• GALEGO
  • ESPAÑOL
  • ENGLISH
     
izq noticias  

MIGUEL MOLDES: «ˈFAIRGROUND BALLADSˈ É UN ÁLBUM ORGÁNICO, FIEL AO QUE É O DIRECTO»

MIGUEL MOLDES: «ˈFairground Balladsˈ é un álbum orgánico, fiel ao que é o directo»
2 FEBREIRO 2026

Miguel Moldes chegou á música de neno, cativado polo poder da guitarra como forma de expresión e relato. Nado en Sanxenxo e establecido en Vigo, a súa traxectoria atravesa distintas etapas e formacións antes de atopar unha voz propia como cantautor. Desta experiencia colectiva como parte de bandas emerxe, co paso do tempo, un artista atento aos matices e ao peso emocional da canción. 

As súas composicións habitan un territorio onde o persoal se abre ao universal, explorando a memoria, a nostalxia e a soidade a través de melodías orgánicas e conmovedoras. Ese universo toma forma no seu álbum debut, Fairground Ballads (2025), un traballo que dialoga co lugar que ocupa o artista e coa súa honestidade creativa, mesturando influencias literarias e musicais que van da poesía de García Lorca ao folk ou o blues.

 

Foto © Pablo Vázquez

 

Miguel, na túa bio lemos como a música “enfeitizoute” desde pequeno. Cal foi, e como lembras, o teu primeiro contacto coa música? E que fixo que ese feitizo fose medrando contigo ata a actualidade?

Miguel Moldes: «A primeira imaxe que me ven á cabeza é estar sentado, cunha guitarra do mesmo tamaño ca min, sen ter idea nin de por onde tiña que poñer os brazos para chegar ás cordas. De feito, estiven uns anos tocando cunha postura terrible porque só podía chegar (ou polo menos eu cría que só chegaba así) pola zona máis estreita da caixa ás cordas.

A maiores, lembro perfectamente botar practicamente o meu primeiro ano co instrumento aprendendo dous acordes. Non era precisamente un método moi motivador para os rapaces, e desde logo non tiven unha evolución prodixiosa, foi unha cuestión de (moita) paciencia, sobre todo ao principio».

 

Enriba do escenario e no estudio adoitas estar detrás da guitarra. Foi sempre este o teu instrumento de referencia?

Miguel: «Sempre. Hai uns anos comecei a tocar o banjo por puro divertimento e desfrútoo moito, pero sempre estiven pegado á guitarra. Encantaríame ter o tempo de poder aprender a tocar outros instrumentos, pero xa só coa guitarra hai unha infinidade de técnicas e teoría que me gustaría poder aprender.

Considérome unha persoa que cando aprende algo novo precisa ir alén da superficie; non me gustaría “saber tocar” vinte instrumentos pero non chegar a entendelos minimamente. É algo persoal, e non pretendo dicir que isto estea ben ou non, en absoluto, simplemente desfruto o proceso de aprender algo novo, e hai demasiado que aprender!».

 

Foto © Aarón Sio Pretel 

 

Esa cativación pola música que comentabamos se desenvolveu nun primeiro momento sendo o guitarrista en grupos como Los Wavy Gravies, Dead Wood ou Vatapá. Afectou dalgún xeito esa bagaxe previa á hora de conformar o teu proxecto en solitario?

Miguel: «Absolutamente, todos eles. Con Los Wavy Gravies e Dead Wood aprendín o que era tocar sobre un escenario e como parte dunha banda.

Débolle moito tanto ao meu tío (motivo polo cal acabei tocando; el era o guitarra dos Wavy e tocamos moitos anos xuntos) e aos irmáns Jorge e Martín López (núcleo de ambas bandas e infinidade de outras, coma os Bo Dereks). Tanto pola experiencia de comezar a vivir a música desde os escenarios como a nivel de referencias musicais, descubrín toda unha infinidade de bandas e estilos. Con Vatapá tiven a sorte de coñecer a Bea Míguez, a vocalista de Vatapá, nunha jam session e desde entón temos moi boa relación. No momento que me propuxo colaborar con eles foi un si rotundo, é unha formación composta por xente fantástica e cun talento enorme.

Se teño que quedarme con algo en concreto que me afectase destas experiencias de cara a conformar o meu proxecto é, sen dúbida, a idea clara de que, se en algún momento pasaba a un formato de banda, tería que ser rodeado de amigos. Tiven a enorme sorte de poder facelo precisamente a raíz de Fairground Ballads e creo que é o que máis estou a desfrutar neste momento».

 

Foi en 2022, cando comezas o teu propio proxecto como cantautor, logo dun inverno en Luleå (Suecia). Hai algunha conexión entre o ambiente e a atmosfera desa cidade sueca e o estilo musical que terminaches por desenvolver?

Miguel: «O ano que vivín en Luleå foi algo incrible. O inverno, en particular, consistía en practicamente 20–22 horas ao día de escuridade e temperaturas de -10 ºC ata -27 ºC que chegamos a estar. Isto implicaba ter moito tempo para poder tocar, compoñer e poder dar voltas e forma aos temas.

Na cidade había un pequeno centro cultural no que facían un micro aberto unha vez ao mes, e tras tres meses alí animeime a, por primeira vez, subirme eu só a un escenario e cantar un par de temas (total non me coñecía ninguén, era o momento ideal). A partir dese día tiven claro que quería comezar este proxecto, non houbo volta atrás».

 

Foto © Pablo Vázquez

 

Daquela, presentabas a túa mestura de folk con tinguiduras blues, R&B e gypsy jazz baixo o nome de Doble M. Que che levou a pasar dese nome ao teu propio, Miguel Moldes? Foi só un cambio de nome ou tamén na dirección do proxecto?

Miguel: «Realmente o cambio de nome foi algo máis simbólico que de dirección, diría. Nas gravacións cos Wavy ou Dead Wood sempre aparecín como Doble M, e no momento de comezar a tocar pareceume unha boa idea seguir como tal.

A raíz de preparar Fairground Ballads, pareceume que era un proxecto moi persoal, tanto polo estilo como polas composicións que o compoñen. Se ben eran temas que xa tocaba, algúns desde os primeiros concertos, pareceume o momento adecuado para pasar a ser (ironicamente) Miguel Moldes».

 

 

Deixando a un lado os xéneros, como definirías ti a túa música? A que soa Miguel Moldes?

Miguel: «Encantaríame sabelo. Á hora de compoñer non pretendo encaixar nun determinado xénero, aínda que é inevitable que aparezan influencias de folk, americana, blues, etc. Quero pensar que soa a min, que en certo modo a amalgama de sons e técnicas que me gustan aparezan reflectidas dalgún modo neste pequeno compendio de temas. Se a teño que definir, diría que a miña música soa a todo aquilo que eu desfruto tocando».

 

John Fullbright, Nathaniel Rateliff ou Eileen Jewell son algúns dos nomes que podemos ler —e escoitar— entre as túas influencias. É así? Quen máis dirías que ten, ou tivo, particular impacto na túa música?

Miguel: «Son unha pequena parte, pero desde logo. Parécenme artistas que teñen algo en común que valoro moitísimo, e é o feito de ser artistas que non recargan os seus temas, formatos relativamente simples nos que os temas son os protagonistas. No caso de Nathaniel Rateliff, ten un disco que é particularmente representativo para min que é In Memory of Loss, no que os temas se sosteñen sobre unha simplicidade que me fascina.

En termos de impacto sobre a miña música e en como quero facer as cousas, creo que a artista que máis importancia ten é Sanny. Independentemente de ter a enorme sorte de que sexa parte da banda e da boa relación que temos, coñecina moito antes como artista que persoalmente, e Loners Downtown (2019) é un EP que me cativou desde o primeiro momento. Creo que é unha artista paradigmática no sentido que mencionaba antes: Sanny compón cancións que se sosteñen por si mesmas, cunha forza e elegancia que me gustaría chegar a ter algún día, tanto en estudio como en directo».

 

Sanny. Foto © Pablo Vázquez

 

 

 

A finais de novembro publicabas Faiground Ballads (2025), primeiro disco como Miguel Moldes, unha viaxe sonora que ten como eixo a figura da feira, que utilizas como metáfora do paso do tempo, da nostalxia... Que significado ten ese imaxinario para ti e como foi materializalo en cancións?

Miguel: «Para min é unha figura moi significativa polo efecto que sempre tivo en min. Eu son de Sanxenxo, e as festas alí son a principios de setembro, por Santa Rosalía (de aí o título da intro do disco). Para min, sendo rapaz o verán era algo no que pensar durante todo o ano; nunca fun particularmente popular no colexio, e para min eran tres meses nos que viñan amigos que veraneaban ano tras ano, o bo tempo (e as vacacións, como calquera rapaz); eran algo que esperaba impacientemente.

A feira supoñía o final do verán; por unha parte aínda non remataba ata que chegase ao seu fin, pero por outra, a imaxe de ver como se recollían os postos, como apagaban as luces,…mesturaba a tristeza co pensamento dos bos momentos que tiña pasado.

Co paso dos anos, penso que todos cambiamos o modo no que vemos esta feira (ou verbenas, ou festas das nosas vilas en xeral); creo que sentimos en maior ou menor medida a perda desa aura máxica que tiña cando eramos rapaces, case equiparable ao sentimento cando vía entón recoller os postos. Esa imaxe de sutil decadencia do que onte era case máxico, é o que trata de ser Fairground Ballads».

 

Foto © Aarón Sio Pretel

 

As letras de Fairground Ballads exploran experiencias do máis universais, pero tamén afonda nos teus propios sentimentos. En que, ou quen, están inspiradas?

Miguel: «“Fairground Ballad” é, sen dúbida, o tema máis persoal do disco. Condensa esa imaxe da feira, nostalxia e decadencia. Todos os temas, en maior ou menor medida, afondan nos meus propios sentimentos: “Black over Blue” non deixa de evocar esa ansiedade que chega no momento de apagar as luces; “No Name Man” evoca a sensación de perda daquilo que damos por feito simplemente porque sempre estivo aí… Pero tamén teñen unha importancia e influencia enorme as persoas que me rodean, especialmente a miña familia.

“Needle”, por exemplo, é un tema dedicado á miña nai. Ela, do mesmo modo que as miñas avoas e moitísimas mulleres, foron costureiras; este tema trata de reflexionar sobre a dureza e o esforzo tras unha vida xeralmente tan pouco recoñecida, como se ninguén tivera visto nunca as mans dunha costureira.

Por último, a miña parella, Sara, é unha influencia e referencia innegable tanto no momento de buscar inspiración como á hora de compoñer. “Moon” é unha obvia referencia do Romance de la Luna Luna, e débolle a ela a magnitude do impacto que Lorca tivo en min, ás súas recomendacións literarias e as longas conversas e discusións sobre estas imaxes, símbolos e pensamento. Como persoa de ciencias, poder aprender de, e con ela, é un absoluto pracer e unha sorte».

 

Por que escoller “No Name Man” como sinxelo presentación? Que o fai destacar para esa función entre os oito cortes que compoñen o disco?

Miguel: «Non foi doado escoller o sinxelo, pero a decisión de que fose “No Name Man” veu dada por considerala un tema representativo do que é, ou polo menos pretende ser, este disco. Quería que fose un tema gravado como banda, porque a dimensión que achegaron Álex, Anxo e Sandra aos temas paréceme algo precioso. O feito de presentar este disco da man deste corte e de todos eles coma banda pareceume a mellor decisión».

 

 

Afondando no proceso creativo, como lembras o de Fairground Ballads? Comezabas por melodía, letra, depende…? Como se foi xestando o disco?

Miguel: «Neste disco hai temas que levan compostos moitos anos, antes mesmo de comezar o proxecto. En todos eles, de todos modos, o proceso adoita ser similar: a harmonía é o primeiro que adoito buscar, e sobre ela ir compoñendo a letra. Nunca trato de pechar unha estrutura ou as melodías, sempre é un proceso de adaptación mutua de melodía á letra e viceversa, ata chegar á súa forma final.

No caso dos temas que foron gravados por toda a banda, o último xiro foi por parte deles. Entenderon perfectamente o que buscaba, e foi un proceso incriblemente sinxelo no que chegaba a sentirme un espectador de como as dinámicas cambiaban, as estruturas ían refinándose e sempre a mellor. En termos xerais, o proceso creativo deste disco foi un camiño sinxelo, e estoulles moi agradecido».

 

Foto © Aarón Sio Pretel

 

“Black over Blue” ben podería acompañar unha escena dun western clásico, cunha atmosfera propia do Lonxano Oeste. Como acadaches crear esa tensión entre melancolía e intensidade?

Miguel: «“Black over Blue”foi un tema que compuxen para un proxecto previo en realidade, con David Falcón e Andrea Area, os Gypsy Souls. Con eles colleu forma o tema e creamos esta atmosfera. Por desgraza non puidemos seguir adiante co proxecto, e recollín o tema para seguir interpretándoo en solitario.

No momento de velo como banda, diría que é unha das pezas que máis directamente preparamos; de feito diría que foi o primeiro que vimos xuntos. Tanto Anxo como Álex entenderon o tema perfectamente, e a base rítmica acadou esa intensidade que levou a que fose o tema ideal para abrir o álbum.

Tamén ten un papel moi importante Javi Vicalo aquí, quen nos axudou a rematar de dar forma a esta dinámica e formou un equipo con Álex durante a gravación que deu coma resultado unhas liñas de baixo fantásticas».

 

 

Por certo, os 28 segundos de “Santa Rosalia’s Twilight” abren o EP, pero semellan tamén unha introdución a “Black Over Blue”. Foi esa a súa orixe ou sempre foi un tema independente?

Miguel: «Esta introdución ás Fairground Ballads pretendía ser ese primeiro extremo do fío do que vai tirando o resto do álbum. Realmente, corresponde coa ponte de “Fairground Ballad”, adaptando o ton para encaixar co inicio de “Black over Blue”, abrindo así a porta, en certo modo, do EP.

Son perfectamente consciente de que cada vez é menos habitual escoitar os álbums en orde, pero quería ter esa coherencia e esa liña condutora neste traballo».

 

 

O teu lado máis country folk escóitase en “Five Dynamite Blocks”. Que é o que te atrae deste estilo musical, en principio algo afastado da nosa realidade, e como integras eses elementos do country nas túas composicións?

Miguel: «O que máis me atrae de elementos como os xogos coa guitarra neste tema é o puro desfrute, ademais de ser moi agradecidos á hora de interpretar os temas coma solista. Penso que son elementos que achegan unha cor e dinámica moi interesantes, ademais de ser xeralmente “xogos” bastante sinxelos. Non hai un propósito máis alá de que xurdan no momento de compoñer, e a convivencia destes recursos con outros máis próximos ao jazz (máis básico, claro), blues ou R&B é un pouco o resultado disto».

 

 

Anxo Paz. Foto © Pablo Vázquez

 

En “Moon” a guitarra toma protagonismo, debuxando unha especie de paisaxe chea de texturas. Como traballaches a guitarra para acadalas?

Miguel: «O primeiro de todo, agradecervos de corazón este comentario. Faime moita ilusión crer que poden chegan a transmitirse este tipo de imaxes e sensacións.

Á hora compoñer “Moon”lembro ter unha primeira idea da guitarra e, ao ensinarlla a Sara, díxome que aquilo xa existía (e toda a razón, foi unha desas xogadas do subconsciente nas que acabas replicando algo que tes na cabeza). Entón tratei de darlle un xiro cara a unha guitarra máis arpexiada, que me permitise xogar coas dinámicas do tema por como se fose desenvolvendo ese arpexio. O traballo non foi moito máis alá dese cambio, dunha guitarra máis sinxela a este arpexio, pero a partir de aí saíu practicamente do tirón. Foi unha desas cousas que, unha vez feita, tes claro que ten que quedar así».

 

 

A interpretación case núa de “Fairground Ballad”, a guitarra e voz, dálle un ton moito máis íntimo en comparación co resto das cancións. Por que escollela como peche do disco?

Miguel: «“Fairground Ballad”, xunto con “Moon”, son os dous temas que se gravaron cunha única pista de guitarra e voz, deixando unha orquestración mínima en contraste co resto de temas. A escolla desta balada como peche ven dada polo feito de que non deixa de ser unha despedida, un breve resumo do espírito do EP que conclúe o que abriu a introdución que antes comentábamos.

Tiña clara a idea de facer esta estrutura de apertura–peche no álbum, e o peche tiña que ser “Fairground Ballad”».

 

 

Fairground Ballads foi gravado en formato banda con Sandra Gómez (Sanny), (teclados, guitarra acústica, voces), Anxo Paz (batería, percusións) e Alejandro Neira (baixo). Por que eles? Que dirías ti que achegan ao disco?

Miguel: «Para min gravar con eles, e seguir agora adiante como banda, é unha auténtica sorte. Por unha parte, temos unha moi boa relación de amizade máis alá do musical, pero é que ademais son uns músicos incribles.

Con Anxo e Sandra xa tivera a oportunidade de tocar previamente, e sempre foi moi sinxelo preparar cousas xuntos. No momento de buscar un baixista, lembro estar falando con Álex sobre o tema e, como se fose pouca cousa, dixera “pois toco eu o baixo”. É moi bo músico, e xa o tiña claro, así que non quixen saber máis. Anxo tiña un baixo na casa, e así completamos a carambola.

O resultado foi inmellorable, todos eles teñen moitísimo gusto á hora de dar forma aos temas, son moi (moi) currantes e desde o primeiro ensaio tiña claro que aquilo fora unha boísima decisión; o resto é historia».

 

Foto © Aarón Sio Pretel

 

Este formato banda expande o son intimista que viñas traballando como cantautor en solitario. Como describirías a evolución musical (e mesmo creativa) desde as túas primeiras composicións ata este álbum?

Miguel: «Creo, e espero, que foi un proceso de ir madurando coma cantautor. Especialmente na faceta de cantante, o que máis me custou (e aínda agora me custa), é quitar un pouco o sentimento de impostor.

Estou tranquilo como guitarrista, son moitos anos e non é algo que me xere inseguridade a estas alturas, pero á hora de facer letras e interpretalas sentía un muro diante de min. Poder cantar por primeira vez en Suecia foi moi positivo por poder facelo diante de xente descoñecida, sen “presión”.

Creo que nestes anos fun pouco a pouco gañando algo máis de confianza nesta faceta, aínda que quede moito camiño, e é isto o que máis notei na evolución das miñas composicións. Sinto que hai menos complexos á hora de escribir e máis tranquilidade á hora de interpretar os temas, cada vez podo desfrutalo máis».

 

 

Notamos un uso moi marcado de texturas e atmosferas acústicas. Que papel tivo a produción de Javier Vicalo na creación desa sensación envolvente e orgánica que se percibe ao longo do traballo?

Miguel: «Javi ten moita culpa no resultado final do EP. A gravación en Escusalla Sonora foron uns días que se sentiron como ir de campamento con amigos. Javi entendeu desde o primeiro momento o que pretendía transmitir co disco: un álbum sen grandes alardes pero, ante todo, orgánico, fiel ao que é o directo. Durante toda a gravación recomendounos axustes e ideas que ían nesta liña, tivemos unha conexión moi boa en todo momento con el».

 

Con todo, dá a sensación de que no estudio tiñades xa bastante claro como debían soar os temas en directo e que basicamente foi iso o que recolleu a gravación. Foi así ou a sensación é máis aparente que real?

Miguel: «A idea fundamental estaba moi clara, e os temas viñan ben preparados. Con todo, aínda había dinámicas ou estruturas coas que non estabamos 100% seguros.

Recoñezo que antes de comezar tiña medo de que puidésemos ter que dar moitas voltas a algunhas cousas, ou que o resultado final acabase por non convencernos…pero en absoluto. Javi fixo un traballo fantástico, e tanto Anxo como Sandra como Álex fixeron un traballo impecable.

Estivemos tres días gravando, e lembro a sensación ao rematar o primeiro día de pensar: “Isto non pode ser tan sinxelo, ten que estar a piques de aparecer calquera cristo”. Non foi así, e foi un proceso no que estiven moi a gusto do primeiro ao último momento».

 

Alejandro Neira. Foto © Pablo Vázquez

 

A Casa de Arriba acolleu o concerto presentación de Fairground Ballads a principios de decembro. Como foi a acollida do disco ao vivo?

Miguel: «Escollín facer alí a presentación porque foi o primeiro lugar onde confiaron en min para tocar coma cantautor. Jorge sempre nos deu un lugar onde poder tocar e un trato inmellorable.

A presentación foi o 5 de decembro, venres previo á ponte, por ser a única data posible antes do Nadal. Podía ser un bo ou un mal día, porque moita xente non traballaba o sábado, pero ao mesmo tempo sabíamos que moita xente marcharía fóra. Fomos a montar todo a primeira hora da tarde, porque a loxística en Vigo co lucerío é… complexa. Contabamos con ter vendido algunhas entradas anticipadas, pero non tiñamos grandes expectativas, de feito tiñamos familiares e amigos que as ían comprar alí no momento. Cando Jorge nos dixo que apenas quedaban 5 ou 6 non o críamos, e finalmente vendeuse todo no momento que avisamos á xente que estaban pendentes.

Non estamos falando dun estadio, nin moito menos, pero habitualmente toco para moita menos xente. Foi un día perfecto e a presentación tivo moi boa acollida; estou moi agradecido».

 

Como son os concertos de Miguel Moldes? Cando, e onde, poderemos volver vervos de novo enriba dos escenarios?

Miguel: «Non son os concertos cos mellores interludios, recoñezo que non son un gran orador, pero creo que son concertos nos que o espírito do disco está completamente presente, e esta mestura de estilos aparece ben representada. Gustaríame pensar que se transmite a moito que estamos a desfrutar nós mesmos no escenario e creo que os temas gañan bastante enerxía.

Estamos moi contentos do álbum, pero o que nós realmente queremos e máis nos gusta é o directo, sen ningunha dúbida. Tocamos recentemente, o domingo 18, en Cambados, na Krazzy Kray, e o sábado 31 en sesión vermú en Pontevedra, en NaSantiña. Esperamos poder ir pechando máis datas que temos aí no aire pronto, recomendamos estar pendentes das nosas redes sociais».

 

Foto © Pablo Vázquez

 

Na actualidade, que artista ou grupo galego nos recomendarías? Algún favorito que deberiamos coñecer?

Miguel: «Creo que a miña recomendación de Sanny quedou máis que clara, pero considero que estamos nun momento no que hai moitas artistas e bandas galegas facendo cousas moi interesantes en practicamente calquera xénero.

Se tivese que quedarme con alguén que recomendar agora mesmo, creo que sería Pablo Corbillón e os seus mil formatos, aínda que de recomendar un diría Pablo y Los Ciervos Dorados. Pablo é un artista tremendamente talentoso, tanto instrumental coma vocalmente e este proxecto, en formato trío, é unha delicia de escoitar e sobre todo de ver en directo, tanto pola súa parte coma pola banda, recomendadísimo».

 

Se abrísemos a túa conta persoal de Spotify, que escoitariamos? 100% Sinceridade, 0% Vergoña

Miguel: «Atopariades unha mestura xeitosa de cousas, a verdade. Desde cantautores máis próximos ao folk como Sharon van Etten ou Marty O’Reilly a bandas como Wunderhorse, Black Lips, Fontaines D.C. ou funk/soul brasileiro como Di Melo, o cal recomendo encarecidamente!

Gústame descubrir novas referencias e sempre estou aberto a recomendacións; é un gusto coñecer novas artistas».

 

izq noticias