• GALEGO
  • ESPAÑOL
  • ENGLISH
     
izq noticias  

LENI PÉREZ E SEKADRA: «A TRADICIÓN ORAL ESTÁ VIVA E SEGUE CREANDO. NUNCA DEIXOU DE EXISTIR»

LENI PÉREZ E SEKADRA: «A TRADICIÓN ORAL ESTÁ VIVA E SEGUE CREANDO. NUNCA DEIXOU DE EXISTIR»
26 OUTUBRO 2026

A tradición oral nunca foi un repertorio inmóbil. As cancións pasaron de xeración en xeración, incorporaron novas letras e adaptáronse ás voces e ás circunstancias de quen as interpretaba. Esa capacidade de transformación está moi presente no encontro entre Leni Pérez, cunha longa traxectoria na interpretación e recollida da música tradicional galega, e SeKadra, o dúo formado por Arturo Rúa e Paulo Silva, que explora os puntos de contacto entre o jazz, as músicas de raíz e outras linguaxes contemporáneas.

Da súa colaboración naceu Xa non ten ferriñas, o seu primeiro traballo discográfico conxunto, publicado en febreiro de 2026. A partir dun repertorio no que conviven muiñeiras, xotas e outras pezas tradicionais, os tres músicos constrúen novos arranxos nos que a voz e a pandeireta dialogan coa batería e os teclados. Unha proposta que tamén invita a reflexionar sobre a memoria das persoas que conservaron estas músicas e sobre a liberdade de decidir como queremos seguir transmitíndoas.

 

 

Leni Pérez e SeKadra, viñades de traxectorias musicais diferentes, pero compartiades un interese pola música tradicional galega. Onde e en que circunstancias se cruzaron os vosos camiños e que vos levou a decidir traballar xuntos?

Leni: Foron Arturo e Paulo os que contactaron comigo. María Silva, compoñente e amiga do grupo Tanxedoras, foi quen nos presentou. Eu coñecía a Paulo pola amizade que nos une. Como eles adoitan facer colaboracións con distintxs cantantes e instrumentistas, xurdiu a posibilidade de facer algo xuntxs vencellado coa música. Quedamos primeiro na miña casa para falar da posibilidade de gravar un ou dous temas, xa que había unha admiración musical mutua. Finalmente, isto materializouse no día que quedamos para gravar o vídeo do tema Rois.

 

 

Leni achega unha mirada máis vinculada á interpretación da música tradicional galega, mentres que Arturo e Paulo, partindo tamén desa mesma raíz, exploran outras posibilidades harmónicas e rítmicas desde SeKadra cun enfoque máis jazzístico e progresivo. Como conflúen estas dúas maneiras de entender a música e en que aspectos sentides que se complementan?

Paulo: Primeiramente, todxs temos un gusto musical moi variado. Leni non só escoita música galega; estilisticamente tamén lle gusta o rock e a música electrónica. De feito, ten experiencia neste eido, como o seu traballo a comezos dos 2000 con “Blanco”. Polo tanto, a fusión non é unha cousa nova para ningún de nós.

Arturo: A nós sempre nos gustou a fusión, explorar moitos estilos e, de feito, as nosas maiores referencias musicais adoitan selo. A década dos 70 influenciounos moito, tanto pola parte do jazz fusión como do rock máis clásico e progresivo.

Leni: A min sempre me gustou mesturarme. Teño colaborado con grupos de punk de Vigo, de rock, en festivais internacionais nos que te xuntas con grupos que fan música de raíz de todo o mundo… Coa pandeireta sempre puiden tocar con eles e divertirme, que é do obxectivo fundamental. A tradición préstase moito a vestirse con diferentes “traxes” e a participar do que haxa dispoñible nese momento, e quizais esa sexa a parte máis elemental do que facemos.

 

Leni, con apenas doce anos xa percorrías Galicia realizando recollidas (gravacións de campo). Que te levou a interesarte tan cedo por ese labor e que descubriches na convivencia coas persoas das que aprendías?

Leni: A mediados dos 80 comezou aquel virar dalgunhas agrupacións folclóricas cara ás aldeas, buscando as nosas raíces, tradición oral, melodías, cantigas, instrumentos, xeitos de tocar, tradicións, vestiario... por sorte os meus mestres formaron parte dese movemento e eu sempre os acompañei. Por aquel tempo, aínda non había grupos de pandeireteiras por Vigo. Eu aprendín ao carón das mulleres das aldeas o xeito de tanxer os instrumentos (pandeireta, pandeiro, cunchas, lata, leghón, tixola….) os distintos toques, as acentuacións, o xeito de cantar, adornar, de colocar a voz, de tocar para baile, os seus códigos…

 

 

Agora parece estar máis normalizado, pero como era aquela primeira acollida cando tocabades na porta da xente?

Leni: Era toda unha aventura. Ás veces xuntábase moita xente a bailar, cantar, tocar; mesmo achegaban algunhas pezas do traxe que gardaban en arcóns nas súas casas e contábannos como era nalgún tempo a vida nas súas aldeas: os seráns, as foliadas, os fiadeiros, o nadal, as vodas, os traballos comunais no campo, o proceso do liño, da lá… Como aprendían unhas das outras cun prato ou coa tapa dunha ola, ou como armaban un pandeiro co pelexo dunha cabra. Pero outras veces non había tanta sorte e viñamos sen nada. O rigor dos loitos ou o “que dirá a veciñanza”, ás veces mesmo xs fillxs ou os maridos sentían vergoña de que a muller ou a nai cantase e pensaban que iamos rirnos delas.

 

Investigadores como Alan Lomax ou Dorothé Schubarth deixaron un legado fundamental para a nosa memoria musical. Ti mesma reuniches un valioso arquivo persoal e adoitas acreditar a procedencia das pezas que interpretas. Onde situarías a responsabilidade de quen custodia estes materiais, tanto á hora de compartilos como de recoñecer as voces que os fixeron posibles?

Leni: Por suposto! É de ben nacida ser agradecida!! Todo o que sei aprendino dunha tradición oral que eu considero viva. Elas aprenderon das súas avoas, nais, veciñas... e eu delas. As súas cancións seguen vivas, sempre as nomeo e agradezo enormemente todo o que me ensinaron.

 

Arturo e Paulo, coñecéstesvos en 2021 e, a principios do ano seguinte, naceu SeKadra, un dúo no que conviven influencias do jazz, da música tradicional galega e brasileira, do flamenco e da electrónica. Como reunistes todas estas referencias nunha mesma proposta e como foi evolucionando o voso son desde aqueles primeiros pasos?

Arturo: Eu xa coñecía a Paulo polo “Son Brasilego” de Sérgio Tannus e pola súa presenza dentro do panorama musical galego. Foi nunha quedada con Sérgio para tocar chorinho a primeira vez que tocamos xuntos. O feito de que Paulo se mudase a Vigo facilitou moito quedar simplemente para tocar. Foi un proceso moi orgánico: comezamos a probar cousas e a traballar con retallos dalgunhas ideas que eu xa tiña compostas para sacalas adiante.

Paulo: A min xa me roldaba a idea de montar algo a dúo cun teclista, inspirado por grupos como os coruñeses Two Faces. A partir de aí, o repertorio empezou a crecer e o estilo de SeKadra é o resultado de ir pulindo e filtrando os nosos gustos persoais, que xa de por si son similares e moi complementarios.

 


 

Paulo, naciches en Salvador de Bahía, onde te formaches en percusión clásica antes de ampliar estudos de jazz en Alemaña. A túa carreira acabou traéndote ata Galicia, onde colaboraches con numerosos artistas (Dulce Pontes, Uxía, Antonio Zambujo, Narf, Alceu Valença ou Abe Rábade, entre outros) e desenvolviches proxectos propios. De que maneira dialogan todas esas experiencias e tradicións musicais na túa forma de entender a percusión?

Paulo: Veño dun país onde diveros estilos musicais e a fusión forman parte do ADN musical brasileiro. Eu fun criado neste ambiente e non podo concibir a miña identidade doutra maneira. Pero, sen dúbida, a miña premisa é sempre a de estudar cada estilo ao máximo que poida e buscar que haxa un equilibrio e un diálogo verdadeiro que permita que o meu instrumento poida interactuar cos outros dunha forma sólida e, á vez, libre.

 

Arturo, estudaches na Manhattan School of Music de Nova York e participaches en proxectos como Alén do Son, xunto a José Stewart, ou o dúo con Marta Bravo, nos que xa explorabas diferentes linguaxes musicais. Que experiencias marcaron a túa formación? E a túa identidade musical?

Arturo: Claramente unha das experiencias que máis me marcou foi saír do ámbito da música clásica e empezar a explorar outras linguaxes musicais. Tanto a etapa en Nova York como os proxectos nos que fun participando despois, traballando con músicos e disciplinas moi diferentes, axudáronme a ampliar os meus horizontes musicais e a descubrir outras formas de entender e vivir a música. Foron especialmente enriquecedores os proxectos con Roxane Butterfly e Nikolai Kemeny, que me permitiron explorar a relación entre a música e o tap desde unha perspectiva diferente.

Á volta de Nova York tamén tiven que traballar bastante coas miñas inseguridades e co síndrome do impostor. Creo que, dalgunha maneira, todo iso forma parte de atopar o teu sitio e ir construíndo unha identidade propia. No meu caso, esa identidade pasa por moverme entre estilos e por non sentir que teño que escoller un único camiño. Cada experiencia vai achegando novas cores, e todas elas conflúen no músico que son hoxe. Pero é algo que segue en evolución, xa que sempre hai cousas novas que descubrir.

 

Antes de traballar con Leni, SeKadra xa explorara a reinterpretación do repertorio tradicional en pezas como “Muiñeira de Freixido”, unha melodía moi recoñecible á que destes unha sonoridade propia. Cando partides dunha música que forma parte da memoria colectiva, onde atopades o equilibrio entre respectar o orixinal e achegar unha lectura persoal?

Arturo: Moitas veces o proceso creativo lévate simplemente a reflectir o que estás a escoitar no momento e a amálgama resultante é sempre moi interesante. Sempre tivemos unha relación forte coas músicas de raíz e gústanos beber da fonte. Temos interese pola música brasileira, a galega, o flamenco, a música balcánica...

Paulo: No Brasil, por exemplo, a fusión é algo que está moi naturalizado. Trátase de vestir a tradición dun xeito contemporáneo e de modernidade.

 

 

 

 

Da unión de Leni Pérez e SeKadra e das vosas respectivas experiencias musicais naceu Xa non ten ferriñas, o voso primeiro traballo discográfico conxunto, publicado en febreiro deste 2026. Para a súa elaboración recorrestes, entre outros materiais, ás recollidas que Leni foi realizando ao longo dos anos. Como abordastes a selección do repertorio?

Paulo: Buscamos que o repertorio tivese a maior variedade rítmica posible, combinando xotas, muiñeiras, pasodobres e outros ritmos. Para a selección, foi moi valioso partir do traballo que Leni leva desenvolvendo nas súas aulas e das recollidas que foi facendo ao longo dos anos. Así, recuperamos pezas que ela xa coñecía ben e coas que tiñamos unha boa base para comezar a traballar, como a "Aña", o "Tremelique" ou as pezas de Liñares. A partir de aí, fomos construíndo un repertorio que nos permitise explorar a nosa maneira de entender esta música desde a linguaxe de SeKadra.

 

Unha vez escollidas as cancións, chega o momento de darlles unha nova forma. Como traballades os arranxos e de que maneira se integran as achegas de cada un ata chegar á versión definitiva?

Arturo: O proceso conformouse de xeito moi natural. Consiste en non saírse da parte rítmica orixinal, entendela e interiorizala, e simultaneamente trabállase a linguaxe harmónica do mesmo xeito que o facemos con SeKadra. O segundo paso sería traballar a forma do tema completo. Ás veces, traballamos con Sekadra paralelamente o arranxo musical e logo cadrámolo xunto con Leni. Tamén é importante saber cando parar e non forzar as cousas. Houbo temas aos que lles demos moitas voltas, como “Chinguilingrilo”, e outros, como a “Xiranda”, que non acababan de callar e decidimos quitalo. Noutros casos, como na “Aña” e o “Tremelique”, decidimos non afastarnos demasiado do patrón orixinal para que a xente das escolas de Leni se puidese sumar a cantar nos directos.

 


 

En maio de 2025 publicastes un vídeo do voso primeiro ensaio como Leni Pérez e SeKadra, interpretando “Rois”, unha peza tradicional. Ao recuperar agora aquela gravación, que diferenzas atopades entre a maneira de tocar daqueles primeiros encontros e o son que finalmente desenvolvestes en Xa non ten ferriñas?

Leni: Curiosamente no proceso de creación do disco, “Rois” experimentou unha progresión que se afastaba tanto do son orixinal dese primeiro vídeo, que tivemos que voltar a esa sonoridade do comezo pola súa forza e frescura. Ese tema foi o que nos impulsou a seguir colaborando e serviu como un dos puntos de partida, xunto con “Dubra”, que non está no disco mais si nos directos. Decidimos non incluílos xa que estaban rexistrados nun traballo anterior de Leni co acordeonista Roberto Comesaña, e queriamos priorizar arranxos propios que fosen novidosos.

 

 

Na música tradicional galega, a pandeireta ten unha linguaxe rítmica propia, estreitamente vinculada ao canto e ao baile. Paulo, cando incorporas a batería a ese universo sonoro, que che interesa explorar na relación entre ambos os instrumentos?

Paulo: Primeiramente, busco aprender o que fai a pandeireta e sentir a súa pulsación. Paralelamente, busco a achega de Leni, que ten un coñecemento máis profundo da tradición e, a partir de aí, vou buscando un denominador común para que os dous instrumentos se complementen e brillen de xeito simultáneo coa maior naturalidade posible. Aínda que a base rítmica sexa maioritariamente tradicional, sempre que haxa espazo agrego elementos doutros estilos musicais que teño interiorizados.

 

“Avivado” foi a peza escollida como primeiro adianto de Xa non ten ferriñas. Por que decidistes presentar o proxecto con esta canción? Representa xustamente o son que queriades conseguir?

Arturo: “Avivado” é unha muiñeira, un ritmo moi representativo da tradición galega. Presentámola porque consideramos que é a peza que mellor mostra os diferentes camiños polos que transitamos. Mantén a esencia da muiñeira, pero xoga con outras cores. A súa sección central incorpora un achegamento ao hip hop, cunha pasaxe quasi rapeada e texturas rítmicas de “xota-shuffle”. Ademais, é un dos tres temas do proxecto nos que contamos coa participación de Paco Dicenta ao baixo, acadando unha sonoridade de cuarteto que nos gusta especialmente.

 

 

É neste tema onde escoitamos “vós querédelo avivado e eu avivalo non podo. Ide buscar o ghaiteiro que vos toque ao voso modo”. Estes versos desprenden carácter, retranca e certa rebeldía. Que vos interesa desta maneira tan directa de expresarse que atopamos no cancioneiro tradicional?

Leni: A tradición oral está viva e segue creando. Nunca deixou de existir. Gústame estar na tradición, pero no ano 2026, co que agora me move e me interesa. Esta copla da tradición oral é un chisco coma un “tweet”: en poucas palabras quere dicir moitas cousas. Metela ao final con ese aire rapeado parécenos unha maneira de achegar e unificar o rural e o urbano.

 

En “Nai” atopamos uns versos especialmente duros: «Traballo como unha besta, como unha besta escrava». Máis alá do seu valor musical, estas letras tamén nos permiten achegarnos ás experiencias e ás voces doutras épocas. Que importancia ten para vós recuperar tamén esa dimensión máis humana e social da tradición oral?

Arturo: A melodía é tradicional, pero a letra tradicional non nos interesa cantala agora porque representa unha realidade que neste momento non queremos visibilizar. Queremos mostrar a tradición viva desde unha perspectiva feminista, antirracista e antifascista, deixando atrás os elementos que xa non compartimos.

Leni: Cando escribín esta letra pensaba na miña nai e en moitas mulleres da súa xeración, de oitenta e tantos anos, que tiveron que vivir momentos moi duros traballando para os demais desde pequenas, levando o peso das súas casas, e logo baixo o xugo dos maridos nunha sociedade extremadamente difícil.

 

 

«Hei de cantar, hei de rir-e, hei de ser muller alegre, hei de mandar a tristeza para o demo que a leve», cantades en “Xa non ten ferriñas”. Por que escollestes precisamente este tema para dar título ao álbum?

Leni: Estabamos buscando un título dentro das letras e esta frase gustábanos, especialmente pola súa sonoridade e polo seu significado. As ferriñas teñen ese vínculo coa pandeireta, coa festa e coa foliada: son das primeiras pezas que caen das pandeiretas co uso; os ferriños que as agarran vanse desgastando, as ferriñas van saltando e ao final quedan os aros fanados. Como queremos que sexa un proxecto enfocado no baile, a expresión cadrábanos marabillosamente.

 

 

Leni, comentabas en Faro de Vigo que, á hora de escoller as letras tamén decidides prescindir de determinadas coplas que considerades que xa non teñen cabida na actualidade, como algunhas de carácter machista. Onde situades o equilibrio entre respectar o que recibimos e decidir que é o que queremos seguir transmitindo hoxe?

Leni: A nosa tradición oral segue viva en nós e está na nosa man decidir como transmitila ás vindeiras xeracións. As mulleres das que aprendín armaban letras e melodías, escoitaban cancións e adaptábanas ás súas pandeiretas: cancións da radio, cuplés ou cancións que chegaban coa emigración do Brasil e da Arxentina. Elas decidían que cantar e que non cantar, e moitas cousas que non se podían dicir á cara dicíanse cantando. Eu agora tamén decido. Elas sufriron represión polo uso do galego; eu agora decido cantar na miña lingua. É unha responsabilidade co meu país. O que me fai galega é a miña lingua.

 

 

Despois de todo ese traballo de selección e arranxos, chegou o momento de levar as cancións ao estudio, contando tamén coa colaboración de Paco Dicenta no baixo. Como afrontastes a gravación de Xa non ten ferriñas e que retos atopastes á hora de trasladar ao disco unha proposta na que a interacción entre os músicos ocupa un lugar tan importante?

Paulo: Como tiñamos todo o traballo bastante fresco e os arranxos xa estaban preparados, a gravación foi un proceso relativamente áxil. Máis adiante incorporáronse tamén as achegas de Diego, de Bea Besada Estudios, que contribuíron a dar forma ao son final do disco. Un dos principais retos foi atopar o equilibrio entre a complexidade dos arranxos e a espontaneidade da música, sen engadir capas de máis nin perder a esencia das pezas. Ao final, buscabamos que o resultado reflectise a personalidade de cada un, sen perder a naturalidade e a frescura da interpretación en conxunto.

 

Ademais da música, Xa non ten ferriñas conta cunha identidade visual propia. Que buscabades transmitir coa portada e de que maneira se relaciona coa proposta artística do disco?

Leni: Do mesmo xeito que para a escolla do repertorio non tivemos apenas tempo, algo similar pasou co deseño da portada. Urxía ter unha portada para poder subir o disco ás plataformas. Ocorréusenos coller un montón de ferriñas, facerlles unhas fotos e Paco, da Disonante Cultural, encargouse de armar o deseño.

 

En agosto de 2025 xa estabades presentando o voso repertorio en escenarios como o Feito a Man de Santiago, meses antes da publicación do disco. Que papel tiveron aqueles primeiros concertos no desenvolvemento do proxecto? Que vos permitiron descubrir sobre a resposta do público?

Paulo: O proxecto xurdiu porque nos apetecía tocar. Conseguir o concerto no Feito a Man obrigounos a poñer o repertorio en marcha, e a resposta do público confirmou que as enerxías postas no traballo pagaran a pena.

 

 

En xullo de 2026 chegastes á final do Concurso Runas do Festival de Ortigueira, compartindo escenario con JDC e Aérokorda. Nun festival cunha traxectoria tan vinculada á música de raíz, como foi a acollida dunha proposta coma a vosa, que incorpora o jazz e outras linguaxes contemporáneas?

Arturo: Sen dúbida, é un dos festivais de referencia e para nós foi unha alegría chegar á final do Runas e poder formar parte da súa programación. É certo que tocar de primeiros e de día non é o ideal, pero a asistencia e a resposta do público foi marabillosa. De feito, nos días posteriores seguíronnos chegando comentarios e mostras de apoio, e iso fíxonos moita ilusión. Ao final, cando levas unha proposta que mestura a música de raíz con outras linguaxes, sempre é unha alegría ver que conecta coa xente. E foi un gusto compartir a final con JDC e Aérokorda e coñecer de preto as súas propostas.

 

Despois de todo o camiño percorrido con Xa non ten ferriñas, sentides que esta colaboración abriu novas posibilidades musicais que aínda vos quedan por explorar?

Arturo: Abofé que si! Isto é só un primeiro paso. Agora coñecémonos mellor, xa temos unha dinámica de traballo xuntxs e resulta máis doado pensar en novas ideas e explorar outras sonoridades.

 

 

A música de tradición oral galega está hoxe no centro de numerosas propostas que exploran linguaxes tan diferentes como a electrónica, os ritmos urbanos ou o jazz. Nun momento no que tantos músicos volven a mirar cara a este patrimonio para crear algo novo, que pensades que está cambiando na nosa maneira de relacionarnos coa cultura que herdamos?

Leni: Están cambiando moitas cousas. Primeiro, a lingua das letras: hai xente nova nos escenarios compoñendo letras que falan de cuestións contemporáneas e actuais, e iso está chegando a un público novo ao que os grupos tradicionais ou folclóricos non chegaban (ou non o facían con tanta facilidade). Vestir estas melodías con bases electrónicas, batería ou teclado é algo moi saudable.

Paulo: Xa houbo un movemento nos anos 90 e parte dos 2000, con nomes como Mercedes Peón ou Budiño, e hoxe hai ademais un interese enorme por reconectar coas raíces e coa identidade.

Arturo: Hai xente nova que vai a clases de baile para ir ás foliadas, non para entrar nun grupo folclórico nin subir a un escenario, senón para gozar da festa desde abaixo, bailando e tocando coas amizades. En realidade, esa é a esencia de como naceu todo isto nas aldeas: divertirse e pasalo ben, agora pasado polos nosos filtros e gustos.

 

Na actualidade, que artista ou grupo galego nos recomendaríades? Algún favorito que deberiamos coñecer?

Leni: Tona

Paulo: Loiros

Arturo: Maricarme

 

Se abrísemos as vosas contas persoais de Spotify, que escoitariamos? 100 % sinceridade, 0 % vergoña.

Leni: Silvia Pérez Cruz, Gaiteiros de Lisboa, Eliseo Parra, Coetus, Sopa de Pedra…

Paulo: Beatles, Led Zep, Hendrix, Miles Davis, James Brown, Sly & the Family Stone, Ali Farka, Tinariwen…

Arturo: Led Zep, David Bowie, Lianne La Havas, Lizz Wright, Tigran Hamasyan, Tom Waits, Johnny Cash, Silvio Rodríguez, Nahuel Penisi…

izq noticias