• GALEGO
  • ESPAÑOL
  • ENGLISH
     
  noticias  

AGORAPHOBIA: UN BERRO DE GUERRA QUE SACUDE O ROCK ALTERNATIVO

AGORAPHOBIA: UN BERRO DE GUERRA QUE SACUDE O ROCK ALTERNATIVO
25 NOVEMBRO 2019

Agorafobia [subst.]: «temor morboso aos espazos abertos». Agoraphobia: terceira pista do disco A Crow Left of the Murder (Epic, 2004) de Incubus; banda de Boiro (A Coruña) de rock alternativo que demostra, desde hai uns seis anos, estar bastante afastada de padecer o mal da primeira definición. Susana (voz), Sabela (guitarra), Paula (batería) y Lucía (baixo) son Agoraphobia e Unaligned (dotbeat!, 2019) é a súa última referencia, dispoñible en todas as plataformas dixitais desde o pasado outubro, considerada xa como «honesta e brutal» pola crítica; repasamos xunto a Sabela Sampedro a súa traxectoria!

 

O xerme de Agoraphobia orixínase entre corredores de instituto, alá por 2006, en formato dúo, bebendo do punk rock de bandas como Blink 182, ou do rock alternativo de Incubus, e cantando en castelán! Como non podía ser doutro xeito, este foi o xénero que impulsou a Sabela a apuntarse «a clases de guitarra antes de mercar unha, para probar [...] gustoume moito, polo que enseguida comecei a tocar as cancións que me gustaban». Daquela, era unha adolescente de 15-16 anos, pero o seu primeiro contacto coa música (rock!) foi anos antes, sendo aínda unha nena; lembra «estar cos meus imáns arredor da radio escoitando un casete de Heredeiros da Crus do meu irmán maior. Lembro non poder parar de rir escoitando ‘Puta Cabuxa’, éramos moi novas e o feito de que usaran esa linguaxe gustábanos moitísimo».

 

Establécense «oficialmente» como quinteto o 8 de marzo de 2013, momento no que traspasan esas influencias musicais iniciais alén das fronteiras do rock e comezan, aos poucos, a forxar un son propio, que foi evolucionando canda elas: «fomos descubrindo novos grupos, prestando atención a novos xéneros, escoitando distintas etapas da música... En realidade, son moitos os factores que inflúen no noso son [...] tamén cambiou a intencionalidade coa que facemos a música e o fondo sempre repercute na forma das cousas; cambiou o punto de vista co que compoñemos e eso repercute directamente na estética do son».

 

Ese mesmo ano, Agoraphobia gaña o primeiro Vodafone Yu Music Talent 2013 plataforma que, a día de hoxe, define á banda como «un dos grupos de rock máis prometedores da actualidade»— e, como parte do premio, gravan o seu primeiro EP, Dirty Little Things (2014), e xiran con artistas como Delorean, Lori Meyers ou Russian Red. Este debut discográfico de letras irónicas, rock efectivo con ecos de punk rock e riffs pesados é a previa ao que estaba por vir... só un ano despois. Ready to Play (2015) vía a luz, un segundo corto composto por cinco temas onde a banda pega un importante salto cualitativo, demostrando evolución e madurez no seu son. Dúas referencias que Agoraphobia decidiu retirar publicamente, segundo confirma Sabela: «son EPs que case parecen doutra banda, son moi distintos ao que facemos agora. Non forman parte do noso setlist actual e tiñamos moitas ganas de retiralos das plataformas dixitais para que non disuadan a atención sobre a música que realmente queremos presentar».

 

 

 

É aquí cando o rock de Agoraphobia comeza escoitarse alén do charco logo de ser seleccionadas para participar no festival SXSW - South by Southwest, evento que concentra cine, medios e música celebrado en Austin (Texas, EE.UU.), en dúas edicións consecutivas (’15-’16)!, a primeira delas xunto aos lucenses Disco Las Palmeras! e a segunda acompañadas da electrónica de Aries. Unha grandísima oportunidade que non só lles deu visibilidade, senón que lles ofreceu a experiencia de xirar noutro país baixo novas regras de xogo, onde o son é a única arma para meterse no peto a un público esixente e descoñecido: «xirar fora é sempre unha experiencia positiva, partindo de que significa viaxar presentando a túa música. No SXSW foi todo moi grande, trátase dun macrofestival no que hay moitos grupos, moitos concertos á vez, moita xente. É unha moi boa experiencia, pero a atención do público é distinta porque todo sucede de xeito vertixinoso».

 

Á súa volta, despois de pisar territorio festivaleiro estatal a esgalla, Agoraphobia encérrase en estudio para traballar no que sería o seu primeiro, e esperadísimo, longo; un álbum que trouxo consigo cambios na formación trala retirada de Aislinn (guitarra), quen participou tanto na composición como na gravación do mesmo. Gravado en Nakra (A Coruña) e producido por Iago Lorenzo, Incoming Noise (dotbeat!, 2017) recolle dez pistas que berran unha historia de fundamentos vitais, de desasosego, angustia, perda... amor e determinación. O LP pon sobre a mesa unha declaración de intencións por parte do cuarteto galego, que bebeu de melodías máis sólidas e escuras seguindo a Placebo ou Queens of the Stone Age, para acadar un son definido, homoxéneo e aínda máis atractivo, próximo ao que escoitamos actualmente: «traballar cun productor e un enxeñeiro de son tamén son clave para elaborar un son característico; [facelo] con Iago Lorenzo foi unha axuda moi grande para [...] chegar a un son que imaxinabamos, pero que non terminabamos de conseguir».

 

 

 

Sobre unha base de rock alternativo explosiva, que non-chega-a-stoner-pero-case, guitarras contundentes e poderosas, composicións distorcidas e unha voz esgazada que canta a unha xeración que aínda ten moito por dicir, Incoming Noise marca unha liña definitoria con temas que plasman todo o ruído que Agoraphobia leva dentro, o único «culpable» desta madurez musical, confesa Sabela: «foi o feito de escribir os temas escoitando ese ruído interior, si; non buscar motivos fóra de nós mesmas para compoñer, cousa que faciamos cos primeiros EPs. Con Incoming Noise acadamos unha aproximación á música máis honesta. Cando [o] compuxemos foi un ano no que nos pasaron moitas cousas no terreo persoal, a todas nós, foi un ano de cambios, de vivir momentos convulsos, de pasar situacións de confusión, de soidade e de pérdida. O disco fala de todo iso e por esa razón resulta tan escuro. Supoño que a madurez musical ven dada por ese plantexamente máis honesto».

 

 

 

O novo de Agoraphobia, Unaligned (dotbeat!, 2019), presenta dez cortes orixinais producidos, gravados e mesturados por Iago Lorenzo entre Planta Sónica (Vigo) y Nakra (A Coruña), con masterización de Robin Schmidt en 24-96 Mastering (Alemaña). Temas uniformes, cargados desa enerxía carismática que caracteriza á banda, a través dun son sucio e rachado, de textura firme e potentes riffs que nos transportan aos alternativos anos 90: «compuxemos moito a través de jams, houbo moito local de ensaio no proceso de composición, de crear e destruír temas ata dar co punto. Ademais, neste disco tamén participou Iago Lorenzo desde moi cedo, xa que nos acompaña nos directos, moitos dos motivos dos temas van xurdindo de xeito natural nestas jams entre os cinco. [...] O proceso de prepodución estivo moi preto do proceso de composición e chegamos ao estudio cos temas máis pechados. Aínda así, algúns temas cambiaron durante a gravación, sempre está ben experimentar ata o final do proceso e vivir este factor sorpresa do estudio».

 

 

 

O longo é un «berro de guerra aos medos e limitacións autoimpostas», unha crítica aos costumes máis arraigados e o enfrontamento persoal ante unha contorna mecanizada e alienada da que é case imposible fuxir: «se cadra neste disco estamos máis enfadadas [que no anterior]. Seguimos compoñendo mirando cara adentro, pero tamén cara a fóra. Contamos desde o noso punto de vista, pero falamos do que nos rodea, deste tempo e desta realidade, a que nós percibimos. E eso é o que nos leva a berrar. Sobrevivir nuns tempos como os de agora». As primeiras datas da xira presentación de Unaligned leváronas ata Reino Unido «onde xiramos como cabezas de cartel, con outros grupos invitados locais [...] con moi boa acollida e cun público moi agradecido e moi educado na música en directo»; unha xira na que están mergulladas con bolos en Santiago de Compostela, Madrid ou Barcelona, xa que para Agoraphobia «sempre é un luxo xirar tamén aquí».

 

 

 

Desde Boiro, innegable berce de músicos, Sabela afirma que «sen dúbida é un bo momento para a escena galega» e así o reflicte nas súas recomendacións: «a nós gustános Triángulo de Amor Bizarro, tamén de aquí de Boiro, Heredeiros da Crus, BALA, Mascada e Voltaica, entre moitos outros!». E, desde Boiro para o mundo, ao abrir a súa conta de Spotify escoitamos a «Foals, o último de Kanye West, Frank Carter, Northlane e Frank Ocean».

 

  noticias