• GALEGO
  • ESPAÑOL
  • ENGLISH
     
  noticias  

COÑECE OS FINALISTAS DA CUARTA EDICIÓN DOS PREMIOS MARTÍN CÓDAX DA MÚSICA. PARTE 1

Coñece os finalistas da cuarta edición dos Premios Martín Códax da Música. Parte 1
7 ABRIL 2017

Onte á noite  tivo lugar a Festa de Nomeados onde se deron a coñecer os finalistas da IV edición dos Premios Martín Códax da Música, elixidos por votación directa dos socios de Músicos ao Vivo, os que escolleron a tres nomeados en cada categoría. Hoxe, e cada venres ata o 3 de maio, data na que se coñederán os gañadores dos Melómanos, presentarémosvos cinco categorías cos seus respectivos finalistas para que non vos perdades ningún detalle; a quenda de hoxe é para o Premio Honorífico, os finalistas das categorías de Coros e Grupos Vocais, Música Infantil, Orquestras, Grupos e Músicas de Verbena e os do Premio Organistrum Salas.

Agora, en secreto e vía online, un xurado composto por profesionais do sector (1 xornalista, 1 representante de salas, 1 representante da industria musical, 1 representante de formación musical e 3 músicos), será o encargado de seleccionar o proxecto gañador.

 

PREMIO HONORÍFICO

O Melómano máis especial, o Premio Honorífico que outorga a asociación Músicos Ao Vivo recae nesta cuarta edición en Dorothé Schubarth. Hai casi corenta anos que Schubarth pisaba Galicia por vez primeira, corenta anos desde que a musicóloga suiza namorábase da riqueza do folclore da nosa terra. Desde 1971, Schubarth ocupou a cátedra de Harmonía e Contrapunto na Academia de Música de Lucerna onde desenvolveu un labor de investigación da música popular europea, centrada principalmente nas zonas dos Balcáns e o Cáucaso e os cancioneiros de Alemaña e Francia.

O que en 1978 ían ser unhas breves e relaxadas vacacións en Galicia, acabáronse convertendo en cinco anos de viaxes, entrevistas e centos de gravacións; o traballo de investigación máis polo miúdo sobre o patrimonio oral galego ata a data.

Por medio de novos parámetros científicos de clasificación e metodoloxías de traballo innovadoras, Dorothé acadou reunir cantos de 38 zonas xeográficas galegas, analizounos e catalogounos coa axuda do filólogo da Universidade de Santiago de Compostela Antón Santamarina en 7 volúmenes publicados pola Fundación Barrié baixo o título de Cancioneiro Popular Galego (1984-1995), considerado como a biblia da música popular galega. Todo este material publicado ou inédito foi cedido ao Arquivo Sonoro de Galicia para a consulta pública: 5000 letras e 248 CDs.

 

 

CATEGORÍA COROS E GRUPOS VOCAIS

Ejazz

Esta formación fundada en 2012 está composta por catro voces femininas: Ángeles Dorrio, Marga Ramos, Betty Queiro e Carmen Rey, esta última ao fronte como arranxista e directora. Ofrecen unha proposta moi atractiva cantando versións de jazz, soul, bossa-nova ou funk sempre a capella.

 


 

Encaixe

Aínda que comezaron coma quinteto, actualmente a súa formación aumentou. No seu repertorio podemos atopar versións de Led Zepellin, Marful, Eurythmics ou Pharrell Williams. Ademais no ano 2015 gañaron a primeira edición do concurso Oh Happy Day da TVG.

 


 

Sisters In The House

Integrado exclusivamente por mulleres, este proxecto musical fundouse na Coruña no ano 2008 por Carmen Rey e Ángeles Dorrio. Actualmente, confórmano 20 mulleres galegas que versionan cancións de artistas como Stevie Wonder, Michael Jackson, Beyoncé e Ray Charles, entre outros.

 


 

 

CATEGORÍA MÚSICA INFANTIL

María Fumaça - Aire!

Un proxecto musical que celebra a vida, que potencia a diversidade a a inclusión social. Rui é o maquinista protagonista da historia, este guíanos xunto con Uxía, Sérgio Tannus, Magín Blanco, Santiago Cribeiro, Tanxarina e Familia Domínguez Senlle, convertindo esta experiencia en toda unha aventura onde os nenos desfrutarán de divertidas e fermosas cancións. María Fumaça é o tren que estabades a esperar, subide e deixádevos contaxiar da súa maxia.

 


 

A Gramola Gominola

Unha banda de música para nenos, (de 0 a 99 anos), formada por Paula Romero, Rodrigo Muñóz, Paco Cerdeira e Anxelo de Xermar. Un grupo que mestura música con grandes doses de humor e que realiza concertos de carácter didáctico, facendo un repaso da historia da música no que o público pode descubrir distintos estilos e ritmos abarcando dende o punk, o reggae ou o ska ata o pop, o country e o rock.

 

 

Pesdelán

Grupo fundado en 2008 no que músicos, bailadores e mestres de recoñecidas formacións musicais galegas e portuguesas sorprenden cada día ao público coa súa música en vivo, cos seus bailes e xogos. Recuperan o espírito das festas de xeito que todos poidan participar e sentirse integrados, deixando a un lado factores como a idade ou a fortaleza física. Pesdelán propón deixarse levar e desfrutar dos bos momentos brincando todos xuntos.

 

 

 

CATEGORÍA ORQUESTRAS / GRUPOS / MÚSICA DE VERBENA

Áureas en Voga

Nace en 2015 baixo unha historia de ficción ambientada nos anos 20, onde 5 mulleres músicas migrantes se coñecen nun barco e forman un grupo musical internacional. Na realidade son 6 mulleres as que compoñen o grupo, 5 músicas e unha directora escénica (Ailén Kendelman, Cris Márquez, Marina Vigo, Isabel Mouzo, Valentina Alonso e Areta Bolado), que presentan composicións e pezas de autor de fai case un século nas que inclúen ritmos brasileiros, polacos, arxentinos e galegos.

 


 

Orquesta Los Satélites

Fundada en 1938 polos músicos Manuel Otero Mariñas e Jaime Camino, ata chegar aos 14 compoñentes actuais que forman a banda coruñesa. Los Satélites actuaron dentro e fóra do territorio español, converténdose na primeira orquestra que viaxou a América. Ao longo da súa traxectoria recibiu innumerables premios que recoñecen a calidade musical dos seus proxectos.

 

 

Orquesta Poceiro Big Band

Esta orquestra nace da vocación musical do pontevedrés Benito Poceiro en 1943, comezou con 6 compoñentes pero hoxe son xa 15 os membros que a forman e que souberon adaptarse ás novas tendencias que esixe o mercado, mantendo sempre a esencia do seu estilo «a música de baile».

 

 

 

PREMIO ORGANISTRUM SALAS

Sala Garufa Club

Con todo tipo de representacións escénicas e dinamizando a actividade cultural, Garufa Club é o proxecto que da continuidade, despois de 22 anos, ao que foi a Sala Garufa na Cidade Vella da Coruña. Con tres anos de antigüidade, e aínda que cunha actividade interrumpida, alcanza uns 170 eventos ao ano aproximadamente, dos que os coruñeses desfrutan e desfrutarán, esperamos, por moito tempo.

 

Sala Mardi Gras

A sala que nos transporta a un pub ao lado do Mississippi a través da súa estética nace no 1990 en Monte Alto, na provincia da Coruña. Na Sala Mardi Gras traballan día a día para a música en directo, con actuacións de bandas galegas, do resto do Estado e tamén do estranxeiro, sobre todo de Estados Unidos. Un local que segue a convidarnos cada noite a desfrutar da música ao vivo e, como din eles, aínda que sexan 20 os que están alí flipando cuns tipos australianos.

 

A Pousada das Ánimas

A sala de concertos está en marcha dende o 1995 e converteuse nun axente recoñecido culturalmente arredor de toda a comarca do Barbanza. Non só se adica a organizar unha maioría da oferta musical e teatral dirixida ao público adulto boirense, senón que pretenden que o pobo se posicione turisticamente a través da programación musical, idea polo que xa foron recoñecidos. 

  noticias