MADMARTIN TRÍO: «É MELLOR DEIXAR DE BUSCAR O SON PERFECTO E QUEDAR CUNHA TOMA QUE TRANSMITA ALGO»
Máis de mil concertos por España e Europa dan para moitos quilómetros, cambios de formación e unha boa colección de historias. Desde 2014, Mad Martin Trio, o proxecto liderado polo guitarrista e vocalista compostelán Martín Esturao, mantén viva a súa paixón polo rock and roll clásico, combinando rockabilly, country e blues cunha personalidade propia. Actualmente, Nico Rodríguez á batería e Antón ao contrabaixo completan un trío que fixo dos escenarios o seu hábitat natural, sen perder a esencia musical que o acompaña desde os comezos.
O seu novo LP, Five Years Hot As Hell, publicado por Sleazy Records en 2026, reúne doce cancións gravadas entre 2020 e 2025, entre elas as catro que formaban parte de Black & White, o EP co que celebraron o décimo aniversario. Composicións propias, versións de clásicos e colaboracións con músicos como Nerea Bello, Ramón Figueira ou Ismael Cabaleiro dan forma a un traballo que recolle cinco anos de evolución musical e diferentes etapas da banda.

Foto: Marcos Montiel de Kakum Filmes
Martín, antes de formar MadMartin Trío xa pasaras por bandas como Clan Moriarty, Los Feliz, The Tombstones ou Dr. Gringo. Que te levou a poñer en marcha un proxecto propio centrado no rock and roll máis clásico alá polo 2014?
Martín: A verdade é que despois de disolver Dr. Gringo, que xa era un trío cunha formación similar a Mad Martin trío (batería, contrabaixo e guitarra), e despois de coñecer a Guillermo González, con quen tiven un frechazo musical, poñer en marcha este trío foi unha consecuencia lóxica.
O grupo comezou cunha formación de guitarra, contrabaixo e batería que mantivestes ao longo dos anos. Que vos ofrece este formato á hora de compoñer e tocar que sería máis difícil conseguir cunha banda máis numerosa?
Martín: Coñecedes o dito británico de «Keep it simple, stupid!», KISS? Pois esa é a vantaxe. Cada membro do trío ten claro o seu papel a desempeñar; ademais, a loxística para ir de xira cun trío tamén é máis sinxela, a pesar do contrabaixo! [risos]
En máis dunha década pasaron diferentes músicos por MadMartin Trío e, recentemente, incorporouse Antón ao contrabaixo. Como inflúen estes cambios na identidade sonora dunha banda tan ligada ao directo?
Martín: Cada músico ten o seu propio carácter e personalidade, pero a verdade é que ata agora tiven moita sorte con todos os que pasaron pola banda, porque entenderon desde o primeiro momento a esencia do grupo. Evidentemente, hai matices diferentes, sobre todo no directo. Hai músicos máis viscerais, outros máis técnicos, e iso acaba influíndo na maneira de tocar e de interpretar as cancións. Creo que todos deixaron algo da súa personalidade no grupo, pero sen perder nunca a identidade de Mad Martin.

En 2015 publicastes Time to Go Mad co selo sueco Vintjärn Records, nun momento no que comezabades a abrirvos camiño fóra de Galicia. Que supuxo aquela experiencia para a proxección internacional do grupo?
Martín: Foi moi importante. Que un selo sueco se interesase polo noso traballo e publicase o disco en Escandinavia supuxo unha oportunidade para chegar a outro público, coñecer Escandinavia polas xiras que fixemos e comezar a establecer contactos fóra de aquí. Tamén nos permitiu comprobar que a música que faciamos podía funcionar perfectamente noutros países, onde existe unha escena de rock and roll e rockabilly moi consolidada. Foi un paso importante para empezar a mirar máis alá das nosas fronteiras.
Naquel traballo aparecen cancións como «Caroline» e «No Place Too Far», con música e letra asinadas por Diego Sampedro. Que papel xogou Diego naquela etapa da banda e como se integraron as súas composicións no son de MadMartin Trío?
Martín: Diego ten unha participación importante na historia do grupo, achegando composicións que encaixaban moi ben coa personalidade do grupo. Sempre me gustou traballar con cancións doutras persoas cando sinto que teñen algo especial e que podemos facelas nosas. Ao final, cando unha canción pasa polo filtro do trío, acaba adquirindo a súa propia personalidade, independentemente de quen a compuxese. Ademais, tiven a sorte de producir e mesturar nos Estudios Bungalow dous discos coa súa banda Los Hermanos Zapruder.
Martín, ademais de músico, tamén traballaches como produtor e técnico de son en Bungalow Studios, onde gravastes Time to Go Mad. Como inflúe esa experiencia nas decisións que tomades dentro do estudio?
Martín: Inflúe bastante, porque coñecer o funcionamento dun estudio desde o outro lado da mesa axúdame a ter moi claro o que quero conseguir. Son bastante partidario de non complicar demasiado as cousas. Gústame que os instrumentos soen como son, que as cancións teñan dinámica e que se conserve a enerxía da interpretación. Ás veces, é mellor deixar de buscar o son perfecto e quedar cunha toma que transmita algo.

Para Tornado (2018) contastes coa produción de Mike Mariconda e apostastes por unha gravación analóxica, á antiga usanza. Que vos achegou aquela experiencia e como influíu na vosa maneira de traballar no estudio?
Martín: Traballar con Mike foi unha experiencia estupenda. É unha persoa que coñece moi ben este tipo de música e que entende perfectamente o que significa gravar unha banda de rock and roll. A idea era conseguir un son cru, directo e con carácter, sen demasiados adornos. Foi unha maneira de traballar moi diferente e aprendemos bastante da experiencia. Ademais, Mike ten unha personalidade musical moi marcada e iso nótase no resultado.

O voso novo LP, Five Years Hot As Hell, publicado este novembro por Sleazy Records, reúne doce cancións gravadas entre 2020 e 2025. Como foi tomando forma o disco ao longo destes cinco anos e en que momento decidistes reunir todo ese material nun mesmo traballo?
Martín: Foi un proceso bastante longo, en parte porque comezamos a gravar en 2020 e fomos rexistrando cancións en diferentes momentos ata 2025. Non foi unha gravación continua nin concibida inicialmente como un disco que fose levar cinco anos de traballo. Fomos acumulando material, algunhas cancións propias, versións e colaboracións, ata que chegou o momento de darlle forma a todo e entendemos que tiñamos un álbum completo.
O resultado son doce cancións que representan bastante ben o que foi Mad Martin durante estes últimos anos. É un disco no que hai moito traballo acumulado, pero tamén bastante espontaneidade.
O álbum recupera as catro composicións de Black & White, o EP editado por Meseta Records co que celebrastes o décimo aniversario da banda. Que vos fixo decidir que aquelas cancións debían formar parte tamén deste novo traballo?
Martín: Black & White foi un traballo moi especial para nós, porque coincidiu co décimo aniversario da banda, e supuxo tamén unha maneira de volver á actividade despois dunha etapa complicada pola pandemia. Tiñamos moito cariño a aquelas cancións e pareceunos que merecían ter continuidade. Ademais, ao formar parte da historia recente do grupo, tiñan todo o sentido dentro dun disco que recolle diferentes momentos destes últimos anos.

Foto: Marcos Montiel de Kakum Filmes
O rockabilly e o rock and roll clásico teñen unha identidade moi marcada e décadas de historia. Como atopades o equilibrio entre respectar esas raíces e desenvolver un son que se recoñeza como propio de MadMartin Trío?
Martín: Non creo que sexa algo que teñamos que pensar demasiado. Escoitamos moita música dos anos 50 e 60. É a nosa principal referencia, e tampouco temos ningún interese en agochalo. Pero cada un ten a súa personalidade, as súas influencias e a súa maneira de tocar. Ao final, cando compoño unha canción non estou pensando en facer unha copia de ninguén. As raíces están aí, pero o resultado é o que sae de nós. Supoño que iso é o que acaba definindo o son do grupo.
En Five Years Hot As Hell conviven seis composicións propias, cinco versións e unha adaptación. Á hora de preparar un disco, como decidides que espazo ocupa a vosa propia música e que cancións doutros artistas merecen formar parte do repertorio?
Martín: Non temos unha fórmula nin unha porcentaxe establecida. Para min unha boa canción é unha boa canción, independentemente de quen a escribise. Cando escollemos unha versión, ten que haber algo nela que nos atraia e que nos permita achegala ao noso terreo.
Tampouco queremos facer versións por facer. Se unha canción non nos di nada, por moito que nos guste o artista orixinal, non ten sentido incluíla. De haber unha razón para incluír estas versións é que son cancións que tocamos dende hai tempo nos nosos directos e algúns fans preguntáronnos se as tiñamos gravadas, como non era o caso decidimos incluílas neste disco.
Evidentemente, tamén nos gusta compoñer o noso propio material, así que intentamos manter un equilibrio entre as dúas cousas.

Foto: Marcos Montiel de Kakum Filmes
Na canción «Black & White» compartiches a composición con Carlos López, de The Lucky Dados. Que ideas achegou cada un e como foi collendo forma a canción entre os dous?
Martín: A canción naceu durante o confinamento de 2020, cando Carlos estaba traballando nunha serie de sinxelos con diferentes colaboracións. Gustoume moito a canción e pedinlle permiso para poder gravala con Mad Martin. Foi unha colaboración moi natural, sen demasiadas voltas, e estou moi contento co resultado. Creo que encaixa perfectamente no repertorio do grupo.
Aínda que o formato de trío é o voso sinal de identidade, no novo disco contades con músicos como Ramón Figueira á harmónica, Ismael Cabaleiro ao violín ou Manu Gallagher aos teclados. Como decidides cando unha canción necesita incorporar outros instrumentos e que posibilidades vos ofrecen á hora de traballar os arranxos?
Martín: O formato de trío é a nosa identidade, pero iso non significa que teñamos que pecharnos a outras posibilidades. Se unha canción pide un instrumento determinado, non lle imos dicir que non por manter unha formación estrita. Neste disco contamos tamén con colaboracións que achegan cores diferentes e enriquecen os arranxos sen quitar protagonismo ao núcleo da banda.
Gústanos que as cousas teñan sentido e que cada instrumento estea aí por unha razón, non por encher espazo.

Foto: Marcos Montiel de Kakum Filmes
«Hot As Hell» abre o LP e tamén inspira o seu título. Que historia hai detrás desta canción e que vos levou a escollela como punto de partida do traballo?
Martín: É unha canción que ten moito carácter e que representa bastante ben o espírito do disco. O título, «Five Years Hot As Hell», tamén xoga coa idea dese tempo que pasou desde as primeiras gravacións ata que finalmente conseguimos reunir todo o material. Parécenos unha boa maneira de presentar o álbum, porque ten esa enerxía e esa actitude que buscamos cando tocamos.
«To Las Vegas» inclúe referencias á película Sin City. Que influencia ten o cinema á hora de construír as historias das vosas cancións e canto espazo deixades á ficción fronte ás experiencias propias?
Martín: Gústame moito o cinema, especialmente o cine negro, as historias de personaxes ao límite e toda esa estética un pouco decadente. Sin City é un bo exemplo diso. Se te fixas, hai máis dunha referencia ao cinema clásico nesa canción, pero prefiro que a encontredes vós, haha. Á hora de escribir, non sempre parto dunha experiencia persoal. Ás veces unha imaxe, unha película, unha historia ou simplemente unha frase poden servir como punto de partida. Non creo que todas as cancións teñan que ser autobiográficas. A ficción tamén é unha ferramenta estupenda para contar historias.
Johnny Cash está moi presente no voso repertorio, con versións de «Get Rhythm» e «Folsom Prison Blues». Mesmo a vosa reinterpretación de «Personal Jesus» segue a liña da que fixo o músico estadounidense. Que ten a súa maneira de entender a música que tanto conecta coa vosa?
Martín: Johnny Cash é unha referencia enorme. Tiña unha personalidade e unha maneira de interpretar que estaban por riba de estilos e etiquetas. Era capaz de coller unha canción e facela completamente súa. Iso é algo que sempre me interesou moito: a interpretación, o carácter e a capacidade de transmitir unha historia con moi poucos elementos.
En canto a Personal Jesus, a nosa referencia foi precisamente a versión de Cash. Gustounos a súa lectura da canción e decidimos levala ao noso terreo, cunha interpretación máis próxima ao rock and roll que facemos habitualmente.
En «Para siempre» contades coa voz de Nerea Bello para adaptar ao castelán «My Love For Evermore», de The Hillbilly Moon Explosion. Martín, xa compartiras con ela o proxecto Lucille & The Midnight Boozers. Por que recuperar esta canción e que papel xogou Nerea na súa reinterpretación?
Martín: É unha canción que sempre me gustou moito e que tiña ganas de facer en castelán. Durante a pandemia, tocámola en streaming Mónica, a miña parella, e máis eu, e tivo unha moi boa acollida do público. Cando saímos da pandemia díxenlle a Mónica de gravala comigo, pero non quixo, e xa coñecía perfectamente a Nerea do proxecto Lucille & The Midnight Boozers, así que tiña claro que a súa voz encaixaría estupendamente. A adaptación conserva a esencia da canción orixinal, pero quixemos darlle unha identidade propia e un final inesperado. Nerea foi fundamental, porque achega esa personalidade vocal que necesitaba o tema. De feito, o propio autor da orixinal, Oliver Baroni de The HillBilly Moon Explosion, púxose en contacto con nós e deunos os parabéns pola adaptación
Máis de mil concertos despois, seguídesvos movendo entre pequenas salas e festivais especializados de diferentes países. Que aprendestes sobre o público do rock and roll ao longo de todos estes anos de estrada?
Martín: Que o rock and roll non entende demasiado de fronteiras. Tocamos en países diferentes, con públicos moi distintos, pero hai algo que se repite: cando a xente conecta coa música, dá igual de onde veña a banda ou que idioma fale. Tamén aprendemos que non hai que dar nada por feito. Cada concerto é diferente e hai que saír ao escenario coa mesma ilusión, tanto se tocas diante de mil persoas nun festival como se o fas nun pequeno club para trinta.

Foto: Marcos Montiel de Kakum Filmes
Nunha entrevista en Diario de Pontevedra lamentabades que as salas de concertos tradicionais estean desaparecendo ou transformándose noutros modelos de negocio. Como afecta esta situación a unha banda como MadMartin Trío e que futuro lle vedes ao circuíto de salas en Galicia?
Martín: É unha situación preocupante, porque as salas pequenas son fundamentais para manter viva a música en directo. Un pouco en broma sempre digo que somos carne de garito. Son lugares onde nacen bandas, onde se crean públicos e onde os músicos poden tocar con regularidade. Se desaparecen, pérdese unha parte moi importante da cultura musical.
Para unha banda como a nosa, que vive bastante do circuíto de salas e dos festivais especializados, cada vez resulta máis complicado atopar espazos onde tocar. Creo que hai que apoiar estes locais e entender que a música en directo necesita algo máis que grandes festivais. Sen salas pequenas non hai escena, ou polo menos non hai unha escena que poida medrar.
Sendo o hábitat natural da banda, como describiriades os vosos directos? Como é MadMartin Trío enriba dos escenarios?
Martín: Intentamos que cada concerto sexa unha descarga de rock and roll. Non somos unha banda de grandes discursos nin de demasiadas historias entre cancións. Preferimos tocar, suar e que a xente o pase ben. O directo é onde realmente nos sentimos cómodos, onde as cancións cobran outra dimensión e onde cada noite pode pasar algo diferente. Se ao rematar o concerto a xente sae cun sorriso e con ganas de máis, misión cumprida.

Foto: Marcos Montiel de Kakum Filmes
En «Para siempre» cantades «y aunque ya no esté, tendrás siempre mi amor». Despois de máis dunha década dedicados a el, que vos deu o rock and roll que sabedes que vos acompañará sempre, mesmo cando xa non esteades sobre un escenario?
Martín: Deunos moitísimo. Amigos, experiencias, viaxes, lugares que probablemente nunca coñeceriamos doutro xeito e, sobre todo, a oportunidade de facer o que nos gusta. Tamén nos deu moitos quilómetros, noites sen durmir e algunha que outra dor de cabeza, haha! Pero non me arrepinto de nada. O rock and roll forma parte da miña vida. É o que somos e creo que seguirá aí mentres poida coller unha guitarra.
Na actualidade, que artista ou grupo galego nos recomendariades? Algún favorito que deberiamos coñecer?
Martín: Esta pregunta é moi comprometida porque coñecemos a moitos compañeiros que propoñen proxectos de calidade e non é doado mollarse. A música en Galicia e no resto do estado goza dunha moi boa saúde en canto a número de bandas e calidade das mesmas. Outra cousa é que a música teña a visibilidade que tivo noutros momentos.
Se abrísemos as vosas contas persoais de Spotify, que escoitariamos? 100 % sinceridade, 0 % vergoña.
Martín: Pois seguramente atopariades bastante rock and roll, rockabilly, neorockabilly, psychobilly, country, blues, soul e moita música dos anos 50 e 60. Pero tamén hai sitio para outras cousas. Non creo demasiado nas etiquetas á hora de escoitar música. Se algo me gusta, escóitoo, sen máis.

