• GALEGO
  • ESPAÑOL
  • ENGLISH
     
  noticias  

COÑECE OS FINALISTAS DA SEXTA EDICIÓN DOS PREMIOS MARTÍN CÓDAX DA MÚSICA. VOL. I: PREMIOS ORGANISTRUM

COÑECE OS FINALISTAS DA SEXTA EDICIÓN DOS PREMIOS MARTÍN CÓDAX DA MÚSICA. VOL. I: PREMIOS ORGANISTRUM
30 ABRIL 2019

O pasado mércores 24 de abril tivo lugar a Festa dos Nomeados nas Bodegas Martín Códax (Cambados), acto onde se deron a coñecer os finalistas dos VI Premios Martín Códax da Música, elixidos por votación directa dos socios de Músicas Ao Vivo, que seleccionaron a tres nomeados en cada categoría. Desde hoxe e durante os vindeiros cinco días, ata o domingo 5 de maio, publicaremos tres categorías con cadanseus finalistas para que non perdades detalle. Comezamos cos Premios Organistrum, candidatos dos Espazos de Comunicación Musical, Festivais e Salas.

 

Ata ese domingo 5 de maio, en segredo e vía online, un xurado composto por «profesionais da música nos ámbitos da interpretación, a industria, a formación, as salas e a comunicación» será o encargado de seleccionar ao gañador de cada categoría, que coñeceremos durante a gala do 8 de maio no Pazo da Cultura de Pontevedra.

 

 

ESPAZOS DE COMUNICACIÓN MUSICAL

 

Diario Cultural - CRTVG

Programa diario de información cultural con case 30 anos en antena, case tres décadas que o converten nunha das emisións culturais máis veteranas da radiodifusión galega; un espazo de información, análise e creación onde novas expresións e formatos artísticos conflúen nun diálogo coa historia.

 

 

Músicas Galegas Ilustradas

Proxecto gráfico impulsado por Laura Romero, ilustradora e baixista de Zënzar, que xorde co obxectivo de recompilar e profundar en todas aquelas mulleres artistas que compoñen o panorama musical galego actual, coa esperanza de aportar máis visibilidade á muller música. A plataforma tamén serve como canal promocional de eventos, textos, blogs, entrevistas e artículos relacionados coa causa.

 

Lume na Palleira – CRTVG

Dirixido e presentado por Emilio Españadero, Lume na Palleira é un programa de Radio Galega especializado en música folk e tradicional, en antena todos os domingos de 17.00 a 19.00 h. Durante as dúas horas de emisión, Españadero conducirá aos oíntes por música en directo, entrevistas, presentacións de discos e información de concertos e festivais, entre outros.

 

 

 

FESTIVAIS

 

Festival de Pardiñas

O Festival de Pardiñas leva en activo desde que, en 1980, a Asociación Cultural Xermolos, decidira crealo para achegar a música á poboación. Logo do éxito da primeira edición, fóronse incluíndo novidades ano tras ano ata conseguir facerse un oco dentro do panorama festivaleiro estatal. Familiar, participativo e divertido, así se presenta este festival que se celebra o primeiro fin de semana de agosto no Balneario de Pardiñas (Lugo), polo que pasaron artistas tanto nacionais como internacionais.

 

 

 

Nigranjazz

Impulsado polo Concello de Nigrán hai 12 anos, jazz, relax e unha contorna de gran beleza son os compoñentes clave do Nigranjazz, festival no que os asistentes poden desfrutar dun ambiente único no que os músicos de jazz galego que están a xurdir nos últimos anos son os protagonistas principais.

 

 

 

Jazz de Ría

Unha nova cita para os amantes do jazz galego celébrase na ría de Ferrol e Mugardos; con só un par de edicións, Jazz de Ría ofrece múltiples propostas musicais —lembremos que polas súas táboas xa pasaron grandes como Abe Rábade Trío, Eva Fernández ou Simón García Quartet— ademais de obradoiros de improvisación e actividades infantís. En Jazz da Ría, a música comparte protagonismo cos escenarios escollidos para os concertos, que se desenvolven en lugares tan emblemáticos da como como a lancha que une Ferrol e Mugardos, o Cantón de Cora mugardés, a Praza Vella, o Baluarte de San Xoán ou o Castelo de San Felipe.

 

 

 

 

SALAS

 

A Arca da Noe

Rexentada por Noemí Vázquez, A Arca da Noe é unha peculiar taberna situada en Vila de Santos (Ourense). A súa aposta pola música en directo sempre tivo unha gran acollida, tanto por parte dos artistas como do público en xeral, converténdoa nun dos locais de referencia no panorama musical a nivel provincial e, mesmo, estatal.

  •  Rúa do Forno, 13, Vilar de Santos (Ourense), 32650

 

Sala Mardi Gras

Vinte anos no corazón da Coruña, entre a rúa da Torre e o barrio de Monte Alto, a Mardi Gras é a sala que nos transporta a un pub a beiras do Mississippi a través da súa estética, de «espírito canallesco» cal «garito lendario de Nova Orleáns». Na «Mardi» traballan día a día por e para a música en directo, con actuacións de bandas galegas, do resto do Estado e tamén do estranxeiro, sobre todo de Estados Unidos; un local que, noite tras noite, segue a convidarnos a desfrutar da música ao vivo.

  • Travesía de la Torre 8, A Coruña (A Coruña), 15002

 

El Contrabajo Club

Desde 2006, El Contrabajo ofrece a posibilidade de desfrutar dunha velada a ritmo de boa música. As súas actuacións en vivo son o seu referente e, aínda que a súa predilección é o jazz e o blues, o clube non descarta rock, pop, soul ou bossa nova. Hai máis dunha década que abriu as súas portas e, desde aquel verán é, para moitos, unha cita ineludible todos os xoves, venres e sábados.

  • Rúa Venezuela, 82, Vigo (Pontevedra), 36204

 

  noticias