• GALEGO
  • ESPAÑOL
  • ENGLISH
     
  noticias  

RYMER: «A NOSA MÚSICA É AGRESIVA PERO TAMÉN BASTANTE EMOTIVA»

RYMER: «A NOSA MÚSICA É AGRESIVA PERO TAMÉN BASTANTE EMOTIVA»
5 FEBREIRO 2024

Iván Rivera (voz), Cristian Baz (voz, guitarra), Miguel Costa (voz, baixo) e Beni Herrero (batería) comezaron un proxecto no que «nos divertimos moito xuntos e intentamos facer algo especial no proceso». Rozando un lustro de traxectoria, RYMER é un cuarteto forxado entre Arteixo e Vigo que irrompía na escena metal galega cunha potente mestura de metalcore agresivo e deathcore intenso. Logo de meses de adiantos, a banda publicaba o seu primeiro disco, slowdance (2023), ao completo a principios do pasado novembro.

 

 

 

Entre as terras de Arteixo e as costas de Vigo hai máis de 170 km de distancia... como «acortastes» estas distancias para dar vida á banda?

Cristian Baz: «O grupo naceu da idea de Miguel e Iván de montar algo xuntos, xa que os seus respectivos grupos anteriores estaban practicamente mortos. A partir de aí, convenceron a Beni (parte importante xunto a Miguel no seu grupo anterior) para que se unise, e eu probei recomendado por un colega, xa que non nos coñecíamos persoalmente.

O primeiro día conectamos moito tocando e comezamos este proxecto co que nos divertimos moito xuntos e tentamos facer algo especial no proceso».

 

Por certo, unha cuestión de tipo práctico, como solucionades o tema loxístico? Onde adoitades ensaiar?

Cris: «Iván e eu vamos ata Arteixo normalmente, sexa para ensaiar, gravar ou mesmo botar unhas partidiñas de Magic. Importante dicir que somos amigos máis que compañeiros de grupo e, xa que quedamos, aproveitamos para facer cousas xuntos.

Ensaiamos no estudio de Miguel, no que tamén gravamos e pasamos a maior parte do día».

 

Sabemos que antes de xuntarvos en RYMER, algún de vós formabades parte doutros grupos. De que xeito influíu esta bagaxe previa á hora de conformar o novo proxecto?

Cris: «O feito de xa ter esta experiencia facilitou moito as cousas para saber que queriamos e que non para este grupo.

Xa desde o primeiro día a idea era traballar en algo no que estiveramos todos o 100% involucrados e contentos. Facilmente botamos preto dun ano, sen ningunha presa, quedando e compoñendo cousas para dar co camiño correcto. A primeira pedra do camiño sería “Lavanda”, o primeiro tema que compuxemos e tamén primeiro tema no EP e nosos concertos».

 

 

Entre a agresión do metalcore e a intensidade do deathcore... onde caería o metal, e o core, de RYMER? Como definiriades o voso son?

Cris: «Esencialmente somos un grupo de metal, sen moitas viravoltas. Igual hai un máis metalcore, outro medio death metal ou sae algún máis progresivo, pero ao final do día vamos xogando un pouco con iso e o que vai saíndo segundo a mestura do traballo de todos.

É difícil de definir, pero supoño que é música agresiva pero tamén bastante emotiva».

 

Musicalmente falando, respecto ás vosas influencias, a quen sinalariades como referentes?

Cris: «O guapo deste grupo é que non temos referentes claros en canto ao que queremos facer. Cada un é un mundo con respecto ás súas influencias e, aínda que ao principio era un pouco árido con cada un tirando cara ao seu lado no ámbito compositivo, agora xa temos aceptado que todo é mellor cando cada un achega a súa movidiña no tema.

Hai tempo fixemos unha playlist con achegas de todos en canto a xente que nos inspirou no mundo do metal, pero vai sendo hora de facer unha xeral con cousas máis guapas e de máis estilos».

 

 

 

A principios de novembro vía a luz o voso primeiro traballo, slowdance (2023), un EP do que escoitabamos falar del por primeira vez... en 2019, co lanzamento de “Brainsu”. Obviando os tempos pandémicos que nos tocaron vivir... por que a demora entre o primeiro sinxelo e a publicación do álbum?Xa que a nomeamos, como afectou a pandemia ao desenvolvemento do álbum? Porque vemos que en 2020 sacastes outro par de sinxelos...

Cris: «Pois precisamente o tema da pandemia afectou bastante ao xeito de traballar do grupo, xa que pasamos de dar os nosos primeiros bolos xuntos a non poder vernos as caras na vida real durante moito tempo. Seguimos a traballar, aínda que a modo pola falta de motivación, pero eventualmente fomos perfeccionando a forma de crear xuntos (e o seguimos a facer).

Igualmente, hoxe en día os álbums xa non funcionan moi ben con respecto aos sinxelos no mundo do streaming: sacar X temas ao longo dun tempo funciona bastante mellor que sacalos á vez e tamén é máis sostible de cara á ver resultados e alimentarnos desa motivación supoño».

 

 

Días antes do lanzamento de slowdance, Nik Nocturnal, un artista metal de Toronto (Ontario, Canadá) que comparte reaccións e críticas nas súas canles de YouTube e Twitch seguidas por centos de miles de persoas, non tivo máis que eloxios para “Cathedral”, un dos vosos últimos sinxelos adianto. Que sentistes ao escoitar as súas palabras?

Cris: «A verdade é que motivou bastante que alguén tan alleo ao noso pequeno “ecosistema” chegase a escoitar un tema noso e o valorase coma se escoitase a calquera banda megagrande... como fai normalmente».

 

Ao fío, durante a súa review, fixo unha interesante anotación, comentando que, hoxe en día, os medios de comunicación pasan por alto a bandas, maiormente, se non teñen unha boa estratexia de comunicación detrás ou un gran selo ou management. Concluía dicindo que, actualmente, os grupos non deberían ter que precisar de nada diso para ser coñecidos, só facer «temazos». Que opinades vós sobre isto?

Cris: «Se só tivésemos que concentrar os nosos esforzos en crear música e nada máis, a cousa estaría máis divertida, pero si que desmotiva un pouco o compoñente de convertelo en produto e depender de certo factor de sorte ou “viralización” para ter máis exposición. Igualmente, é entendible cando cada semana hai 100 temas novos en novidades e temos que xulgar grupos que quizais non coñecemos en tan só uns segundos para “aproveitar” ben o tempo».

 

 

Dicides que esta canción, “Cathedral”, levará ao oínte por todo un remuíño de emocións. Como acadades que, quen a escoita, poida mergullarse nel?

Cris: «Esta canción naceu da inspiración nas bandas sonoras dos videoxogos de From Software, particularmente Dark Souls III e Elden Ring.

Nestas obras, facilmente o 80% do tempo transcorre sen unha soa nota musical soando de fondo pero, eventualmente, nas batallas importantes, aparecen pezas orquestrais megaintensas e épicas para a ocasión. Este tema é o noso intento de trasladar esa emoción e epicidade ao metal e nos alegra ver que pode motivar dun xeito similar á xente que nos escoita».

 

 

O tema que dá nome ao EP, “Slow Dance”, reproduce a ansiedade social que pode chegar a experimentar alguén ao estar de festa cunha xustaposición de voces moi distintas co apoio da base rítmica. Como de complicado é o proceso de traducir sensacións a cancións?

Cris: «Moitas veces comezamos temas que xa de primeiras teñen detrás conceptos ou títulos que poidan dar pé á idea ou sensacións que queremos transmitir, pero outras veces simplemente é algo que evoluciona a medida que traballamos na gravación do propio tema e experimentamos con el.

A idea inicial de “Slow Dance” era que fose un tema cheo de partes para dous vocalistas, e cando tocamos esta canción ao vivo sempre convidamos a alguén para que defenda as partes de baixo nela, para que así Miguel e Iván poidan berrar xuntos con toda a rabia e liberdade posibles».

 

 

Falando de procesos, como traballades os temas? É dicir como van medrando desde que nacen como idea (ou riff, letra, etc.) ata a súa forma final?

Cris: «Xeralmente algún de nós pasa unha idea máis ou menos desenvolvida, propoñemos cambios para facela algo máis RYMER e, cando xa ten unha estrutura decente, poñémonos coas letras. Feito isto, xuntámonos uns días e nos poñemos coa gravación.

Rematada a cousa, experimentamos un pouco xa que estamos, e cando xa estamos fartos de darlle voltas, mandamos o tema a mesturar e masterizar. Se todo soa como queremos, xa estaría (e senón, a darlle unhas voltas máis)».

 

“To Those Who Found And Had To Let Go” viña acompañado dun vídeo dirixido por Iago Vilarinho con Bego Pardellas como protagonista. Como lembrades a súa gravación?

Cris: «Por ser este o primeiro vídeo do grupo, asegurámonos de que fose acompañado dun tema e concepto que funcionasen ben para isto. Coa actuación de Bego, o traballo de Iago e máis todo o traballo detrás con xente que queremos moito, foi un proceso duro pero tamén bonito».

 

 

Ese tema tiña aires algo nostálxicos, que se trasladan ao vídeo en forma de fotografías. Que, ou quen, inspira as letras do EP?

Cris: «“To Those Who Found and Had to Let Go” está inspirado pola historia do documental Santoalla (Daniel Mehrer, Andrew Becker, 2016) que hai pouco foi levada ao cine co filme As Bestas (Rodrigo Sorogoyen, 2022); unha historia sobre a crueldade do mundo no que vivimos e a aceptación deste.

A maioría das letras están baseadas en conceptos bastante humanos como poden ser a aceptación en “TTWFAHTLG”, o dilema determinista en “Stay” ou a dificultade de ser un mesmo na sociedade actual en “Is This Even Me?”».

 

 

Para alguén que aínda non puidese vivir a experiencia de ir a un concerto voso, como o describiriades?

Cris: «Somos catro tipos rebentando o escenario, tentando de facer que esa rara oportunidade de ter unha audiencia en directo sexa unha carta de presentación da nosa música inesquecible. Tamén facemos un pouco o parvo entre medias!».

 

 

Cando poderemos desfrutar de slowdance ao vivo?

Cris: «Agora mesmo estamos a traballar en cousas fresquiñas que, con sorte, verán a luz este ano... pero se algún festival preto de vós nos chama, alí imos estar ben felices facendo o que nos gusta!».

 

Na actualidade, que artista ou grupo galego nos recomendariades? Algún favorito que deberiamos coñecer?

Cris: «Dreadcult sacaron un EP tremendo hai pouco, pero o que fai Bleidd tamén vai durísimo. Turbo Kraks son facilmente o mellor grupo de Galicia e, se tedes a oportunidade de ver a Verbose en directo, recomendo ir correndo».

 

Se abrísemos as vosas contas persoais de Spotify, que escoitariamos? 100% Sinceridade, 0% Vergoña

Cris: «Agora mesmo está entre a banda sonora do novo Tekken, os últimos discos de Spanish Love Songs e Vitriol, e os últimos singles de Hiatus Kaiyote e Bilmuri».

 

  noticias