CÉSAR DE CENTI: «A MÚSICA É UN XEITO DE ACOUGAR AS MIÑAS LOITAS INTERNAS»
César de Centi é unha das voces da canción de autor galega contemporánea. Coruñés, con máis de dúas décadas de traxectoria, foi construíndo un camiño marcado pola honestidade creativa, o coidado pola palabra e unha aposta constante pola independencia artística. Desde o seu debut, Principios y declaraciones (2008), o músico e compositor afondou nunha sonoridade que combina o acústico, o folk e o pop-rock. No seu novo disco, Mi guerra mundial del yo contra el yo (2025), César de Centi mergúllase nun relato profundamente introspectivo sobre o conflito interior, o seu propio. Un traballo no que a madurez e a sensibilidade compositiva acadan unha nova dimensión, convidando a quen escoita a acompañalo nesta batalla persoal e emocional, humana e honesta.

Foto © Andrey Kusym
Con 25 anos de traxectoria musical, cal foi, e como lembras, o teu primeiro contacto coa música? Que fixo que apostases —e sigas a apostar— por esta disciplina artística?
César de Centi: «Na miña casa escoitábanse cantautores. A miña nai traballaba nunha tenda de discos na Coruña e as primeiras veces que me subín a un escenario facendo versións, me contaba que era o que ela pinchaba cando estaba embarazada de min. A finais dos anos noventa comezo a elixir a música que quero escoitar: a xeración de cantautores e cantautoras fai un clic na miña cabeza.
Penso que o camiño que circula no intento de facer unha boa canción axuda o músico e o oínte nas súas vidas. Creo que é unha boa meta na vida».
Estudaches Socioloxía, unha ciencia que analiza o comportamento colectivo e as relacións humanas. Dirías que se reflicte dalgún xeito esta formación académica nas túas composicións? De ser así, como?
César: «Tratar de entender o mundo foi algo que sempre estivo enriba da mesa. A outra opción era estudar Ciencias Políticas!
Entendo que a Socioloxía está nas miñas cancións dun xeito menos explícito. Grazas a ela desenvolvín o meu pensamento crítico e forma parte da miña necesidade de defender un xénero que trata de fotografar o mundo.
As ciencias sociais teñen moito que ver coa canción social, xa que no fondo tratan de reflexionar sobre o que sucede».

Foto © Javier Quiroga
Enriba do escenario es ti e mais a túa guitarra, foi sempre este o teu instrumento de referencia?
César: «Sen dúbida, a guitarra é boa compañeira. Comecei tarde con ela, na miña casa tocaba a miña irmá primeiro. A guitarra axudoume como bálsamo, a levar mellor os dramas cotiáns».
Autodefíneste como «músico, cantautor, cancionista»... pero e a túa música? Como describirías a música de César de Centi?
César: «Son fotografías dos actos cotiáns, dos meus medos e certezas, ou do mundo que me tocou vivir. Fago cancións para tratar de xestionar a miñas inseguridades, para tratar de buscar a emoción. Non sei se o consigo ou conseguirei, pero iso é parte da aventura.
A miña música revive situacións, boas e malas, e trata de cartografalas para aprender delas».
O teu repertorio bebe de influencias da tradición da canción de autor clásica, pero integra estilos e influencias contemporáneas. Quen dirías que tivo, ou ten, un particular impacto no teu xeito de facer música?
César: «Marwan, Fabián, Pedro Pastor, Felix Arias, Luis Fercán, Xoel López, Quique González, Rafa Pons, Txetxu Altube, Valeria Castro, etc.».

Principios y declaraciones (2008) é o teu primeiro álbum, unha ducia de cancións presentadas xunto a José Luis Paz. Como lembras aquela primeira aventura discográfica?
César: «Moita inexperiencia, pero moita ilusión. Ese disco gravámolo no salón parroquial de Franciscanos, sendo nós os produtores e o técnico de son o meu mellor amigo. Nada podía saír mal!
Ese disco foi o resumo desa primeira época, un recompilatorio de todo o aprendido. Aprendes a perder medos e respectar o oficio e a tratar de buscar un oco. Esas cancións son importantes para mirar de fronte ao que fago actualmente».
Que papel xogou José Luis Paz neste proxecto e que che achegou traballar a dúo?
César: «Con José Luis Paz desfrutei de moitas primeiras veces, aprendín moito da súa maneira de tocar a guitarra e el axudoume a perder algúns medos grazas ao seu talento.
Nesas primeiras veces nos compenetrabamos moi ben; eramos novos e penso que tiñamos maneiras diferentes de ver o futuro. Co tempo entendes que cada un busca o seu camiño e agradeces as pegadas que deixa na túa carreira.
Fun moi feliz con “Chelis” naquela época. Aínda hai pouco que cantamos xuntos!».
Daquela, foi este longo concibido, tal e como evoca o título, como unha declaración de intencións, unha especie de manifesto?
César: «Por suposto, o título xogaba cun dobre sentido. “Principios y declaracións” é un xeito de expresar: “aquí estamos e temos algunhas cousas que dicir”».

Cinco anos máis tarde chegaba La luz de los gigantes (2013), un álbum que viu a luz grazas, en parte, a unha campaña de micromecenado que completaches con éxito nos primeiros 15 días. Agardabas ese apoio tan inmediato do público?
César: «Foi un disco moi importante; aprendín a romper prexuízos e medos que tiña naquela época. Quería facer cousas distintas para obter resultados distintos.
Foi un momento persoal de aprendizaxe, repasei o que levaba de camiño e pensei se unha campaña de micromecenado botaría por terra algunhas cousas. Medrei e puiden publicar ese disco.
Son defensor do crowdfunding. Foi emocionante conseguilo tan pronto. Non era unha práctica habitual e moi pouca xente sabía de que ía».
Os, novamente, doce temas que recolle este disco cantan a situacións cotiás, pero desde unha perspectiva poética e intimista. Ata que punto esas historias nacen de experiencias propias ou son máis ben observacións da vida ao teu arredor?
César: «No meu caso, e nese disco, son ecos de experiencias persoais. Sinto que en cada canción estou a contar algo moi persoal; é unha especie de exhibicionismo sentimental, pero por suposto tamén hai algo de ficción; está no oínte a decisión de decidir onde está cada cousa».

Foto © Andrey Kusym
Parte dese intimismo vén dado polo estilo acústico das cancións, un intimismo que, ás veces, pode confundirse con vulnerabilidade. Esa, digamos, proximidade emocional, é unha procura deliberada ou xorde de maneira natural cando compós? É esa proximidade unha das claves das túas composicións?
César: «Non teño unha personaxe en escena, entendín co tempo os que a teñen, pero eu prefiro expresarme tal como son malia as miñas dificultades.
Penso que a vulnerabilidade é unha sensación que aparece de maneira natural no ser humano; non escapo dela, pero tampouco necesito levala comigo todo o rato.
Posiblemente, se tivese que facer unha canción de “humor” tería que esforzarme máis. Mentres que, de xeito natural, esa emoción xorde. Son un dramas [risos].
Doutra banda, trato de suavizalo nos comentarios entre canción e canción. Rir, chorar, rir, chorar...».

Un par de anos máis tarde escoitabámosche en Cincoparedes (2015), o disco que materializa «un experimento, unha reunión de cinco músicos galegos», xunto a Felix Arias, Luis Moro, Silvia Penide e Nando Deibe. Como xorde este proxecto do que, sabemos, ti fuches o «artífice»?
César: «Eu só propuxen xuntarnos para facer un concerto, o demais —a idea, o bonito, a maneira de facelo— foi moi democrático e quizais por iso foi inesquecible. Con eles aprendín a ser músico de banda. Penso que medramos e, grazas a eles, son mellor músico.
O concerto de presentación no Teatro Rosalía foi inesquecible, os minutos antes de saír...».
A día de hoxe, cabe a posibilidade de volver vervos xuntos compartindo escenario?
César: «Xuntarnos a compartir escenario fixémolo xa algunhas veces desde aquela, pero non como CINCOPAREDES. Non por nada malo, era un proxecto que xurdiu como alternativa as nosas carreiras, algo que tiña unha vontade natural».

En Bailando el incendio (2019) apostas polo formato banda, bastándote así daquel formato acústico e intimista que comentabamos. Que che levou a tomar esta decisión, a dar este xiro sonoro? Que procurabas con el?
César: «A idea era ter un produtor que mirase as cancións desde outro prisma distinto ao meu, pero recoñecerme nelas».
Gravado na Palleira Estudios (O Incio, Lugo), a produción do disco correu a cargo de Vizcaíno, quen tamén colabora na canción que dá nome ao disco. Canto de culpa ten de que Bailando el incendio soe como soa?
César: «Xabier foi o primeiro produtor da miña carreira e penso que se nota no traballo. É un tipo auténtico e responsable máximo dese disco, que por mor da pandemia tivo dificultades de difusión.
Eu era fan do proxecto de Xabier e gústanme as súas producións, pero sobre todo as súas cancións.
A Palleira foi unha experiencia bonita, non só como gravación dun disco, senón como experiencia vital: estabamos ata as tantas, e comiamos chourizos, patacas e ovos da súa casa.
Por exemplo, Tito Calviño (músico) gravou as guitarras eléctricas en zapatillas nunha palleira no medio do Incio. Daquel disco leveime un bo amigo. Bailando el incendio medra grazas a el».
As letras bailan entre a rabia e a esperanza, entre o caos e a necesidade de seguir adiante. O de «bailar o incendio» pode entenderse como aceptar o lume, pero mesmo nel seguir a danzar, non? Consideralo, pois, unha forma de reivindicar a resistencia ou a beleza mesmo na destrución?
César: «Si, e a xestión da incerteza dun oficio, e tratar de seguir adiante vendo e agradecendo o incendio e logo as cinzas. E xestionar o feito de volver a empezar en cada disco».

O teu anterior disco, En Vivo en el Teatro Colón (2023) documenta 20 anos de carreira. Como foi o desafío de escoller cancións, convidados e banda para este proxecto?
César: «A gravación foi gracias a Bea A de Estrella, cantautora e técnica de son. Foi a técnica de son daquela noite inesquecible no Teatro Colón, xunto a Adrián Rivas, que fixo unha gravación en bruto de todo o concerto.
Ao final, escollemos os temas que mellor quedaron. Bea e París Joel (cantautor e locutor) fixeron as mesturas».
Que lembranzas che trae ese concerto?
César: «Tocar no Colón foi algo que soñaba desde que ía a tocar coa miña guitarra aos xardíns do lado. A idea era celebrar os vinte anos. Sendo da Coruña era emocionante ver o teu proxecto de cancións independentes e propias nun espazo así».
Este ano presentas o teu quinto traballo en solitario, Mi guerra mundial del yo contra el yo (2025). Cando e como naceu esta idea de guerra civil interna e como rematou por converterse no disco que escoitamos hoxe?
César: «A maior parte das veces era eu quen me sabotaba, quizais por inseguridades. Hoxe teño menos e seguimos a traballar. A raíz dunha xira que fixen polo norte de Arxentina con Tato López (cantautor) e María Ángeles Iglesias (actriz) hai un cambio na miña mentalidade.
Este disco fala desas loitas internas, de tratar de ser un bo home, pero tamén de reivindicar un espazo».
O disco aborda emocións como «o medo a non estar á altura», «quedar sen aire», «a ansiedade por non ser a persoa que pretendías» ou «a esperanza de que todo vai saír ben», que aparecen como eixos do álbum. Como trasladaches estas «batallas» ás cancións?
César: «Trato de escribir o que me xorde de maneira natural, axúdame a poder defender o texto que canto.
Despois da pandemia xurdiron novas preguntas e reflexións pola vida que levo, por exemplo, a perda dunha persoa moi importante na miña vida; o feito de que, algún día deixarei de tocar, ou o agradecemento infinito á miña parella que respecta e apoia o meu traballo...».
Como foi o proceso creativo e selección de cancións para Mi guerra mundial del yo contra el yo?
César: «Non son moi prolífico compoñendo, aínda que na actualidade teño menos cortafogos no proceso creativo. Algunhas destas cancións pasaron baixo observacións un tempo, pero “Mi guerra mundial del yo contra el yo”, por exemplo, nace de golpe nun momento da xira en casa dun colega en Xerez. A canción que adoita dar nome o disco é a última que fago».

Foto © Javier Quiroga
En “Titiritero” escoitámoste xunto a Ismael Serrano, unha figura de referencia na canción de autor. Como xurdiu esta colaboración e que significado tivo para ti?
César: «Ismael é un dos meus músicos favoritos, el fai que descubra a Silvio, por exemplo.
Atrapados en azul (1997) cambiou os meus hábitos, pasei do fútbol á guitarra radicalmente. Podería afirmar que pola súa culpa deixei o deporte. “Vértigo”, dese, disco é un tema co que viaxo no tempo, é unha das miñas cancións favoritas con “Te doy una canción” de Silvio.
Un día agarrei o valor para propoñerlle cantar xuntos, e el, nun exercicio de xenerosidade, aceptou. Imaxina o que significa para min que un dos meus referentes, un dos culpables de elixir esta maneira de entender o mundo, cante algo da miña autoría.
Moi emocionante, foi unha primeira vez como aquelas do principio».
Aínda que hai introspección, en Mi guerra mundial del yo contra el yo tamén hai luz e humor. Buscaches conscientemente ese equilibrio para que o disco non quedase atrapado na tristeza?
César: «Si, é necesario, xogo bastante coa ironía e, malia todo, me río dos meus dramas, e trato de que o público o faga tamén. Son bastante espontáneo entre canción e canción, ás veces me funciona...».
Mirando atrás, cal é a diferencia entre esta «guerra mundial do yo contra el yo» e as «loitas» que tiñas nos teus anteriores discos?
César: «Cancións cun prisma dunha persoa de corenta e catro anos. Unha voz máis persoal que non renega dos seus referentes. Cancións máis directas e sinxelas. Eu trato de facer cancións que permanezan no meu repertorio moito tempo, e penso que neste traballo algunhas quedarán».

Foto © Javier Quiroga
No seu conxunto, a media ducia de cortes conforman unha especie de viaxe que vai cara ao conflito interno á aceptación. Dirías pois que, para ti, a música funciona como unha forma de terapia ou de armisticio contigo mesmo?
César: «Sen dúbida, a música como un xeito de acougar as miñas loitas internas, de facer un mapa para xestionar as miñas circunstancias».
O disco foi gravado nos Estudios Diciembre (Madrid) baixo dirección de Borja Montenegro, unha gravación na que participaron músicos de renome como Pablo Serrano, Jacob Sureda e Jacob Regulón. Como foi o traballo con este equipo e que achegou cada un, ademais dos seus instrumentos?
César: «Dentro das miñas posibilidades tratei de estar o máximo posible no proceso, pero con Jacob Sureda (teclados) e Jacob Regunlón (contrabaixo) non puiden.
Apréndese moito, pero xúntase tamén o “medo” de que esas cancións estean á altura. É un momento moi persoal onde tes unha sensación de inseguridade grande.
Tanto Borja como Juan González (técnico de son) entenderon e trataron con moito respecto a min e as miñas cancións».
Mi guerra mundial del yo contra el yo foi presentado na Garufa, con banda, e cun sold out. Como foi aquela noite?
César: «Foi perfecta, o mellor concerto con banda que din ata o momento. O Garufa é unha sala brutal de concertos, penso que ten moita personalidade. Este tipo de concertos son regalos no camiño e teño a sorte de rodearme de músicos marabillosos que se uniron á festa».
Como segue a ser a acollida do disco ao vivo? Cando, e onde, poderemos volver a desfrutalo en directo?
César: «Quedan poucas copias físicas e a semana do 17 de novembro publicarase o terceiro sinxelo do disco e o videoclip de “Por si vuelves”. Proxectarase coa persoa que dirixiu os dous videoclips, Andrey Kusym.
O ano que vén farei outra presentación especial na miña cidade, mentres, seguimos de xira: 8/11 Trechuro (León), 13/11 O Logradouro (Carballo), 23/12 La Chela (con varios músicos) (A Coruña), 17/1 Arume (Santiago), 18/1 Transistor (Bertamiráns), 27/2 Liceum (O Porriño)».

Foto © Javier Quiroga
Falabamos antes da sensación de intimidade que pode haber en poñerse diante do público acompañado só dunha guitarra; velo moi diferente a subirse ao escenario co respaldo dunha banda?
César: «É diferente, hai maior exposición, pero levo moito tempo facéndoo e gústame; levo moitos anos tocando en solitario, poderíase dicir que estou cómodo. Aínda que me gustaría tocar moito máis coa miña banda».
Na actualidade, que artista ou grupo galego nos recomendarías? Algún favorito que deberiamos coñecer?
César: «Luis Fercán gústame moito, estou comezando a escoitar a Carlos Ares. Pero gústame moito Felix Arias por poñer un exemplo. Felix é amigo, pero iso non saca que valore a súa maneira de facer cancións».
Se abrísemos a túa conta persoal de Spotify, que escoitariamos? 100% Sinceridade, 0% Vergoña
César: «“Titiritero”, “Mi guerra mundial”, “Por si vuelves”, que se estrea xa, “Nana para dormir a unos padres”, “Llévame”, “Maldito volador de alas rotas”, “Faustino y Luisa”, “Bailando el incendio”, “Combatiendo”».

