencia inesquecible, tanto polo trato recibido, como polo gran son e luces que tivemos, ademais da nosa perfecta actuación [risos]».
Pechabades o ano pasado coa publicación de I (2024), un EP que fai gala da versatilidade da banda en catro cortes dinámicos nos que se poden apreciar os vosos «gustos, referencias e favoritismos musicais». De que xeito diriades que se reflicten estas preferencias persoais no álbum?
Scarecröw: «Pois penso que este EP é moi completo polo que dis, podemos atopar en “Crazy Karma” un son máis hard rock; en “Falling in Love” un son más escuro; en “Red Wine Rain” amosamos a nosa cara máis potente e agresiva, pero cunha letra que mostra tamén a nosa cara divertida e festiva; e “Fear Glows in the Dark” une ese son escuro, potente, pero cunha letra máis seria e profunda».
Como no voso anterior disco, escoitamos letras coidadas e de gran carga sentimental, como pode ser “Falling in Love”, que describe exactamente esa sensación que un pode ter ao namorarse. A delicadeza das letras, mesmo a vulnerabilidade, contrasta coa potencia case agresiva da melodía que as envolve. Como equilibrades, pois, a fraxilidade que amosan as letras coa intensidade da música? Con que intención traballades este contraste?
Scarecröw: «Pois nesta canción en concreto abordamos o tema de namorarse pero de forma irónica. Realmente é un tema escuro que describe o medo que sinte unha persoa ao descubrir que está namorado e o temor de volverse un parviño namorado.
Simplemente é un tema en clave de humor no que buscamos unir o concepto amor e escuridade».
Neste disco dades un paso máis e engadides ecos do hard rock e heavy rock clásico á vosa cocteleira sonora, como acadades integrar estas influencias no voso son actual sen perder a esencia propia de Scarecröw?
Scarecröw: «O noso estilo máis natural é movernos dentro dun heavy metal clásico, pero sempre intentamos ter un son máis amplo, sen límites. Hard rock, power metal e mesmo toques de thrash manterían o estilo de Scarecröw, porque realmente o noso estilo nada sobre todo dentro de estas influencias musicais».
I vén producido por Carlos Arcay, coñecido guitarrista e produtor galego. Por que el? Como foi traballar con el neste proxecto? Que pensades que achegou ao son final do EP?
Scarecröw: «Arcay é un músico incrible e ten moita man nisto da produción. A verdade é que achegou ideas moi interesantes nos temas, está moi implicado no proxecto e ademais é unha moi boa persoa.
Cada vez que nos xuntamos botamos unhas boas risas; como dicimos nós, Arcay é o sétimo Scarecröw».
Ao lanzar este traballo xa adiantabades que habería unha segunda parte prevista para este ano que, finalmente, chegaba aos nosos oídos a mediados do pasado xullo. Por que dividir o traballo en dous... en vez de publicar un longo?
Scarecröw: «Bueno, a idea sempre foi gravar un longo, mais por diferentes situacións... pois acabamos gravando estes dous EP».
Como comentabamos, entregabades II (2025) hai só uns meses cos seus correspondentes catro temas: dous inéditos e dous «rescatados» do voso primeiro EP: “Cross the Rubicon” e “Save Me”. Que vos levou a regravar estas cancións en concreto e como as reinterpretastes desta volta?
Scarecröw: «Estes dous temas, ademais de “Back to the Moon”, son os tres temas que mantemos no noso repertorio actual e pensamos que deberiamos gravalos de novo xa dun xeito máis profesional.
Como tamén temos moitos temas novos, decantámonos por escoller “Cross the Rubicon” por ser el tema máis “maideniano” que temos e “Save Me” por ser a canción máis grande-completa-complexa que temos.
“Back to the Moon” é unha canción preciosa, pero quizais teña que esperar a outro EP [risos]».
Canto ás outras dúas pistas, “Spread Your Wings” e “I’ll Remain in the Darkness”, están conceptualmente conectadas coas de I? De ser así, de que xeito?
Scarecröw: «Si, polo xeral as nosas cancións abarcan unha temática na que tratamos de expoñer diferentes situacións inxustas onde, ademais de criticar estas circunstancias, tamén intentamos amosar que hai algo de luz».
As emocións fortes semellan volver estar presentes neste traballo, claro exemplo é “I’ll Remain in the Darkness” e o seu canto á loita interna. Canto de autobiográfico teñen as letras de II? En que, ou quen, están inspiradas?
Scarecröw: «Este tema é unha crítica cara á Igrexa pola súa labor ao servicio do poder cometendo, ao longo dos séculos, actos horribles como consecuencia do poder ilimitado que tivo durante a historia recente. Por iso preferimos manternos na escuridade, xa que eles autoproclámanse os posuidores da luz celestial.
Aínda que perfectamente poderiamos aplicar este mesmo tema a líderes políticos que, a través das súas mentiras, chegaron ao poder onde despois cometeron actos terribles».
En II escoitamos unha maior complexidade nas composicións, tanto nas estruturas como nas atmosferas, nos efectos das guitarras ou nas modulacións da voz. De que xeito abordastes o desafío de xogar con estes elementos máis complexos? Chegaron para quedarse?
Scarecröw: «Somos un grupo bastante versátil, podemos desfrutar compoñendo temas de gran complexidade, outros nos que sumamos moitas voces e outros máis sinxelos e directos.
Realmente o noso estilo é este, facer cancións que nos gusten sen poñernos límites».
Afondando no proceso creativo, e sendo seis no grupo, como traballades os temas? Hai reparto de tarefas?
Scarecröw: «Somos moi activos e todos formamos parte da nosa música facendo letras, parte instrumental, outros compran cervexas... [risos]».
As portadas de I e II están realizadas arredor da mesma ilustración: un paxaro (corvo?) que semella desintegrarse rodeado de runas; no primeiro sobre fondo branco e no segundo sobre negro. Alén da portada, hai continuidade conceptual entre ambos traballos?
Scarecröw: «Si, estes EP realmente son un disco en dúas partes, nun mostramos luz e noutro a escuridade do mundo no que vivimos».
Seica non hai dous sen tres... poderemos agardar un terceiro volume nun futuro non moi afastado (aínda que non estea anunciado!)?
Scarecröw: «É unha posibilidade que cada día cobra máis forza, aínda que non é algo que teñamos pechado de todo».
A principios do mes de agosto dabades o disparo de saída da vosa primeira xira coa actuación no 38 Festival Noroeste (A Coruña). Como foi a experiencia?
Scarecröw: «Subir de novo a un escenario na nosa cidade sempre é unha experiencia inesquecible, sobre todo polo cariño recibido por a moitísima xente que se achegou a este concerto. Ver a praza de Azcárraga a rebentar por vernos a nós... bf! Incrible!».
Como son os directos de Scarecröw?
Scarecröw: «Desfrutamos coa música que facemos en directo, desprende enerxía e adrenalina e ademais sempre conseguimos conectar co público, o que fai que todos desfrutemos máis do concerto.
Penso que, hoxe en día, ir a un concerto de Scarecröw debería estar receitado pola Seguridade Social, seguro que moitos serían moito máis felices despois do noso concerto!».
Na actualidade, que artista ou grupo galego nos recomendariades? Algún favorito que deberiamos coñecer?
Carlos Barreiro: «Eu persoalmente recomendo A Gramola Gominola, grupo de rock infantil que escoitei unha morea de veces a través das miñas fillas e desfrutei como outro neno máis».
Se abrísemos as vosas contas persoais de Spotify, que escoitariamos? 100% Sinceridade, 0% Vergoña
Carlos: «Eu teño Scardust, Scarecröw ;) Kissin Dynamite, Queen, Avantasia, Royal Republic...».