• GALEGO
  • ESPAÑOL
  • ENGLISH
     
izq noticias  

NOCTURNA: «“SOMBRAS” VAI DE EXORCIZAR OS TRAUMAS PASADOS E APRENDER A VIVIR CON ELES»

Nocturna: «“Sombras” vai de exorcizar os traumas pasados e aprender a vivir con eles»
9 FEBREIRO 2026

Nocturna xorde en Pontevedra en 2022 como unha forza que transforma a escuridade en música. Desde a súa potente base rítmica e as súas guitarras afiadas ata as capas de ruído e atmosferas envolventes, Viejo (guitarra e voz), Charlie Swamp (baixo), Crazy Rober (guitarra) e Jorge Cabaleiro (batería) constrúen un universo onde as sombras e o visceral conviven coas emocións máis fondas. As súas cancións son un espazo para o murmurio e o estoupido, onde a soidade, as malas decisións e a reinvención persoal se entrelazan como rituais silenciosos.

Con influencias que van do post-punk tardío e a escuridade dos oitenta ata a néboa hipnótica do shoegaze dos noventa, Nocturna non só homenaxea os seus referentes, senón que os transforma nunha linguaxe propia, chea de tensión, melancolía e potencia sonora. Tras varios lanzamentos en single, este universo cristalízase no seu debut en longo, Sombras (2025), que se presenta como unha viaxe a través da escuridade, un territorio onde a música se converte en experiencia e a banda en guía.

En directo, Nocturna promete levar sus sombras a cada sala e festival, ofrecendo un encontro onde a intensidade das súas cancións convértese en ritual colectivo e a escuridade transforma o son, que envolve, golpea e conmove.

 

Foto © Bruno Baw 

 

Bebedes tanto do post-punk dos 70 e 80 como do krautrock ou o noise dos 90. Pero, deixando os xéneros a un lado, como definiriades vós o voso son? A que soa Nocturna?

Nocturna: Gustaríanos pensar que é música feita dende as entrañas. Unha viaxe ao noso interior para sacalo todo á luz. Hai emoción, sensualidade, mala hostia, escuridade e moito ruído... Todas esas cousas que levamos dentro.

 

The Cure, Sonic Youth ou Parálisis Permanente son algunhas das bandas que se nos veñen á cabeza cando vos escoitamos. Pero se vos preguntamos a vós polas vosas influencias, a quen sinalariades? A quen considerades fundamentais para entender o voso son actual?

Nocturna: Cando temos que mencionar bandas, sempre falamos de The Cure, The Sisters of Mercy, The Cult ou Parálisis Permanente como bandas “clásicas” que nos inflúen, pero tamén de A Place To Bury Strangers, Twin Tribes, The Soft Moon (🖤 Luis Vásquez 🖤) ou mesmo The Black Angels. Pode ser que a nosa música teña certo aire “retro” pero non é algo buscado premeditadamente. O certo é que os catro temos gustos musicais bastante diferentes, e cada un de nós ten as súas propias influencias. Poderíase dicir que hai dous bloques distintos na banda: un máis punk, visceral e escuro, e outro máis pulcro e melódico... O son da banda xorde desa “improbable” fusión.

 

 

 

Gravados en Estudo Bonobo (Pontevedra), “Prometeo”, “Puñal” e “Tormento” son os tres singles publicados en 2023. “Prometeo” e “Puñal” son parte, renovadas, do repertorio do voso novo disco, do que falaremos máis adiante, pero non así “Tormento”. Por que quedou finalmente fóra?

Charlie: Simplemente porque sentiamos que “Puñal” e “Prometeo” evolucionaron durante estes dous anos e queriamos reflectir esa evolución dos temas (e da banda) nesta nova gravación. En canto a “Tormento”, estábamos bastante satisfeitos con ela e pensamos que para mellorala precisabamos contar cun tempo co que non contabamos. A súa non inclusión non foi, por tanto, unha cuestión de calidade do tema xa que é dos nosos temas favoritos e nunca falta nos nosos directos. Tiñamos material de sobra para levar ao estudio en realidade e houbo que seleccionar (e isto si que non foi sinxelo).

Rober: Con sinceridade, non tivemos valor a facelo. “Tormento” é un tema longo que ademais de tocalo cun groove e feeling determinado require moito traballo de pre e post produción, e non contabamos co tempo suficiente de estudo para deixalo como nos gustaría. Foi unha mágoa, pero queda pendente para a próxima, prometido!

Jorge: Foi un tema de espazo fundamentalmente; tiñamos bastante claro que queriamos editar un vinilo e inicialmente ía ser formato EP polo que gravamos con Ibán cinco cancións con este propósito. Ningunha delas era dalgún dos singles previos. Finalmente pensamos que tiña máis sentido sacar un LP e fomos ao estudio pensando no espazo dispoñible no vinilo e decidimos traballar algunhas das demos coas que pensamos que podiamos facer un traballo máis similar a como as tocamos no directo (“Prometeo” e “Puñal”) e deixar “Tormento”, por agora, como single previo.

 


 

Nestes primeiros sinxelos escóitase un son máis cru e visceral, mentres que cortes posteriores semellan explorar texturas máis hipnóticas ou atmosféricas. Como foi o proceso de experimentación con delays, reverbs, sintes ou estruturas máis abertas?

Rober: Salvo na voz e nos sintes engadidos por Ibán, creo que non houbo un gran proceso de experimentación no resto. Todo sae do local de ensaio, e non todo está cargado de efectos. Creo que existe unha combinación entre sons ou instrumentos con moitos efectos e outros que simplemente teñen a saturación do propio amplificador e esa mestura é o que marca o carácter da banda.

Charlie: O tema dos sintes era algo que tiñamos moi claro. As cancións da banda xorden dunha liña de baixo sobre a que o resto vai engadindo os seus instrumentos, coma capas que achegan distintas texturas. Cando fago unha liña de baixo na miña cabeza xa soa ao mesmo tempo un sinte que a pode acompañar. Neste apartado, o traballo de Ibán Pérez foi clave ao entender o que pretendiamos e saber levalo á realidade. En canto ao emprego dos efectos é algo importante no noso son e que vimos puíndo día a día nos ensaios... Non é tanto experimentar como darlle a cada canción o que precisa.

Jorge: A introdución de sons electrónicos na batería xorde da procura de novas texturas na percusión que permitan dar ás cancións novas sensacións que os sons puramente orgánicos da batería non permiten.

 

 

 

Sombras (Ferror Records, Ulomanía Coop, Paff Bum Discos, Suburban Relapse, Swamp Releases, 2025) é o voso primeiro longa duración, gravado entre decembro de 2024 e setembro de 2025. En que momento sentistes que xa tiñades un feixe de temas o suficientemente coherentes entre si como para conformar un disco?

Nocturna: Inicialmente pensamos en gravar un EP de catro temas e con esta intención entramos no estudio a finais de 2024... En canto rematamos de gravar, moi pronto tivemos a sensación de que eses catro temas daban unha visión moi parcial da banda e non nos facían xustiza... Tiñamos un tema moi recente (“Sombra//Hécate”) que sentiamos que era importante e foi entón cando decidimos gravar de novo “Prometeo” e “Puñal” e entregar un LP... De perdidos, ao río!

 

O disco fala, en moitos momentos, de “sombras” tanto literais como figuradas. Como interpretades vós a idea da sombra no contexto da vosa música en xeral e deste disco en particular?

Nocturna: As sombras son esas pantasmas do pasado… Os erros cometidos, os medos, os arrepentimentos… Algúns superámolos e outros non, pero, en calquera caso, sempre estarán aí…

 


 

As letras de Sombras mergullan o oínte en narrativas de nocturnidade, reinvención persoal e mesmo rituais. En que, ou quen, están inspiradas?

Nocturna: Nas nosas vivencias maiormente. As letras das cancións están escritas en colaboración por Viejo e Charlie, polo que cada un deles achega as súas ideas. Isto fai que, a miúdo, as cancións funcionen a diversos niveis... O certo é que unha idea recorrente no disco é a de exorcizar os traumas pasados (relacións tóxicas, adicións, malas decisións...) e aprender a vivir con eles. Por outra banda, tamén pensamos que é importante manter a mística e deixar que cada oínte interprete o seu significado e hai moitas letras con simbolismos e interpretacións máis abertas...

 

Foto © Bruno Baw 

 

A diversidade de texturas entre cancións podería facer que o disco se escoite como unha experiencia sensorial da noite e das súas facetas. Pensades en Sombras como un álbum para ser escoitado en orde de principio a fin? Como decidistes a orde das cancións?

Nocturna: É certo que o disco fala moito da noite e todo o que ela implica. Tamén fala da perda, da desesperación e de tocar fondo. Pero, sobre todo, fala coma xa dixemos de exorcizar os nosos demos, e encaralos como forma de poder seguir adiante. Certamente está pensado para escoitalo de principio a fin coma un todo. Non é un disco conceptual pero si que hai unha serie de ideas que, coma dixemos, sobrevoan ao longo de todo o disco. Na orde dos temas primou unha certa coherencia estilística máis que temática. Pareceunos que así “entraba” mellor...

 


 

En “Sombra/Hécate” a letra fala de rituais, invocacións e dunha presenza que observa e guía desde a sombra. Por que Hécate, a deusa grega do ben e o mal? Que representa para vós esta figura, tamén coñecida como raíña das meigas ou das pantasmas?

Charlie: Hécate ten unha tripla natureza. Para min é unha boa metáfora do que somos coma persoas. Somos o que ve a xente (e tampouco somos iguais con todos), logo somos o que pensamos que somos (ou o que nos gustaría ser, máis ben) e, por último, somos o que realmente somos (esa sombra que nos asexa dende o espello). Por outro lado, Hécate asóciase á nocturnidade e ás criaturas da noite e pareceume moi pertinente dedicarlle un tema... Pero, sentindo romper a maxia, a canción en si non ten ningún tipo de significado esotérico ou ritualístico... Ou pode que algo si ; )

 

 

A sexta pista é “Lejos”, peza reelaborada en homenaxe a Luis Vasquez (30/5/1979 - 18/1/2024), fundador e único compoñente de The Soft Moon. Que significado tivo, ou ten, para vós este compositor e músico norteamericano para incluír esta canción na súa honra?

Charlie: Soft Moon é unha das bandas que nos empurrou a Viejo e a min a formar a banda. Aínda que non se perciba tan claramente no noso son é unha das nosas maiores influencias. “Lejos” (o seu título orixinal non era este) era unha canción na que levabamos un tempo traballando e non rematabamos de sentirnos cómodos con ela. Cando aconteceu a morte de Luis e as súas circunstancias, impactáronnos moito. Nun ensaio Viejo decidiu incluír unha pequena chiscadela a FAR, un dos temas que máis nos molan de Soft Moon ao comezo da canción e, de pronto, todo cobrou sentido. Era algo que lle debiamos a Luis.

 

 

Pecha o álbum “Sacramento (Plastikaffen Dark Mix)”, corte que se mergulla en terreos sonoros electrónicos ou de club. Foi este remix algo puntual ou abre a porta a un achegamento a máis reelaboracións electrónicas en futuros traballos de Nocturna?

Nocturna: Consumimos música electrónica e a cultura de club é algo que nos parece moi interesante. Neste caso, Javi Maefield (aka Plastikaffen)propúxonos a idea do mix e dixémoslle que adiante. Gustounos o resultado e pareceunos boa idea pechar o disco con el. Foi algo puntual aínda que non descartamos que teña continuidade nun futuro...

 


 

O LP foi gravado, mesturado e masterizado polo recoñecido Ibán Pérez no célebre Estudio Terraforma, no Hío. Como foi a experiencia de traballar con Ibán? En que aspectos sentides que o seu labor foi determinante para o son final de Sombras?

Jorge: Traballar con Ibán é un auténtico gusto, desde o principio entendeu o son que buscabamos e axudou a obtelo desde a elección dos micros ata a mestura das cancións. Ademais, axudounos na composición de arranxos de sintes e detalles de produción que se poden escoitar no disco e que intentamos levar tamén no directo na medida do posible.

Rober: Con Ibán, a experiencia foi fantástica. É unha persoa que sabe moito de música e son, e que ademais de achegar ideas e os seus coñecementos cos sintes, é un fanático dos amplificadores vintage. Cando te atopas con persoas así, é moi fácil traballar.

Charlie: Ibán é un tipo xenial, ademais de moi talentoso. Conseguiu facernos estar cómodos desde o principio e todo foi moi sinxelo con el. Tamén entendeu o que queriamos pese a que sexamos un tanto caóticos. A súa participación con sintetizadores, teclados e algunha que outra percusión foi clave no resultado final do disco...

 

Foto © Bruno Baw 

 

A fotografía de Sergio Canay e o posterior artwork por parte de Juan, Charlie e Laura Nox funciona case como unha porta de entrada ao universo de Sombras. Por que elixir esa foto en concreto? Que queriades transmitir con ela?

Viejo: Canay é un vello amigo. Seguía o seu traballo desde hai tempo e pareceume que esa foto tiña moita forza e simbolismo e mostraba moi ben todos eses contrastes de luces e sombras tan presentes no disco.

Charlie: Esa era a idea. A foto de Canay era elegante, escura e simbólica tal e como pretendemos que sexa a nosa música...Na galleta do vinilo podes atopar outra foto de Sergio e no insert unha de Bruno Mosquera (aka bbbaaawww). En canto o artwork, foi un traballo colaborativo... Tiñamos a premisa de facer algo elegante e sobrio e penso que o logramos.

 

 

Sombras está dispoñible en plataformas dixitais e en formato físico, nunha edición limitada en vinilo. Credes que o “ritual” que envolve a reprodución dun vinilo achega algo á súa escoita, sobre todo nestes tempos de consumo dixital masivo?

Charlie: Ben, editamos en vinilo pensando niso, cando menos... Sendo sincero, démoslle bastantes voltas ao tema e ao final chegamos á conclusión de que era vinilo ou nada. Sabemos que a nosa non é música para un consumo masivo, e como banda “de nicho” que somos, a xente que se achegue a nós vai agradecer o formato. Por outra banda, as cancións están liberadas para descargar no noso bandcamp e nos dos selos cos que co-editamos o álbum así que os/as que queiran consumilo masivamente tamén poden ; )

Jorge: Sen dúbida, polo menos eu entendo que se pos un vinilo é porque tes un tempo para “escoitar” o álbum con calma e en orde. É un xeito de buscar nos oíntes que lles interesa unha experiencia máis memorable que ter música de fondo namentres conduces ou traballas.

 

A escena galega alternativa é hoxe en día un territorio bastante diverso. Como a vedes vós e como credes que “encaixa” Nocturna nela?

Viejo: Levamos uns anos dunha escena galega bastante interesante e diversa... Nós, de feito, compartimos local de ensaio con bandas moi diversas e que molan moito como son PLADÜR, NUTRIAS ou FAUL. A presenza e papel dinamizador de NEGRO SATURNO en Vigo tamén están sendo moi importantes neste senso.

Charlie: Hai moitas bandas, iso é certo. Eu cando menos, non teño claro o noso “encaixe” na escena galega. Síntome un pouco unha rara avis dentro dela (e da estatal tamén, sendo sinceros). Temos que estar, neste aspecto, moi agradecidos a NEGRO SATURNO que se está convertendo no grande (e único dinamizador) da escena “escura/darkwave/postpunk” galega que apoiou a noso proxecto desde o principio...

 

Foto © Bruno Baw 

 

Enriba do escenario, a vosa música acaricia atmosferas máis bailables e hipnóticas das que o oínte poida escoitar no disco. Ata que punto o directo é para vós unha oportunidade para levar as cancións a outros territorios sonoros?

Rober: O directo o é todo, e por suposto antes en salas que en festivais. É a zona de confort de calquera músico e se todo sae, e soa, como debería, podes alcanzar calquera territorio involucrando tamén o público.

Jorge: Nos directos intentamos levar un ritmo dinámico que enganche ao público e os meta na nosa atmosfera, no estudio sempre se busca un resultado máis puído e calculado mentres que o directo quere ser unha experiencia máis desenfreada para o oínte.

Nocturna: O directo é a razón de ser dunha banda. As nosas cancións son para pechar os ollos e deixarse levar. Gústanos crear atmosferas escuras e psicodélicas salpicadas de explosións de furia e ruidismo...

 

Ao fío, estades inmersos na xira presentación de Sombras. Como está a ser a súa acollida en directo? Cando, e onde, poderemos volver a desfrutar de Nocturna ao vivo?

Nocturna: A recepción está sendo boa. O que máis nos flipa é cando xente que non coñecía a banda ou que incluso acudía ao concerto para ver ao grupo co que compartiamos cartel nos comenta que lle voou a cabeza coa nosa proposta... As próximas datas da banda serán en A Coruña (o 28 deste mesmo mes), Carballo, Ferrol e Pontevedra... Nos próximos días confirmaremos máis.

 

Foto © Bruno Baw 

 

Na actualidade, que artista ou grupo galego nos recomendariades? Algún favorito que deberiamos coñecer?

Charlie//Viejo: Temos propostas moi interesantes na nosa xeografía, algunhas “emerxentes” e outras máis consolidadas... CRUZEIRO, LEGÍTIMO POLVO, MÜNTRAILS, FANTASMAGE, FAUL, NUTRIAS, LUNAMOTOS, PLADÜR, BASANTA, BALA, NUEVA APOSTOL, EME-SX, MOURA...

Jorge: A min polo rollo que levan e cun directo de calidade teño que recomendar SKANDERANI da Estrada... Un rollo psicodélico con ritmos e melodías orientais moi guapo.

 

Se abrísemos as vosas contas persoais de Spotify, que escoitariamos? 100% Sinceridade, 0% Vergoña.

Viejo: No meu caso, a lista é moi cambiante xa que me gusta variar moito e intento consumir e explorar cousas novas... Agora estou escoitando bastante PROVOKER e ROYEL OTIS. Escoito tamén moita música electrónica: techno atmosférico, etc.

Charlie: No meu podes atopar TYPE O’NEGATIVE, WHITE ZOMBIE, LA URSS, THE SOFT MOON, THE HORRORS, PARÁLISIS, HÉROES DEL SILENCIO, THE DAMNED, JOY DIVISION, JESUS AND MARY CHAIN, CROCODILES, PATRIARCHY, NIN, ACTORS, THE SISTERS OF MERCY, TWIN TRIBES... Pero tamén as bandas sonoras de CONAN, DRÁCULA DE BRAM STOKER ou ULISSES 31...

Jorge: Na miña conta hai de todo desde QUEEN a CECILIO G pero ultimamente estou escoitando bastante NINE INCH NAILS, BAXTER DURY, THOM YORKE (en varios dos seus proxectos) ou PUBLIC IMAGE LTD.

Rober: Oúltimo que escoitei: IZAAK OPATZ, LUKAS NELSON e JUSTIN TOWNES EARLE.

 

izq noticias