VIMBIO: «O HUMOR É UNHA BOA FORMA DE CRITICAR COUSAS SEN SOAR PANFLETARIO»
Vimbio chegou para facer ruído. Ou, mellor dito, para recuperar o ruído das guitarras afiadas, dos riffs contundentes e dos flows sen freo, pero facéndoo á súa maneira. Álex Arnoso, Jacobo Castro, David Pérez e Brais Lorenzo dan nova vida ao rap metal, un estilo que viviu a súa época dourada na década dos noventa e os primeiros anos deste século XXI.
Con Comeza o xogo (2026), o seu primeiro longa duración, presentan unha proposta que non entende de fronteiras estilísticas nin de dogmas. Porque, como eles mesmos din, Vimbio soa a “tralla festiva”. Hai crítica social, sátira, introspección e moita enerxía, pero tamén unha clara intención de afastarse da “seriedade e pretenciosidade” que ás veces rodea o xénero. Aquí caben os riffs potentes, os versos rapeados, o humor, a retranca e todo aquilo que sirva para facer cancións que funcionen tanto sobre o escenario como fóra del.
Falamos con eles sobre a fusión entre rap e metal, o proceso creativo do grupo, a importancia do humor á hora de lanzar mensaxes, as colaboracións que enriquecen o disco e esa vontade de facer música sen corsés. Tamén sobre a potencia do directo, do que se confesan especialmente orgullosos, e sobre un álbum que, sen grandes teorías nin artificios, reúne “un pouco de todo o que sabemos facer”. Porque se algo queda claro ao escoitar Vimbio é que veñen dispostos a pasalo ben... e a facer que o público tamén desfrute.

Vides de proxectos con estilos diferentes: Álex Arnoso do rap de SonDaRúa, Jacobo Castro do metal de Gravesen (con ese single A Cova onde se mesturaba coa música tradicional), David Pérez do stoner psicodélico de Martillo e Brais Lorenzo cunha ampla formación jazzística. Como confluídes todos en Vimbio?
Jacobo: Vimbio nace como unha idea miña á que lle levaba un tempo dando voltas. Mesturar riffs potentes con rap, e non se me ocorreu mellor candidato para rapear que Álex. Logo, tivemos a sorte de coñecer e dar con David e con Varias que nos completan á perfección achegando cada un o seu rollo.
Brais: Si que veño dun estilo bastante distinto, pero tamén pasei por etapas de tocar e escoitar outros xéneros. A verdade é que a primeira vez que escoitei Vimbio pensei: “Que guai soa isto”. Gustáronme os riffs, o groove, o son xeral do grupo... E algo que tiña moitas ganas de hai tempo era tocar nunha banda de rap. Como baterista dan moito xogo os temas máis rapeados, pero tamén desfruto tocando os temas máis cañeiros.
Álex: Eu de pequeno escoitaba moito metal, aos 17 anos comecei a escoitar moito rap e, cando Jacobo me propuxo a idea de Vimbio, pareceume moi boa ocasión para unir ambos xéneros.
David: Como músico soamente pasei pola parte underground do stoner/doom/prog psicodélico, pero como oínte pasei por todo, dende o indie ata moitos tipos de metal, rematando no rap/hip hop, que é un dos xéneros que máis escoito agora mesmo. E tendo como base cando era mozo a Limp Bizkit, creo que o proceso foi moi sinxelo.
O vimbio ou vime é unha vara de vimieiro, un material resistente e flexible ben coñecido por estes lares. Por que adoptalo como nome?
Jacobo: O nome naceu antes case de ter ningunha canción rematada. Na miña zona sempre se utilizou o vimbio ou “dar vimbiazos” como ameaza física. Pareceunos que era un nome agresivo, coñero e fácil de recordar.

O rap metal tivo a súa época dourada a finais dos noventa e primeiros anos deste s. XXI con grupos como Rage Against the Machine, Faith No More, Limp Bizkit e Linkin Park. Daquela tampouco callou moito na escena galega máis aló de casos puntuais como QFB, Kannon ou Def Con Dos. Por que achegarse agora a ese xénero?
Jacobo: Pois por puro gusto. Todos temos as nosas cousas que nos gustan máis ou menos, pero este estilo é un dos que compartimos. Penso ademais que é moi divertido para o directo, tanto tocalo como velo en concerto.
Álex: Foi unha decisión máis persoal, de algo que nos apetecía facer, que de pensar en como podía funcionar neste momento un proxecto como o noso.
Ademais de metal e rap nos vosos temas poden escoitarse trazas doutros estilos, pero máis aló de etiquetas, como describiriades vós a vosa música? A que soa Vimbio?
Jacobo: Vimbio soa a tralla festiva [risos]. Non deixamos de facer metal, pero a nosa idea é afastarnos un pouco da seriedade e pretenciosidade da de que ás veces empapan este mundo que pode ser tan talibán ás veces. Para nós, calquera cousa que nos divirta vai ter cabida en Vimbio. O que pasa é que sempre vai ter unha base rockeira porque é o que mellor sabemos facer.
Canto a referentes ou influencias dentro ou fóra do xénero do rap metal, quen diriades que teñen (ou tiveron) un especial impacto en Vimbio?
Jacobo: Pois hai cousas esperables e evidentes como RATM, Korn, Limp Bizkit, Linkin Park pero tamén se poden ver nalgunhas ideas e arranxos cousas de QOTSA, Nirvana, Turnstile, The Offspring...

En 2024 publicastes unha serie de singles (“Insisto”, “Mayday”, “Bombas incendiarias”) que finalmente non formarían parte do disco. “Mayday” si aparece xunto a “Perseidas” e “Epicuro” no EP Ao vivo Rock in Río Tea gravado en directo no festival Rock in Río Tea e que vía a luz en marzo de 2025. Este disco foi un xeito de mostrar xa de entrada a potencia do grupo en directo, unha homenaxe a Ponteareas...?
Jacobo: Pois, como estamos bastante orgullosos do noso directo (a pesar de que este era o noso segundo concerto [risos]) e tiñamos as pistas ben gravadas, decidimos que estaba guai ter unha mostra de como sonamos dispoñible para que a xente abrise boca.
Tampouco “Perseidas” e “Epicuro” apareceron finalmente en Comeza o xogo, e Ao vivo Rock in Río Tea publicouse cando xa saíran dous adiantos do longo. Daquela, aínda non tiña unha forma moi definida este primeiro LP? Todos eses “descartes” seguen a formar parte do voso repertorio en directo?
Jacobo: Neste momento tiñamos máis ou menos claro cales ían ir no disco e escollemos estas para o directo por deixar un rexistro das que ían quedar sen gravar en estudio. “Epicuro” e “Perseidas “quedaron fóra do directo, pero seguimos cerrando con “Mayday” que é unha das miñas favoritas, por certo.

“A razón pola que non confío plenamente na corrección política é que a miúdo cae na trampa do resentimento. A verdadeira maldade é cando destruír o teu inimigo é máis importante que a túa propia felicidade”. Con esta cita do filósofo esloveno Slavoj Žižek comeza “Seres de luz”, tema que abre Comeza o xogo, o voso primeiro longa duración, que publicabades en xaneiro. Escoitando a cita e a letra, a escolla desta canción como primeira do álbum ten algo de declaración de intencións?
Jacobo: Escollémola como primeira porque ten unha intro guapa e ten un pouco de todo o que nos identifica: riffs potentes, versos rapeados (que non todas teñen), un breakdown molón... O da cita quedaba ben coa temática e a mensaxe da canción, simplemente. A orde das cancións fixémola con todas rematadas.
Álex: Como dixo Jacobo, a escolla desa canción viu máis pola música (xa que nos parece un tema moi completo e ten unha intro que se presta para abrir un disco) que pola propia temática da letra da canción (que evidentemente tamén nos representa).
No videoclip de “Seres de luz” aparecedes transmutados, literalmente, en diferentes personaxes con axuda da intelixencia artificial. Como xurdiu a idea e como lembrades a súa realización? Foi tan divertida como semella?
Jacobo: Pois foi unha copia dun vídeo de Limp Bizkit [risos], polo menos o de facer un vídeo coa IA e aforrar uns cartos. Neste caso ocupeime eu, e aínda que foron risa, levoume un choio tremendo co que non contaba. Non o recomendaría [risos]!
O primeiro que escoitamos do disco foi o tema, que lle dá nome, “Comeza o xogo”. Máis alá do título, moi acaído, por que elixilo como carta de presentación do proxecto?
Jacobo: Pois principalmente polo nome [risos]. Tamén é certo que é unha canción potente, con intro e que mostra varias das nosas virtudes (ou defectos).
“Pajitas de Bambú” fala, con grandes doses de ironía, sobre o cinismo que supón trasladar á cidadanía a responsabilidade da loita contra o cambio climático. Que papel diriades que ten o humor e a retranca nas vosas composicións?
Jacobo: “Pajitas de Bambú” é un exemplo do ton que seguramente máis predomina nas letras de Vimbio. Gústanos poñernos serios e intensos cando toca, pero sempre que poidamos, aínda que falemos dalgo que cremos e defendemos, farémolo da forma máis divertida que nos saia. Ás veces chegan máis as mensaxes deste xeito.
Álex: Pensamos que é importante, cando fas crítica social, non pasarse de pedante, e o humor é unha boa forma de criticar cousas sen soar panfletarios.
“Eu non quero traballar” ten a súa orixe nun canto popular. Parte da música, en versión tradicional, pode escoitarse nun tema homónimo de Aquí e Alá (Imos á romaría, 2023) e unha das estrofas, no “Eu non quero traballar” de Amancio Prada (De mar e terra, 1999). Como chegastes vós a ese canto? E como se vos ocorreu montar un tema arredor del?
Álex: A melodía do retrouso é a Rumba de Montealegre e, buscando se alguén a adaptara xa con esa letra, atopei tamén a canción de Amancio Prada. Pareceume boa idea coller prestadas un par de frases para meter nas estrofas.
O resultado parece do máis natural, pero algo nos di que non debeu ser tan sinxelo... Como foi o proceso de reelaborar un tema tradicional en clave de rap e de metal?
Jacobo: A idea de adaptalo xurdiu nun festi en Castela, na que un grupo de galegos conseguimos que unha longa cola de españois cantase a tradicional [risos]. Logo houbo unha proposta para facer un ska (miña) e esta de Álex, máis punkarra. Gañou a punki.
Álex: Non foi tan complicado; a melodía de voz xa a tiñamos e, sabendo que quería levala ata o punk, o ritmo de batería xa esta máis ou menos claro. Só faltaba atopar unha harmonía que encaixase máis ou menos ben. Ao final quedou un tema divertido e dos que mellor responde a xente, así que contentos co resultado.
Xa máis en xeral, como traballades os temas. Como nace e se desenvolve unha canción de Vimbio? Hai algún tipo de reparto de tarefas entre os catro?
Jacobo: A maioría de cancións son ou miñas ou de Álex, aínda que hai algunha que foi escrita de forma máis coral, na que un dos dous tiña un riff ou unha idea de retrouso e acabamos de montala entre os catro. En calquera caso, até nas que chegan máis rematadas ós ensaios, sempre conseguimos que todos acheguen o seu rollo, nalgúns casos cambiando moito a idea orixinal.

Unha colaboración sonada do disco é a de Hugo Guezeta en “Crise”. Como xurdiu e como foi o reencontro de Álex e Hugo despois de ser ambos parte de SonDaRúa?
Álex: Pois pese a xa non ser compañeiros de grupo, Hugo e máis eu seguimos sendo moi amigos e tendo moito contacto. Penso que seguimos entendéndonos e desfrutando de facer música xuntos. Todo foi moi fácil, ao final pasamos anos traballando xuntos e iso nótase.
Outra colaboración do disco é a de Nadie González en “Troula”. Por que ela e por que neste tema en concreto?
Jacobo: Escoitamos e miramos en directo a NADIE, pero chamounos a atención a carrasquiña e pensamos que a “Troula” podía quedarlle moi ben o seu rollo.
Álex: Pensamos que o estilo vacilón que ten nalgúns temas podería cadrar ben para una canción festiva como esa.
“Troula” é un dos temas máis eclécticos do álbum, cunha mestura de estilos bastante singular. O de combinar xéneros diversos en diferentes temas é algo que buscades ou simplemente aparece cando desenvolvedes unha canción?
Álex: En xeral é algo que sae segundo o que pida cada canción, pero si que cando noto que levo varios temas falando dalgo en concreto, intento que o seguinte sexa distinto. Creo que a xente agradece que non se sexa excesivamente repetitivo en canto a temáticas.
“Que parvo eres” comeza tamén cun sample, desta volta do crítico literario e profesor da UVigo, Jesús G. Maestro: “Los gilipollas no tienen depredadores. Los tontos, los necios, los imbéciles, los perversos, en definitiva, no tienen nada que constituya un obstáculo para el ejercicio de su necedad”. Como xurdiu este tema, que semella explorar a riqueza do idioma para chamarlle “parvo” a alguén?
Álex: Pois a idea desa canción foi exactamente esa: facer unha canción para insultar a alguén do maior número de formas posibles. E posto que Jesús G. Maestro é moi coñecido pola súa forma de expresarse sen filtros, e de insultar, ao pensar nun audio que poder poñer ao principio do tema, ocorréuseme de inmediato usar algún fragmento dalgún dos seus clips virais.
“Non podo respirar, pero intento avanzar…” (“Comeza o xogo”), “Non somos aquilo que pretendemos ser, o que mostramos a aqueles que nos cren coñecer” (“Cando ninguén nos vixía”). Entre o berro combativo, a sátira e a denuncia hai tamén espazo para a introspección?
Jacobo: Como dicía, gustamos da coña e da festa, pero somos humanos e tamén temos momentos de darlle ó coco para algo máis que festexar. Non fuximos de mostrar esta parte tamén; simplemente non queremos estar presos do que é máis habitual no xénero, de estar sempre tristes e cabreados. Cando saia algo intensito e molón sairá padiante, e cando saia algo máis gracioso, tamén.
Álex: Eu a maioría das veces que me poño diante dun folio é para intentar sacar un pouco do malestar que levo dentro nese momento. Entón, cando escribo “en piloto automático”, sen unha temática definida, case sempre me saen temas introspectivos.

A cita de Slavoj Žižek que abre “Seres de luz” ten coma un eco que reverbera ao final de “Combustible”, o último tema do álbum: “Show me the way, God; show me the way”, outro sample, coa voz de James Stuart no clásico de Frank Capra “Que fermoso é vivir!” (1946). Era esa idea ao incluílo, que funcionara como contrapunto desa primeira cita e pechar así o círculo?
Álex: Iso si que foi buscado: que a primeira canción abrise sampleando unha voz falada na intro e que o disco se cerrase tamén coa mesma idea, como se fose presentación e desenlace. Foi para darlle un pouco de cohesión á obra en conxunto.
Hai variedade temática, hai variedade de estilos que se entrecruzan... pero que diriades que dá unidade ao álbum?
Jacobo: Sendo 100% honesto, o disco é unha compilación de temas escritos máis ou menos no mesmo período de tempo. Nada máis. Non buscamos nin nos raiamos nada en ver o conxunto do disco máis alá de intentar meter un pouco de todo o que sabemos facer. O criterio principal era meter os temas que máis bos nos parecían.
Álex: Non buscamos en ningún momento un son común para todo o traballo, xa que hai moitas cancións que non teñen moito que ver. Pero ao final, ao estar todas compostas polas mesmas persoas, e gravadas e mesturadas nun mesmo estudo, hai moitas cousas que non van a variar tanto. Non é algo que se buscase dunha forma consciente.
Para alguén que non vira nunca a Vimbio ao vivo, como describiriades os vosos concertos?
Jacobo: Potencia, diversión, temazos e pogos.
Álex: Pois penso que somos máis versátiles do que a xente pode pensar, e intentamos que sexa todo o máis dinámico posible.
E onde poderemos vervos proximamente sobre o escenario? Podedes adiantarnos algunhas datas que teñades xa pechadas?
Jacobo: Alcabre, San Xoán de Alcabre 23/06; Ferrol, A.C. Artabria 28/06; Porriño, Muíños da Costeira 04/07; Ourol, Festival Aturuxo 18/07; Boimorto, Festival da Luz 30/08.
Na actualidade, que artista ou grupo galego nos recomendariades? Algún favorito que deberiamos coñecer?
Jacobo: Ollo Lóstrego, Mano de Piedra e Exeria
Álex: Acouga
David: Raposa
Se abrísemos as vosas contas persoais de Spotify, que escoitariamos? 100% Sinceridade, 0% Vergoña.
Jacobo: Ademais do así máis esperable...Weezer, Franco Battiato, Don omar, Beatles...
Brais: Ca7riel & Paco Amoroso, Pablo Lesuit, Roy Hargrove...
Álex: Pois cousas que poidan sorprender supoño que Bad Bunny ou outros de trap latino.
David: Ca7riel & Paco Amoroso, Emma Harner, IDLES, Elder, Joey Valence & Brae, Mastodon...

