• GALEGO
  • ESPAÑOL
  • ENGLISH
     
  noticias  

COÑECE OS FINALISTAS DA CUARTA EDICIÓN DOS PREMIOS MARTÍN CÓDAX DA MÚSICA. PARTE 2

Coñece os finalistas da cuarta edición dos Premios Martín Códax da Música. Parte 2
14 ABRIL 2017

Xa é venres e, como o prometido é débeda, aquí está a segunda parte cos nomeados a outras cinco categorías dos IV Premios Martín Códax da Música. A primeira parte podes consultala aquí, e hoxe tócalle a quenda ás categorías de Hip-Hop/Músicas Urbanas, Blues/Funk/Soul, Jazz/Músicas Improvisadas, Música Clásica/Contemporánea e Medios de Comunicación.

Un xurado profesional está a votar aos gañadores dos Melómanos, que se darán a coñecer o 3 de maio na gala dos Premios Martín Códax no Pazo da Cultura de Pontevedra.

 

CATEGORÍA HIP-HOP/MÚSICAS URBANAS

Malandrómeda

Este grupo compostelán nace en 2005 cultivando rap en galego. Cunha gran acollida dende entón, deixáronnos ao longo da súa traxectoria 3 EP e 3 LP. Conta con recoñecementos tan importantes como o premio ao Mellor Álbum Nacional do ano 2016 concedido pola revista Rockdelux ademais de seren finalistas da edición deste ano dos Premios MIN da Música Independente. Malandrómeda son pura intensidade e así o demostran coas súas letras cargadas de humor sen prexuízos.

 

 

Wöyza 

Con máis de 10 anos de experiencia na escena do hip-hop soul vigués, esta autora e compositora galego-uruguaia é xa todo un referente neste xénero, non só en Galicia senón tamén a nivel estatal e en países de fala hispana. En 2014 foi premiada nos Martín Códax nesta mesma categoría e, en 2015, nos Maketón de 40 Principais a Mellor Álbum por SI/NO. É unha artista vinculada aos temas que marcan a sociedade actual, especialmente no que se refire á desigualdade de xénero.

 

 

García MC

A súa traxectoria comeza con tan só 13 anos cando xa rapeaba as súas propias letras. Formou parte de grupos como Ghamberros ou 5 Talegos, ademais de ser un dos fundadores do colectivo Dios Ke Te Crew en 2003 e no que segue participando actualmente, así como no proxecto “Foliada Rap and Punk” de Labregos do Tempo dos Sputniks. Agora comezou a súa andaina en solitario creando música que cruza fronteiras chegando a lugares como México, Dinamarca, Guiné–Bissau ou Portugal. García entende o hip hop como ferramenta de transformación social, de empoderamento.

 

 

 

CATEGORÍA BLUES/FUNK/SOUL

Carmen Rey

Cantante, compositora e arranxista vocal dende os 90, comezou no jazz despois duns anos percorrendo os escenarios de Galicia para logo mergullarse no soul e, en 2002, gravar o seu primeiro traballo chamado Fuera. En 2008 publica o seu segundo disco xunto coa súa nova banda, Meu; o seu último álbum ata o de agora, é ... mañá... publicado en 2016. Ademais, Carmen Rey forma parte de dúas formacións tamén nomeadas aos Martín Códax na categoría de Coros/Grupos Vocais: Ejazz e Sisters in the House.

 

 

The Lákazans

Fundada en 2012, a banda está formada por Trilli (batería, percusión), Benja (guitarra, slide guitar, mandolina), Almudena (voz), Sabela (voz), Figui (harmónica), Fran Velo (baixo) e Likal (batería). Aínda que o seu traballo está composto principalmente de versións de artistas que van dende Howlin Wolf a Bob Dylan, tamén teñen algúns temas propios.

 

 

VooDoo

Dúo musical formado por Maritxinha Gómez (baixo) e Belém Tajes (teclado, voz) que se move entre varios estilos musicais coma o acid jazz, o soul, o R&B e o rock. Este proxecto xa foi premiado polo Concello de Santiago de Compostela á Mellor Canción en Galego no Certame Música Xove 2015.

 

 

 

CATEGORÍA JAZZ/MÚSICAS IMPROVISADAS

Miguel Lamas Quartet

A partir de 2009, o batería Miguel Lamas xunto co pianista Iago Mouriño, Octavio Vargas ao baixo e Pablo Añón ao saxo, forman Miguel Lamas Quartet, un proxecto musical no que a improvisación e a calidade son as protagonistas. Levan xa uns meses presentando o seu primeiro traballo discográfico, Melted Lives (2016), un repertorio de 10 temas ao máis puro jazz-fusión con toques de funk, flamenco e rock.

 

 

Alberto Vilas UBUNTU

Ubuntu (2016) baséase no respecto mutuo, a empatía e a colaboración libre, aberta, valente e sincera entre as persoas. A palabra procedente das linguas indíxenas que da nome ao terceiro traballo discográfico de Alberto Vilas Quartet define a este cuarteto composto por Alberto Vilas (pianista), Rosolino Marinello (saxos), Juansy Santomé (contrabaixo) e Javier Barral (batería) con los que colabora Diana Tarín, cantante cubana-africana que nos envolve coa súa voz. Alberto Vilas tamén está nomeado na categoría de Música Clásica/Contemporánea.

 

 

Iago Fernández Brisa

Tocando e desfrutando da música en festivais e clubes de jazz da Península Ibérica e Europa dende os 20 anos e colaborando con grandes músicos despois dunha extensa formación, Iago Fernández lanza o seu primeiro disco, Agromando, en 2011, ao que seguiron Acougo (2015) e Brisa (2016). Neste último, Iago rodeouse de Enrique Oliver (saxo), Wilfried Wilde (guitarra) e Reinier Elizarde “Negrón” (contrabaixo), un cuarteto con moita complicidade no escenario e que xa está arrasando cos seus directos.

 

 

 

CATEGORÍA MÚSICA CLÁSICA/CONTEMPORÁNEA

Robertoliveira

Percusionista especializado no comisionado e na estrea de obras de novos compositores tanto nacionais como internacionais e involucrado na arte visual. Realiza concertos como solista, con ensembles e orquestras, acompañado de directores e compositores recoñecidos, apostando sempre pola creatividade e a innovación e convertindo a música en toda unha experiencia multisensitiva.

 

 

Alberto Vilas Universo Lem

Compositor e pianista, artista versátil que arrisca e aposta por novos xéneros, buscando en todo momento a diversidade na creación dos seus proxectos. Novas sonoridades e improvisacións, elementos fundamentais nas súas pezas que lle axudan a transmitir e comunicar sensacións, rompendo coas formas e as estruturas tradicionais. Todo isto fai del un explorador, un buscador de posibilidades cun motor principal: a creatividade. Alberto Vilas tamén está nomeado na categoría Jazz/Músicas Improvisadas.

 

 

Alejo Amoedo

Pianista ampla traxectoria especializado no repertorio de autores galegos. Ten unha morea de traballos discográficos publicados en solitario ou en colaboración con outros artistas como o clarinetista Asterio Leiva, o trompetista Rubé Simeó ou a mezzosoprano Iria Cuevas.Na actualidade está a presentar o seu último proxecto Evocación (2016) que recolle obras do compositor pontevedrés Reveriano Soutullo (1880-1932).

 

 

 

CATEGORÍA MEDIOS DE COMUNICACIÓN

Onda Vital

Programa de música galega da Radio Galega (emitido sábados e domingos de sete a oito da tarde), presentado por Xiana Arias (Lara Tigre). Este programa promove o descubrimento de novas bandas, convidando todas as semanas a artistas para que amosen ao público os seus proxectos e o seu talento. É celebre a súa sección "Venham mais cinco" na que os convidados fan unha lista coas súas cinco cancións favoritas en galego.

 

Zigzag Diario

Programa da TVG que ten un apartado dedicado ás noticias máis relevantes relacionadas coa actualidade, ademais de afondar cada día nun tema concreto (libros, tendencias, pintura, escultura, arquitectura, interiorismo, moda, música, cine, artes escénicas, teatro, danza, cabaré, entrevistas…), servindo de grande interese para todos aqueles preocupados pola actualidade cultural.

 

GZMúSICA

Webzine dedicado á música galega que ten case cinco anos de vida. A web, que destaca polo seu contido audiovisual, dispón dunha axenda actualizada, información relacionada con grupos e bandas, ademais de crónicas de concertos, festivais, críticas de discos e novidades da actualidade da música galega

  noticias