• GALEGO
  • ESPAÑOL
  • ENGLISH
     
izq noticias  

DOGO: «TODOS OS ESTÍMULOS QUE NOS RODEAN ESTÁN TAN MAQUILLADOS QUE SE ESTÁ A PERDER O NATURAL, A CRUEZA E A HONESTIDADE»

DOGO: «TODOS OS ESTÍMULOS QUE NOS RODEAN ESTÁN TAN MAQUILLADOS QUE SE ESTÁ A PERDER O NATURAL, A CRUEZA E A HONESTIDADE»
4 AGOSTO 2025

Carlos Beiró (voz, guitarra), Xoán Escudero (voz, baixo) e Ángel Refojo (batería) son DOGO, trío compostelán que aposta por un son con elementos de shoegaze, pospunk e indie, como un Fontaines D.C. meets Joy Division, The Cure ou Sonic Youth. Atmosferas densas, melodías envolventes e letras cantadas en galego conflúen en Brutalismo (2025), o seu primeiro traballo discográfico.

 

Foto © Eva Filgo

 

Desde Santiago de Compostela, DOGO leva un par de anos compartindo a súa música. Como chegan Carlos Beiró (voz, guitarra), Xoán Escudero (voz, baixo) e Ángel Refojo (batería) a conformar a banda?

Carlos Beiró: «DOGO nace de intentar conxuntar as nosas inquedanzas musicais. Nun primeiro momento comezamos a quedar Xoán máis eu na miña casa, pero chegou un punto no que, xa cun local de ensaio, precisabamos toda a parte orgánica que nos achega Ángel coa batería».

 

Ata onde sabemos, o dogo é unha raza de can de presa, pero tamén se chamaban así os gobernantes da República de Venecia entre os séculos VIII e XVIII. Ten o voso DOGO outra acepción? Por que escollelo como nome da banda?

Xoán Escudero: «Buscabamos un nome que fose curto e directo, algo que recollese o espírito de como soamos. Pero persoalmente, cando visualizo ese dogo que nos representa, penso un Dogo Alemán o estilo do Gran Danés, máis esvelto que os dogos de presa. Os dogos venecianos terían un toque aristocrático que non vai nada con nós...».

Carlos: «É un nome curto con sonoridade, sen complicacións e que dalgún xeito define a agresividade domesticable do noso son».

 

Fostes encadrados entre shoegaze, pospunk e indie... pero con que xénero os sentides máis identificados? Como describiriades a vosa música?

Ángel Refojo: «Pois penso que a nosa música é unha mestura de todo o que nos gusta. Definiríao coma un elefante entrando nunha cacharrería [risos]».

Xoán: «As etiquetas axudan á xente a facerse unha idea do que se poden atopar, pero non é algo ao que lle prestemos moita atención. Penso que a nosa música é sinxela e contundente, cun pouco de less is more que diría Mies».

Carlos: «Ter que etiquetar a música é un proceso un pouco complexo, por iso o feito de citar eses xéneros é, dalgún xeito, expoñer os que máis nos influencian e influenciaron e que dun xeito inherente conforman o noso son: directo, ruidoso e, ao mesmo tempo, etéreo e escuro».

 

Foto © Eva Filgo

 

Parte de vós traballa no sector da produción audiovisual, inflúe estoutra disciplina artística en DOGO como proxecto musical? De ser así, de que xeito?

Xoán: «Tanto Carlos coma min temos relación co audiovisual. O mellor disto é que nos permite mesturar as dúas disciplinas e crear unha imaxe da banda máis global».

Carlos: «Poder transportar os coñecementos artísticos do sector audiovisual é unha vantaxe á hora de non ter que depender de ninguén no caso de querer xerar material para poder impregnar á nosa música dunha parte visual máis propia e persoal... e de paso poder reivindicar o noso espírito DIY!».

 

Escoitamos composicións que se moven entre Fontaines D.C. e Joy Division, The Cure e Sonic Youth. Canto as vosas influencias quen diriades que ten, ou tivo, especial impacto no voso xeito de entender a música?

Ángel: «Moito, son referentes na escoita semanal ou mesmo diaria. Medramos con moitos dos artistas que mencionas, polo cal supoño que as referencias son notables».

Carlos: «É imposible quedarse cun nome. Ao final, o que tocas non deixa de ser un reflexo do que escoitas, pero procesado na túa mente por outro tipo de influencias quizais non tan evidentes e outro tipo de sentimentos que transcenden moito alén da música».

Xoán: «Realmente hai moitísimas capas máis que se van destilando. O arranque de “Aí ven ela” para min lévame ao mood do inicio de “Highway Star” de Deep Purple, ou algunhas pasaxes da voz á canción de Battiato ou de Golpes Bajos. O que pasa é que, ao final, está pasado todo por unha peneira que está máis próximo ao shoegaze ou á escena pospunk».

 

 

Lemos como Carlos di que, para vós, «tocar é un exercicio de saúde mental». Que impacto diriades que ten ser parte de DOGO, tanto en estudio como en directo, no voso benestar emocional?

Ángel: «Total, non concibo a vida sen música. Ser partícipe dela é o xeito máis terapéutico; no momento que te pos a tocar é o momento que non pensas alén do vindeiro golpe que tes que dar, do vindeiro cambio...».

Xoán: «Para min poñer as cousas que me pasan ou que sinto nunha canción axúdame a ordenar os pensamentos e curar feridas. Por outra banda, estar dentro da música, sentir a enerxía que estas xerando ti e os teus compañeiros... é como baixar unha costa en bicicleta, unha sensación completamente liberadora».

Carlos: «[Axuste de guitarra] Que? Cal era a pregunta? Estaba cambiando os axustes dun pedal para ver como soaba cunha melodía que estaba a facer cunha base que están a facer os demais e non era quen de atender a nada máis... [risos]».

 

Foto © Eva Filgo

 

O primeiro que escoitabamos de vós era “Revolución” e “Fume”, a principios de 2024; sinxelos que, finalmente, no formarían parte do voso primeiro traballo (do que falaremos máis adiante). Foron estes lanzamentos unha especie de proba de fogo? Por que non incluílos no EP?

Ángel: «Estes temas foron dos primeiros que compuxemos. Quixemos gravar temas novos, posto que só tiñamos a opción de gravar catro temas, pero non descartamos volver a gravalos no estudio».

Xoán: «Eu entendo eses temas como parte dunha etapa na que apostamos polo do it yourself: gravamos nós, mesturamos nós e lanzamos nós; non queriamos estar agardando por nada nin por ninguén; están feitas en moi poucas horas e cuns medios escasos.

Ademais, persoalmente sempre adorei esas gravacións imperfectas, primeiras versións, maquetas, etc... Longa vida ao lo-fi».

Carlos: «Esas cancións seguen a ser das nosas favoritas do repertorio, seguen a estar vixentes e, aínda que non formen parte da publicación, considero que si que complementan Brutalismo. Quizais o día de mañá volvan ser gravadas!».

 

 

A finais do pasado verán fostes gañadores do #SonidosMansSalas 2024, acadando o premio do xurado, composto por Javier Becerra, Lucía Aldao (PAVA) e Elda Gómez. Que significou para vós, e para os inicios do proxecto, este recoñecemento?

Ángel: «Pois foi un gran pulo, xa que nos deu a oportunidade de gravar un EP nun estudio impresionante, con grandes profesionais. Date de conta que poder gravar nesa calidade sen ten que poñer cartos... é unha pasada para calquera banda acabes de comezar ou ben levando tempo».

Carlos: «Que un xurado profesional do sector recoñeza que a música que facemos ten, ou pode ter, cabida e merece acadar o primeiro premio nun certame axuda bastante a gañar confianza en nós mesmos como banda. E iso é algo moi importante na fase inicial de calquera grupo de música».

Xoán: «Os premios na música parten sempre dunha inxustiza, non podes ser mellor ou peor, non é o Tour ou unhas olimpíadas... Pero ao mesmo tempo mola moito que te recoñezan. É como o tema de Kaiser Chiefs, “Love’s Not a Competition (But I’m Winning)”».

 

 

 

Estades a presentar o voso primeiro traballo, Brutalismo (2025), unha combinación de letras evocadoras, instrumentación sólida e enerxía escura. Cal foi a vosa inspiración á hora de abordar este «brutalismo sonoro» que caracteriza o álbum?

Ángel: «Pois un pouco todo o que nos rodea, a situación político-social, as situacións persoais... todo nos afecta e todo se pode ver reflectido nesa enerxía escura, nas letras...».

Carlos: «Todos os estímulos e comportamentos que nos rodean a día de hoxe están tan maquillados pola influencia da publicidade, das redes sociais, dos medios, do consumo rápido... (en resumo, do capitalismo salvaxe), que se está a perder o natural, a crueza e a honestidade. Esas deben ser as inspiracións».

Xoán: «Houbo un tipo na Viena do cambio de século, Adolf Loos, que escribiu un libro sobre arquitectura titulado Ornamento e delito (1913) no que insistía en que a arquitectura tiña que abandonar a decoración e centrarse nos elementos estruturais. A nosa música vai por aí; pouco adorno e, ao mesmo tempo, todo o que está é estrutural».

 

Foto © Eva Filgo

 

O brutalismo é un movemento arquitectónico xurdido en Reino Unido durante a década dos 50 que destaca polas súas estruturas monumentais de formigón armado, formas xeométricas desafiantes, aspecto austero... Por que titular así o EP? Diriades que, dalgún xeito, o traballo comparte esa estética de solidez e austeridade... ou vamos moi desencamiñados?

Ángel: «Destes totalmente no cravo, quixemos reflectir todo iso neste EP: cancións sen adornos, sen procesados... formigón bruto e con encanto, claro [risos]».

Carlos: «Tiñamos claro o nome deste EP antes mesmo de gravalo; así que supoño que o brutalismo é algo que define as nosas metodoloxías musicais e, conceptualmente, a nós mesmos como grupo. Gravar ao vivo cos seus deslices, deixar arestas sen puír, non buscar a perfección absoluta, non darlle moitas voltas no estudio, non sobregravar pistas e que todo se siga a poder defender nun directo... Aínda así, intentando que todo iso soe grande».

Xoán: «Como no brutalismo, todo o que hai no disco é necesario; se calquera de nós deixa de tocar no medio dun tema, a canción xa non é viable. O son é áspero, pero ao mesmo tempo moi pensado e o resultado, malia que está feito con formigón, remata sendo moi estético, como os edificios de Lina Bo Bardi».

 

Como foi o proceso creativo de Brutalismo? De que xeito foron medrando os temas, hai reparto de tarefas entre vós á hora de crealos?

Ángel: «Normalmente a idea primixenia tráena entre Carlos e Xoán. Despois, no local e entre todos, imos dándolle a forma segundo as sensacións que nos dan á hora de tocar os temas. A verdade é que é unha cousa bastante orgánica. Cunhas miradas é suficiente para saber se estamos en sintonía».

Carlos: «Todas as cancións xorden de ideas que teñen a súa orixe nun lado ou noutro, pero teñen o punto en común de que as nosas visións van confluíndo ata que teñen a forma que, segundo o noso criterio, máis lle favorece ás esas ideas primixenias».

 

 

Abre o EP “Sangue” cunha base instrumental densa e obsesiva. Como traballastes esta parte instrumental para reflectir a pulsión do tema?

Ángel: «Como dicía na anterior resposta: por sensacións, probando cousas ata que atopamos o “pulso” da canción».

Carlos: «A influencia desa canción penso que é sen dúbida o krautrock. Ese mantra xerado en base á repetición constante dunha base instrumental sinxela, directa e sen artificios, que che vai levando aos poucos dan man, sen que o saibas, a perder a cabeza.

A liña de baixo dese tema é practicamente un re continuo e a batería é un patrón que se repite case inmutable. Como dis, iso xera unha sensación de mantra na que calquera pequena variación crea moita tensión».

 

Foto © Eva Filgo

 

Como encaixa “C.I.O. (Canción Inxustificadamente Optimista)” dentro dun EP marcado por esa aura de escuridade? Foi pensada como contrapunto ou naceu doutro impulso creativo?

Carlos: «Encaixa como cando escoitas unha banda de dream pop, que pode dar a sensación de suave e inocente, pero que se segues a escoitar está tinguida dunha sonoridade escura e visceral».

Xoán: «Se nos fixamos só na letra é un tema máis luminoso que o resto e seguramente tamén o que ten unha letra máis “transparente”. Está escrita nun momento dunha relación onde parecía que as cousas ían ir ben —spoiler: saíu mal— pero despois, a sonoridade do tema ten unha enerxía distinta, máis crúa e amarga. Dúas partes do mesmo sentimento».

 

 

Pola súa banda, “Aí ven ela” evoca algo que chega con forza ou intensidade. A que (ou quen) alude ese «ela»?

Xoán: «Esa “ela” ten nome é apelidos, pero é aplicable a calquera persoa que durante un tempo deveces por ver, pero que despois todo se turba e xa non é tan doado... e non sabes onde colocala».

 

Foto © Eva Filgo

 

Neste tema se nomean diferentes persoeiros de diversa procedencia, época e ámbito: dende a escritora romántica Mary Shelley ao semiólogo Roland Barthes, pasando pola astronauta Valentina Tereshkova ou o cantante e compositor Franco Batiato... Que teñen en común e por que eles?

Xoán: «Imaxínate que discutes coa túa parella, cun colega, coa familia... e que tiveses que pedir un xuízo xusto. A quen escollerías como xuíz? Que opinaría Ian Curtis do teu drama familiar? E Alma Mahler sobre o teu conflito laboral?».

Carlos: «É tan sinxelo como que toda esa xente deixou de existir».

 

 

Notamos como ao longo do disco as partes instrumentais adoitan ter mesmo máis peso que a letra. Que papel lle dades a esas partes instrumentais en relación coas letras, aclaran, intensifican...?

Ángel: «Para nós, a parte instrumental é tan importante coma a parte lírica; diso trata Dogo, de que cada parte conte e sexa importante».

Carlos: «A música debe construír a voz, non a voz a música. Na maior parte dos casos é outra melodía máis que entra no momento que ten que entrar para facer o seu labor, ao igual que o podería facer calquera dos outros instrumentos sen ser necesariamente o centro da canción».

Xoán: «Gústanos ter partes cantadas, pero tamén que sexan pequenas illas no medio da música. As partes instrumentais inducen un estado de ánimo.

Cando escoitas a letra de “C.I.O.”, chega despois duns picos de guitarreo ruidoso; recibes a letra dun xeito completamente distinto. En “Voltar”, cando aparece a voz por primeira vez xa estás metido no medio dunha viaxe sonora».

 

A letra de “Voltar” presenta unha sensación de movemento de regreso, de loita interna e resistencia. É un retorno físico, emocional, simbólico...?

Carlos: «Metaforicamente é un retorno constante a un algo que non queres que volva, pero que está tan apegado ao teu ser ou á sociedade que é imposible evitalo e, aínda que pelexes con todas as túas forzas, sabes que o fas coa resignación de que, aínda que sexa inxusto, vai suceder de todos os xeitos».

 

 

Este tema semella vir envolto nunha especie de bucle sonoro, como acadastes esa sensación de «volta» ou de espiral?

Carlos: «Perderse, para de súpeto atoparse, pero só para volver a perderse. Ningunha das partes da canción se repite cos tres instrumentos facendo o mesmo que facían no resto da canción; todo é o mesmo, pero en realidade non o é».

 

Como parte do premio dos #SonidosMansSalas que comentabamos, a gravación do EP foi nos Estudios Mans (A Coruña) ao vivo. Como lembrades a experiencia?

Ángel: «Foi incrible; poder gravar nun estudio tan inmenso, para unha banda “emerxente” poder gravar nun estudio así é un soño. Eu lembro a primeira vez que pisei o estudio e dixen “que carallo facemos aquí”. Impresiona, pero ao mesmo tempo queres entrar e poñerte a tocar e sentir as frecuencias».

Carlos: «Unha experiencia única e irrepetible, recomendaría a todos os grupos que están comezando sexan do estilo que sexan e que teñan claro o que queren, que participen sen dubidalo».

Xoán: «As pistas de guitarra, baixo e batería están gravadas ao mesmo tempo; as voces e algúns arranxos (moi poucos) foron o último que gravamos. David Paredes e David “Daiv” déronnos todas as comodidades para acometer a gravación e, ao mesmo tempo, a súa opinión como persoas alleas ao grupo que escoitaban as cancións de cero foi moi refrescante para nós. Xente de dez nun estudio de dez».

 

Foto © Eva Filgo

 

A produción de Brutalismo estivo a cargo de David “Daiv” Fernández (Amoebo) e David Paredes. Sabemos que as cancións xa entraron no estudio bastante «pechadas» desde os ensaios, sendo así, en que consistiu o labor dos produtores?

Ángel: «Que estiveramos o máis a gusto posible. Facernos esquecer de que estabamos no estudio, que estábamos no noso local ensaiando. E, sobre todo, ser pacientes cando non saían as cousas».

Carlos: «En poñer todo o que estaba na súa man para poder sacar o mellor do que tiñamos. Eles son os que mellor saben pilotar esas naves espaciais con botóns e faders».

Xoán: «En realidade os temas xa viñan feitos, a “producción” como tal sería máis de Dogo que dos “Davides”. Non cambiamos estruturas das cancións nin variamos o noso son, pero os dous foron fundamentais para levarnos da man. Tamén suxeriron pequenos arranxos que foron ben recibidos».

 

Como tedes pensado levar Brutalismo aos escenarios? Cando e onde poderemos desfrutalo ao vivo?

Ángel: «Brutalismo está pensado para ser tocado tal e como soa, non necesitamos moito máis solo nós os tres e o público [risos]. Temos pensado en facer unha presentación de Brutalismo a mediados de setembro en Santiago, pero iremos informando cando este todo atado».

Carlos: «Cunha batería, un baixo, unha guitarra e un pouco de reverb na voz... [risos]. A nosa idea é ir confirmando datas aos poucos».

 

Foto © Eva Filgo

 

Na actualidade, que artista ou grupo galego nos recomendariades? Algún favorito que deberiamos coñecer?

Ángel: «É difícil elixir só un, xa que temos grandes artistas, pero BALA sería escoita obrigada, sobre todo en directo».

Carlos: «Por sorte, é tan difícil quedarse con un grupo/artista soamente...».

Xoán: «Grande Amore, Pantis, Maltine, Clo Plas, Columna Vegana, Fillas de Cassandra, Matar Gente...».

 

Se abrísemos as vosas contas persoais de Spotify, que escoitariamos? 100% Sinceridade, 0% Vergoña

Ángel: «Boa música [risos]. Pois a verdade é que podería estar todo o día: Molchat Doma, Amyl and The Sniffers, Riley, Depresión Sonora, Grande Amore, Músculo!, Baiuca, Slow Dive... e os grandes Los Master Plus e Delfín Quishpe».

Carlos: «Se abrides esta semana, as últimas procuras e escoitas nesta orde: Funeraria Vergara, Ciudad Lineal, Ortopedia Técnica, Non Plus Ultra 1980-1989, Línea Maginot, Catherine Wheel, DIIV, a playlist ‘Generation Next by Pepsi’, Biznaga... Se abrides outra semana un pouco máis miserable é posible que haxa un pouco de eurodance dos noventa [risos]».

Xoán: «Literalmente os últimos dez artistas escoitados (non necesariamente os favoritos): Joan Dausá, Grande Amore, Carolina Durante, Sparks, León Benavente, Jovens Ateus, Hidden Charms, Slowdive, Shego, Body Maintenance».

 

izq noticias