PORTOSANTO: «NUNCA PENSAMOS QUE PODERÍA HABER TANTO SITIO PARA NÓS»
Hai grupos que nacen para facer cancións e outros que nacen porque hai amizades que seguen precisando un lugar onde existir. No caso de Portosanto, ambas as cousas parecen ir da man. Formado por Anaís Fernández, Andrés Real, Nuno Pico, Simón Cuba e Xoel Xeada, o grupo reúne os mesmos cinco integrantes que anos atrás deron vida a Oh! Ayatollah, pero faino desde un punto de partida diferente: o dunha banda que decide mirar cara adiante sen renunciar a todo o camiño percorrido.
Ten que haber un sitio para nós (Ernie Records, 2026), o seu primeiro disco, funciona precisamente como unha procura. Ao longo de dez cancións atravesadas pola amizade, a memoria, o paso do tempo e a necesidade de seguir avanzando mesmo cando non hai respostas claras, Portosanto constrúe un universo propio no que conviven a épica dos relatos fundacionais e os pequenos xestos da vida cotiá. Un disco de pop de guitarras, melodías luminosas e emocións compartidas que entende as cancións como un lugar de encontro.
Falamos con eles sobre a historia que hai detrás de Portosanto, o final de Oh! Ayatollah, a convivencia coa traxectoria de Grande Amore, a construción do seu particular universo narrativo, o traballo con Jacobo Naya na produción do álbum e a importancia de seguir facendo música xuntos dez anos despois de que todo comezase.

Foto: Marta Alborés
Antes de falar de Portosanto, hai inevitablemente unha historia previa: Oh! Ayatollah. Que lembrades daquela primeira etapa do grupo e do momento no que empezastes a facer música xuntos en Santiago hai 10 anos? Que queda dos rapaces daquela época hoxe?
Simón Cuba: Que foi un pouco filosofar a martelazos. Comezar un grupo con varios membros aprendendo a tocar o seu instrumento case de cero, querendo facer un montón de cousas distintas á vez… Pero daquela xa había o que seguimos tendo agora, que é que moitas veces nos ensaios cóstanos atopar o tempo de tocar entre tanta historia bizarra de Nuno e charlas varias.
Hai algo curioso en todo isto, e é que Portosanto nace cos mesmos cinco integrantes de Oh! Ayatollah, pero ao mesmo tempo dá a sensación de querer empezar desde cero. Por que era importante construír algo novo e non simplemente retomar o anterior?
Simón Cuba: En Oh! Ayatollah podía ocorrer case calquera cousa, tanto a nivel de estilo, produción, composicións… E agora queriamos o contrario: un proxecto moi centrado no punto en común musical que temos os cinco, que é o pop de guitarras. E sempre vimos que facer o de agora no de antes, sería dalgunha forma inxusto co que foi Oh! Ayatollah.
En Nós Diario, Nuno Pico (voz) comentaba que chegastes “demasiado cedo” entón e agora “demasiado tarde”. Como vivides esa sensación de ir sempre un pouco a destempo?
Simón Cuba: Pois bastante ben. Se nos dan a escoller, gustaríanos ser coma Rodríguez e ser famosos nun sitio ben lonxano e aleatorio que non coma Taylor Swift e ir enchendo todo canto estadio hai no mundo. Iso xa está moi visto.

Foto: Marta Alborés
Grande Amore, o proxecto de Nuno, aparece tamén durante estes anos e acabou converténdose nun dos nomes centrais da escena galega actual, con todo o que iso implica a nivel de concertos e movemento constante. Como facedes para organizar os tempos da banda e atopar espazo para ensaiar, compoñer ou tocar xuntos?
Simón Cuba: O caso de Nuno (aparte da fama, que el si que vai ser como Taylor Swift) non complica moito máis que o que podemos ter que xestionar cada un de vida adulta, traballo, etc… O peor é o do noso querido artista das catro cordas, Andrés, que actualmente anda en máis de dez grupos (ou iso é o que nos conta a nós).
Hai unha sensación bastante clara de querer escapar do ton máis autobiográfico que tiñan moitas letras de Oh! Ayatollah. Necesitabades construír outra voz para poder seguir facendo cancións?
Simón Cuba: Non era unha necesidade, senón unha consecuencia lóxica de deixar de ser unhas alegorías con patas da xuventude infinita. A pesar do que parecía no momento, non conseguimos quedar nos vinte anos para sempre.
Pero agora é diferente: Portosanto will never die.
A historia arredor do nome que explicabades nas vosas redes (o naufraxio da Santa Carballido, a illa, a bandeira, esa frase cosida con fío azul e dourado) funciona case como un mito fundacional do grupo. En que momento aparece todo ese universo narrativo? Como decidides que Portosanto era o nome que queriades que levase esta nova etapa?
Simón Cuba: O da historia e do nome foi unha cousa divertida. Aparecéuselle a Andrés de noite, despois dunha “overdose” de churrasco, como lle gusta dicir a el. Os demais limitámonos a transcribilo o mellor que puidemos.

Esa frase cosida con fío azul e dourado na bandeira, “ten que haber un sitio para nós”, tamén rematou sendo o título do voso primeiro traballo como Portosanto, que vía a luz en abril deste 2026. Esa escolla estivo clara desde o principio?
Simón Cuba: Si, dende que Nuno rematou coa letra (que é moi boa), vimos ben claro que a canción era a síntese de todo o que queriamos contar co proxecto.
Musicalmente, “Ten que haber un sitio para nós” soa moi compacto e moi consciente do que quere ser: guitarras no primeiro plano, directo, pero ao mesmo tempo moi melódico e emocional. Sabiades que era ese o son ao que queriades chegar?
Simón Cuba: Nós nese tema fomos un pouco coma cavernícolas sen uso da palabra intentando dar sinais do que queriamos ao noso querido produtor Jaco. El ten un meritazo, primeiro por sacar algo en claro das loucuras que lle dixemos, e despois por conseguir un son tan incrible.
Arredor do grupo aparecen referencias como The Homens, Blur ou The Strokes. Sentides que algún artista concreto vos influenciou de xeito máis directo para este traballo?
Simón Cuba: Os tres poden estar presentes a partes iguais. Ao mellor nótase un pouco máis o dos Strokes, xa que Xoel é probablemente a persoa que os escoitou máis nesta dimensión. E este disco ten moito moito de Xoel.

Foto: Marta Alborés
Ao longo do disco aparecen constantemente ideas como a amizade, o paso do tempo, a procura dun lugar ou a necesidade de seguir avanzando mesmo sen certezas. Houbo algunha frase, imaxe, ou autor que funcionasen como pedra angular para construír todo o universo lírico do álbum?
Simón Cuba: Nuno sempre sitúa estas referencias en Fernando Pessoa e Louise Glück. Anaís, en cambio, sempre dixo que Luis Enrique Martínez é o pensador de cabeceira do grupo.
“Para sempre”, o primeiro tema do disco comeza cunha conversa no que parece un grupo de WhatsApp entre amigos. Que buscabades comezando o disco desta maneira tan doméstica e cotiá?
Simón Cuba: Pois a verdade: que levamos sendo amigos moitos anos, que pasamos por moitas cousas xuntos e que queremos dicirlle ao mundo que aquí estamos e aquí imos seguir.

Foto: Marta Alborés
En “Un novo mundo” aparecen versos como “non vai ser perfecto, pero estamos todos xuntos”, ou “o futuro é noso, aínda que non sexa xusto”. Era importante para vós transmitir esta idea da esperanza, aínda falando dun naufraxio?
Simón Cuba: E que o importante non é o naufraxio. O importante é que veu xusto despois: o renacemento. Isto é Portosanto para nós en moitos sentidos.
Polo álbum tamén sobrevoan certa nostalxia e a sensación de que hai cousas que inevitablemente se perden: “todo vai pasar, tamén o amor, ás cinzas do outro mundo”, canta “As Cinzas”. Como foi traballar con esa tensión entre a esperanza e a ausencia dentro do mesmo disco?
Simón Cuba: Así foi desde sempre andar con Nuno. E nós afortunadas e encantadas.
Sendo cinco persoas diferentes, con criterio e gustos distintos, como é o proceso de poñer todo en común ata chegar ao resultado final? Como funcionades internamente?
Simón Cuba: Pois as cancións de Portosanto foron as obras máis en común que fixemos nunca. Desde o principio tiñamos moi claro a onde queriamos levar o proxecto. Iso sí si, todas as cancións partiron en maior ou menor medida dunha idea de Xoel, que é o mellor.

Foto: Marta Alborés
A nota de prensa que acompaña “Vinte de agosto” conta que durante unha cea da gravación, Nuno pronunciou case sen querer “fenildimetilpirazolona metilamino metasulfonato de sodio” —unha frase que Xoel recoñeceu dun mediodía de 2003 nun colexio de Vigo— e que os dous acabaron chorando abrazados enriba da mesa. Soubestes inmediatamente que esa historia tiña que formar parte do proxecto?
Simón Cuba: O resultado final desa historia foi un traxecto en Uber no que ninguén de nós conseguiu acabar unha frase enteira sen comezar a chorar da risa. Foi un momento tan xenuíno e auténtico que mesmo pensamos se tiña sentido seguir co grupo, sabendo que nunca nada sería mellor.
No videoclip deste tema, dirixido por Xaime Miranda, hai unha idea moi clara de grupo avanzando unido cara un lugar descoñecido. Como foi trasladar unha canción tan ancorada nun momento íntimo e case privado a algo visual e compartido?
Simón Cuba: Xa con Oh! Ayatollah sempre traballamos con Xaime co tema dos vídeos e despois de tantos anos, seguimos sen poder achegarnos ao segredo do seu xenio. É como o que dicía Stanley Kubrick das películas, que poñelas en palabras era inxusto e incompleto. Pois así é Xaime.
A produción deste traballo está asinada por Jacobo Naya en Casa Talisio. Como chegades a el? Por que queriades que este traballo fose da súa man?
Simón Cuba: Pois aquí confiamos cegamente en Nuno e na súa moi boa experiencia que tivera traballando con el. E xa desde un primeiro momento a conexión persoal foi moi boa, así que foi todo moi rodado.
Que cousas apareceron no disco grazas á súa mirada e que, probablemente, non terían existido doutro xeito?
Simón Cuba: El, a maiores de como soa todo, sobre todo fixo un gran traballo de ordenar as cancións. A maioría das ideas musicais xa estaban nas nosas demos, o que pasa é que moitas veces estaban enterradas entre cambios de partes demasiado pitagóricos. Pero fixo tanto e tantas cousas ben que é moi complicado destacar algunha cousa concreta.
O disco sae a través de Ernie Records, un selo que nos últimos anos construíu un catálogo moi particular. Que supuxo para vós contar con ese respaldo?
Simón Cuba: Pois de momento está sendo espectacular, facendo un par de sold outs nos primeiros concertos e tendo moita presenza en moitos sitios. Estamos como queremos con Josiño.
Nuno comentaba que esta é a primeira vez en moito tempo que concibe o lanzamento de algo que fixo “como hobby, pero no mellor sentido da palabra”, moi diferente a calquera lanzamento de Grande Amore. Recoñecédesvos nesa sensación os demais tamén, ou cada un chegou a este disco desde un lugar distinto?
Simón Cuba: Si, estamos así porque realmente para os demais é o que sempre foi a música. Unha excusa para pasalo ben e estar xuntas.

Foto: Marta Alborés
A crónica de Mondo Sonoro do concerto na Mardi Gras fala de “cinco amigos que decidiron estirar o tempo xuntos a través da música” e de que o directo é “quizais” o voso “mellor argumento”. Como é subirse ao escenario xuntos despois deste tempo? En que se diferencia isto do que era Oh! Ayatollah en vivo?
Simón Cuba: Pois soará a tópico ñoño, pero realmente como se non tivera pasado nada de tempo entre unha cousa e outra. E de diferente… Oh! Ayatollah era bastante máis performático (en moitos sentidos da palabra).
Algunha data próxima que debamos apuntar na axenda?
Simón Cuba: Pois o 13 de xuño, no Surfing The Lerez, batindo o noso récord de tocar máis tarde: ás puras doce da noite. Imos facer as delicias das decenas de persoas que se agolpen no escenario pequeno, xa veredes.
A “Primeira Xira de Despedida” xoga moito co humor, pero ao mesmo tempo deixa entrever certa conciencia de que os proxectos poden ser fráxiles e temporais. Hai algo de verdade detrás desa broma?
Simón Cuba: Broma? Que broma?

Foto: Marta Alborés
Despois de todo, sentides que segue habendo un sitio para vós?
Simón Cuba: A verdade é que despois deste mes podemos dicir que nunca pensamos que podería haber tanto sitio.
Que artista ou grupo galego nos recomendariades? Algún favorito que deberamos coñecer?
Simón Cuba: Pois outro dos grupos de cabeceira que tivemos sempre: Esposa.
E se abrísemos as vosas contas persoais de Spotify, que escoitariamos? 100% sinceridade, 0% vergoña.
Simón Cuba: Toda a música que pode existir entre a banda sonora das K-Pop Demon Hunters e o All Right Chicago dos Heredeiros da Crus.

